• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

WÖYZA: «A TRANSFORMACIÓN É INEVITABLE»

WÖYZA: «A TRANSFORMACIÓN É INEVITABLE»
28 SETEMBRO 2026

Case vinte e cinco anos son tempo abondo para cambiar moitas veces sen deixar de recoñecerse. Cando Wöyza aínda non era un nome, houbo unha rapaza de dezaseis anos á que lle dixeron que a súa voz estaba “rota”. Hoxe, esa mesma voz segue sendo a ferramenta coa que canta, compón, produce e se explica no mundo. Polo camiño, o hip hop foi fogar e tamén cárcere, a rabia converteuse nunha forma de seguir adiante e cada disco foi deixando unha versión distinta de Sofía Trigo: da moza que quería comerse o mundo á artista e nai que segue sentindo a necesidade de transformalo, aínda que agora o faga desde outro lugar.

En 2026, Valiosa chega despois dun tempo longo, atravesado pola enfermidade, a maternidade e a necesidade de volver atopar os motivos para seguir facendo música. Un disco que funciona tamén como un canto ao amor propio, no que conviven cancións que levaban anos esperando o seu momento, novas formas de mirarse e unha idea que percorre boa parte deste traballo: aprender a recoñecerse coa propia lente despois de tantos anos mirándose a través da allea.

 

Foto: Noemí Díaz Patiño

 

Mentres estudabas na Escola de Imaxe e Son, empezaches a gravar con Solemne e El Puto Coke e, pouco despois, aos 18 anos, Sofía convértese en Wöyza. “Y sí, mi nombre lleva diéresis”, cantas en “Canalla”: de onde sae este nome?

WÖYZA: Sei que o meu nome artístico sempre resulta curioso. Ás veces pensan que son de ascendencia polaca ou alemá porque lles recorda a Woyzeck, unha obra alemá do século XIX sobre un soldado, e que casualidade elixir eu Wöyza como nome de guerra. Simplemente foi un xogo de palabras con símbolos fenicios e co meu nome grego: Sofía.

 

Despois de máis de vinte anos de traxectoria, canto queda nel de alias e canto hai nel de Sofía?

WÖYZA: A transformación é inevitable. Penso que en cada disco e en cada etapa imos perdendo algo e gañando pola outra banda. Hai case 25 anos, cando comezaba e daba os meus primeiros pasos, era unha nena con moita forza e ganas de comerme o mundo, rebelde e sentía que quería mudar o mundo, e o mundo facíame moito dano. Iso tamén está nas miñas cancións.

A de agora segue tendo soños, segue sentindo a necesidade de expresarse e de transformar o mundo, dende outro lugar, e máis despois de ser nai. Hai un antes e un despois que si afecta á miña carreira, non só polo evidente, senón polo emocional e psicolóxico.

 

No ano 2020, liamos no teu perfil de Twitter que con 16 anos che dixeran que non tiñas voz para cantar, que a tiñas “rota” e que, aínda cantando ben, nunca chegarías a nada. Esa mesma voz, escribías, é a que che paga o aluguer hoxe en día. É posible desaprender unha inseguridade que alguén che bota enriba durante a adolescencia?

WÖYZA: Ese profesor, agora que podo dicilo, abusaba das rapazas… unha vez tocoume o cu antes de saír nunha obra de teatro e, por suposto, non quedei calada, da mesma maneira que non ía calar porque me dera unha opinión pouco construtiva sobre a miña voz. A rabia sempre foi unha das miñas ferramentas, pois tiven que aprender a canalizala para non caer en depresións ou en ser unha persoa amargada. A música ten a súa existencia, tamén para liberar o ser humano dos seus propios males, que ás veces un mesmo xera.

 

Foto: Noemí Díaz Patiño

 

Contaches para Diario de Pontevedra que escoitar The Fugees con 11 anos foi definitivo: neles convivían soul, rap e gospel. Anos despois aínda tiñas que explicar que «o hip hop non é só rap». Que porta che abriron daquela que xa non volviches pechar durante a túa carreira?

WÖYZA: O hip hop foi sempre un fogar, unha visión e estilo de vida, pero tamén pode ser unha cárcere para moitas mentes pechadas. Hoxe en día, o que máis admiro da xente máis nova é que son moito máis aperturistas do que foi a miña xuventude. Escoitan todos os estilos e intentan facer universal a súa propia cultura. Penso que é outra maneira de estar no mundo. Ao final, The Fugees foi o que lograron, e a súa música aínda perdura de xeración en xeración.

