BERTA FRANKLIN: «EN “CINCO” GARDARMOS ALGÚNS SINTES E VOLVEMOS ÁS GUITARRAS»

E chegou ela, Berta Franklin, co seu pop delicado e escuro. Desde Lugo, composta por cinco musicazos con bagaxe previa en varias bandas patrias —César (baixo), Marcos (voz, guitarra), Jesús (guitarra), Juan (teclados) e Borja (batería)— Berta Franklin presentábase hai case unha década cunha amálgama de sons que tenta crear unha experiencia sensorial no oínte; un convite a descubrir un son propio e coidado que resulta da fusión de rock, soul, psicodelia o new wave.
Dous anos despois do seu último lanzamento, a banda lucense publica Cinco (2025), unha quinta referencia composta, tamén, por cinco cancións, producida por eles mesmos.
Hai case dez anos que Berta Franklin comeza a compartir a súa música desde Vilalba (Lugo). Como nace o grupo? Porque descubrimos que Jesús e Marcos teñen algo que ver...
Marcos Vigo: «Pois o caso é que coñecémonos por casualidade nunha colaboración que fixen no grupo no que Jesús estaba naquel momento, Postergel. Falamos, conectamos, e vimos que tiñamos una dirección moi parecida nos gustos musicais. Así naceu a idea de forman unha banda».
Para vós os cinco, este non era o voso primeiro rodeo, xa que militabades noutras bandas como Kimuru, Oh! Ayatollah ou Postergel. De que xeito influíu, e confluíu, esta experiencia previa como parte doutras agrupacións ao conformar este novo proxecto?
Juan Castro: «Estar noutras bandas sempre é unha aprendizaxe; chega un punto no que decides que erro non volver a cometer, pero sen dúbida pasar polo “gariteo”, as maquetas os ensaios suorentos... marca.
Musicalmente todo é aprendizaxe, empaparse uns doutros... E aínda coas nosas anteriores bandas, que en parte eran diferentes, coincidiamos no básico: amor pola música de directo, os detalles e non facer algo do que non sentirse orgulloso».
Bertha Lee Franklin era a xerente do motel onde estaba aloxado Sam Cooke —un dos pioneiros da música soul e activista do movemento polos dereitos civís en EE.UU— en decembro de 1964... e a responsable do seu asasinato. Arriscamos moito en pensar que o voso Berta Franklin está relacionado con ela? Por que escoller este nome para designar a banda?
Juan: «Efectivamente ten que ver con ela. Cando decidimos o nome do grupo, houbo unha chuvia de ideas ben interesante. Por unha banda queriamos que se identificase co galego, pois así iamos cantar e tamén co son americana que tanto nos influía».
Marcos: «Aos comezos a idea era facer soul en galego, pero logo nos decatamos que a dirección que tomaban os nosos temas non era exactamente iso. Así pois quixemos facer unha brincadeira co nome e definirnos como a banda que asasinaba o soul sen premeditación. Xustamente como o suceso no Motel a cargo de Bertha Franklin».
Hai uns anos diciades que «tiñamos un piropo, e é que nos dicían que non sabían a que grupo soabamos. E é o que procuramos». Sen mencionar a ninguén, pois, a que soa Berta Franklin?
Juan: «Buf complicado dicir poucas referencias... Soa a todo o que nos gusta, que é ben diverso. Tamén depende do traballo ou época na que estabamos, que é algo do que tamén estamos orgullosos, que foi non repetirnos.
Pero sen dúbida está o pop dos 80 e 90 moi acentuado, a new wave, shoegaze, soul, funky... e por suposto o rock».
Canto ás vosas propias referencias musicais, quen diriades que tivo especial impacto no voso xeito de entender a música?
Juan: «Cada un tería a súa opinión, como grupo sempre falamos de traballos que nos unen e sen dúbida o grupo que máis consenso nos deu sempre foi Radiohead; aquí non hai opinións contrastadas, senón que foron unha biblia musical para todos».
Marcos: «GOD SAVE THOM YORKE».
Berta Franklin (2018) é o voso primeiro disco; un EP que naceu practicamente coa creación da banda e que foi gravado en Abrigueiro Estudios (Friol) con Arturo Vaquero na produción, recoñecido profesional que está detrás dunha morea de traballos galegos (A banda da Loba, De Ninghures, Brais Morán & Nasaufunk, Fábrica de Espejos, Sr.Salvaje...).Como lembrades a experiencia? Que levades dela no peto?
Juan: «O primeiro traballo marcounos moito porque ademais de ser iso, o primeiro, puxo a pedra para buscar o noso camiño. Facelo en directo tamén foi algo que queriamos facer desde o principio pois sempre nos vimos coma un grupo de directo. Tamén a estética que creamos no estudio era unha declaración de intencións pois desde ese traballo sempre quixemos coidar moito o material audiovisual que produciamos.
