• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

PRINCIPIA: «OS SINTETIZADORES CONVERTÉRONSE EN ALGO MOI IMPORTANTE NA NOSA MÚSICA»

PRINCIPIA: «OS SINTETIZADORES CONVERTÉRONSE EN ALGO MOI IMPORTANTE NA NOSA MÚSICA»
25 SETEMBRO 2023

Diego Malvar e Mandi García acumulan unha longa traxectoria en diferentes bandas; experiencia que, «cando os astros se aliñaron», levounos a conformar Principia, un proxecto musical que reflicte as inquietudes de ambos músicos, expresándoas «coas nosas contradicións e limitacións, pero procurando a nosa voz propia». Atopárona, como ben podía escoitarse no seu debut, Más allá del tiempo (2017), e agora consolídana no seu novo traballo discográfico.

En Héroes que nadie ve (2023), Principia non só reforza as súas letras —moito máis directas que no anterior disco— senón que segue a explorar, aínda máis, sonoridades electrónicas, con sintes gañando espazo e mesmo nalgúns casos, o protagonismo.

 

 

Principia nace en Vigo como un trío liderado por Mandi García xunto a Diego Malvar á guitarra e Dani Soto á batería. Como xurdiu esta proposta musical conxunta agora convertida en dúo?

Diego Malvar: «Mandi e eu coñecémonos de hai anos de tocar na escena local, onde mesmo compartimos escenario con bandas diferentes. Sempre nos sobrevoou a idea de facer un proxecto xuntos, mesmo con algún intento errado incluído, pero finalmente os astros aliñáronse e puidemos arrincar o proxecto».

Mandi García: «Efectivamente, o proxecto nace da visión de Diego e a miña. Dani estivo nun inicio, pero finalmente os nosos camiños separáronse. De todos os xeitos, quixera recalcar que o liderado non existe en Principia; desde os inicios quixemos deixar atrás todo tipo de egos, que son moi comúns neste mundo da música e que para nada van coa nosa filosofía».

 

Mandi, ti fuches vocalista da banda de hard rock The Mirage, despois de pasar por Astarot e Cosmic, e Diego, ti tes un proxecto paralelo enfocado aos sons sintéticos dos oitenta. De que xeito conflúen estas experiencias musicais en Principia?

Mandi: «Todas esas experiencias que citas son reflexo da inquietude como músicos que Diego e máis eu temos; por iso Diego sempre me chamou a atención, porque o sentín un espírito próximo. O camiño tróuxonos ata aquí e esa bagaxe adquirida envorcámola en Principia».

Diego: «Vimos de estilos e gustos musicais moi similares; de feito, as miñas dúas anteriores bandas eran de rock melódico e este ingrediente condimenta nosas composicións. Pero Principia abriume un campo de experimentación cos sintetizadores, que me levou a crear un proxecto á marxe só para dar renda solta á miña paixón polos sintes e o son dos oitenta».

 

Confesades que a filosofía e a ciencia espertan o voso interese. Calquera obra escrita en latín sobre os fundamentos dunha disciplina adoita conter a palabra “principia”: Philosophiae naturalis principia mathematica (Newton), Principia philosophiae (Descartes). Pero de onde vén exactamente o voso nome?

Mandi: «O nome achegouno Diego e gustoume. Dalgún xeito, estamos a escribir os fundamentos de nosa propia forma de ver as cousas. En Principia tratamos de expresarnos coas nosas contradicións e as nosas limitacións, pero buscando a nosa propia voz e a nosa verdade; por iso encontro apropiado o nome».

Diego: «Ocorréuseme o nome porque era un xeito de expresar que xurdía algo novo. A idea fai referencia a ese libro en branco onde nós iamos comezar a escribir, como no seu día fixo Newton ou Descartes—salvando obviamente as distancias».

 

 

Indie, pop, pop rock... deixando as etiquetas a un lado, se tiverades que describir o voso son, como o definiriades?

Mandi: «A nosa música definiríaa como: “música con esperanza para tempos escuros”. Tratamos de achegar ese toque ás nosas cancións».

Diego: «Seguindo o fío de Mandi, non me gusta cualificar a nosa música cun estilo en concreto porque a idea non é pecharse a un estilo, senón máis ben o contrario; abrir todas as portas posibles».

