GHØRXA: «TEMOS UN XEITO UN TANTO PUNKI DE ENFOCAR A MÚSICA»
 	
	Desde Ferrol, Ghørxa redefine o concepto de son experimental, mesturando influencias de diversos xéneros para crear unha sonoridade que desafía as fronteiras do rock. Co seu primeiro disco, Monstro (Ferror Records, 2025), a banda ferrolá debuta cunha proposta sonora que reflicte o seu compromiso coa creación dun estilo propio e diferenciador. A súa música, que oscila entre rock, psicodelia, stoner, grunge e garage, tingue letras en inglés, galego e castelán, froito dun bucle de experimentación infinita e evolución continua.

Outono de 2022. Un garaxe. Bombas e Comander (Pot Eaters). Sobre estes tres datos clave... como xorde Ghørxa hai agora xusto tres anos?
Pablo Estévez, Antonio Santiago: «Levabamos anos querendo montar outro proxecto, xa que Pot Eaters foi o noso primeiro proxecto e tiñamos moi pouca traxectoria musical detrás. Os dous levabamos tocando uns anos os nosos instrumentos, mais compartimos desde sempre moitísima paixón pola música.
Ao coñecer a Nico todo isto acrecentouse, xa que compartiamos o gusto por moitísimos grupos en común, en especial Kyuss e [Black] Sabbath. Carlos sempre foi un irmán maior para nós no musical, xa que leva tendo proxectos desde adolescente e toca unha morea de instrumentos, principalmente a guitarra e os teclados/sintes, mais neste proxecto abrazou o baixo como novidade.
Comezamos a quedar sen ningunha definición do que iamos facer, simplemente coñecernos musicalmente e pasalo ben tocando con amigos, e despois de un ano xuntos comezamos a facer concertos pola zona e a gravar o que foi o noso primeiro LP, Monstro».

Seica dous de vós, Antonio (batería) e Pablo (guitarra), chegastes un chisquiño tarde á música, «con 21 ou 22 anos». Pensades que este feito influíu dalgún modo na vosa maneira de entender a música ou no voso desenvolvemento musical posterior?
Antonio: «Penso que si que influíu, xa que para cando empezamos a tocar, e, sobre todo, cando empezamos a tocar xuntos, xa tiñamos certo gusto musical formado. De novos ambos viñamos do metal, pero máis adiante comezamos interesarnos por outros estilos (rap, electrónica, indie, stoner...). Isto fíxonos ter unha visión menos simplista e pechada da música á hora de compoñer as nosas cancións, e non pecharnos a “soar” a ningún estilo en concreto».
Pablo: «Somos como irmáns nisto da música, medramos xuntos e nutrímonos xuntos de todos os grupos que iamos descubrindo. Como di Antonio, pasamos por moitos estilos e sempre tivemos uns gustos moi similares. Tamén penso que aprendemos a tocar xuntos, o cal se nota moito no escenario e en como nos compenetramos».
Todos tedes experiencia noutras bandas locais (Impulsos Criminais, Pot Eaters, Omadroma, Qualia, Inbucle), que diriades que achegou esta bagaxe previa a Ghørxa?
Antonio: «Penso que o máis importante sería a aprendizaxe de cara a traballar e ensaiar cunha banda. Ao comezar a tocar, e, sobre todo, ao compoñer, o proceso é moito máis sinxelo cando xa vés de compoñer cancións noutras bandas. Aínda que non estiveramos centrados en compoñer, as ideas ían xurdindo e se lle ía dando forma de xeito moito máis natural gracias a xa telo feito noutras bandas».
Na banda hai compoñentes de distintas xeracións, desde 1975 a 1992. Afecta esta diversidade xeracional na dinámica de ensaios, proceso creativo, forma de traballar...?
Antonio: «Na miña opinión, o tema da idade non é importante, xa que ao final para nós o importante é facer música que nos faga vibrar aos catro. E aínda que vimos de xeracións distintas, temos moitos lugares comúns, musicalmente falando, nos que nos encontramos á hora de crear música».

