• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

11 DISCOS QUE VER ANTES DE OÍR

11 DISCOS QUE VER ANTES DE OÍR
27 ABRIL 2017

Co lema «Start Young», o Consello Internacional de Deseño celebra este Día Mundial do Deseño xunto cun proxecto global para os máis pequenos co obxectivo de introducir esta arte a través de obradoiros educativos. E é que hoxe, as ferramentas de debuxo rebélanse e os deseñadores gráficos dannos unha lección: un disco é algo máis que música. Cada portada representa o mundo interior dun artista, os seus pensamentos, as súas emocións… comprimindo nunha soa imaxe ou ilustración o contido dun album. As cores, as formas e as texturas dánnos unha pista da viaxe que nos espera, do pequeno universo no que nos mergullaremos en canto premamos o play.

Por todo isto e moito máis, recompilamos para vós once portadas diferentes, con identidade propia nas que talento, creatividade e imaxinación van da man. Feliz Día do Deseño!

 

 

 

Título do disco: 4
Artista/Grupo: Window Pane
Ano de publicación: 2017
Autora da portada: Laura Wächter

Towneater é o protagonista e o título desta ilustración para nenos de Laura Wächter. Deseñado con Wacom Bamboo e Photoshop, este devora-pobos viste perfectamente o traballo de Window Pane que, con este álbum de rock con cancións coidadas e cheas de matices, veñen a «comerse» os escenarios logo de 10 anos de parón.

 

 

 

 

 

Título do disco: Incondicional e imperfecto
Artista/Grupo: Indomable
Ano de publicación: 2016
Autor da portada: Leo Sousa

Coa inspiración a flor de pel logo das súas viaxes por Australia, Alemaña, Galicia e Madrid, Indomable compón os oito temas que inclúe este álbum. O deseñador Leo Sousa é capaz de comprimir as innumerables experiencias nunha portada que, só con vela, transmítenos o mesmo sentimento que esas cancións tan persoais.

 

 

 

 

Título do disco: Comets Enroute
Artista/Grupo: Comets Enroute
Ano de publicación: 2017
Autor da portada: Dani Cambeiro

Comets Enroute realizou a súa portada en Danica Studio onde Dani Cambeiro, experto en deseño e ilustración en todo tipo de artwork musical, levou a cabo unha obra que combina o mundo onírico cunha estética vintage, xogando coas formas xeométricas e un fondo nebuloso con escintileos.

 

 

 

 

 

Título do disco: Indomables
Artista/Grupo: Aphonnic
Ano de publicación: 2016
Autores da portada: Ion Benítez, Nicolás García e Carlos Meira

A portada do último disco de Aphonnic, Indomables (Maldito Records, 2016), logra transmitir a enerxía e agresividade da súa música. Os responsables desta portada son Ion Benítez (Rabbit Estudio), Nicolás García e Carlos Meira. Segundo o grupo, o panda representa a forma en que eles se ven a si mesmos, un animal aparentemente tranquilo que, cando a súa paciencia chega ao límite, tamén é capaz de amosar os dentes.

 

 

 

 

Título do disco: Jódete y baila
Artista/Grupo: Novedades Carminha
Ano de publicación: 2011
Autores da portada: Clara Bellés (fotografía) e Roi Fernández (deseño)

Novedades Carminha presenta unha portada para o seu álbum Jódete y baila (2011) que reflicte unha actitude igual de provocadora e desenfadada cá súa música, obra da fotógrafa Clara Bellés e o deseñador Roi Fernández. A modelo galega Alba Galocha comparte protagonismo co polo, «prestado» por Pollerías Herrero (Madrid), local onde tivo lugar a sesión de fotos.

 

 

 

 

 

Título do disco: Salve Discordia
Artista/Grupo: Triángulo de Amor Bizarro
Ano de publicación: 2016
Autor da portada: Mert Keskin

Paganismo, romanticismo, Moby Dick, xente macarra como en Scorpio Rising (Kenneth Anger, 1965), movidas mesopotámicas e o home de vimbia. Esta é a temática coa que Triángulo de Amor Bizarro resumiu o seu último lanzamento, Salve discordia (Mushroom Pillow, 2016,) e así llo transmitiu ao artista turco Mert Keskin (haydiroket), que soubo interpretalo á perfección neste este simétrico caos.

 

 

 

 

 

Título do disco: A Persistent Lack of Ambition
Artista/Grupo: Duister
Ano de publicación: 2017
Autora da portada: María Pampín

A deseñadora María Pampín foi a creadora das ilustracións de A Persistent Lack of Ambition (El Muelle Records, 2017) o novo disco de Duister, quen optou por un unha silueta feminina de corte minimalista, trazos que evocan directamente á música do artista.

 

 

 

 

Título do disco: Human Flesh
Artista/Grupo: BALA
Ano publicación: 2015
Autor da portada: Leo Sousa

A ilustración do álbum debut de BALA, Human Flesh (Matapadre, 2015), é obra do ilustrador Leo Sousa, nativo de Arteixo (A Coruña). A portada reflicte fielmente a agresividade instrumental dos temas que compoñen o disco e, máis concretamente, a «virxe macabra», chisco á morte accidental de Joan Vollmer, poeta da Xeración Beat, e á que o dúo dedica unha canción homónima.

 

 

 

 

 

 

Título do disco: Antagonasia
Artista/Grupo: Alex Casanova
Ano de publicación: 2014
Autora da portada: Yoko Honda

A portada de Antagonasia (Crispis, 2014) é obra de Yoko Honda, ilustradora xaponesa que basa a súa obra nos anos 80. A través das cores neon e as formas xeométricas, o seu deseño transpórtanos a esta icónica década, que corresponde co estilo musical que caracteriza ao xoven compositor Alex Casanova.

 

 

 

 

 

Título do disco: Filias y fobias
Artista/Grupo: Samuel Leví y Los Niños Perdidos
Ano de publicación: 2015
Autor da portada: Luis López Rodríguez

Transmitíndonos xuventude e nostalxia, a portada do disco Filias y fobias (2015) transpórtanos a unha divertida tarde de verán con amigos; unha portada onde a elegante tipografía destaca entre a frescura da imaxe de fondo que fai lembrar o traballo do fotógrafo italiano Massimo Vitali. O deseño realizado para o terceiro traballo de Samuel Leví y Los Niños Perdidos foi creado por Luis López Rodríguez, un deseñador que pertence ao estudio de deseño vigués Chulavista.

 

 

 

 

Título do disco: Enefene
Artista/Grupo: Dallasgracias
Ano de publicación: 2016
Autor da portada: Carlos Alfaya

Enefene (2016) é o estado de harmonía e paz espiritual que Dallasgracias experimenta cando se sube ao escenario. É a conexión que os leva a outro universo, un palíndromo que o envolve todo, e que Carlos Alfaya consegue representar con este collage no que portada e contraportada conforman unha historia para ler en ambos os sentidos.

 

 

ETIQUETAS

  noticias