 

«Todo o bo é libre e salvaxe» é un aforismo do escritor e filósofo estadounidense David Henry Thoreau (1817-1862) que citades. É o voso principio fundamental como grupo? En que sentido?

Mandi: «Este pensamento de Thoreau define bastante ben a esencia de Principia. Queriamos partir dunha liberdade absoluta e salvaxe para tentar chegar á beleza, desprendéndonos de todo prexuízo, da pose, o calco e a imitación. Sacar ao ego da ecuación e crear desde ese enfoque».

Diego: «Neste caso, subscribo as palabras de Mandi».

 

E se preguntamos por influencias, quen diriades que ten, ou tivo, un particular efecto no voso xeito de entender a música?

Mandi: «No meu caso, ultimamente estou máis influenciado polos libros e as ideas e respostas que neles atopo; toda esa influencia trato de que enriqueza o proxecto. Isto non é novo, Iggy Pop inspirouse en El idiota (Dostoyevski, 1869) para gravar The Idiot (RCA, 1977).

Diego: «Eu penso que a miña forma de entender a música vén desde pequeno. Na miña casa, e na miña aldea, varios amigos introducíronme esta paixón. Todo o que absorbín nesa época foi de vital importancia».

 

 

 

Más allá del tiempo (2017) era o voso álbum debut, que chegaba logo de ano e medio traballando nel. Cal foi o momento no que decidistes dar o paso e metervos a gravar un disco, con todo o que iso supón?

Mandi: «Foi un proceso natural para nós, é dicir, compoñemos, traballamos niso e logo gravámolo. Esa era a idea, mesmo antes de poñernos a escribir».

Diego: «A nosa idea desde o principio sempre foi plasmar todo o que compoñiamos. De feito, unha das partes que máis desfrutamos é cando estamos inmersos no estudio; aí é onde florecen os pequenos grandes detalles.

Aquí temos que dar grazas ao noso apoio incondicional, Carlos Gil, que leva traballando connosco desde o principio axudándonos a producir os discos».

 

 

Presentabádelo como «cancións para explorar, sentir e soñar»; hai algunha idea central que actúe como fío condutor das dez cancións que compoñen o disco?

Mandi: «Non hai un fío que faga que o disco sexa conceptual, pero si que intentamos que o noso xeito de ser no mundo se deixe entrever en todas as cancións. Outra cousa é que o academos! Pero eu vexo claramente ese fío da nosa actitude e sensibilidade con todo o que a vida nos trae».

Diego: «O fío condutor son as nosas vivencias; ese é o mellor material que podemos utilizar. De feito, para nós é unha vía de escape terapéutica».

 

 

 

En xaneiro deste ano saía Héroes que nadie ve (2023), o voso novo traballo discográfico. Cal é a idea tras el?

Diego: «A idea sempre é chegar ao máximo de xente posible e que escoiten as túas cancións, iso é o que quere toda banda. Pero para nós, o simple feito de poder lanzar un disco propio xa é un premio».

Mandi: «É difícil abrirse paso desde a independencia máis absoluta, pero iso non é impedimento para que sigamos desfrutando do noso camiño. Encantaríanos ter máis repercusión, pero non é o fin. O fin é facer cancións».

 

 

Entre 2021 e 2022 fostes lanzando varios sinxelos adianto pero, curiosamente, hai dous que non escoitamos no álbum, “El alud” e “La espiral”. Que fixo que este par de temas non pasasen á selección final?

Mandi: «A nosa intención nese momento foi sacar singles, e así foi durante un tempo, pero xuntámonos con moito material novo que nos gustaba e decidimos facer un disco, recuperando algúns dos singles anteriores. Que estean fóra do disco non implica que estean fóra dun hipotético repertorio».

Diego: «A idea no seu momento era sacar todo o que fose saíndo sen importar o estilo, non queriamos estar limitados. Pero logo, vimos que o material que ía saíndo daba para facer un novo traballo».

 

“Nuestro momento” é unha homenaxe á eses «momentos» que deixou a pandemia; de que xeito afectou o confinamento o desenvolvemento deste traballo? É dicir, o disco sería diferente de non ter acontecido a pandemia?

