GALKAN: «TODO CONTO MERECE SER CONTADO, SE É IMPORTANTE PARA A PERSOA QUE O CANTA»
Antes de ser unha banda, Galkan foi unha viaxe. En 2018, Cristian Rodríguez percorreu América Latina e regresou coa sensación de que músicas separadas por miles de quilómetros podían falarse entre si. Aquel impulso acabou atopando primeiro a Abraham Herrero e despois a Lina Lóbui, e foi medrando ata a formación actual: Lina á voz, Cristian ao baixo, pandeireta e voz, Abraham aos ventos e voz, Manu Castro á guitarra, Lucía Pretone ao violín e Pablo Barrio á batería. Galicia, os Balcáns e América Latina aparecen así como puntos dun mapa sonoro no que conviven a muiñeira, a xota, a cumbia, a rumba, o punk ou o jazz, sempre coa historia que se quere contar como punto de partida.
Despois dun primeiro EP homónimo publicado en 2024, Galkan regresa con Pelerinaxes, oito cancións concibidas como etapas dunha viaxe maior. O camiño a Santo André de Teixido, a memoria de figuras como Florencio ou a Cega de Noceda, a poesía de Paco Souto, a pegada dos Diplomáticos de Monte Alto e historias que permanecen fóra do foco entran nun disco no que a raíz segue convivindo con novas sonoridades e cunha banda que continúa transformándose. Quizais por iso a frase coa que eles mesmos resumen o proxecto segue funcionando tan ben: “Contos que se cantan”.

Foto: Jesús Grova
A semente de Galkan sitúase en 2018, despois dunha viaxe por América Latina que acabou deixando pegada na identidade do proxecto. Que aconteceu nese percorrido para que, á volta, empezase a tomar forma unha banda?
CRIS: Por aquela época atopábame viaxando por Latinoamérica; marabilláronme as músicas que atopei, as diferenzas e similitudes de lugares tan distantes e como, dalgún xeito, estaban tamén vencelladas ás músicas que eu tiña dentro. Fun compartindo estas sensacións e estas ganas de facer con Abraham, e máis adiante, Lina, que coñece ben a zona, apareceu no camiño. O resto é historia.
O voso nome, Galkan, fai convivir Galicia e os Balcáns nunha mesma palabra, dous territorios que decidistes unir mesmo antes de que o público escoitase a vosa música. Que atopastes musicalmente nese encontro para que merecese ocupar un lugar tan central no proxecto?
CRIS: Entendemos a música como algo vivo. Vivo nas rúas, nas aldeas, vivo cando un está só e sente a música dentro da cabeza. Entendemos que iso non ten que ver con fronteiras, nin estereotipos, nin con patróns xa definidos. As músicas do leste europeo latexan forte en nós precisamente por iso, por viaxes e por un entendemento da música similar. De feito, mentres facemos esta entrevista, atopámonos en Bulgaria, compartindo proxecto con músicas locais.

Foto: Jesús Grova
Esa vontade de conectar territorios aparece tamén na música: partides de ritmos como a muiñeira ou a xota, pero entran tamén sonoridades latinoamericanas, balcánicas, rumba ou influencias do punk. Que fostes descubrindo entre músicas de procedencias tan distintas para que puidesen acabar formando parte dunha mesma maneira de tocar?
LINA: A medida que fomos creando novos temas, a nosa música deunos a liberdade de probar diferentes estilos que, dalgún xeito, sentimos próximos a nós. O contexto co que Cristian nos achegou á música balcánica, á música tradicional galega e a outros estilos que xa lle eran familiares por ter formado parte doutros proxectos musicais, así como a formación musical e os estilos máis próximos ao resto do grupo, tamén foron enriquecendo o noso son.
Pola miña parte, sendo Colombia o país no que nacín, a miña inspiración vén de ritmos próximos á miña familia e á miña adolescencia, de como os sinto, os boto de menos e os bailo estando noutro país. Inspírome na cumbia e na rumba, ao mesmo tempo que, pouco a pouco, fun familiarizándome co folclore galego, coa gran axuda dos meus compis… Creo que os temas veñen dunha parte moi persoal que logo procuramos facer de todas.