Segundo a RAG a gorxa é a «parte anterior externa do pescozo»... por que escoller esta parte do corpo en concreto para designar o voso proxecto musical? E por que co «ø» barrado?
Ghørxa: «A verdade é que o nome nolo propuxo unha colega e gustounos. O «ø» penso que xurdiu un pouco en coña e buscando similitudes con bandas do underground e outros estilos máis extremos.
A palabra “ghorxa” soa moi galega, pero escrita [así] semella un idioma máis nórdico».
Na vosa bio dunha coñecida rede social lemos que vos autodefinides como «banda de stoners pouco stoners»... pero, sen etiquetas, como describiriades a vosa música? A que soa Ghørxa?
Antonio: «Ghørxa soa a moitas cousas diferentes e á vez a ningunha. Penso que unha das máximas que temos á hora de compoñer, aínda que ás veces o fagamos subconscientemente, é a de sorprender e non facer o que a xente espera coas cancións.
Non nos gustaría encadrarnos en ningún estilo, xa que despois podes sentirte limitado dentro del e temos uns gustos moi amplos».
As vosas influencias van desde The Velvet Underground a Fugazi, pasando por My Bloody Valentine ou Sonic Youth. A quen máis sinalariades como principal referente no voso xeito de facer música? Quen ten, ou tivo, un particular impacto no son de Ghørxa?
Nico Fernández: «Musicalmente, o que máis me sae é sempre moi stoner e thrash; estiven sempre moi influenciado por bandas como Kyuss e Sepultura e o meu son está moi centrado neste estilo, tamén polo meu material. E isto acábase por complementar co son de Pablo, máis próximo quizais ao rock alternativo no seu xeito de compoñer».
Pablo: «Na nosa maneira de facer música, principalmente bandas amigas e colegas que levan anos ensinándonos mogollón de todo o relacionado coa música. Tamén desde dentro do grupo, xa que Carlos e Nico achegan unha grande experiencia, e Antonio e máis eu aprendemos a tocar xuntos, co cal nos entendemos moi ben.
Canto a grupos penso que, como dicía Antonio, temos unha visión moi ampla respecto a como soa Ghørxa; é un pouco cando definimos o noso estilo e por buscar grupos, eventos, festis, etc. afíns ao que tocamos. Cando dicimos stoner nos parece unha boa etiqueta, xa que é un xénero moi amplo que concibimos como unha mestura entre música cañeira e psicodelia, o cal deixa moi abertas as portas á experimentación, mais non nos consideramos unha banda que pertenza a ningún estilo en concreto».

A finais do pasado xaneiro presentabades o voso primeiro disco,Monstro (Ferror Records, 2025). Como foi o seu proceso creativo? Como traballastes os temas?
Carlos Brión: «O proceso supoño que non foi moi distinto do que pode seguir calquera banda ao comezo... Son os temas e o son que fomos xerando aos poucos entre os catro, tamén con algúns temas que viñan de bandas anteriores, que foron collendo un novo son.
Temos influencias moi diversas, e a idea penso que sempre foi ir atopando un punto de encontro».
O nome do disco fai referencia ao monstro que, disque, habita a lagoa de Doniños... que vén sendo algo así como o lago Ness galego. Que significa para vós esta lenda ferrolá como para inspirar o título?
Carlos: «Molábanos a estética. Tamén pasamos unhas cantas tardes de néboa mirando para a lagoa. Isto ao final supoño que se nota tamén na atmosfera dos temas».
Nico: «Comezamos a ensaiar na miña casa e cando consideramos facer unha portada, tiñamos boas fotos da zona, tamén dunha amiga, Marta (@maramendia_ceramica), que foramos empregando para algún cartel de concerto e despois usamos para a contraportada».