Mandi: «Nos textos seguro, porque a pandemia afectounos a todos (e segue a facelo) dun xeito ou outro, pero as restricións non. Diego e máis eu estamos afeitos traballar na distancia; eu vivo en Vigo e el en Madrid».

Diego: «Non necesariamente diferente, pero viámonos na necesidade de sacar unha canción que expresase o noso xeito de ver como a pandemia nos afectou como persoas. Penso que, por mor disto, si que se nos abriron sentimentos cos que demos renda solta a novas cancións».

 

 

Ademais da COVID-19, que, ou quen, inspirou as letras —moito máis directas, de feito— deste disco?

Diego: «Nós tiñamos xa esa intención de facer as letras máis directas —agrádame que o percibiras— non houbo nada nin ninguén que nos inspirase a iso, senón que queriamos dar unha volta de porca ás letras».

Mandi: «As letras están inspiradas en todo o que pasamos no persoal durante este tempo, tanto Diego como eu. Perdas, distanciamentos, procuras, esperanza. Somos dúas almas que se complementan e compartimos o que nos sucede. Inspirámonos mutuamente, vendo como nos enfrontamos ou aceptamos os acontecementos e os retos que a vida nos trae».

 

Ao fío, como foi o seu proceso creativo? Como construístes os temas e lle destes forma a este novo traballo?

Diego: «Logo dunha experiencia persoal difícil encerreime a compoñer no estudio en Madrid para axudar a soportar a situación. Para min, como vos comentaba antes, a música é terapéutica; durante o proceso fixen varias viaxes a Galicia, que é unha gran fonte de inspiración. Xunteime con bastante material e funllo enviando a Mandi para que fose traballando con el, así as cancións foron cobrando forma.

É un disco que ten unha gran carga emocional para min».

Mandi: «Diego tiña moita música escrita e enviouma. Pedinlle a un amigo a súa casa no pobo e encerreime mes e medio para escribir as letras; montei un pequeno local de ensaio no garaxe para cantar as cancións a volume ensaio. Cando colapsaba, ía co can ao bosque ou mergullábame no río e logo, a proseguir. Enviaba cancións e recibía consellos, opinións e ideas de Diego, que complementaban as miñas. Así un día tras outro. Foi enriquecedor».

 

 

En Héroes que nadie ve escoitamos como as guitarras collen peso e están enriquecidas co uso de pedais de efectos. Pero, ao mesmo tempo, os sintes tamén gañan espazo e mesmo nalgúns casos moito protagonismo. Que propiciou este xiro no son de Principia? Vén para quedarse ou é moi cedo para afirmalo?

Diego: «Desde o principio do proxecto, co primeiro disco, xa comezamos a utilizar algún sinte, pero era todo máis comedido.

Como ben dis, neste segundo disco as guitarras teñen máis peso e os sintetizadores xa cobran moito máis protagonismo. Isto foi algo que falamos antes de embarcarnos no segundo traballo, xa que queriamos dar un xiro ao son, facéndoo un pouco máis contundente. Sen dúbida este son vén para quedarse, os sintetizadores convertéronse en algo moi importante na nosa música».

Mandi: «Se están aí e pódoos utilizar, van estar. Penso que os sintetizadores son unha ferramenta incrible e indagar niso é unha vía que utilizamos».

 

Un dos temas non incluídos no disco é “La espiral” corte onde afondabades aínda máis na electrónica, xénero que, como comentabamos, está presente tamén no disco en temas como “Otras puertas se abrirán”, “Una pequeña luz” e “Tiempo muerto” entre outros. Que buscades con esa marcada irrupción da electrónica?

Mandi: «Experimentar con iso. “La espiral” foi unha avanzada nese terreo, por iso non a incluímos no tracklist final do disco, por ser diferente. Pero é un camiño que non está nin moito menos pechado!».

Diego: «É un terreo que nos atrae moito porque abre moitas posibilidades á hora de compoñer e axúdache a saír de patróns xa coñecidos por ti. Sen dúbida é un mundo que volveremos pisar».

 

 

Ultimamente combinar música electrónica con calquera outro estilo semella ser tendencia. Que pensades vós que hai detrás desta fusión tan en alza?