Traballar con Arturo Vaquero foi moi doado pois tamén é amigo e sabemos que a nosa relación é de ida e volta , quen sabe que volveremos facer xuntos!».
Ademais de tres cancións orixinais, escoitamos a vosa versión de “SleepWalk”, orixinal de Santo & Johnny. Por que revisitar este tema en particular e incluílo como peche do EP?
Juan: «Esa versión foi a elixida para abrir os concertos do primeiro traballo (sempre eliximos unha versión para cada xira). Tamén queriamos facer unha versión que non estivera moi trillada e, esta en particular, parecíanos unha delicatessen que daba gusto tocar e que iso, facía de intro; algo que mantivemos sempre, facer intros nos nosos concertos».
O voso segundo traballo, Somos Incendio (2019), perde a liña de soul americano clásico do voso debut e os seus catro cortes semellan estar «en terra de ninguén». O produtor deste EP foi Hevi (Malandrómeda)... Canto tivo el que ver neste cambio sonoro? Xurdiu durante a gravación ou xa estaba ideado antes de entrar no estudio?
Juan: «Efectivamente, Hevi tivo todo que ver. Chegamos ao seu estudio cos temas sen rematar completamente para que deixara a súa pegada, e así foi. Nesa canción en concreto el foi o participe de que soase así; todo ese traballo ten un son moi especial, deixámonos guiar por el e quedamos moi contentos. Deunos moitas alegrías, pois subimos un chanzo nas nosas producións».
O EP vén envolto nunha portada cunha ilustración que lembra á do Quema Quema Quema de Kanaku y El Tigre. Quen é o seu autor e que significado agocha este colorido deseño?
Marcos: «Pois eu mesmo! Ao igual que na música, encántanme os contrastes, as cousas inesperadas. E esta ilustración, chea de color, case naíf, e ata amable nunha primeira vista, agocha un fondo escuro e perturbador».
Ao fío, como «deseñador gráfico de profesión e ilustrador por devoción», Marcos, como se retroalimentan ambas facetas artísticas?
Marcos: «Desde que recordo, a música foi unha parte esencial da miña vida. Podo dicir o mesmo da arte visual, xa que a miña traxectoria como ilustrador e deseñador gráfico sempre estivo ligada á música, tanto como oínte como como compositor.
Como oínte, quero dicir que non sei, non podo ou non quero traballar sen música. A música me centra e me guía. Cando digo que me guía, é exactamente iso, dáme unha sobredose da emoción que quero transmitir creando unha ilustración ou un deseño».
«Gastámonos máis diñeiros en vídeo que en gravación musical», liamos nunha entrevista sobre os «hipnóticos» videoclips que acompañan algúns temas deste EP. Na vosa opinión, que papel pensades que ten, ou debería ter, a parte gráfica ou visual nun proxecto musical en xeral ou nun disco en particular?
Juan: «Como xa apuntabamos, a imaxe do grupo sempre estivo nun lugar primordial, queríamos acompañar as cancións de vídeos feitos por videógrafos que nos gustaban. No primeiro traballo foi Inma Purriños a que levou o peso da fotografía e os vídeos e logo en “Somos Incendio” demos carta branca a Rubén Domínguez de Prenom; con ese vídeo fomos finalistas no festival de Cans!
Sempre deixamos que os vídeos foran un lenzo en branco para non condicionar. Nós tamén fixemos algún dos vídeos sempre pensando na arte en si».
Terrasanta Night Club (2020) era a seguinte entrega, dous temas que abrían a porta a unha experiencia sensorial e mesmo terrorífica, como ben se aprecia en “Lobishome”. Este sinxelo viña cun vídeo feito con fragmentos da película Teen Wolf (Rod Daniel, 1985). Como xorde esta idea?
Juan: «Para ese tema queriamos facer un vídeo explícito, pero non se deron as condicións. Así que tiramos de imaxinación e pensamos que con esa peli que tanto nos gustaba era ideal. Saíu ben porque YouTube non o tirou para atrás e quedou coma un anel ao dedo.
Para o seguinte tema, “A noite”, o vídeo fíxose nos Estudios Mans facendo un remake dun tema dos Strokes».
No voso anterior traballo, O puto salto mortal (2023), destes o salto —seica literalmente? —, á electrónica, como se pode escoitar en “Eléctricos”. Que propiciou esta incursión (de cabeza) no xénero?
Juan: «Ese tema foi o que propiciou un cambio de rumbo; comezamos a darlle peso aos sintes ata o punto de que, en directo, dous músicos tocabamos sintes en detrimento das guitarras.