 

En 2008 publicas Pisando el suelo que ves con descarga gratuíta e acabas descubrindo que o disco estaba chegando incluso a lugares como Iemen. Cando empezaches a ver que o disco chegaba tan lonxe, mudou a percepción que tiñas do alcance real que podía ter a túa música?

WÖYZA: A mellor decisión que tomamos naquela altura foi poñer o disco como descarga gratuíta, dende a nosa páxina web. Anticipámonos ao tipo de consumo que chegaría despois coas plataformas dixitais. Foi unha boa maneira de chegar a todo o mundo e permitirme estar nos cascos e en infinidade de países e escenarios. Comezaron as xiras e as viaxes. Foi unha época moi bonita.

 

Neste traballo xa aparecen temas como “Tempos de muller”, onde cantas: “A nosa luz alumeará unha xeración en igualdade”. Cando volves hoxe a ese primeiro LP, que ideas daquela WÖYZA seguen intactas en ti?

WÖYZA: Penso que a nosa luz segue alumeando unha xeración en igualdade. Seguimos pelexando por ela. Sen dúbida hai que seguir facendo moito, porque a violencia contra a muller e as nenas e nenos segue estando moi presente na nosa sociedade. En ningún tempo podemos dar os dereitos por gañados, non nos podemos despistar. A sociedade patriarcal sempre encontra maneiras de saír á superficie. É un construto moi forte e integrado. Si que penso que avanzamos un pouquiño dende que escribín esta música ata agora, mais non tanto como me gustaría.

 


 

 

 

Oito anos despois, en 2016, chega Pelea. Máis alá do título, contra que estabas pelexando artisticamente nese momento?

WÖYZA: “Pelea” non é unha pelexa de puños, é unha pelexa pola supervivencia. Eu saía dunha relación tóxica de maltrato, volvía á casa dos meus pais cunha depresión terrible, o meu pai pasaba por unha mala racha laboral e debiamos arrimar o ombro, e o máis difícil: a miña avoa falecera uns anos antes e deixárame esta mensaxe: “Abuela, me susurró: Pelea”, pois foi a súa última palabra, e eu tíñaa moi presente en cada paso.

 

 

Neste LP compós ao piano, coproduces o disco e traballas directamente cos músicos. Contabas que, cando che preguntaban quen producía e respondías “eu”, a sorpresa era a reacción habitual. Sentiches que a túa faceta de compositora e produtora tardou máis en ser recoñecida?

WÖYZA: Si, sempre custa ser recoñecida nestas facetas, pero non é algo que me importe. Estou segura do meu criterio e, en particular, moitas persoas escríbenme comentarios, mensaxes ou páranme na rúa para darme as grazas, contarme o que sinten a través da miña música, ensinarme a súa música ou contarme como os inspiro a facer isto ou aquilo. Ese é o recoñecemento de maior satisfacción.

 

 

 

En 2019 publicas Tábula Rasa, tres cancións arredor do amor propio, sostendo que preferías concentrar toda a enerxía nun traballo pequeno que te representase antes que “meter cancións de recheo”. Que ten que pasar para que sintas que unha canción merece quedar nun disco teu?

WÖYZA: Ten que pasar o filtro da miña nai (hahahaha). É broma. Ten que motivarme, en todos os sentidos: emocional, musical, mensaxe… para seguir traballando nela e crer que merece ser escoitada e achegada ao público.

 

 

 

 

A primeira toma de contacto con Wöyza & The Galician Messengers chega en 2018, representando a Galicia en Frankfurt, pero é no 2021 cando a formación se consolida e se presenta no Courel cun repertorio integramente en galego. Por que esa aproximación á tradición necesitaba tamén unha formación nova?

WÖYZA: Sentía que era o meu proceso natural. Naquela altura, estaba conectando coa música da nosa raíz. Acababa de mudarme a Moaña e volvía ver o mar todos os días. A inspiración levoume a mesturarme co propio e investigar e experimentar con sons novos que eu sentira que tiñan ligazón cunha cultura galega da que se me privara no contorno do fogar (xa que a miña familia é emigrante e a súa cultura é de base uruguaia).

 

En “Campo estrelado” escribes “Carballos e fentos, feitizos das flores que cheiran a sal”. É unha muiñeira, cunha pandeireta moi presente, e curiosamente escribíchela mentres vivías en Madrid, atravesada pola morriña. Por que cres que unha canción tan pegada a Galicia apareceu precisamente cando estabas lonxe dela?

