• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

QUANT: «ENTENDEMOS O POP COMO UN TODO E TENTAMOS DAR A NOSA VISIÓN O MÁIS PERSOALMENTE POSIBLE»

QUANT: «ENTENDEMOS O POP COMO UN TODO E TENTAMOS DAR A NOSA VISIÓN O MÁIS PERSOALMENTE POSIBLE»
29 NOVEMBRO 2021

Quant leva máis de dúas décadas na procura da canción perfecta; máis de vinte anos nos que este, agora dúo, ferrolán unido polo seu amor ao pop non deixou de agasallarnos letras frescas, guitarras límpidas e directos cheos de sorrisos. Composta por Óscar Quant (voz, guitarra, sintetizador, theremín) e Alberto Amigo (baixo, sintetizador, coros), a formación vén de publicar un novo traballo discográfico, Basado en hechos reales (Ferror Records, 2021); unha quinta referencia que supón unha «nova volta de torca no seu persoal xeito de entender a música pop».

 

 

 

En 1999, «con vocación amateur e son maqueteiro», nacía Quant. Máis de vinte anos, e varios cambios de formación, despois, hoxe Quant é Óscar (voz, guitarra, sintetizador, theremín) e Alberto Amigo (baixo, sintetizador, coros). Como lembrades eses comezos?

Óscar: «Vinte anos... deume vertixe só con lelo! Foron anos de formación e máis ilusión e ganas que coñecementos, técnica ou pericia instrumental.

Ao principio dos tempos gravabamos maquetas na casa que colgabamos no prehistórico MySpace. Non tiñamos demasiada intención de levar aquelas cancións ao directo, mais un bo día chegounos un convite para ir tocar a un festival en Liverpool, na mesmísima The Cavern, onde comezaron os Beatles. Así que reunímonos e decidimos empezar a ensaiar co obxectivo de tocar en directo nun lugar onde nunca imaxinaramos estar; así empezamos!

Mais eu non sinto que pasaran vinte anos, ou que sexamos agora un grupo veterano. A sensación segue a ser a mesma que daquela; que estamos a empezar, que temos moitas cousas por facer e demostrar e que o mellor aínda está por vir. Sen dúbida».

 

Ao longo destas dúas décadas, Quant contou con numerosas e asiduas colaboracións. Que achegaba, e aínda achega, á banda esta dinámica colaborativa?

Óscar: «Nas primeiras maquetas, antes comentadas, reuníamos a colegas na miña casa cunhas cervexas e instrumentos. Eran noites moi divertidas onde sempre convidabamos a algún compañeiro músico do cal poder aprender a tocar ou cantar. Dese xeito foi como quedaron gravadas colaboracións de moitos amigos que formaban parte da escena musical da cidade».

 

Románticos, apaixonados do pop e na procura da canción perfecta. Na vosa opinión, que ten que ter unha canción para acadar a perfección? E vós, xa a atopastes (creastes, máis ben) ou aínda estades na procura dela?

Óscar: «Gústame moito a definición de Norman BlakeTeenage Fanclub, ao cal teloneamos dúas veces— para unha boa canción pop: un bo ritmo, un gancho melódico, tres partes de harmonía, unha secuencia de acordes que lembra a outra cousa pero non sabes exactamente a que. E súmalle a isto algo que ninguén sabe o que é, pero que é o único que de verdade importa.

Non, nós aínda non podemos dicir que chegásemos a acadar esa “canción pop perfecta”, pero o divertido é esa procura incansable e a viaxe percorrida, aínda sabendo que xamais chegaremos ao destino».

 

 

A vosa música podería ser catalogada baixo a etiqueta de «pop», pero tamén na de «rock», aínda que estas etiquetas son moi amplas. Amplísimas. Como definiríades vós o voso estilo?

Óscar: «Pop, en todas as súas variantes. Fuximos moi conscientemente de toda actitude e pose machito, lugares comúns e convencións roqueiras.

Entendemos o pop como un todo, un concepto global que vén da palabra “popular”, e intentamos dar a nosa visión o máis persoalmente posible. Eu diría que tentamos facer as cancións que gustamos de escoitar dentro do rock and roll. Permitídeme a piada: o “rock” é aburrido, o “roll” divertido».

