• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NAITINAIN: «ESTAMOS A EXPLORAR NOVAS FORMAS DE FACER MÚSICA»

NAITINAIN: «ESTAMOS A EXPLORAR NOVAS FORMAS DE FACER MÚSICA»
2 OUTUBRO 2023

Colleron o seu ano de nacemento como nome, xa que «é un aspecto que nos representa a todos; somos parte da mesma xeración», e o que comezou, como tantas outras bandas— para pasalo ben (tocando música tradicional!), é agora un grupo emerxente na escena pop rock galega. Álvaro Parra, Óscar Álvarez, Carlos Casal, Unai de Larrinaga e Pedro Montoya son Naitinain, banda compostelá que combina pop rock con tinguiduras punk, pero na que tamén hai ecos da música tradicional coa incorporación da gaita ou a frauta travesa.

Logo da publicación dun EP en dúas partes, Naitinain lanzaba o seu primeiro longo, Pa que lo entiendas (2023), cunha decena de cancións e un concepto renovado; a banda pasada de cantar en inglés a facelo en castelán. Colgaron un cartel de sold out xogando en casa, compartiron a súa música no Festival de la Luz e, agora, están mergullados en conquistar novos retos, explorando novos xeitos de facer música, coqueteando coa electrónica e cantando en galego. E estanse lucindo. A proba? “Zona vella”, o seu último sinxelo.

 

 

Hai catro anos (no tuentinaitin) que «sen ter moita idea de nada» decidistes xuntarvos e... Como xorde Naitinain?

Álvaro Parra: «Naitinain nace dun grupo de amigos que, nun momento dado, se xuntan coa idea de tocar música tradicional, pero coa chegada de Unai (guitarra) viñémonos arriba e comezamos a tocar versións máis afíns á música que consumiamos habitualmente. De aí veu compoñer e ben, ata agora».

Óscar Álvarez: «Si, non foi nada súper premeditado; comezamos para pasalo ben e sacar algo de cartos e seguimos porque o pasamos ben, porque do outro... [risos]».

 

Os cinco sodes do 99, así que supoñemos que «naitinain» vén de aí, pero por que elixir o voso ano de nacemento como nome do grupo? E por que así, escrito como se pronuncia?

Unai de Larrinaga: «Pois Naitinain, efectivamente, vén do noso ano de nacemento e é bastante simple a historia: todos somos do 99 e, ao final, é un aspecto que nos representa a todos; somos parte da mesma xeración, levamos compartindo espazos e amizades moitos anos. É algo que nos conecta, non hai moito máis».

Carlos Casal: «Respecto á pronunciación ou ao xeito de escribilo, pensamos en levalo cara a un punto irónico; escribilo un pouco como o faría calquera persoa que non teña nin idea de inglés, que non é o caso, pero quedaba divertido».

 

Comezastes facendo versións que compartiades en pequenos concertos para o voso círculo máis próximo. Cando vos decatastes de que queriades dar o salto á composición propia? Algún momento en especial?

Álvaro: «A verdade é que foi un paso moi natural. Tiñamos inquietude pola música en xeral, somos persoas creativas e, ao final, tendo a estrutura máis ou menos consolidada foi un movemento natural».

Pedro Montoya: «Xusto, non foi un momento concreto; iamos mesturando as versións, con ideas tolas que xurdían e, ao final, cada vez tirabamos máis polo noso».

Óscar: «Eu recordo como un momento especial aquela primeira vez que pisamos un estudio; foi unha sensación como moi de profesionalidade xa, como de que a cousa ía en serio».

 

 

Rock, pop rock... rock alternativo? Como describiriades vós o son de Naitinain?

Carlos: «Eu diría rock alternativo, de dicir un».

Álvaro: «Si, a ver, non somos moi de etiquetas; temos influencias moi distintas e atopamos algo moi bonito na fusión, de elementos, de sons... Todo o que levamos feito podería caber nese concepto, pero tampouco queremos limitarnos a ser un grupo de rock alternativo ao uso».

Óscar: «Ao final pensamos que o son evoluciona constantemente. Hai unha identidade que pouco a pouco imos consolidando, pero o son pode variar cara a moitos sentidos».

 

Cales diriades que son os vosos referentes? Quen ten, ou tivo, particular impacto no voso xeito de ver a música?