En marzo de 2024 publicades Galkan, un primeiro EP de cinco cancións. Cando volvedes agora a aquel traballo, que parte do que hoxe identificades como Galkan estaba xa definida neses primeiros temas?
LINA: O noso primeiro EP é a base de estar abertas a compoñer a partir das nosas vivencias, de falar das nosas raíces e de ter curiosidade por outras tradicións. Sentir que Galkan é un espazo que nos permite expresarnos a través da música, xerar encontros e facer unha crítica daquilo do que quizais custa falar sen tapuxos.
Ver Galkan como un recurso, sabendo que foi mudando e transformándose a medida que fomos sumando máis persoas ao proxecto. Comezamos tres e agora somos seis, tendo que adaptarnos, pero procurando sempre sentirnos conectadas co que facemos. Ese, desde logo, é o noso punto de apoio.
“Ani” foi a primeira canción publicada por Galkan. Ao presentala contabades que a súa historia «viaxou desde Colonia, pasou por Salento e chegou até aquí» e que é tamén a historia de moitas nenas. Nela aparece ese «Ani sempre pensará que ela non é suficiente», unha inseguridade na que é fácil recoñecerse. Como se constrúe, a partir dunha historia tan concreta, un sentimento tan compartido?
CRIS: Ani é unha nena que coñecín en Colonia, Uruguai. Axudoume a facer esa canción, aínda que era moi pequena, amaba moito a música. A súa situación particular facía que o seu futuro estivese xa moi marcado: ser unha muller coidadora, sumisa, servicial… Chamoume moito a atención ver esta dinámica tan clara a unha idade tan curta. Ao final, a súa historia é a de tantas mulleres, alí, aquí, e en todos os lados. De aí, a canción. Ani é moitas persoas.
En “Medo” ides acumulando temores moi distintos: á escuridade, aos recordos, a que alguén marche ou mesmo a non ser botada de menos. Que vos interesaba de poñer xuntos medos aparentemente pequenos dentro dunha mesma canción?
CRIS: Esta canción parte precisamente dos medos infantís que aparecen pola noite cando se meten na cama. Poden entenderse como pequenos, anecdóticos ou irrelevantes, pero moitas veces agochan detrás realidades moito máis duras, e medos moito máis profundos
Hai algo moi cotián na maneira na que escribides sobre cuestións difíciles: unha mala cara, unha mañá ou, en “Con Nome de Lagoa”, “os nenos que non calan. Menos mal, así non teño que escoitar os pensamentos”. Que hai neses detalles para falar de cousas moito máis grandes?
CRIS: Penso que as historias máis complexas, máis profundas, poden atoparse no día a día. Un vive, ri, chora, sofre e vaise ilusionando nese día a día, e o que ás veces pode ser unha mala cara, unha mirada perdida, pode agochar detrás historias terribles. Varios de nós temos traballado con rapaces e rapazas en risco de exclusión. Iso vese reflectido nas letras, e dalgún xeito tentamos visibilizar esas pequenas realidades, que non por pequenas son menos importantes.

Pelerinaxes ve a luz en agosto deste 2026, un segundo traballo de oito cancións no que aparecen tamén novos referentes e novas maneiras de achegarvos á música de raíz. Que necesitabades explorar neste disco que aínda non atopara lugar no primeiro EP?
LUCÍA: Pois axudou moito a experimentar a música con máis persoas, xa que foi medrando o grupo. Iso axudou a construír esa sonoridade distinta deste álbum. No seguinte xa veredes que cambiará moito a cousa [risos], intentando construír nova música con coros búlgaros!
Ao final, penso que imos crecendo e madurando as nosas músicas, pero sempre coa intención de contar contos que se cantan.

Foto: Jesús Grova
Entre o primeiro EP e Pelerinaxes, Galkan pasa de tres a seis integrantes coa incorporación de Manu Castro e Lucía Pretone. Que novas posibilidades apareceron na música cando guitarra e violín pasaron a formar parte estable da banda?
LUCÍA: Pois é, totalmente, outra sonoridade. Eu co violín xogo moito a facer diálogos con Abraham, melodías que se contrapoñen e buscan o sentido da canción a través das notas. Ademais, o feito de ir medrando axuda tamén a construír harmonías moito máis completas, como a liña do baixo, que axuda a crear un colchón sonoro moi bonito!
Ademais, agora si que contamos oficialmente cun batería no grupo, Pablo Barrio, que nos axuda a crear un ambiente nos concertos moi importante, e a alzar certas cancións cara un estilo máis punk.
O grupo nace a raíz dunha viaxe, e o voso segundo disco leva por título Pelerinaxes. Como chegou esa idea de percorrido ata o centro do traballo e que vos permitía reunir baixo ela estas oito cancións?
CRIS: Hai anos chegou ás miñas mans o libro de Pedrayo, Risco e Ben-Cho-Shey. Abraioume como hai tanto tempo eses compañeiros foron capaces de plasmar nesa obra a realidade do país, e predicir o futuro do que ía ser hoxe en día.
Realicei o camiño a pé, dende Ourense a Santo André de Teixido. Compartino coas compañeiras e pareceunos apropiada esa idea como elemento cohesionador do disco, xa que, en definitiva, cada peza é unha etapa dunha viaxe maior.

