• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2026

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2026
6 XUÑO 2026

“Universo paralelo”, Carlangas

Entre a electricidade das guitarras e un impulso melódico que o sostén todo, Universo Paralelo (Virgin Music, 2026) sitúa a Carlangas nun dos momentos máis definidos da súa traxectoria en solitario. Lonxe de repetir a fórmula festiva e expansiva de Bailódromo, Vol. 1 (Virgin Music, 2024), Carlos Pereiro orienta o seu terceiro álbum cara a un rock máis áspero e nervioso, no que a inmediatez convive cunha produción capaz de abrir espazo a texturas inesperadas. Sen abandonar a ironía, o costumismo retorto nin ese vitalismo que marcou boa parte do seu cancioneiro, Carlangas afía aquí unha linguaxe propia construída sobre riffs contundentes, melodías memorables e unha coherencia que recorre as dez cancións do disco. As colaboracións de Leiva e Dear Joanne intégranse con naturalidade nun traballo que non aspira a reinventarse, senón a reivindicar un territorio sonoro no que o artista se move con absoluta convicción. O resultado é un álbum enérxico e consciente das súas fortalezas, coa personalidade suficiente para confirmar a Carlangas como unha das voces máis singulares do rock estatal contemporáneo.

 

 

 

“ºOº”, raze

Entre a pulsión do club e a procura dunha identidade propia móvese ºoº (Alende, 2026), o EP debut de raze, artista multidisciplinar queer de Vigo que presenta unha proposta tan delicada como contundente. Ao longo de seis cancións concibidas como unha obra circular e interconectada, a artista explora conceptos como a transformación, o desexo e o movemento a través dunha combinación de pop contemporáneo, ritmos caribeños e enerxía rave, sempre aberta á experimentación. Producido por Martín Rodríguez e coproducido por Nora Rodríguez, o traballo destaca por unhas letras que falan de empoderamento, paixón e autoafirmación, así como por unha proposta lingüística híbrida que transita entre o galego, o castelán e o inglés. Sintetizadores orgánicos, unha coidada dimensión visual e unha constante tensión entre opostos —luz e escuridade, intimidade e provocación, corpo e tecnoloxía— articulan un universo creativo que transcende o estritamente musical e atopa na experiencia inmersiva un dos seus principais sinais de identidade.

 

 

 

 

 

“Xeodesia”, Garza

Como quen observa o relevo dun territorio para comprender a súa historia, Garza constrúe en Xeodesia (Several Roots, 2026) un novo capítulo dentro da súa particular exploración da electrónica de atmosferas. Esta nova referencia, a quinta publicación de formato longo na traxectoria de Adrián Charlín, toma forma a través dun EP composto por cinco pezas —“Serea”, “Fenda”, “Lousa”, “Corga” e “Eira”— nas que as texturas ambientais, os ritmos orgánicos e unha marcada vocación paisaxística dialogan de maneira natural para dar lugar a unha obra tan inmersiva como evocadora. Sen renunciar ao seu gusto por combinar influencias do ambient, o trip hop ou o IDM, o músico galego introduce aquí unha sonoridade máis terrosa e sincopada, reforzando un vínculo coa identidade, as raíces e o territorio que leva anos impregnando a súa discografía. Masterizado por Lefrenk e publicado por Several Roots, Xeodesia afonda nesa procura constante de novas formas de expresión, mantendo intacta a capacidade de transformar emocións, espazos e paisaxes en experiencias de fonda carga sensorial.