Unai: «Realmente non hai un referente moi claro no noso caso. Evidentemente, a todos encántanos isto, temos os nosos referentes individuais e medramos con esa pequena fantasía de ser artistas, pero no que ao grupo se refire, non hai nada definido».

Pedro: «Si, ao final a nosa perspectiva en relación á música foi formándose coa nosa propia evolución e co crecemento destes anos. É distinto consumila que creala, e nós nisto de facer música non tiñamos moita idea».

 

 

 

Debutastes, discograficamente, en outubro de 2020 cun EP publicado en dúas partes, pero o mesmo día: Falling Pt. 1 e Falling Pt. 2. Por que lanzalo deste xeito, dividido en dous?

Álvaro: «Pois foi unha cuestión de concepto; queriamos representar o proceso dunha caída emocional logo dunha ruptura e dividila nesas dúas fases. A cara con luz, máis enfocada no que exteriorizas, onde aparentas e forzas o estar ben; e a escura, que representa o aspecto máis emocional e interno da situación. Tamén por aí vai o xogo das portadas e tal».

Unai: «Si, gustábanos ese concepto de dúas caras en formato vinilo; pensamos que estaba chulo».

Óscar: «O feito de que fose no mesmo día deuse porque non tiñamos nin idea de como funcionaba a industria e tiñamos moitas ganas de ensinarlle á xente o noso traballo; entón foi todo de golpe, sen ningún tipo de estratexia».

 

 

O traballo non se lanzou exactamente no groso do confinamento, pero si aínda en tempos pandémicos, coma quen di. Afectaron dalgún xeito as circunstancias que estabamos a vivir ao desenvolvemento do álbum? Sen pandemia por medio, escoitariamos outro tipo de temas?

Carlos: «Non creo que houbese outros temas; a idea estaba construída desde comezos de ano, antes de que sucedese todo. Coa pandemia paralizouse e, en canto puidemos, comezamos coa gravación».

Óscar: «A situación afectounos máis no proceso de difusión do EP; non fomos capaces de presentalo ao vivo, non era sinxelo nesa época xuntarnos para ensaiar tampouco... foi bastante duro, pero a xente recibiu bastante ben o traballo».

 

 

 

En marzo chegaba Pa que lo entiendas (2023), o voso primeiro, e agardado, longa duración. Cal é a idea tras el? E como se foi desenvolvendo ata rematar por materializarse nun disco?

Pedro: «A idea que había era facernos entender, a xente pedíanos moito facer música en castelán; conseguir facer chegar a nosa personalidade e expresión como grupo a máis xente dun xeito máis accesible, de aí nace o nome do disco».

Álvaro: «Foi a materialización de case dous anos de traballo. Tomamos a decisión de cambiar o idioma en 2021 e, desde aí, comezamos a traballar. Entre unhas cousas e outras foi máis longo e complicado do que pensabamos, pero saíu moi ben.

Foron moitos meses con moitas ideas, moitas cancións, moi distintas... Ao final intentamos formar un conxunto de temas que representasen todo iso que queriamos mostrar, e servise un pouco como carta de presentación e mostra de madurez e seriedade».

 

 

O rexistro segue a ser o mesmo, pero cambiades de idioma e, do inglés, pasades ao castelán. Por que?

Óscar: «Por iso que contabamos; ao final tiñamos esa idea de querer conectar máis co público, o que xa tiñamos e o novo que chegase, e ao final o inglés era unha barreira».

Álvaro: «Si, e, a ver, para min tamén era máis intuitivo. Nun primeiro momento comecei a escribir en inglés porque me resultaba máis sinxelo de encaixar nunha melodía, pero co tempo tamén atopaba limitacións no léxico. Falo inglés, pero non son unha marabilla tampouco e, ao final, a expresividade que consigo nas miñas linguas —tanto o galego coma o castelán— non podo comparala co feito de escribir en inglés».

 

Álvaro, ti es o encargado das letras; é o desamor (ou a ruptura) o tema central (que non único) deste traballo? Que, ou quen, inspirou as cancións deste disco?