WÖYZA: Porque tiña alucinacións auditivas. Escoitaba as gaivotas entre o meollo de Lavapiés, pero non estaban. Aí decateime do que é perder algunhas das cousas que dás por feito na vida: o respirar, a salinidade do mar, os paxariños piando na porta da casa, medir o tempo en torno á posición do sol, a choiva… buf! Como botaba en falta a choiva! Por iso aparece "Campo estrelado", como unha peregrinación de volta á casa.

 

 

En “Cain as follas” conflúen a obra de Uxío Novoneyra, profundamente vencellada ao Courel e á Galicia rural, e a túa propia traxectoria, referencia da escena urbana galega. Como se encontran dous mundos que, a priori, poderían parecer tan afastados?

WÖYZA: Comecemos porque eu coñecín o fillo de Uxío, tamén chamado Uxío, como “El galgo”… e penso que iso ten todo o sentido. Novoneyra é moi rap, sen querer selo, e á vez é todo o que se lle pide a un poeta galego, a un defensor do territorio, da lingua e do noso. Nese punto está todo, na visión da vida. “Cain as follas” fala do tempo, do cambio de estación, de aromas propios….

 

 

 

 

Agora, en 2026, chega o teu novo disco, Valiosa. Nel recuperas cancións como “Cómo Sería” ou “Ya no estás”, creadas anos antes e que xa tiveran vida propia. Que che fixo querer incorporalas agora a este álbum?

WÖYZA: Pertencían a el dende o principio, e precisaba que fosen entendidas como parte de “Valiosa” LP. Tardei en sacar o álbum máis do desexado. Mentres estiven de xira cos Messengers, quedei embarazada e maternei os primeiros meses de vida do meu neno. Cando sentín que estaba preparada para lanzar o traballo e poder atendelo minimamente, fíxeno.

 

Abres con “Florecer”, unha canción que remata con “Mi amor, por fin, comienza a florecer. ¿Dónde? Donde lo dejé”. Que quedara pendente contigo mesma para que florecer significase volver e non empezar de cero?

WÖYZA: Estiven perdida e enfadada coa vida durante un tempo. Dalgunha forma, penso que sentía que me estaba murchando pouco a pouco, que non estaba no lugar que quería estar, e necesitaba recordar os motivos polos que debía seguir facendo música e seguir, en xeral, coa vida que elixira. Naquela altura estaba entrando e saíndo do hospital continuamente e necesitaba que todo se encamiñase. Penso que limpiei moita merda, tomei moitas decisións bastante radicais e importantes como para poder florecer.

 


 

En “Valiosa”, xunto a Alana Sinkëy, cantades: “com a tua própria lente és valiosa”. Contaches en Faro de Vigo que a canción nace dunha conversa moi persoal entre as dúas e que funciona como unha mensaxe ás vosas versións do pasado. Cando o bullying, os complexos ou a falta de modelos nos que recoñecerse condicionaron durante anos como te ves, como se aprende a mirar de novo coa propia lente?

WÖYZA: Con confianza, con amor e con tenacidade. Temos que protexer as nosas crianzas deste mundo destrutivo que habitamos.

 

Foto: LADIËRESIS

 

No videoclip, esa idea trasládase á infancia a través de dúas rapazas. Que pode cambiar na vida dunha nena atopar a tempo unha imaxe na que sentirse representada? Ves posible que algunha rapaza poida atopar hoxe en ti ese espello?

WÖYZA: É importante ter referentes que nos dean seguridade e nos que reflectirse. Nós non somos exemplo de nada, somos humanas; pero si, como personaxes artísticas, podemos ser modelos nos que outras poidan traballar a súa identidade e reforzar a súa autoestima.

 

 

Alana Sinkëy era xa unha das túas artistas favoritas, como contabas para Faro de Vigo, e nesta canción as dúas asinades letra e voces. Que atopas na súa sensibilidade artística para sentir que era a persoa coa que querías construír precisamente este tema?

WÖYZA: Levo anos seguindo a carreira musical de Alana, desde Cosmosoul, Patax, como corista de Drexler ou agora en solitario. As dúas temos moitas amizades en común e durante un pequeno período de tempo que vivín en Madrid puiden compartir con ela a nosa participación en Gospel Factory, o coro de Dani Reus. Sempre tivemos unha conexión especial, quizais porque ela é portuguesa e eu estou moi vinculada á escena do hip hop tuga. Desde a primeira vez que a escoitei, fiquei namorada da súa voz e a súa presenza escénica. Despois da amizade, xorde a conexión de ideas e a colaboración.

 

Foto: Noemí Díaz Patiño

 

En Valiosa tamén deixas un pequeno espazo sen palabras con “Interludio”, xunto a Yago Vázquez. Que función cumpre para ti ese silencio da voz no medio dun disco tan atravesado polo relato?

