NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2025

"A ingravidez da néboa", Javier Otero Neira
A finais do ano pasado, Javier Otero Neira estreaba Pálido Punto Azul, a súa primeira ópera, en galego, para todos os públicos. Meses máis tarde escoitabamos ao vivo parte da súa transcrición do ‘Stabat Mater’ de Szymanowski con electrónica para un para un espectáculo da soprano María Hinojosa. Agora, o músico e compositor estradense volve aos escenarios para presentar un novo traballo discográfico, A ingravidez da néboa (2025), dispoñible nas principais plataformas dixitais desde o pasado 27 de xuño. Os catro cortes que recolle o EP son unha volta ás orixes máis clásicas de Otero Neira que, paralelamente, continúa a explorar a música contemporánea e a afondar na electrónica. O concepto poético da ingravidez da néboa evoca imaxes de lixeireza e suspensión; unha idea que o pianista se traslada á música a través de texturas sonoras, capas de son, silencios e sons que constrúen un espazo infinito capaz de envolver o oínte nunha atmosfera flotante de misterio.
"Fémina", Valró
Compositor e músico autodidacta, Valró comezou no mundo da música sendo neno, cun dúo, máis tarde cantou cancións no instituto xunto a outro compañeiro e, xa de adulto, formou varios grupos. Tras unha longa tempada afastado da música, hai un par de anos se lanzou en solitario cun repertorio que combina folk, pop, rock e música instrumental. O cantautor vén de publicar o seu novo traballo discográfico, Fémina (2025), un longo de trece pistas que, en canto a estilo, se distancia dos seus álbumes anteriores, cun son claro, orixinal e sinxelo, próximo ao pop.
"Pélago. Cantos Oníricos", Guadi Galego
Como antesala do verán, Guadi Galego presentaba o seu novo traballo discográfico o pasado venres; un álbum concibido como libro-disco no que se mergulla na inmensidade do mar. Co mar como fío condutor das nove cancións que recolle, Pélago. Contos Oníricos (2025) é un disco cargado de matices e texturas melódicas, de letras que navegan polo amor, a amizade, o desexo ou a transformación vital no que é probablemente o seu traballo máis persoal ata a data. Entre os soños e as lembranzas, Guadi une as súas emocións máis íntimas e as paisaxes da súa infancia ata construír «un disco que me lembrase un lugar concreto, en distintos momentos temporais, e que soase o mar». Xestado na intimidade do seu fogar e puído xunto a Vic Moliner e Pau Brugada en Olivera Estudi (Xirona), Pélago está pensado para escoitar con calma, para observar as ilustracións de María Maquieira que o acompañan, para ler... para desfrutar.
"Na noite máis curta", Todo el Largo Verano
O venres 20 de xuño estreábase Na noite máis curta (Ferror Records, 2025), o novo disco, e sexta referencia, de Todo el Largo Verano. O proxecto liderado por Alberto Amigo celebra as noites de verán co seu traballo máis folk, máis acústico e máis instrumental. Os trece cortes que o compoñen pódense dividir en catro momentos temporais, máis que conceptuais, para desfrutalos: na sesta, no serán, na noite e no amencer; catro momentos durante os que o oínte terá a oportunidade de experimentar o son renovado da banda, froito dunha serie de concertos «con violín, melódicas, percusións [...] e terminamos metendo algún sinte». Ademais, o novo de TLV é tamén o seu traballo máis directamente influenciado por Brian Wilson, líder e fundador de The Beach Boys, dos que destacan a sinxeleza coa que as cancións e arranxos estaban producidos.
"Un home tranquilo", Cristian Silva
Cinco anos de traballo resultan nun álbum cheo de «contención, profundidade, reflexión, madurez... pero tamén ironía, furor e equilibro». Cristian Silva recolle en Un home tranquilo (2025) unha historia completa onde a gaita é a gran protagonista, onde a tradición dialoga sen prexuízos coa modernidade; así, melodías de frautas e zanfonas eléctricas fusiónanse con guitarras distorsionadas, sintetizadores envolventes e seccións rítmicas que bailan entre funk, indie e jazz. A través dun puñado de cancións que naceron entre a néboa atlántica e o pulso eléctrico da cidade, o multiinstrumentista e compositor presenta unha obra difícil de clasificar, forte e serena, que nunca perde o contacto coa terra. Gravado entre Galicia e Madrid, para Un home tranquilo, Silva contou con músicos de primeiro nivel como Miguel Lamas, Niño Bruno, Pablo Pérez, Xosé Miguélez, Antonio Rodríguez, Adrián Saavedra ou Ana Fernández, e a colaboración especial de IGLOO. O disco xa está dispoñible para a súa reserva en formato físico, CD y vinilo, na páxina web de Inquedanzas Sonoras: https://inquedanzas.com/.