Álvaro: «Si, a ver, é un tema importante. O amor ao final está en todo, non só no amor romántico; nas amizades, na familia, en nós mesmos, nas cousas que facemos... A min é algo que me inspira moito sempre; si que é verdade que son bastante negativo nese aspecto, pero é que veño así de serie. Xuro que intentei facer cancións positivas, eh, pero parécenme moito peores que as outras. Ao final sempre me tira o negativo ou o irónico, pero ben, todo é mellorar e seguir probando supoño.

Respecto á inspiración, non hai unha persoa ou relación que me levase a facer esas cancións, de feito é practicamente todo ficción. Adoito enfocarme nun sentimento concreto ou unha emoción, que si que pode ser máis ou menos real, pero despois xa comezo a construír a partir de aí e móntome as miñas películas na cabeza».

 

 

Ao fío, como creades e traballades os temas?

Carlos: «Temos dúas fórmulas principalmente: ou chega Álvaro cunha melodía ou unha letra, e comezamos a estruturar desde aí; ou partimos dunha progresión de acordes que trae Pedro ou Unai e seguimos co resto».

Óscar: «De todas formas, estamos a explorar (de cara a todo o que vén) con novas dinámicas de creación e composición e está a resultar moi positivo».

 

Abrides o disco con Intro (Pa que lo entiendas)”, tema que comeza cun preludio instrumental bastante tranqui e remata por enlazar, automaticamente, coa seguinte pista, Matacrilato”. Foron compostas xa con esta estrutura na cabeza?

Unai: «Si, o disco en xeral está feito desde unha perspectiva na que fose posible serlle fiel nos directos, e pensamos que facer unha introdución que ligase co seguinte tema ía ser algo interesante.

As cancións naceron xuntas practicamente; foi facer “Mata” e, xogando coa intro e unha idea que tiñamos que encaixaba ben, puxémoslle unha letra para abrir o disco».

Pedro: «De feito, foron das primeiras cancións que rematamos para o disco!».

 

 

Por que esa canción en concreto dá título ao disco?

Óscar: «Máis ben o disco dá nome á canción. O nome do disco foi das primeiras cousas que tivemos claras e sentimos que tiñamos que abrilo deste xeito».

Álvaro: «Si, eu comecei a escribir a intro xa coa idea de encaixar o “Pa que lo entiendas” por algún lado. Estaba todo moi pensado [risos]».

 

Ao longo do disco escoitamos gaita e frauta, instrumentos máis ligados á música tradicional galega. Como xorde a idea de incluílos, noutro contexto, entre baixo, guitarra e batería?

Álvaro: «É unha das bases do grupo. Temos a sorte de contar con Óscar, que é unha pasada cos instrumentos tradicionais, e no momento de comezar o proceso creativo de Naitinain sempre tivemos claro que o feito de unir o tradicional con elementos ou sons actuais ía ser unha premisa fundamental. Ségueo a ser a día de hoxe e seguirá seguro».

Óscar: «Eu levo tocando a gaita desde pequeno e sempre estiven moi conectado coa música de raíz. O grupo nace coa intención de tocala e sempre tivemos moi claro esa idea de levar o mundo do tradicional, que moitas veces é moi pechado, cara a novos focos e conexións musicais; é algo súper valioso».

 

 

Pa que lo entiendas foi presentado nunha Sónar ateigada e co cartel de sold out colgado. Como lembrades este concerto, tendo en conta que xogabades na casa? Esperabades tal acollida?

Pedro: «Foi unha pasada! Levabamos moito tempo con ganas de organizar algo pola nosa conta, na casa. Non esperabamos o sold out; foi incrible ver a toda esa xente aí, por nós, e a sensación na sala foi brutal. Para min o mellor concerto ata agora».

Unai: «Si, a verdade foi brutal. A enerxía no ambiente, o ben que o pasamos nós, o bonito que se vía todo desde arriba, a xente cantando as cancións, bailando, saltando, caras coñecidas e descoñecidas... sen dúbida moi especial».

 

 

 

O pasado maio subistes ao escenario da madrileña sala Wurlitzer para formar parte dunha homenaxe a Eduardo Benavente (Alaska y Los Pegamoides, Parálisis Permanente). Como foi ser parte deste tributo?

Álvaro: «Para min, persoalmente, unha loucura. Polo meu pai sempre fun moi fan da movida madrileña e, en especial, dos escuros. Eduardo Benavente leva moitos anos sendo un referente importantísimo para min, na música, na estética...