Mandi: «Penso que a electrónica ten unha historia e o único que fixo é evolucionar ata o punto de que, hoxe en día, sexa capaz de mesturarse con calquera estilo e non lle soe estraño á xente».

Diego: «Penso que a música electrónica fusionouse moi ben con todos os estilos e calou na xente. Á fin e ao cabo, véxoo como algo natural».

 

Unha das pistas, “Cuando cantaba para ti”, foi rexistrada tamén nunha sesión acústica en plena natureza, na contorna do río Tea (Pontevedra). Que ten esta peza en especial para prestarse a gravala nunha versión máis, digamos, íntima?

Mandi: «No retiro que vos comentaba antes na casa do meu amigo recibín varias visitas de Diego. Alí traballamos cos temas en eléctrico e acústico. Mentres faciamos “Cuando cantaba para ti” en acústico, para axustar melodías, démonos de conta que estaría ben improvisar un miniescenario, no mesmo lugar onde nacera a letra da canción e gravar o vídeo».

Diego: «Penso que é unha canción que se defende moi ben en acústico. Traballando con ela, decatámonos de que poderiamos lanzar unha versión máis íntima; espíndoa adquire outra esencia».

 

 

Dedicádelles unha canción á cidade que vos viu nacer, “Vigo”. Se tiverades que escoller un sitio da cidade para tocar, cal sería?

Mandi: «Cando canto as cancións e pecho os ollos, visualizo Castrelos cunha banda solvente acompañándonos e unha boa produción. Pero outros días imaxínomas máis íntimas, con banda tamén, pero con cordas; aí vexo o teatro García Barbón. Din que todo o que se soña é posible».

Diego: «Sen ningunha dúbida escollería Castrelos. Ese lugar sempre tivo algo especial para min; sempre que dou un paseo por alí é inevitable que nos visualice encima dese místico escenario».

 

Cando teremos a oportunidade de escoitar estes Héroes que nadie ve ao vivo?

Mandi: «Se non se dan as condicións adecuadas non o podemos facer e, de momento, non se deron. Non queremos saír a directo só polo feito de estar enriba das táboas. Non teño esa necesidade, gustaríame facelo, pero se teñen que dar as condicións».

Diego: «Como di Mandi, se non se dan as condicións non é posible facelo —xa que o respecto que temos polas cancións pídenos darlle unha produción que agora mesmo non é viable— pero traballamos niso para que algún día poida suceder».

 

 

Seis anos —e un milleiro de cousas; lembremos: pandemia— pasaron entre o voso debut e este último disco. Que diferencias, ou similitudes, destacariades entre ambos? Botando a vista atrás, cambiariades algo daquel primeiro traballo?

Mandi: «Entre un e outro, teñen a similitude da intención e a diferenza da evolución polos anos transcorridos. O segundo traballo déixanos camiños abertos para seguir avanzando, como o primeiro abríunolos para chegar ao segundo. Por iso non cambiaría nada».

Diego: «Non cambiaría nada, xa que cada disco ten a súa propia esencia polo ocorrido en cada momento. Sen todas esas situacións, boas e malas, non serían o mesmo. As diferenzas que pode haber entre cada un son a evolución do son, pero as similitudes á hora de crealos son moitas».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Mandi: «Será difícil que eu poida descubrir algunha novidade na escena galega a vós, porque estades ben informados, e informades igual de ben á vosa comunidade. Eu desfruto moito a ISIUS ou a Maryland, pero son bandas cun nome que xa todos coñecedes».

Diego: «Pola miña banda as recomendacións son as mesmas, tanto ISIUS como Maryland son bandas moi do noso gusto e inspiradoras».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

Mandi: «Eu escoito moito vinilo e moito CD. Teño unha extensa colección da que ás veces síntome orgulloso. Cando me poño con Spotify, faime dubidar, pero vou ver agora mesmo o último que escoitei nesta plataforma, que a utilizo como se fose un discman; pois as cancións de Gustav Mahler».

Diego: «Eu móvome bastante entre dous estilos: o rock melódico sueco como Eclipse e H.E.A.T; e o retro synthpop e synthwave como The Midnight ou Dreamkid. Isto é o que teño agora mesmo en Spotify».

 

  noticias