 

Musicalmente falando, quen diriades que son as vosas influencias?

Óscar: «Ambos somos grandes melómanos, Alberto gusta da vertente pop máis sesenteira, grupos de harmonías vocais e mesmo bandas progresivas e experimentais. Eu sinto máis debilidade polo power pop clásico, punk e new wave dos setenta.

Sempre estamos a falar de cousas novas que imos descubrindo. Por poñer un exemplo, eu flipo cun grupo inglés chamado XTC (do que facemos unha versión en directo); Alberto é fan incondicional de Paul McCartney; e os dous por igual amamos aos Beach Boys».

 

Logo de maquetas (seis!) e recompilatorios varios, non é ata dez anos despois da vosa creación cando debutabades no mercado discográfico con New Adventures in Full Colour (2009), un traballo que se escoitou ata en Michigan! Que vos empurrou, finalmente, a lanzar o longo? Esperabades tal acollida, sobre todo a internacional?

Óscar: «As maquetas gravadas na miña casa editabámolas nós mesmos con cartón, tesoiras e pegamento... (río eu do Do It Yourself). Chegamos a agasallar miles nos concertos, despois temos visto algúns en tendas e webs de segunda man. Ata que nos cansamos de dobrar, pregar e torrar cedés, e decidimos contentar a aqueles que demandaban un cedé. Este mesmo chegaría a lugares inimaxinables que deron froito a moitas anécdotas, como a que contas de Michigan, e algunha outra radio europea e ianqui».

 

 

É no verán dese mesmo 2009 cando Quant anuncia un «stand by por tempo indefinido». Por que tomar esta decisión estando «crista da onda»? Como afectou esta paréntese ao Quant 2.0 que viría despois?

Óscar: «O típico dos grupos: cansazo dalgún membro, ocupacións laborais... nada novo neste tipo de bandas que a súa supervivencia está sempre a pender dun fío. Xente como nós —un proxecto tan romántico sen rédito económico algún— estamos sempre a medio ensaio de disolvernos. Pero iso mesmo permitiunos preparar con máis tempo e tranquilidade o seguinte disco, Handmade, Homemade (2011), que foi editado pola que daquela era a nosa discográfica estatal favorita: Rock Indiana».

 

Canciones menores en clave mayor (Ferror Records, 2018) é o resultado do reto que vos autoimpuxestes de publicar unha canción ao mes, desde xaneiro ata decembro. Como xurde esta idea? Porque soa máis power pop que nunca!

Óscar: «Foi un xeito de retarnos a nós mesmos: compoñer, gravar e editar unha canción ao mes durante todo un ano, formando así un disco a finais de 2018.

Estivo moi pensado e traballado desde o principio, tanto é así que os temas foron secuenciados no CD na orde na que foron compostos. E funcionou! Efectivamente, ten un ton power pop en moitas cancións que nos encanta. Algúns deses meses chegamos de milagre;foi o ano máis atarefado da miña vida: traballo con horarios infernais, estudos, o meu outro proxecto con SkyhookS, a publicación do meu primeiro libro... máis este disco que ao final se rematou con éxito».

 

 

Publicastes o voso anterior traballo, Tales of the Unexpected (Ferror Records, 2020) na primeira fase da desescalada cara á nova normalidade, o 5 de maio de 2020. De que xeito afectou a pandemia ao desenvolvemento deste álbum? Escoitariamos un álbum distinto se non fose pola COVID-19?

Óscar: «Estaba gravado antes de marzo! Foron unha serie de afortunadas casualidades; empecei a ensaiar con distintos músicos de Ferrolterra e en cada ensaio saía unha nova canción. Non entraba nos nosos plans gravar un álbum tan cedo con respecto ao anterior, pero fíxose inevitable que acabásemos rexistrando as novas composicións.

O que si imposibilitou a COVID foi presentalo en directo, sen banda, ademais de dificultar ensaios ou concertos. Era o momento preciso para dar un novo xiro, unha nova era... o que nos leva á seguinte pregunta!».

