• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE FEBREIRO

Videoclip Club. Edición de febreiro
22 FEBREIRO 2018

Este mes, os editores engadiron cinco novos vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Ready - Escuchando Elefantes

Golpe de batería, soa a guitarra e é a quenda de Sílvia Rábade. A nosa habitación inúndase de emocións e sentimentos que nos trasladan a un mundo de depresión levado ao terreo da sedución. Estamos ready? O dúo galego Escuchando Elefantes móstranos a súa versión máis íntima co videoclip de “Ready”, un xogo de planos medios dos autores (Sílvia Rábade e Carlos Tajes) e un fondo negro, a luz tenue consegue que manteñamos un fío de esperanza durante todo o vídeo. É esa mesma esperanza a que aparece en todas as cancións do seu último álbum, Hope (2017), dez temas que pasan da tristeza á alegría entre toques eléctricos e enérxicos. Es capaz de sentilo?

 

 

 

All of Me Is You - Mordem

Como un simple vídeo sen apenas cambios de imaxe é capaz de crear un ambiente ou un estado de ánimo en nós. Elba Fernández convértese en Mordem co seu novo traballo discográfico Fragments To Dominate The Silence (The Winter Hunters, 2017). Cun son máis etéreo e ambiental deixa atrás esa crise de identidade que superou refuxiándose na súa música contando historias. “All of Me Is You” forma parte deses relatos con influencias no cinema que nos trae un videoclip capaz de facernos pensar con só escoitala, xa que esta peza audiovisual componse dunha secuencia de planos medios da artista cun gran peso emocional proxectado nela mesma. Como compañeiros de viaxe conta con Xavi Font ao piano, Manuel Cabezalí ás guitarras e David Unison na produción. Déixache levar con este pequeno fragmento da súa historia.

 

 

 

Salto al vacío - Nortones

Como non era suficiente cun simple videoclip, os artistas de Nortones decidiron crear un cineclip («peza concibida con todos os elementos do cine»), co fin de darlle vida ao single “Salto al vacío”. Para iso uníronse á aventura actores como Monti Castiñeiras (Fariña, Serramoura), Tacho González (Padre Casares, Pratos Combinados) ou Carlos Castel (Amar en Tiempos Revueltos, Al Salir de Clase). Unha coidada fotografía, un elenco especial e os movementos de cámara fixeron que esta pequena parte do LP Sobrenatural (2017) leve todo o protagonismo. O director Pedro Folla, de Dreamovie, o director de fotografía Jaime Pérez e este grupo musical conseguiron converter o Pazo de Vilaboa na escena dunha gravación dunha calidade tan alta que impresiona. A ambición deste grupo deu os seus froitos!

 

 

 

Golpeado por primera Vez - PARDO

“Golpeado por primera vez” foi o primeiro adianto audiovisual de Libélula (2017), último LP de Néstor Pardo. Quen diría que unha azotea puidese chegar a ter tanto encanto? O uso de todo tipo de planos gravando un bo baile e mesturados coa súa voz esgazada fan brillar a creatividade do músico coruñés, baixo a dirección de Edu Lavandeira para TAM TAM Gestión Creativa. PARDO contou coa colaboración de Tania Morenilla para protagonizar esta peza, á que lle fixo unha petición: «déjame ser el que baile con tu piel». E así foi, mesturando a sensualidade coa picardía, os dous artistas fan que quedemos ata o final deste curioso baile e da historia que este conta.

 

 

 

Sal y sangre - Selvática

«Branco e negro para unha historia con tinguiduras de pesadelo». Así resume Selvática o videoclip da súa canción “Sal y sangre”, unha das que conforman o seu último álbum Seres abisales (Discos de Kirlian/Orphan Records, 2017). Jose Miguel Sagüillo foi o encargado de darlle imaxe a esta melodía e de darlle vida aos seus protagonistas: Suso Cortegoso, Soraya Paradela e Mario López. Ambiente nocturno, noite de lúa chea, un ser vampírico desesperado dentro do seu propio pesadelo e o branco e negro das súas imaxes son as partes que destacan neste traballo. Vas saír a buscar sal e sangue para a túa sede?

 

  noticias