Foto: Jesús Grova
Nun disco no que a música de raíz convive con linguaxes moi distintas, en “Os esmolantes” traballades sobre unha muiñeira e a pandeireta deixa especialmente presente o pulso da música de raíz. Como condiciona ese punto de partida a maneira na que construídes e arranxades a canción?
LUCÍA: Foi algo moi natural. Entendemos a música para contar historias honestas. A raíz de coñecer a muiñeira de Florencio, a Cristian saíulle falar da xente que está nas rúas intentando sobrevivir ao día. Florencio e demais figuras violinistas no mundo tradi, como Modesta Fernández, “A cega de Noceda”, son referentes para nós na música, xa que contaban historias sen querer algo a cambio. Eran figuras moi importantes para a sociedade galega, pouco valoradas e recoñecidas daquela e que, hoxe en día, quedan moi poucas persoas que entendan o que é compartir música desa maneira.
En “Pareidolia” cantades «somos os espellos en que ninguén se ve». O propio título remite a esa tendencia a recoñecer formas ou significados onde non necesariamente os hai. Como se relaciona esa idea con esa imaxe dos espellos que aparece na letra?
ABRAHAM: “Pareidolia” é un dos nosos temas favoritos, precisamente porque é algo no que calquera se pode sentir moi identificado; especialmente co ritmo, as esixencias e a precariedade de hoxe en día. Un pensa moito en se fai ben ou non as cousas, en como lle afectan aos demais as propias decisións, no que pensa o resto… Ás veces, tentamos cumprir unhas expectativas que son irreais, e iso fainos dano.
En “Malas Novas” conviven o poema “Furtivos”, de Paco Souto, e a melodía de “Parrús”, dos Diplomáticos de Monte Alto, dentro dunha canción de Galkan. Como se constrúe unha peza nova cando traballades con materiais que xa teñen unha historia e unha identidade propias?
CRIS: Pois dun xeito moi natural. Fóronse dando as cousas. “Malas Novas” fala de traxedias recentes que se deron no país nos últimos anos, o pasamento de Paco Souto e o afundimento dun barco que chocou cunha batea na ría de Pontevedra; parece mentira que esas cousas sigan pasando hoxe en día.
Mentres faciamos a canción, apareceu unha parte na que pensamos que sería bonito recitar ese poema, que é un dos nosos favoritos. Foi algo que aconteceu. Falamos ca súa familia e gustoulles a idea. É algo que estamos moi contentas de poder compartir.
Cando estabamos a rematar a canción, deuse o pasamento de Mangüi (baixista dos Diplomáticos de Monte Alto). Tendo en conta que Os Diplomáticos son un grupo moi vencellado ao mar, decidimos incluír a melodía favorita de Mangüi como pequena homenaxe.
Desde o primeiro EP, Eloi Pascual acompáñavos na gravación e produción, e tamén participa na percusión. Como foi medrando esa colaboración e que papel acabou ocupando na maneira de construír o son de Galkan?
LUCÍA: Eloi é un gran músico e un gran compañeiro que valora e entende a nosa música. Neste último álbum, salvounos de certa maneira e tivo que compoñer a percusión en pouco tempo, encerrado na súa habitación con 40 graos e facendo a percu coa súa propia boca[risos]. Foi moi bonito ver como alguén se implica desa maneira e intenta mergullarse nas nosas historias e comprendelas para facelo da mellor maneira posible e cun sentido.
A súa carreira profesional pasa pola formación clásica, o metal, o jazz e a improvisación. Que aporta ao proceso traballar con alguén cunha maneira tan transversal de entender a música?
LUCÍA: Claro, Eloi vén deses estilos diferentes aos que manexamos en Galkan, sobre todo as muiñeiras e xotas e rumbas. Ao final, é un músico moi polifacético e que lle gusta tanto o seu traballo que para el foi un reto de moita motivación e valor sentimental compoñer estas percusións.
Galkan, ao non ser un grupo que se mova só por un estilo musical axudoulle a Eloi a compoñer de maneira flexible. Por exemplo, en “Desacougo”, movémonos máis polo gypsy jazz, algo moi familiar na formación de Eloi.