De sabor cru e resaibo á década dos 90, que fixo que “Voices (Down the River)” fose o escollido como o sinxelo adianto do longo?
Nico: «Como banda, comezamos dándolle unha volta a vellas cancións de antigos proxectos. “Sun Goes Down” foi o primeiro tema que fixemos como banda e “Voices” o segundo, e pensamos que representa ben o son que buscabamos nese momento».
Pablo: «Por dar algún dato máis, o tema tiña unha primeira parte e baseámonos no tema “Billabong Valley” de King Gizzard & The Lizard Wizard, en canto á que utilizamos a mesma estrutura para a primeira e a segunda parte, simplemente cambiando a velocidade, o que me pareceu unha xenialidade por parte desta banda que tanto nos inspira».
Canto de Ferrol, Doniños, e a contorna da paisaxe galega do norte, inflúe musical ou tematicamente no voso traballo? En que, ou quen, están inspiradas as cancións?
Pablo: «A verdade é que moitas partes dos temas veñen de cancións que saíron tocando en guitarra española e caixón xunto Antonio en praias de toda Galicia, principalmente pola Costa da Morte e Ferrolterra. Temas como “Monstro” ou “The World Starts Collide” falan do noso contexto social en Galicia, do noso día a día, etc.».
Carlos: «A min persoalmente Ghørxa evócame ás épocas do ano nas que tanto pode saír un raio de sol como chover de súpeto, rollo comezos da primavera ou de outono».
En Monstro alternades letras en galego, castelán e inglés. Hai algo que determine que lingua utilizades en cada canción?
Carlos: «Eu penso que o rock, ou polo menos o que nós sacamos, casa moi ben coa lingua inglesa, porque nela predominan palabras con poucas sílabas. Por outra banda, a lingua que nos gustaría que predominase é o galego, pero ao ter palabras con máis sílabas, lévanos máis tempo traballar as letras. “Encargado” é o único tema que temos en castelán, pero iso creo que representa a expresión dunha rabia espontánea e circunstancial que a Pablo lle saíu así».
Pablo: «Toda a razón. Estaba bastante cabreado con esa personaxe nese momento da miña vida e foi algo moi espontáneo na composición, e gustounos».
A gravación foi feita ao vivo en só dous días; dous días para rexistrar nove cortes que, nun principio, ían ser unha maqueta. Cales diriades que son os pros e os contras deste xeito de gravar?
Nico: «Comezamos coa idea de ter algo para poder buscar concertos e ao final animáronnos desde Ferror Records a publicalo. Comezou sendo unha gravación sinxela en directo, pero despois fomos traballándoa bastante con Pablo Sáez, e rematou collendo forma para poder editar o CD e o 7”».
Carlos, Pablo: «Temos un xeito un tanto punki de enfocar a música, e facelo en directo foi o que nos pareceu máis natural de gravar. É complicado no sentido de que hai que facer moitas tomas en conxunto, repetindo cada vez que tiñamos un erro, pero isto axudounos moito a traballar os temas para os concertos».

