• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

TRANSILVANIANS: «SOMOS UNS NAMORADOS DESTES RITMOS E SEGUIDORES DA CULTURA XAMAICANA»

TRANSILVANIANS: «SOMOS UNS NAMORADOS DESTES RITMOS E SEGUIDORES DA CULTURA XAMAICANA»
18 XANEIRO 2021

Eles son sete, os seus anos no escenario suman case 20 e a súa discografía recolle varios longos, EPs, singles e ata un dobre LP con, nada máis e nada menos que, Roy Ellis, lenda da música xamaicana. Partindo de xéneros de dispares procedencias, as influencias de todos e cada un dos membros de Transilvanians conflúen nunha paixón pola música negra de raíz, o western, a ciencia ficción ou o xénero de terror.

Os seus directos son eléctricos e explosivos a partes iguais, cargados de rocksteady, groovy soul, horror reggae, dub, R&B xamaicano ou funk marciano que reparten por toda a xeografía estatal e mesmo internacional. Con algo de retraso —por causa de forza maior que comeza con R e remata en Oy Ellis— o grupo vigués lanza o seu esperado novo disco, Soulful Space (Liquidator Music, 2020), colección de 11 temas (oito composicións propias e tres versións) gravadas por Javi Vicalo en The Dub Yard (Vigo) e producidas por Kino L-Cobra.

 

 

Hai case vinte anos da vosa creación, case dúas décadas compartindo escenario e estudio; botando a vista atrás, cal foi o xermolo de Transilvanians?

Kino L-Cobra: «O xermolo de Transilvanians foron dúas bandas. Por un lado Dr. Cotomondongo, banda de ska revival e 2 Tone de onde procedían Javier Soto e Tino López (guitarrista e baixista respectivamente) e, por outro, Trapalleitors con Xabi e Kino (teclista e baterista), que viñamos facendo esta música nunha onda máis clásica desde finais dos 90. Aos poucos, foise completando a primeira formación e, ata o día de hoxe, pasaron por Transilvanians máis de 40 músicos e músicas!».

 

A vosa proposta está dedicada á música de orixe xamaicano, cadencia caribeña nesta terra nosa onde as palmeiras tropicais brillan pola súa ausencia. Por que este estilo, tan pouco común por aquí, malia á súa innegable pegada noutros xéneros?

Kino: «Ante todo somos uns namorados destes ritmos e seguidores da cultura xamaicana desde hai moitísimos anos, polo que foi moi natural facer unha banda de estas características. A base de anos de ensaios e concertos, cremos que lle pillamos un pouco de xeito ao dos ritmos sincopados».

 

 

Sendo tantos compoñentes haberá influencias do máis variadas, rocksteady e ska sesenteiro, R&B, surf, soul… de que xeito conflúen ata acadar o voso «horror reggae»?

Kino: «Certamente é así. Partimos da base de facer música oldies xamaicana que abrangue a idade de ouro, desde principios dos 60 co ska e R&B xamaicano pasando polo rocksteady, ata o early reggae, pero con moitísimas influencias musicais como ben comentades, e outras moitas como os cómics e antigas películas de terror e ciencia ficción, xénero western, etc.».

 

O propio nome do grupo, Transilvanians, como as letras e títulos de boa parte dos vosos temas remiten a películas de terror de serie B. De onde sae esa paixón por ese terrorífico universo como saído dos filmes da Hammer, desta volta moitas veces ambientados en Galicia?

Kino: «Cando formaron a banda, Kino e Xabi (antigo teclista) tiñan moi clara a idea de mesturar esas dúas paixóns —que poderían parecer nun principio moi antagónicas— xa que son moi seguidores dese tipo de xéneros e tamén deste tipo de música. Deste xeito naceu o proxecto de Transilvanians e a etiqueta horror reggae».

 

 

A vosa discografía vén envolta nunhas portadas ilustradas por Roberto Argüelles, que mesturan terror e humor a partes iguais cunha estética moi coherente co que falabamos antes. Como xurdiu esa longa colaboración con el? É Argüelles unha especie de oitavo transilvanian?

Kino: «Roberto é un vello amigo da nosa cidade do que admiramos moito o seu traballo, para nós é un dos mellores ilustradores do país, e capta moi rapidamente as ideas que pasan pola nosa cachola; é un gustazo e un luxazo poder traballar con el e, desde logo, que é un Transilvano máis… a familia transilvánica é familia numerosa!».

 

Os vosos ritmos conquistaron varios países de Europa, como Bélxica, Francia, Alemaña, Holanda ou Portugal… como describiriades a vosa acollida alén das nosas fronteiras?

Martin McFly: «É incrible a experiencia de estar tocando a centos ou miles de quilómetros e que a xente se achegue aos concertos, se implique tanto e nos mostre ese agarimo pola banda e pola música que facemos; é unha “Sweet Sensation”, como di a canción».