E ben, en xeral para o grupo foi unha pasada tamén. A experiencia de ir a Madrid, tocar alí nunha sala como a Wurli a rebordar de xente, compartir escenario con grandes grupos como Axolotes Mexicanos, El Buen Hijo, Nueve Desconocidos; o feito levar a gaita a un escenario madrileño e que a xente flipara e nos dese ese feedback tan positivo...

Eu penso que foi unha experiencia brutal e que ademais tende unha ponte a nivel musical cara alí moi positiva para nós».

Óscar: «Ademais pasámolo xenial, deixounos con ganas de ir por todos lados a tocar».

 

 

 

Estades a presentar Zona Vella”, o voso primeiro single en galego. O de cantar na nosa lingua vai ser algo que escoitemos máis a partir de agora?

Carlos: «Si, ao final Pa que lo entiendas era unha chiscadela a facernos entender en castelán. O galego é un idioma que falamos habitualmente; nas casas, coas nosas amizades, na uni e no traballo. Tanto o castelán como o galego formarán parte da nosa música».

Álvaro: «Si, era o que dicía antes. Ao final, a min para escribir —a día de hoxe— resúltame máis sinxelo conectar cunha mensaxe contada na miña lingua; polas expresións, o xeito de dicir as cousas... Eu falo tanto castelán como galego no meu día a día, polo que seguirá a haber cancións nas dúas linguas».

 

Tamén o son é un pouco diferente: máis electrónico e con detalles de percusión tradicional, pero sen gaita ou frauta. Talvez é un pouco cedo para dicilo, pero é esta unha nova orientación ou, de momento, é algo puntual deste tema?

Óscar: «Si, a ver, están aí; o solo é de gaita, aínda que algo tocada dixitalmente, a percusión baséase nunha pandeireta... e si, o son ten algo de diferente».

Unai: «“Zona Vella” levaba moito tempo feita, pero tiña outro son moi distinto. Este verán, logo de lanzar o disco, comezamos a buscar unha evolución no son; somos un cu inquieto nese sentido e pensamos que “Zona Vella”, que era unha canción que funcionaba moi ben nos directos, podía ter unha nova vida enfocada deste xeito. E está tendo unha recepción brutal!».

Óscar: «Non queremos anticipar nada, pero si, poderiamos considerar Zona Vella” como o nexo de unión entre Pa que lo entiendas e o noso próximo traballo. Todos os elementos tradicionais seguirán moi presentes pero máis integrados na estrutura da canción, non como solos puntuais.

Respecto ao son electrónico, como dixemos antes, estamos a explorar novas formas de facer música, intentando avanzar cara a un son máis innovador e traballado. Así que si, os elementos dixitais estarán máis presentes no futuro, en todos os aspectos».

 

 

Unha curiosidade: por que reutilizar neste tema unha parte da letra de Uno más” (desta volta en galego, claro)?

Óscar: «Pensamos que ninguén se daría conta, somos a nosa máxima fonte de inspiración [risos]».

Pedro: «De feito, creo que estaba feita de antes a parte de “Zona Vella” e traducímola para metela en “Uno más” porque encaixaba ben».

Carlos: «A nós mesmos non nos podemos denunciar por copyright, así que...».

 

O sinxelo vén acompañado dun videoclip de Antonio Sande en forma de soño, que comeza na casa e remata na praza da Quintana... pasando pola Zona Vella compostelá. De onde veu a idea? Como foi a gravación?

Álvaro: «A idea foi de Alba, que é unha amiga que nos bota unha man sempre nese sentido, e despois con Antonio temos moi boa relación tamén. Foi moi rápido, a verdade, bastantes poucos recursos e o resultado foi moi bo.

A canción pedía a gritos un vídeo na zona vella e comezamos a idealo todo; en cuestión dun par de semanas tiñamos todo feito, fixémolo todo entre nós, Antonio e Alba, e a verdade desfrutamos moito no proceso».

 

 

De xaneiro a maio de 2023 fostes parte do programa de emprendemento musical que ofrece a Fundación Paideia Galiza. Como foi a experiencia? Na vosa opinión, que achegan este tipo de iniciativas a artistas e grupos emerxentes?