Como describiriades a evolución do voso son desde que comezastes a ensaiar xuntos ata o que acadastes en Monstro? Que papel tivo a experimentación nesa evolución?
Pablo: «Cando fixemos a gravación, levabamos un ano tocando xuntos, todo ese tempo pasarámolo compoñendo e aprendendo a comunicarnos entre nós. Gústanos moito jamear e darlle moitas voltas ás ideas que imos traendo de casa, dándolles forma e explorando partes e estruturas.
Moitos temas sofren dunha evolución ao longo dos meses, engadindo e quitando partes e instrumentos».
A produción do longo correu a cargo de Pablo Sáenz (Nüca), que achegou ao son do disco? Canta culpa ten de que Monstro soe como soa?
Pablo: «Aprendemos moito con Pablo e el foi tamén engadindo o seu toque persoal no proceso; engadindo tamén algún delay a algunha parte e solucionando algunha saturación da gravación, que foi un pouco lo-fi porque contabamos cun equipo un pouco de andar por casa».
Carlos: «Pablo tamén vén de traballar moito a posprodución, preparando os seus temas con Nüca, e tamén noutros proxectos de banda de guitarras como Vale Gringo e Omadroma, gravando as sesións dun proxecto que tíñamos antes chamado Pequena Morte (pequenamorte.bandcamp.com)... Foi moi xeneroso pola súa parte botarlle unha chea de tempo a Ghørxa de maneira desinteresada».
Lemos que xa tedes temas novos no caixón nos que facedes unha incursión no marabilloso mundo dos sintes, grazas a Carlos. Como está a ser a exploración? Vai implicar un novo xiro no voso son?
Carlos: «Comezamos cos sintes para facer transicións entre temas en directo e poder facer os concertos un pouco máis conectados. Porque as economías domésticas van como van, e temos instrumentos modestos, o que nos levaba a andar parando nos bolos entre tema e tema para afinar. Entón comezamos a facer pequenas jams con frases que imos gardando nun sinte pequeniño, que serven como pontes entre cancións ou como introducións».
Pablo: «Tamén nos presta buscar xeitos de sumar capas a nivel compositivo. Os sintetizadores son unha ferramenta que pode sumarse, como capa, en diferentes rangos, e flípame o xeito de moldear o son que teñen. Estamos moi inspirados en bandas que os usan, como Can, Slift, Oh Sees, Idles...».
A principios de setembro, editabades en formato físico Monstro EP, álbum con dous temas do LP; unha tirada limitada a 40 copias dun vinilo 7” en branco. Nunha época onde o consumo dixital non fai máis que aumentar, por que seguir apostando polo disco como obxecto?
Pablo: «A min sempre me molou a música gravada en físico. O meu tío Miguel regaloume desde pequeno cedés, que para min foron moi importantes na miña adolescencia, e ter algo en físico paréceme o xeito máis consciente de apoiar unha banda.
Cada vez gústame menos o formato de consumo a través de plataformas, se nos spamea de moitos grupos de lonxe e lle prestamos pouca atención ao que temos ao noso arredor. En vez de ir sacando cancións mes a mes, ou semana a semana, tamén quixemos plasmar o feito ao longo dun ano ou así, para tamén observar nós mesmos por onde imos.
Estou moi en contra persoalmente do que esta a pasar coas redes no relativo ao audiovisual. Por poñer outro exemplo, no mundo do skate e o surf sempre fun moi fan dos que, xa parecen extintos, vídeos de longa duración que se facían ata hai uns anos, que representaban moi ben unha época ou os valores que tiñan detrás de cada un destes. Cada vez búscase máis o contido rápido e efémero e estase perdendo o traballar longas temporadas nun proxecto».
Carlos: «Sobre o do vinilo tamén nos gusta a parte de sumarnos a un circuíto de distribución que existe na comarca, e en Galiza, con xente riquiña, algunhas con banda, outros sen ela; pero que apostan pola música local e promoven bolos de calidade: Ferror Records, CGTH Records...».

Este 2025, xunto a bandas amigas como Turbokraks, Omadroma, Thee Boas ou Nüca, puxestes en marcha Extrarradios, unha asociación cultural formada por artistas locais para tentar promover a actividade cultural da zona. Que vos levou a montar Extrarradios? Necesidade de mover cousas en Ferrolterra, escusa para facer ruído con bandas amigas...?
Pablo, Carlos: «O segundo [risos].
Tamén na comarca vimos tendo un baixón de concertos a un volume mínimo para poder facer rock... Entón, vemos a necesidade de xuntarnos cos colegas, e cos veciños, e axudarnos a mover bolos, a traer bandas amigas... Gustaríanos tamén favorecer o intercambio e que saian novas propostas e colaboracións entre artistas locais, e seguir proporcionando espazos para que estilos máis minoritarios sigan tendo os seus lugares na zona».
De que xeito pensades que iniciativas como estas poden axudar a fortalecer o tecido cultural local e ofrecer outras alternativas para as bandas emerxentes?
Pablo: «Pensamos que teñen unha importancia vital na sociedade na que vivimos. Hai 10 ou 15 anos había moita máis unión entre a xente e moitos máis espazos en todas as cidades, e iso estase a perder. Estamos nun momento un pouco escuro onde todo se fai polos cartos, onde se está a perder o sentido de colectividade e asociacionismo. Supoño que se trata tamén de tratar de mellorar o que nos rodea».

Ao fío, Ferrol é terra de artistas —entre outras moitas cousas— como vedes vós a escena local en xeral e a alternativa en particular?
Nico: «En canto a grupos temos a sorte de ter unha chea de propostas superinteresantes na zona, tanto en Ferrol como Pontedeume, Betanzos, Cedeira, Ortigueira... Hai musicazos e bandazas moi a ter en conta no ámbito do rock: Window Pane, Demo Rumudo, Turbo Kraks, Luna Motos, FÚLMINE, Playa Desmayo...».
Pablo: «Canto a escena en si, na nosa cidade está moi centrada en grupos tributo. En Ferrol temos unha poboación moi avellentada e hai gran demanda de tributos dos 80... o cal non significa que non teñamos grandes bandas como di Nico.
Falando tamén da escena galega en xeral, penso que estamos nun momento espectacular. Quizais falta un pouco de apoio do público xeral, xa que nos concis adoitamos coincidir moitos músicos. Xente como Copa Turbo, GRIMA, Faul, MOLOCH, Vlakyth, etc. son unha inspiración para nós.
Cada semana tes en toda Galicia concertos de primeirísimo nivel, con nada que envexar a bandas internacionais».