 

 

 

 

“Furada”, Furada

A memoria non sempre permanece nos libros nin nos arquivos; ás veces resiste nunha fotografía, nunha canción ou nun berro compartido. Furada (Ferror Records, 2026), o debut discográfico da banda galega, recolle esa tensión entre recordo e presente ao longo de dez composicións nacidas nos Padrosos, en Crecente, e gravadas en Esculla Sonora, Pontevedra. Sobre unha base de post punk afiada e visceral, o grupo desenvolve un discurso atravesado pola poesía e por mensaxes que cuestionan, denuncian e convidan á reflexión, convertendo a rabia en motor creativo. A icónica imaxe de portada captada por Delmi Álvarez, que documenta a loita das mulleres de Telanosa contra o peche da fábrica en Redondela no inverno de 1986, funciona como unha declaración de intencións para un traballo que mira cara atrás sen caer na nostalxia, reivindicando a memoria colectiva como ferramenta de resistencia. Publicado o 24 de maio, coincidindo co aniversario do falecemento de Lois Pereiro, Furada confirma unha voz propia dentro do post punk galego contemporáneo e deixa a sensación de estar ante unha das estreas máis contundentes do ano.

 

 

 

 

“Flames”, Acid Roots

Despois de darse a coñecer con Live in Béjar (2026), un debut que capturaba a enerxía inmediata e o carácter orgánico dos seus directos, Acid Roots dá un novo paso con Flames (2026), un EP de estudio no que revisita aquelas mesmas cinco cancións desde unha perspectiva máis elaborada e detallista. Sen renunciar á contundencia que definía as Live Sessions, a banda compostelá aproveita o traballo de produción para afondar nas texturas, nos matices instrumentais e na riqueza duns arranxos que reforzan a súa particular mestura de rock, blues, soul e indie. Temas como “The Rope”, “True Moon”, “Feel”, “Flames” ou “Shut Up!” conservan a intensidade e o pulso emocional das súas versións en directo, pero adquiren aquí unha nova dimensión sonora que permite apreciar con maior claridade a personalidade dun proxecto que atopa no equilibrio entre forza e sensibilidade un dos seus principais sinais de identidade.

 

 

 

 

“Parabéns para nós! 10 anos en directo”, A Gramola Gominola

Celebrar dez anos enriba dos escenarios non é pouca cousa, e A Gramola Gominola converten Parabéns para nós! 10 anos en directo nunha festa compartida coa que revisitan algúns dos momentos máis queridos da súa traxectoria. Gravado en formato ao vivo, o disco captura con naturalidade esa enerxía despreocupada, divertida e cómplice que sempre definiu os seus concertos, transformando cada canción nun espazo de encontro entre a banda e varias xeracións de nenos e nenas que medraron coa súa música. Máis ca unha recompilación de éxitos, o álbum funciona como unha reivindicación da alegría colectiva e da capacidade da música infantil para conectar desde a honestidade, o humor e a celebración. As ilustracións de Dani Padrón completan ademais o carácter colorista e afectuoso dun proxecto que soa, ante todo, a gratitude e agarimo mutuo. Parabéns, Gramola Gominola, e que veñan moitos máis!

 

 

 

“Prometeo na cidade”, LAW

Lonxe de abordar o mito de Prometeo desde unha lectura grandilocuente ou puramente simbólica, LAW converte Prometeo na cidade nun relato contemporáneo marcado pola ansiedade urbana, o esgotamento emocional e a procura de sentido no medio do ruído cotián. O EP, composto por catro cancións que dialogan entre si a nivel conceptual e sonoro, atopa un delicado equilibrio entre electrónica minimalista, música de raíz e canción de autora, construíndo unha narrativa que avanza desde o máis terrenal ata unha dimensión case espiritual. A través dunha produción contida pero chea de matices, LAW desenvolve un traballo introspectivo e cohesionado que utiliza o mito clásico non como escusa estética, senón como espello desde o que observar as contradicións da vida moderna.

 

 

 

 

