• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2026

NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2026
3 NOVEMBRO 2026

“Los cuidados”, Silvia Penide

Los cuidados é un EP íntimo no que Silvia Penide abre a súa parte máis vulnerable para volcala nas súas cancións. Letras que falan de valentía, da necesidade de avanzar, das malas rachas e da luz que espera ao outro lado do difícil. Entre elas inclúese unha versión do clásico «Ni tú ni nadie» de Alaska y Dinarama. Silvia Penide acaricia coa súa voz e con melodías suaves a necesidade humana de ver o lado esperanzador da vida e das súas circunstancias.

 

 

 

 

“Outros corpos”, Ataque Escampe & Grande Amore

Ataque Escampe e Grande Amore comparten protagonismo en Outros corpos, un EP no que se renden unha homenaxe mutua. En apenas quince minutos, Nuno e Ataque Escampe intercambian temas xa publicados e versiónanos nun exercicio de recíproca admiración entre dúas das propostas máis icónicas da escena galega. O resultado é compacto, directo e moi interesante: en cada tema entra en xogo un corpo diferente, de aí o título do traballo. Editado por Ernie Records, o disco fai que catro cancións coñecidas, ao pasaren das mans duns amigos ás doutros, volvan soar como novas.

 

 

 

 

“Noitébrega”, Alexandre Cabanelas Trío

Noitébrega é o álbum de estudo debut do Alexandre Cabanelas Trío, un proxecto liderado polo saxofonista e compositor Alexandre Cabanelas, que comparte formación con Efrén Nóvoa ao baixo eléctrico e Héctor Pérez á batería. Esta formación sen instrumento harmónico deixa todo o protagonismo á interacción entre os tres músicos, e o disco móvese no terreo do jazz fusión, combinando composicións propias con estándares clásicos do xénero levados a un enfoque moderno. Unha carta de presentación sólida para un trío que, con este primeiro paso en estudio, se fai un oco na escena do jazz galego.

 

 

 

 

“Perdón”, The Lelli Kelly’s

Os morracenses Lelli Kelly’s dan o salto ao formato longo con Perdón (2026), un álbum que marca unha nova etapa na traxectoria da banda e reflicte a evolución dunha proposta musical construída arredor do garage, o punk e o rock contemporáneo. A través de sete cancións gravadas pista a pista, o grupo amplía as súas posibilidades sonoras sen perder a contundencia, a irreverencia e a enerxía que caracterizan a súa identidade. Con influencias que remiten a bandas como Idles, Viagra Boys ou The Hives, e mantendo o galego como principal vehículo de expresión, Perdón presenta uns Lelli Kelly’s máis maduros, capaces de trasladar a intensidade dos seus directos a unha produción máis elaborada que reforza a súa personalidade dentro da escena alternativa galega.

 

 

 

 

“Fálame sempre”, The Lelli Kelly’s

A faceta máis crúa e inmediata de Lelli Kelly’s toma forma en Fálame sempre (2026), un EP de catro cancións gravadas en directo no estudio que captura a esencia dunha banda que atopa sobre o escenario o seu hábitat natural. Lonxe dos artificios e das producións máis elaboradas, o grupo aposta por un son visceral, espontáneo e sen filtros, no que a contundencia das guitarras, a intensidade rítmica e a actitude punk cobran todo o protagonismo. Un traballo que reivindica a forza do directo como un dos principais sinais de identidade dos morracenses e que funciona como complemento á vertente máis traballada de Perdón, amosando a outra cara dunha formación que entende o rock desde a urxencia e a enerxía colectiva.

 

 

 

 

“Viaje de vuelta”, Los Marcianos

A banda viguesa aterra con Viaje de vuelta, un álbum producido por Carlos Hernández e atravesado por un pop brillante que mostra, unha vez máis, a identidade de Los Marcianos. Con letras luminosas e ritmos animados, o grupo logra encapsular nos seus dez temas unha realidade concreta, retratada de forma precisa e irónica. O traballo chega tres anos despois do seu último disco, Cápsula de evasión, e conta con colaboracións de Tronco, Iván Ferreiro e Patronato. O resultado é unha atmosfera envolvente, con reminiscencias de The Cure ou de Oasis, que demostra a evolución sonora da banda e a sitúa na súa proposta máis sólida ata a data.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!

izq noticias