 

 

En xullo lanzabades un novo traballo discográfico, Basado en hechos reales (Ferror Records, 2021) co que reformulades o grupo e vos aproximades ao castelán. Por que e por que agora?

Óscar: «Co anterior percibimos un certo cansazo por parte do pouco público que temos, a edición dun novo disco de Quant non ía cambiar o mundo ou emocionar a ninguén... por iso decidimos este xiro de temón. Un novo son, nova formación e formato en directo, pasarnos ao castelán na procura dunha maior sinceridade e autenticidade.

Precisabamos tamén asegurarnos de que poderiamos presentar as cancións en concerto nun futuro, e xa foron compostas pensando nese formato: unicamente dúas persoas no escenario defendendo a nosa particular idea do pop».

 

Que tanta verdade ten o título do álbum? É así, son os temas «baseados en feitos reais» literalmente ou agochan tamén algo de ficción?

Óscar: «Tratei de ser o máis sincero posible ata o punto de, quizais, exporme demasiado. Chego a narrar un día concreto da miña vida (“El día de hacer las cosas bien”) ou a describir unha etapa escura (“La gran depresión”), mesmo o título dun deles é xa dabondo explicativo: “Hola, sorpresa, esta es mi vida” (do que, por certo, teremos videoclip!)».

 

 

Porque lemos que é o voso disco máis intimista, no que as letras teñen máis peso... que, ou quen, vos inspirou á hora de compoñer? Como adoita ser este proceso creativo?

Óscar: «En Quant (e noutros proxectos paralelos) xa tiñamos cantado en castelán ou galego, mais nunca nos lanzaramos a compoñer un disco completo.

Penso que a decisión de cantar en inglés foi por imitación dos nosos ídolos anglosaxóns, procurando unha determinada estética. Costoume moito tempo caer na conta de que, en realidade, eses músicos que tanto admiro o que estaban a facer era cantar no seu propio idioma e non nunha lingua “aprendida”. Agora desfruto moito dándolle voltas á cabeza para non caer nos tópicos, clixés cursis ou rimas absurdas do castelán».

 

 

En Basado en hechos reales experimentades con caixas de ritmos e secuenciadores, máis propios dos directos, dándolle aos temas un son cru e auténtico. É así como vedes vós a vosa música, máis enfocada ao directo? Como foi esta evolución?

Óscar: «Desde o comezo, as cancións foron compostas sabendo que só iamos ser dúas persoas no escenario, e que tiñamos que facelo sen desmerecer as gravacións e tentando ser o máis sinceros e auténticos. O uso de caixas de ritmos e bases, ademais de tocar unha chea de instrumentos complementarios, guitarra e baixo, permítenos todo isto.

A organización e loxística do grupo fíxose cómoda e ilusionante e, sobre todo, fai fluír moito máis a creatividade. Agora estamos máis motivados que noutras épocas e desexamos dar moitísimos máis concertos».

 

Todas as cancións que compoñen o longo son de composición propia agás “Mis ángeles van de negro”, orixinal de Carrero Bianco, pertencente ao seu terceiro traballo, Horror! Horror! (2013). Por que escollestes esta peza en concreto?

Óscar: «Encaixa coa temática do disco, que non é conceptual pero si ten un fío condutor que o vertebra; esa canción semellaba ensamblar perfectamente co que queriamos contar. Ademais de ser Carrero Bianco un grupo amigo que nos encanta!».

 

 

Os títulos das vosas cancións son, canto menos, ben curiosos. De onde saen?

Óscar: «Supoño que parten da propia canción. Tratamos de ser orixinais, non caer en tópicos e que os títulos e as letras estean ao servicio da música. Aínda así, tentaremos seguir progresando e aprendendo no uso do español».

 

 

A ilustración da portada é obra túa, Alberto, como tamén o eran algunhas das anteriores. Recoñecemos o retrato de Óscar, as teclas de Ctrl Z como o título da canción... pero que representan os demais elementos?

Óscar: «Son imaxes asociadas a cada unha das cancións. Cada debuxo representa un dos cortes incluídos no álbum; ás veces apelan a eles de xeito directo e outras son asociacións de ideas ou brincadeiras internas.

