• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

OS DIRECTOS XACOBEO’21 EN SALAS REACTIVAN A MÚSICA AO VIVO EN GALICIA

 OS DIRECTOS XACOBEO’21 EN SALAS REACTIVAN A MÚSICA AO VIVO EN GALICIA
20 XUÑO 2020

A recuperación da actividade das salas privadas de concertos e dos profesionais galegos da música ao vivo no contexto poscovid-19 é a prioridade do novo programa Directos Xacobeo'21 en Salas, que a Xunta de Galicia pon en marcha xunto á Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico.

 

Directos Xacobeo'21 en Salas desenvolverá entre os meses de xullo e outubro unha programación de ata 160 concertos protagonizada exclusivamente por solistas e grupos galegos de todos os estilos nun máximo de 40 salas das catro provincias, integrantes ou non da devandita asociación, actuacións que serán gravadas e editadas para a súa retransmisión en liña a través de diferentes plataformas audiovisuais.

 

Clubtura encárgase da xestión do circuíto, para o que mantén aberta a convocatoria dirixida aos solistas e grupos de música galegos interesados en participar, quen poderán achegar as súas propostas ata o luns 22 de xuño, ao igual que os servizos para a gravación e edición de concertos. As convocatorias están publicadas na web www.directosxacobeo.com, activada por Clubtura, onde tamén se poden consultar os requisitos de participación e as bases que rexerán o proceso para a selección dos locais, a contratación artística e o desenvolvemento da programación.

 

A convocatoria garante, así mesmo, que Directos Xacobeo'21 en Salas financiará entre tres e catro concertos en cada un dos locais adheridos, de xeito que se prevé a celebración de entre 120 e 160 actuacións musicais no marco deste circuíto. Serán os propios responsables das salas os encargados de configurar os seus respectivos carteis a partir de todos os solistas ou bandas inscritas, tendo en conta ademais que cada proposta artística poderá contar cun máximo de dous concertos programados. 

 

 

ℹ️ Tanto a capacidade como as condicións hixiénico-sanitarias de cada un dos eventos atenderá ao que, en cada momento, ditaminen as autoridades competentes para a celebración de espectáculos públicos.

ETIQUETAS

  noticias