Charly Doctor C Varela: «Pois, en xeral, déronnos unha acollida boa; a pesar das diferencias lingüísticas, culturais, de costumes, etc., a música foi capaz de romper calquera barreira, e sempre nos fixeron sentir ben en todos os sitios».

 

 

Ao fío, atopades algunha diferenza ou similitude destacable no público que acude aos vosos concertos entre aquí e alí?

Martin: «A pesar de que nas viaxes atopas xente de culturas moi diversas, con outras linguas e, aparentemente, outras inquedanzas, a realidade cando estamos a falar da relación coa música non é esa. Temos un público marabilloso, moi fiel e que ama a música xamaicana tanto como nós, o que nos fai sentir a mesma emoción e conexión con eles nos concertos».

Charly: «Na maioría dos casos o público ten un nexo común que é o gusto pola música xamaicana; despois, en cada caso é diferente e non son capaz de identificar un “patrón”. Non depende só do país, senón do ambiente habitual e particular de cada cidade, sala de concertos, etc.».

 

Adoitades mesturar repertorio orixinal con versións. Como seleccionades os temas a versionar e como é o proceso de adaptalas ao voso son?

Kino: «Comezamos facendo integramente o noso repertorio de versións, é a mellor maneira de aprender a linguaxe para tocar e compoñer esta música. Comezamos tirando de clásicos e tamén buscando temas máis raros que se adaptasen a nós; en Xamaica hai unha grande tradición de mesturar o cine e a literatura, de terror e outros xéneros, coa música, así que tivemos un bo filón de onde tirar e aprender. Co paso do tempo, como non podería ser menos, fomos quitando ou cambiando versións e incluíndo temas propios, e algúns deles foron converténdose en “clásicos” nos nosos directos.

Á parte son as adaptacións de cancións doutros estilos; moitas veces xorden espontaneamente, escoitando un tema punk ou un bolero, imaxinámolo na nosa onda e se soa ben no maxín, non adoita fallar unha vez interpretado».

 

 

En canto aos temas orixinais, á hora de compoñer, quen ou que inspira a Transilvanians?

Kino: «Por poñer só uns exemplos: desde The Skatalites, Desmond Dekker, Derrick Harriott, The Upsetters, pasando por The Meters, The JB’s, Link Wray, Skull Snaps, o licor café, os clásicos de terror da Universal e a Hammer, King Horror, Roy Ellis, a cervexa…».

 

Despediades o 2020 con Soulful Space (Liquidator Music, 2020), logo de varios anos de silencio discográfico. Tiñades xa o lanzamento pensado ou foron os longos meses de confinamento os que fixeron que vos «lanzásedes»? Como afectou (e supoñemos afecta aínda) esta situación de pandemia á produción e lanzamento do disco?

Kino: «Si, comezamos a traballar na preprodución de Soulful Space en 2017, ensaios, maquetas dos temas… Entramos no estudio The Dub Yard en 2018 coa idea de gravar dous discos, un que saíse en 2019, coincidindo co noso 15 aniversario, e outro en 2020. Finalmente cruzouse polo medio a grande oportunidade de gravar como banda de estudio o novo disco de Roy Ellis e dedicamos toda a nosa enerxía e tempo en preparalo ben. O resultado foi o dobre LP Almighty Ska (Liquidator Music, 2019), polo que se retrasou un pouco a nosa criaturiña.

En 2020 aproveitamos para rematar algún floco que quedaba no estudio, traballar moito na produción e finalmente seleccionar 11 temas das 19 bases que gravamos nun principio».

 

 

O LP recolle 3 versións moi dispares e 8 composicións propias, como foi o proceso creativo de composición e arranxo?

Kino: «Dúas das versións xa as viñamos facendo en directo desde hai tempo; a outra, un día pasóuseme polo maxín en clave ska, xa que é un tema que me encanta desde sempre, e o final funcionou! Como comentaba anteriormente, todo o proceso durou finalmente tres anos… cun disco dobre polo medio».

 

Entre eses 11 temas escoitamos dúas colaboracións, “The Power Of Rocksteady” xunto a High Paw e “Is Anybody There?” con Rubén López. Que procurabades con estas colaboracións? Como foi traballar canda eles?

Kino: «O resultado pensamos que é espectacular. Trátase dun traballo entre familia, polo que foi moi doado colaborar con estes dous bos amigos que teñen un talento e unha xenerosidade enorme.

Con High Paw traballamos directamente desde o estudio, e Rubén gravou dende Barcelona, onde reside».

 

 

Ademais do formato dixital, seguides a apostar polo vinilo cunhas edicións físicas moi coidadas. Por que esa aposta? Notades esa resurrección do vinilo da que todo o mundo fala?

Kino: «O vinilo nunca morreu, pero si que é certo que está en un moi bo momento e ata semella que un pouco de moda.

Algúns de nós nunca deixamos de consumir discos de vinilo, e neste proxecto sempre tivemos claro que queriamos coidar eses detalles. Empezando polos instrumentos e equipos de época, tentar gravar en todo o posible en analóxico e editar en vinilo, claro, non podería ser menos, xa que facemos música tradicional, e tentamos facelo como se facía orixinalmente. Ademais, non é comparable a calquera outro formato en calidade de son, presentación, etc. Only vinyl».