Fixemos unha aposta moi convencidos e influenciados polos sons atmosféricos de grupos como Air, por exemplo. Tamén demos un cambio a nivel produción, pois comezamos a tocar con secuencias, o que fixo que apertaramos porque non era doado.
O vídeo tamén foi unha aventura; buscamos parellas descoñecidas de calquera xénero e puxémolas a bicarse ou o que quixeran, espidos e pintados ao máis estilo Bowie.
Dicir que este traballo está gravado en dúas partes; “Eléctricos” gravámolo nós, o cal tamén foi novidade, pero os outros temas do EP gravounos Hevi novamente».
Entre concerto e concerto, sacastes tempo suficiente para preparar Cinco (2025), o voso novo traballo discográfico. Cal é a idea tras el?
Juan: «Unha volta aos comezos, dalgunha maneira; gardamos algúns sintes e volvemos ás guitarras.
Agora queriamos ter un directo máis forte, impactante. Saíron certos temas que pedían a berros distorsións e dixemos, por que non... De feito queriamos ser algo menos sofisticados e resultou que quizais sexa o traballo que ten máis produción».
Cinco recolle cinco temas e, ademais, marca a vosa quinta referencia... sodes cinco... Hai algunha simboloxía agochada baixo o título que se nos estea escapando, seguistes a filosofía de Led Zeppelin...?
Juan: «Pois si, algo así pasou, acertastes de pleno. Ata unha semana antes de sacalo tiña outro nome e, ao final, esa idea de simboloxía co cinco gustounos e así quedou».
Abre o disco, “Domingo de cristal”, canción xunto a Rachel Nim e, polo de agora, a única con videoclip, gravado en EC Estudios (Lugo). Como xorde esta colaboración?
Juan: «Pois nunca fixeramos unha colaboración e nesta canción o tiñamos claro xa antes de gravar. Gustábanos a voz de Rachel e o seu rollo. Chamámola e foi todo rodado; Rachel fixo un traballo espectacular, pois non só cantou de marabilla senón que algúns arranxos son dela. Foi moi fluído e quedamos moi moi contentos».
Neses mesmos estudios lucenses foi gravado o disco pero, desta volta, da produción os encargastes vós mesmos. Logo de traballar con produtores do talle de Arturo Vaquero e Hevi, que vos empurrou agora a tomar as rendas da produción? Como foi a experiencia?
Juan: «En verdade, a idea inicial era ter un produtor e tiñamos algunhas ideas e contactos con produtores de primeiro nivel, pero por culpa de axendas e presupostos non puido ser.
Tomamos a decisión de facelo nós, pois como queriamos que soase o tiñamos claro e xa contabamos con certa experiencia. Non puido ser mellor idea, pois acadamos que soase ao que realmente queriamos. Demos o mellor e curramos moito o son e os arranxos.
Paulo Arciniegas tamén tivo un peso importante pois, ademais de levar os mandos do estudio, soubo escoitarnos e aturarnos nunha gravación que se dilatou varios meses».
Curiosamente, “Só é, unha canción de amor” non o é tanto... como naceu esta peza en concreto?
Juan: «Primeiro saíu a música e despois, para a letra, fixémolo ao revés do que marcan os canons. Neste caso puxemos os bois diante do carro, xa que primeiro titulamos a canción e a partir de aí redactamos a letra».
Ao fío, que, ou quen, inspira as vosas cancións?
Marcos: «Pois non hai unha única musa, é un proceso bastante natural a verdade... Ás veces unha progresión de acordes que nos mola, unha frase potente que funciona guay de retrouso... ou unha intención simplemente, tipo: imos facer un tema con moito carácter pop (por exemplo).
As letras, en cambio, adoitan levar unha liña escura e os temas a tratar adoitan ser pois os típicos vitais... amor, morte, desamor, soidade, ansiedade, esperanza, camiños percorridos e por percorrer... etc.».
Nunha entrevista en RKV Radio contades que é máis fácil escribir cancións tristes que felices. Por que pensades que acontece isto? Por que vedes ese camiño máis doado?
Marcos: «Supoño que a tristura deixa máis mingua dentro dun... [risos].
Ademáis, soltalo ou plasmalo nunha canción, neste caso, funciona tamén como remedio terapéutico».
Sendo cinco na banda, como traballades os temas? Hai reparto de tarefas?
Marcos: «O proceso de construción dos temas é bastante natural tamén, cada quen sabe no sitio que está, pero como digo, dun xeito natural... Todos achegamos ideas, correccións e camiños a seguir en cada tema».