“Mi Catedral”, Triángulo de Amor Bizarro

Lonxe de conformarse con prolongar a densidade abrasiva e o colapso emocional que levaran ao límite en SED (Mushroom Pillow, 2023), Triángulo de Amor Bizarro atopan en Mi catedral (Sonido Muchacho, 2026) unha nova forma de expandir a súa linguaxe sen ceder nin un milímetro daquilo que os converteu nunha referencia incontestable do rock alternativo estatal. Con guitarras afiadas, distorsión torrencial e unha produción novamente comandada por Carlos Hernández, o grupo abre pequenas fendas melódicas que osixenan o conxunto sen domesticáreno: cancións como “Sacrificio” ou “Diosas adolescentes” conviven con naturalidade xunto a descargas máis ásperas e violentas como “Matar a un rey” ou “BBBMV a.r.m.a.s”, sen que a tensión entre unhas e outras resulte nunca forzada. O que distingue Mi catedral dun mero exercicio de consolidación é precisamente a vontade de seguir empurrando os seus propios marxes, de incomodar mesmo a quen xa os segue. Dúas décadas despois de irromper na escena, Triángulo de Amor Bizarro continúan evitando a trampa da repetición cunha naturalidade que é, en si mesma, a súa declaración de principios máis elocuente.

 

 

 

 

“Five Sides of a Song”, Xosé Miguélez

Cantas vidas pode conter unha soa composición? Five Sides of a Song (Tinymoon Records, 2026), o novo traballo de Xosé Míguelez, parte desa pregunta para construír unha resposta en cinco movementos. Tomando como punto de partida “Ontology”, peza publicada en 2019, o músico galego traza un percorrido por outras tantas reinterpretacións que capturan distintos momentos, formacións e contextos dunha mesma obra, desde os ensaios en Kansas City ata a súa presentación no Teatro Colón. Do dúo ao sexteto, pasando por unha live session, os instrumentos reorganízanse en cada versión coa plasticidade que permite o jazz contemporáneo, revelando capas que a escoita anterior non esgotara. O resultado é un exercicio de exploración sonora que dialoga coa tradición galega, enriquecido por músicos como Matt Otto, Jean-Michel Pilc, Abe Rábade, Carlos Barreto, Ben Leifer, Storm Nilson, Marcos Cavaleiro e John Kizilarmut: voces distintas que, xuntas, amplían os límites dunha mesma peza.

 

 

 

 

“Permita Deus”, Davide Salvado

Nun tempo dominado pola velocidade e pola necesidade constante de producir, Davide Salvado escolleu o camiño contrario. Permita Deus (Sorte Discos, 2026) nace dun proceso longo e pausado de observación, silencio e conexión coa terra, desenvolvido nos últimos anos desde Liúlfe, na parroquia de Lestedo, onde o artista reside actualmente. Tras o seu último lanzamento en 2023, Salvado regresa ao formato álbum cunha colección de once cancións que exploran a memoria, a emoción e a dimensión espiritual do cotián a través da música de raíz. O disco incorpora letras de Manuel Cortesano e a presenza de convidados especiais que enriquecen unha proposta pensada para a escoita atenta. Entre tradición galega e ecos doutras culturas musicais, Permita Deus reafirma a singularidade artística de Salvado nun traballo íntimo, honesto e profundamente ligado ao territorio.

 

 

 

 

“O Cuarto”, Tanxugueiras

Catro anos despois de Diluvio (2022) e tras un período de actividade máis contida, Tanxugueiras regresan con O Cuarto (2026), un álbum que marca un xiro significativo na súa traxectoria: do desbordamento celebratorio dos seus traballos anteriores a unha intimidade espida e liberada. Concibido como un refuxio fronte á sobreexposición que seguiu á súa consagración mediática, o disco atopa na quietude a súa maior fortaleza. A produción de Gabi Fernández e Iago Pico renuncia ao efectismo para construir unha atmosfera onde as harmonías vocais respiran con amplitude, as percusións tradicionais marcan o pulso sen impoñerse e cada composición articúlase como unha pequena cerimonia. Sabela, Olaia e Aida non se limitan a revisitar o cancioneiro popular galego: habítano, interrógano e reescriben desde unha honestidade que lles concedeu a experiencia, unha década adicada a perfilar este proxecto.