WÖYZA: Nun primeiro momento había unha conversa gravada enriba da música, un previo a “Equipo”, pero, xusto antes de rematar o álbum, sentín que sobraba, que me parecía excesivo. O piano era tan bonito… Nunca o fixera antes e parecíame necesario un respiro no medio das músicas. Sobre todo, antes dunha canción tan especial para min como é “Equipo”.

 

Con Nach xa compartiras “Disparos de silencio” en 2011 e “Los tatuajes en mi alma” en 2016, dúas colaboracións cunha enorme acollida. En 2021 volvéstesvos atopar en “Cómo Sería”, que hoxe forma parte do novo LP. Sendo Nach, nas túas propias palabras, “un pai no rap”, como cambia a maneira de traballar con alguén a quen tamén ves como referente?

WÖYZA: Nach é referente pero tamén é un bo amigo. Na miña carreira foi sempre un apoio fundamental para o meu crecemento profesional. “Cómo Sería” cumpre cun reto maior, porque decidín rapear e medirme fronte a un titán.

 

 

Lhanze leva formando parte do teu universo sonoro desde Tábula Rasa, e en Valiosa volve estar presente en boa parte do disco. Ao mesmo tempo, publícalo desde Wötown, o teu propio selo, que che permite manter o control creativo sobre a túa música. Que ten que ter un produtor para que, podendo ti decidir absolutamente todo, queiras seguir compartindo con el decisións?

WÖYZA: Lhanze ocupa o rol de beatmaker e, de aí, partimos para traballar en equipo a produción xunto a Pancho Suárez no estudio. Gústame traballar con xente resolutiva, creativa e que non estea medindo as estatísticas, o algoritmo e as tendencias da moda. Que teñan instinto musical animal, que poidamos debater e, sobre todo, con respecto e liberdade creativa. Que aporten ideas e axuden a levar a cabo a miña visión. Trátase de compartir e de que todos teñamos claro cal é o papel que temos que desenvolver e por que.

 

Foto: Mario Llorca Loureiro para AmalxGaza

 

Unha vez construído o son de Valiosa no estudio, chega o momento de poñelo nas mans dunha banda e levalo ao directo. Que parte dese universo necesitas conservar e que parte che interesa que se transforme cando entra en xogo o escenario?

WÖYZA: Conservar a esencia das cancións, o groove, pero ter a liberdade de crear novas capas que transformen a música en directo e que a fagan máis grande ou máis minimalista. Penso que un directo ten que ser distinto ao álbum e que as músicas están vivas e son distintas en cada interpretación para ese escenario. É incrible comezar a traballar un set list e pensar nunha creación única para cada espazo.

 

O 2 de outubro presentas Valiosa en Vigo, a cidade na que comezou a túa traxectoria, acompañada por High Paw, Mey Tellez, Reynier Aldana, David “Fermo” Fermoselle e outros artistas convidados. Despois de máis de vinte anos de carreira, que significa volver a Vigo cun disco que fala tanto da muller e da artista que es hoxe?

WÖYZA: Tocar na casa é o mellor que hai. Sabes que o público é o máis esixente, porque entre o público están os teus amigos/as e ten unha carga emocional maior. Estamos ansiosos, á par que cagados por todas as cousas bonitas e todas as colaboracións amadas que pretendemos levar ao directo na presentación dunha forma totalmente inesperada.

 

Foto: Gf estudio

 

Contaches para Atlantico.net que “Pelea” foi a última palabra que che deixou a túa avoa antes de falecer e que foi collendo sentido co paso do tempo. Despois de todo o que veu desde entón, que lle contarías hoxe sobre o que fixeches con aquela palabra?

WÖYZA: Como din as Fillas de Casandra “a miña tatatatataravóa estaría contentaaaa”…

Non sei, tería moitas cousas que contarlle… Daríalle as grazas por todas as ensinanzas, o amor e a inspiración tan grande que foi para min a súa existencia, valores, mentalidade e humanidade.

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

WÖYZA: Estamos nun momento, en galego ou noutro idioma, de moitísimo talento. Vou recomendar mulleres porque penso que somos menos e eles case nunca nos recomendan a nós.

As miñas valiosas son: High Paw, Zeltia Irevire, Faia Diaz, Dani diCostas.

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100 % sinceridade, 0 % vergoña.

WÖYZA: Para o día a día: Masego, Rilès, Aldhara, Muni Long, Teyana Taylor, La Guru, Sasha Keable, Jorge Drexler, Música curativa Tibetana, Silvia Pérez Cruz, El rey León, María Elena Walsh… e moitas cancións infantís.

izq noticias