Presentádevos da man de Ferror Records, selo discográfico paisano voso recoñecido por dar saída a propostas musicais desde a militancia e a autoxestión. Como está a ser traballar con eles?
Carlos: «Pois moi doado. É un gustazo traballar con eles e teñen verdadeira inquietude por dar soporte a novas bandas e proxectos. Facilitáronnos moito o tema de sacar o CD e o vinilo, pero tamén nos botan unha boa man con promo, bolos... A verdade é que é como se o autopublicaramos, mais cunha gran axuda externa, xa que non se meteron en nada do proceso máis que en facilitalo...».
Vides de tocar no Fuzz or Bust Stoner Festival en Pontevedra, logo de levar o disco por Galicia adiante. Meses despois do seu lanzamento, como é a súa acollida ao vivo?
Pablo: «Sempre ben, a verdade. A cada sitio o que imos volvemos con novas amizades e o trato por parte de peña como o Tronkobar é espectacular. Á parte de que nos gustou moito poder tocar e escoitar as outras bandas a un bo volume e nun ambiente moi agradable.
Mau Jesus de Portugal e Green Poison de Vigo acompañáronnos por alí e foi unha moi boa noite e un gustazo, a verdade».
Como son os concertos de Ghørxa? Cando, e onde, poderemos volver a desfrutar de Monstro enriba dos escenarios?
Pablo: «A verdade é que nos gusta moito o directo, sentímonos conectados coa xente e tamén os amigos son un grande apoio. Estamos tecendo redes en moitos sitios máis, como nos gusta, e ao ser catro a verdade, ás veces é complicado coordinarse para poder tocar todo o que nos gustaría,
Adoitamos cambiar o setlist para cada bolo e gústanos tamén ir introducindo cancións que non temos nin gravadas nin rematadas; moitas veces como versións curtas sen rematar ou instrumentais que acabaran tendo letra. Gústanos a espontaneidade e levar os directos a distintos sitios».
Carlos: «O seguinte concerto será o día 27 de diciembre na sala Urania en Ferrol, xunto a Window Pane e Mentah, dúas bandazas locais que son grandes referencias e amigos nosos e que animamos moito á xente a escoitar. Vide que vai ser un fiestón! Inda por riba en Nadal!
Despois disto seguramente fagamos un pequeno parón para compoñer, organizar ideas e gravar con calma o que será o noso segundo proxecto, que xa adiantamos que non verá a luz en bastante tempo, xa que nos gustaría tomarnos o proceso con moita calma».

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Ghørxa: «Fúlmine, quedamos supersorprendidos con esta peña, quitando que son colegas, teñen un directo incrible, baseado moito na improvisación e cun gusto musical impresionante. Flípanos o xeito que teñen de abordar os concertos, unha enerxía da hostia. Sendo tres, cada un de eles contribúe moitísimo ao son, e co uso de pedais e loops van creando capas e mesmo parece que hai moita máis xente no escenario. E ao mesmo tempo son uns punkis, así que todo suma».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Ghørxa: «Utilizamos máis outras plataformas, de feito, non creo que volvamos subir nada a Spotify».
Pablo: «De todo, moita música dos 90, dos 70, actual... gústanos a todos un pouco de todo. Eu ultimamente estou moito outra vez cos Beatles, [Led] Zeppelin... mais sempre ando buscando cousas novas que escoitar. Amenra e Cult of Luna son dos grupos que máis ando a explorar estes días».
Carlos: «Esta semana estiven moito con Failure e Truly, dous grupos dos noventa que non tiña nada situados».
Antonio: «Wet Leg, DIIV».
Nico: «Mr Bungle, Ministry, Faith no More, Dover, Sepultura, Adrian Belew...».

	
	