 

 

 

 

“a inesperada virtude da ignorancia”, Filloas

Entre sintetizadores hipercinéticos e melodías de enganche inmediato, Filloas presenta en A inesperada virtude da ignorancia (Alende, 2026) un EP tan accesible como emocionalmente denso. Considerado unha das voces pioneiras do hyperpop en galego, o artista compostelán constrúe un traballo vibrante no que a enerxía festiva convive cunha reflexión sen concesións sobre a ansiedade contemporánea, a autoesixencia e a dificultade de atopar calma nun mundo marcado pola hiperprodutividade. Referencias ao anime, aos videoxogos e á cultura de internet atravesan unhas cancións que, baixo a súa aparencia luminosa e acelerada, articulan un discurso profundamente humano sobre a vulnerabilidade, as crises creativas e a síndrome do impostor. Os xa coñecidos "google calendar" —acompañado polo videoclip de Xaime Miranda— e "chat gpt", xunto ao arxentino Conan Kid, funcionan como carta de presentación perfecta dun universo sonoro que converte a sobrecarga emocional dunha xeración nunha experiencia colectiva: música pensada tanto para bailar como para pensar, mentres todo vibra ao redor.

 

 

 

“PADRÓN PEPPERS”, Mr. River

Ás veces os proxectos máis breves son tamén os que concentran unha maior riqueza de matices. Con Padrón Peppers (Records DK, 2026), Mr. River regresa tras catro anos de silencio discográfico desde Night Court (2022) cun EP de catro cortes que reafirma a personalidade do seu denominado “River style”, unha proposta que bebe do jazz, o rock, o blues, o funk, o flamenco e a tradición galega para construír unha linguaxe propia de inequívoca vocación instrumental. As guitarras enérxicas e os ritmos frescos vertebran un traballo compacto pero cheo de contrastes, no que as influencias de figuras como Pat Metheny, Scott Henderson ou Marcus Miller se integran de maneira natural en composicións nacidas de experiencias persoais e emocións trasladadas ao terreo sonoro. As colaboracións de Rony Martínez, José de Castro e Alejandro Hidalgo enriquecen un conxunto que, como os pementos de Padrón que lle dan nome, garda sorpresas en cada escoita e confirma a capacidade do trío pontevedrés para seguir explorando novos camiños dentro do jazz rock fusión feito en Galicia.

 

 

 

 

 

“You Don’t Know It”, Visións of Juno

You Don’t Know It (Entrebotones, 2026) soa coma un suspiro de alivio. O segundo álbum de Visions of Juno chega catro anos despois do seu debut e trae consigo esa calma optimista de quen se viu mergullado na confusión e conseguiu sacar a cabeza á superficie do outro lado. Gravado tras tres días de encerro en Metrópolis Estudios, o álbum aposta por unha produción crúa pero meticulosa, sen capas innecesarias nin adornos superfluos, permitindo así que cada canción brille polo que é e consiga respirar coa naturalidade e proximidade necesarias. Entre a urxencia melódica do indie rock e a elegancia luminosa do pop británico, o grupo constrúe nove cortes que falan de tocar fondo, de aprender a saír adiante e do fermoso que é estar namorado. Dende a súa portada ata o último acorde, este traballo transmite unha sensación de calma optimista e de confianza nas pequenas cousas, converténdose nun deses discos que, sen necesidade de erguer a voz, conseguen mellorarlle o día a quen o escoita.

 

 

 

 

“Indómitas”, Uxía

A memoria de Begoña Caamaño fíltrase en cada recuncho de Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño (Damadriña,2026), un traballo no que Uxía transforma a amizade, a admiración e o afecto compartido nun relato musical profundamente humano. Entre melodías de raíz, texturas orgánicas e unha presenza constante do mar como símbolo á vez emocional e político, o disco dialoga co universo literario e vital da homenaxeada desde unha perspectiva cálida, colectiva e luminosa. As cancións, enriquecidas por voces cómplices como as de Guadi Galego, Faia ou A Pedreira, reivindican a forza das mulleres libres, a sororidade e a resistencia cultural sen caer nunca no panfleto, deixando que sexan as emocións, os afectos e a propia musicalidade quen sosteñan o discurso. Máis ca unha homenaxe convencional, Indómitas funciona como unha celebración da memoria viva, un espazo onde Uxía consegue que a voz e o pensamento de Begoña Caamaño continúen habitando o presente con absoluta naturalidade.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!

izq noticias