Foto: Jesús Grova
Para a masterización deste último traballo acudides a Arturo Vaquero, de Abrigueiro Estudios. A súa traxectoria pasa pola música galega, o audiovisual e mesmo unha nominación ao Goya por “Agallas vs. Escamas”; no seu estudio graváronse tamén materiais para producións como Gladiator II. Que achega esa experiencia tan ampla á hora de dar a forma final a un disco como o voso?
CRIS: Arturo axudounos moitísimo e comprendeu a sonoridade que queriamos transmitir no disco. A verdade é que foi unha sorte poder contar con el. Tiñamos claro que queriamos facer esta parte do traballo cun estudo do país, que comprendese ben os matices das nosas músicas. Barallamos varias opcións, e ao final penso que acertamos.
Lina, ademais da voz, estás detrás de boa parte da imaxe de Galkan: desde as fotografías que acompañaban os temas do primeiro EP ata o deseño da portada do disco. Como foi medrando esa identidade visual ao mesmo tempo que o facía a banda?
LINA: Cando coñecín a Cris, conectei moito coas súas viaxes e coas súas letras. A través das conversas e das fotografías que me compartiu, fun visualizando Salento, un pobo de Colombia no que estivo Cris, como punto de partida para este proxecto. As súas cores e a calidez que transmitía axudáronme moito a darlle unha identidade visual coa que todas estivemos de acordo.
Co tempo, fomos afianzando a nosa conexión coa natureza, coa terra e co propio proceso de creación. De aí, xurdiron as fotografías, os vídeos... Eses espazos nos que nos sentimos máis conectadas con Galkan. Desa conexión nace tamén a portada de “Pelerinaxes»”, coa presenza desa árbore de carballo que tanto coñecemos.
O proceso consistiu en procurar que a parte visual fose moi da man do noso sentir, contando ademais coa vantaxe de coñecer o grupo desde dentro.
Coa formación actual conviven voz, baixo, pandeireta, ventos, guitarra e violín, ademais doutros elementos que aparecen nas gravacións. Como repensades os arranxos cando as cancións pasan do estudo ao directo?
LUCÍA: Pois temos moitas formas de traballar dependendo de quen compón as cancións. Ás veces, partimos dos ensaios para probar cousas, melodías, etc… E outras veces partimos de audios de WhatsApp e indicacións de como imaxinamos ou como sentimos a canción. Si que é un proceso longo, no que o que máis axuda é tocala e tocala e tocala para que vaian saíndo as cousas.

Moitas das vosas cancións parten de historias íntimas ou complexas, pero conviven con ritmos que tamén convidan ao baile. Descubrides algo sobre elas cando chegan ao directo e aparecen as reaccións do público?
LUCÍA: Sempre é bonito estar tocando e ver como o público desfruta e baila. É unha sensación que nunca experimentei na miña vida e que me parece, de todo o proceso, unha das cousas máis bonitas de ter un espazo onde compartir músicas con historias. Ver como se transmiten esas historias tan íntimas e que pouca xente conta a través das músicas e como a xente as baila é algo moi reconfortante.
Nas vosas redes definides Galkan con catro palabras: «Contos que se cantan». Despois de dous traballos cheos de persoas, lugares e lembranzas, que ten que ter un conto para que sintades que merece ser cantado?
CRIS: Penso que o primeiro, é que non estea contado xa. É bonito contar contos, pero tamén escoitalos. Dalgún xeito penso que os contos, esas historias, teñen a súa propia alma e a súa propia intención, e que se lle das espazo, atopan o momento e lugar para saír.
Aí está a nosa parte.
Todo conto merece ser contado, se é importante para a persoa que o canta.

Foto: Jesús Grova
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
LUCÍA: Talabarte gústanos moito xa que nesas melodías conviven tamén moitos estilos coma nós.
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100 % sinceridade, 0 % vergoña.
LUCÍA: Que pregunta máis curiosa [risos]. Pois acabo de abrirlo e sáeme un pouco de flamenco que son moi fan e un pouco de folkie de hoxe en día como Caldo ou Abril.