"Destino", Germán Prieto
Logo de incontables adiantos, e tres anos despois da súa anterior referencia, Germán Prieto lanza Destino (Xonix Records, 2025). O novo álbum do cantautor galego recolle 11 cortes que bailan entre pop envolvente e rock enérxico cos que Prieto amosa, unha vez máis, a súa versatilidade e constante evolución artística. O talento que ten á guitarra, trasládao tamén ás letras, que contan historias cargadas de experiencias persoais; a vida, o amor, sorpresas e emocións que se coan entre acordes e matices sonoros. Producido por Manu Rey, Destino aposta pola consolidación de Germán Prieto como cantante e compositor, en formato «moderno e canalla», sen deixar de explorar os límites da súa creatividade.
"Amanece en Madrid", Manuel Preto
A súa última referencia, Postales para mi padre (2024), presentaba letras íntimas e de forte carga instrumental, características constantes no imaxinario musical que construíu Manuel Preto, e o más recente do novo artista coruñés volve poñelas de relevo. Amanece en Madrid (2025) é un EP de tres cortes que serve como adianto da banda sonora para a serie Gastón (Un actor de mierda), creada por Preto e Mateo Franco. Así, escoitamos a cabeceira, un rocanrol e unha balada, esta última coa colaboración de Bárbara Aranza nos coros.
"Mala Bësta", Luciférnaga
Un ano e medio despois da súa creación, Luciférnaga presenta a súa primeira referencia, Mala Bësta (2025). O debut dos vigueses abandeirados do doom metal xorde das sombras, como o faría unha árbore antiga e retorcida que estende as súas raíces sobre unha terra en ruínas. Inspirado na decadencia do mundo e do espírito humano, a desilusión espiritual e a perda persoal, o EP soa a marchas fúnebres, pesadez monolítica e melodías hipnóticas e melancólicas. As catro cancións tecen un rico tapiz de desesperación e introspección que durante pouco máis de vinte minutos, enganchan o oínte nun ritual e recordatorio contundente da nosa mortalidade compartida; convídano a afondar no mundo sombrío da banda, onde as tebras falan verdades galegas. Así, en Mala Bësta, a súa combinación característica de riffs demoledores e paisaxes atmosféricas acada novas profundidades, voces integramente en galego que evocan a poesía crúa da súa terra natal.
"Club A Noite (REMIX)", Carabela
A noite (2024) presentábase como un traballo co que pretendían «debuxar os pensamentos que nos asolan na escuridade». Acadárono a través de darlle máis peso aos sons sintéticos —aínda sen deixar de lado a súa base de pop e electrónica experimental— algo que, xunto á calidez da voz, constrúe unha atmosfera onírica. Agora, Carabela publica Club A Noite (REMIX) (2025), un álbum cos seus clarescuros, hipnótico, para o que a banda contou con artistas como RAWLA, Remora, ELBA, Midori ou Juait para crear un universo sonoro entre a súa música e a doutras voces da escena electrónica galega.
"Brutalismo", DOGO
Brutalismo (2025) é o debut discográfico de DOGO, trío compostelán que aposta por un son con elementos de shoegaze, pospunk e indie, como un Fontaines D.C. meets Joy Division, The Cure ou Sonic Youth. As catro cancións do disco presentan letras evocadoras, instrumentación sólida e unha enerxía escura, que constrúen atmosferas densas e melodías envolventes. Este primeiro traballo foi gravado nos Estudios Mans da Coruña logo de gañar o #SonidosMans Salas, galardón que non sorprende, pois a banda asina un directo máis cru e potente... se cabe.
"Zoobliminal Re-MixTape", Dr. Juhh
Dr. Juhh é autor de producións que olen a hip-hop clásico, con aromas do funk, do jazz, do reggae e da música electrónica dos noventa como o big beat ou o trip hop. Logo dun par de lanzamentos soltos ao longo do ano, Dr. Juhh estreaba xuño con Zoobliminal Re-MixTape (2025), un álbum de oito cortes onde o produtor galego revisita temas como “La rabia mata al perro” ou “La bala perdida”; lévaos ao seu terreo, movéndose entre o electrónico e o orgánico e nos que a voz transmite vivencias, historias e sentimentos. Como broche de ouro, nunca mellor dito, pecha o álbum o remix de “Golden Era”, orixinal de Falconetics.
🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!