En Cinco escoitamos bases e sintes, pero tamén as guitarras e os sons pegadizos característicos dos vosos inicios... é un paso máis na vosa evolución, seguides a experimentar, tedes algún límite sonoro que non cruzariades...?
Juan: «Límites como tal non hai, á vista está que en cinco traballos non nos repetimos nunca, mesmo dentro deles son bastante eclécticos. As únicas liñas vermellas son o bo gusto, o noso bo gusto; nunca fariamos unha canción que non nos guste aos cinco, de feito, no caixón hai algúns temas, moi bos, penso eu, que quedaron descartados por esa razón».
Juan, es autor do libro Aquí non pasa nada. Historias musicais de Lugo (2023), que recolle a historia da creación musical na cidade de Lugo e arredores. Na actualidade, como ves — vedes— a escena lucense? Védela diferente á doutras cidades galegas?
Juan: «A escena local é moi diversa, bandas de moitos xéneros e perfís aínda que aquelas que defenden os seus propios repertorios, poucas. Hai calidade, hai locais para tocar, pero por algún motivo, quitando algunhas excepcións, son bandas pouco prolíficas, tocan pouco e saen pouco de Lugo.
Isto é algo herdado, pois é algo que pasaba hai lustros... Xa sabemos o difícil que é atopar bolos, pero tamén hai que intentalo. Esa é unha das diferencias que vexo comparando con outras provincias. Tamén dicir que o eixo cultural atlántico sempre meteu no ostracismo a Lugo, e entrar en promotoras e circuítos de festis e salas para os de Lugo é o dobre de difícil, sen dúbida».
Entre o voso primeiro disco e o último pasaron sete anos; botando a vista atrás, cambiariades algo daquel debut homónimo? Que diferencias, ou similitudes, atopades entre ambos?
Juan: «Pois cambiar penso que non o fariamos, todo foi un proceso para chegar ata aquí e estamos moi orgullosos do acadado. Sempre quixemos ser unha banda profesional, na actitude e no traballo, e pensamos que o conseguimos.
Outra cousa é o recoñecemento, que aínda que gusta telo, nunca nos preocupou.
Sinceramente, penso que non hai un só traballo que se pareza a outro; case sempre rompemos co anterior, iso si foi buscado. E se che dá por escoitar a discografía completa en orde pasarás por unha amálgama difícil de prever ao escoitar o primeiro».
Celebrastes hai pouco o voso Spotify Wrapped con moitas escoitas en varios países. Que pensades que foi clave para que a vosa música chegase tan lonxe? Sentides que o público está máis aberto ao que facedes (e á lingua no que o facedes)?
Juan: «Bueno, igual é anecdótico. Isto foi grazas ás plataformas e ao famoso algoritmo, non que nos busquen moito por esas latitudes... Aínda así, mola que poida pasar e ver que son de países tan dispares.
Ao oír o galego débelles parecer exótico, non sei. Nós cantamos en galego sen ter un porque, gustounos e quedou así, non quita que mañá o fagamos noutra lingua, non hai límites».
Cando, e onde, poderemos desfrutar de Cinco ao vivo?
Juan: «Pois, desta volta, quizais haxa que esperar ou non suceda... Estamos nun período vacacional por dicilo así; queimounos un pouco traballar tan duro para conseguir moi poucos bolos, todos moi guays, iso si, porque tocamos en sitios inimaxinables ao comezo, pero cansa ter un repertorio ao día para tocar tan pouco.
Son moitos anos e necesitabamos parar, uns máis que outros, pero todos a unha, como sempre».
Tocastes no San Froilán un par de veces, como bo lucense que se gabe, se fora haber unha terceira... a quen subiriades ao escenario?
Juan: «Bueno, no San Froilán tocamos cinco veces en realidade, e case consecutivas; algo que non foi buscado por nós máis alá da primeira vez. En realidade, sorprendeunos estar en algunha das edicións e sitio. Quizais fomos ben valorados e en iso somos agradecidos. Tocar no San Froilán sempre é un orgullo, é un bo escaparate e nunca diriamos que non, como así foi. Desta volta non o fariamos sen Rachel Nim».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Berta Franklin: «Pois seguramente estaredes máis ao tanto das novidades que nós, pero por exemplo: Aparato, BALA, Best Boy, Triángulo de Amor Bizarro, Santi Araújo, Disco Las Palmeras! e Orquesta Los Satélites».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Juan: «Olafur Arnalds, Nils Frahm, Depeche Mode, Baustelle,Chvrches e Garbage.
Marcos: «Radiohead, The Smile, Sharon Van etten, Angel Olsen, Perfume Genius, Grandaddy, Rosalía, Sen Senra, Nick Cave, Angie McMahon, BALA... e rancheiras».