Pedro: «Foi moi positivo. É algo 100% recomendable para calquera grupo ou artista emerxente. Basicamente enterámonos de como funciona este mundo grazas a eles, eramos uns novatos antes de Paideia. Démonos de conta da cantidade de cousas que faciamos mal na xestión do grupo; desde a distribución, ata a relación cos medios, moitas cousas... Hai un mundo enorme dentro da industria musical e é súper importante estar ben informado».

Unai: «Tamén foi moi bo desde o punto de vista das relacións; coñecemos a moitísma xente, moitos artistas con proxectos chulísimos, persoas dentro da industria coas que contar para pedir consello ou traballar xuntos. Moi recomendable todo».

 

O Festival de la Luz ou o Santiago Music Festival foron algunhas das vosas citas festivaleiras deste verán. A experiencia de tocar en festivais cambia moito coa que se vive nos concertos? Se tiverades que elexir: festi ou concerto en solitario?

Naitinain: «Concerto en sala».

Unai: «Si, a verdade é que tocar nun festival é unha experiencia moi chula, pero a sensación nunha sala é diferente. Nun festi tes que convencer ao público de que se quede a verte, por exemplo, no da Luz deste ano tocounos “competir” con La Plazuela, que son unha pasada, e hai tamén esa presión ou sobreesforzo por convencer. Aínda que tamén ten o punto positivo de chegar a moita xente que non coñecía a túa música.

Pero ben, nas salas convences doutro xeito. O clima é distinto, a xente está pretiño; é como que todo se queda entre esas paredes e de verdade que se sinte».

Carlos: «Si, todos estamos de acordo niso».

 

Como convenceriades a alguén que aínda non desfrutou de Naitinain ao vivo? Que poden esperar dun concerto voso?

Álvaro: «Pois garantimos que o vai pasar ben, somos moi coñeiros; pasámolo moi moi ben no escenario e desvivímonos aí enriba. Eu quedo nos ósos cada vez que rematamos un concerto».

Unai: «Ademais, desde enriba vemos que a xente tamén desfruta moito con nós, todo iso que nós sentimos no escenario contáxiase no público e é unha sensación xenial».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Álvaro: «Temos moitos, hai moito talento en Galicia ultimamente, é unha pasada toda a escena que se está a formar. Eu persoalmente vou recomendar a Dalsi, que son da zona de Pontevedra-Vigo, coñecémolas en Madrid en maio, e son un grupazo con moita personalidade e son xente majísima».

Óscar: «Eu Futuro Alcalde, veña. Tamén é un tipo xenial, coincidimos no de Paideia e a verdade é que ten un proxecto que musicalmente é súper interesante e persoal; moito talento».

Pedro: «Eu vou dicir a Verto que me gustan moito, e así xa menos recoñecible, De Ninghures, que fan música de raíz cunha personalidade brutal e tamén nos levamos moi ben con eles.

Unai: «Eu a Baiuca, que é un tío que nos inspira mogollón».

Carlos: «E eu a Carlangas, que xa é un referente, pero está moi ben o último que fixo».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

Álvaro: «Pois son moi distintas seguro. Eu ultimamente estou moi a tope con Rusowsky, Tristán, Ralphie Choo, Dinamarca, Amore e este tipo de música. Evidentemente o último disco de Sen Senra, que o teño en bucle dende que saíu, e tamén o último de Él Mató A Un Policía Motorizado, que está brutal. Pero que o meu Spoti é un zaragallada de cousas súper distintas, clásicos, cousas novas, de todo».

Óscar: «Eu vou dicir que moito Nerve Agent ultimamente, La Élite tamén, pero si coincido con Álvaro en que hai moita variedade no meu Spotify; escoito de todo».

Pedro: «Eu estou moito no funk estes días, no xorne de Vulfpeck ou Parcels; Robe encántame tamén, Da Punk».

Unai: «Eu son máis de clásicos, gústame moito a música de guitarras; diría Hendrix, por exemplo».

Carlos: «Ultimamente eu escoito moito Ciudad Jara».

Óscar: «Como vedes, cada un da súa nai e do seu pai».

Álvaro: «É algo positivo penso eu, cada un trae do seu e faise un mix interesante».

 

  noticias