Alberto leva deseñando os discos de Quant desde hai moitos anos de forma fantástica, pero neste soubo ver claramente que necesitabamos un cambio. Non queriamos abusar das cores nin utilizar o clásico logo do grupo. Necesitabamos un deseño que fose na procura da verdade e a emoción, sen máis, porque así é como soa a nosa música agora».

 

 

Como os dous anteriores, Basado en hechos reales foi publicado baixo o selo galego, e «paisano» voso, Ferror Records, que nace co propósito de dar saída ás propostas musicais e culturais desde a militancia e a autoxestión. Como definiriades a vosa relación?

Óscar: «De amizade e colaboración. É un selo que desde a autoxestión está a editar discos de bandas de toda Galiza e a medrar, ao seu ritmo, de xeito autónomo. Era algo que necesitaba a escena de Ferrol. Oxalá que duren moitos anos máis!».

 

Ao fío, tanto Quant como os outros dous proxectos de Óscar (SkyhookS, Weather Undergorund) participan no último recompilatorio da discográfica, Ferrol Underground 1985-2021 (Ferror Records, 2021), que recolle máis de 40 cortes, algúns deles inéditos. Como describiriades esa escena underground ferrolá?

Óscar: «A nivel creativo, a escena ferrolá non ten nada que envexar á viguesa ou coruñesa. Temos bandas de calidade como para encher os dous cedés que edita Ferror Records e moito máis. Pero ao estar situados na periferia, illados das principais cidades, non temos tanta repercusión nos medios xeralistas. O noso obxectivo é saír a outros lugares e exportar a nosa escena local».

 

Óscar, ademais de músico, descubrimos que es escritor e xogador de baloncesto. Combinaches as túas dúas paixóns no libro Bailando sobre el parqué (Editorial Milenio, 2019), de igual xeito que o fas coa túa basket roll band, SkyhookS. Na túa opinión, como se retroalimentan as dúas disciplinas? Que achega a música ao deporte, e o deporte á música?

Óscar: «A publicación do meu primeiro libro foi unha aventura marabillosa que oxalá teña continuidade. A idea nace de tratar de ensamblar as miñas dúas grandes afeccións: o deporte do baloncesto, que practico desde neno, e a música. Todo isto desembocou no grupo SkyhookS, no que todas as cancións tratan ou están relacionadas co baloncesto, e co que estamos a piques de editar o noso primeiro longo.

E esa foi a chispa inicial do libro, contextualizar aos SkyhookS e tratar de recompilar as conexións entre a música e o deporte, aparentemente dúas disciplinas moi dispares pero que teñen moito máis en común do que a xente cre».

 

Xa por curiosidade, de onde vén o nome do grupo? Quantico (Virxinia, EE.UU.)? Quantum (cuántico)? Ou fai referencia ao termo económico e financeiro quant?

Óscar: «Tal vez sexa pola diseñadora Mary Quant, ao mellor é polo termo físico que mide un paquete de enerxía, quizais polo coche último modelo... ou igual musitóunolo o espírito do dobre de Paul McCartney a noite que nos convidou a cócteis de cores extravagantes e opíparos malvariscos».

 

Sen restricións de capacidade e sen limitación horaria (polo de agora!) a música en directo está a rozar xa a volta á normalidade. Que podemos agardar dun concerto de Quant? Algunha vindeira data que nos poidades revelar?

Óscar: «Estamos pendentes da procura e confirmación de vindeiras datas. Queremos ir a calquera sala de concertos, festival, bar... ou mesmo ao WiZik Center! Levaremos cancións que a nós gustaríanos escoitar do xeito máis honesto e divertido posible».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Óscar: «A min (Óscar) encántame Burgas Beat e espero ansioso o disco do novo proxecto de Carlos Rego. Alberto é fan de Ataque Escampe, encantaríanos tocar con eles».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Óscar: «Un 60% de gloria bendita, ambrosía musical e cantos de anxos e sereas, un 40% de curiosidade e ganas de escoitar cousas novas e orixinais, e no 10% restante un “pero que puta merda é isto?”».

 

 

  noticias