 

Outra das vosas facetas é xirar como banda de directo de nomes consagrados da música xamaicana como Roy Ellis (a quen tamén escoitamos nalgúns dos vosos temas), Winston Harrison ou Roy Panton e Yvonne Harrison. Como é compartir escenario con estes «monstros»?

Javi Vicalo: «Para min é unha experiencia incomparable ter a honra de actuar con semellantes artistazos. No caso de Roy Ellis, lembro un bolo que fixemos en Francia como un dos mellores da miña vida».

Martin: «Un soño poder compartir escenario con artistas que admiras e que sempre estiveron na banda sonora da túa vida; ademais, é unha experiencia que enriquece moito tanto a nivel persoal como profesional. O trato tan próximo e a calidade humana é unha oportunidade de aprender leccións de vida destes mestres».

Charly: «Para min tocar, gravar e convivir con artistas que escoito desde hai moitos anos é facer realidade un soño, pero alén de desfrutar dese feito, supón un reto que esixe estar á altura, o que te fai crecer como músico e aprender da experiencia que teñen dentro e fóra do escenario».

Kino: «Compartir viaxes por toda Europa, escenario, gravacións e demais vivencias con varios dos pioneiros e ídolos xuvenís para min é un soño cumprido! Ademais de ser altamente enriquecedor en todos os sentidos. Todos eles, ademais de ser grandísimos artistas, son mellores persoas; por exemplo, con Roy Ellis existe unha relación fluída, case semanalmente falamos, únenos unha gran amizade despois de todos estes anos de andainas».

Iago Ramilo: «Poder compartir escenario con Roy Ellis, no meu caso, foi algo incrible, ter a unha persoa da súa idade e traxectoria ao teu carón repartindo enerxía e carisma dunha maneira tan potente e sincera é algo que non vivira ata o momento. É moi contaxioso, non podes evitar embriagarte da súa onda, é algo magnífico!».

 

 

Se tiverades ao mesmísimo Conde Drácula enriba das táboas, que canción o convidariades a cantar?

Martin: «Pois eu convidaríao a cantar “Vampire Lover”, un tema coa antiga formación que dá nome ó primeiro disco, que puiden mercar nada máis chegar a Vigo, na Honky Tonk… xa fai anos!».

Javi Vicalo: «“Hallelujah”de Leonard Cohen».

Kino: «Sen dúbida “Drácula Ye-Ye” de Andrés Pajares».

Iago: «“Into the Pyramid”, non vale para cantar, pero Drácula sería o mellor performer posible».

Charly: «“Sweet Sensation” dos Melodians».

 

Xa estamos en 2021, pero a volta aos escenarios de xeito «regular» está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos… Como o estades a levar? Que poderemos esperar dun directo de Transilvanians?

Martin: «A situación inicial foi dramática; sacrificouse algo esencial como é a cultura cando se está a demostrar que se pode seguir facendo dun xeito seguro, cumprindo as medidas. O noso último concerto foi o do XV aniversario da banda, unha noite máxica en Vigo enriba e abaixo do escenario, estreando novos temas e coa reunión da antiga formación. Pasar dese cóctel de emocións a un 2020 sen poder xuntarnos e tocar foi duro. A saída do noso último traballo Soulful Space deunos unha inxección de forzas e ilusión por poder presentalo como merece cando sexa posible».

Javi: «Somos unha banda dedicada á música de baile e, persoalmente, non concibo un bolo de Transilvanians sentado e con tapabocas.

Charly: «Pois non tocamos nada en 2020… e agardemos que 2021 non se quede en branco. Eu boto moito de menos tanto tocar como ver concertos, polo menos sen estar sentados e con máscara, pero haberá que ter paciencia e seguir coa ilusión de que volveremos».

Iago: «Pois lévase bastante mal, fáltanos ese contorno natural para nós que son os escenarios onde podemos SER; estamos como atrapados nun zoo onde só se nos pode observar a través dun cristal. Eu creo que, en directo, o que se pode esperar de nós é un bo rollo que o flipas, e moitas ganas de facer moverse ao público!».

 

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Martin: «Recomendaría prestar atención á escena reggae e ska galega. Hai moi boas bandas, moitas delas amigas, traballando duro pola cultura na nosa lingua».

Iago: «Persoalmente eu agora mesmo estou a tope con xente como Aliboria ou Tanxugueiras, grupos (de rapazas, principalmente) que innovan dentro da música de raíz que van dar moito que falar».

Charly: «Caldo, trío formado non hai moito tempo. Moi recomendables, xa acumulan varios premios e recoñecementos; fan unha mestura de tradicional, irlandés, etc., moi orixinal, e no que toca o noso antigo membro Pedro Fariñas».

Kino: «Eu decántome por Dandy Fever».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Martin: «No meu hai moito espazo para a música, tanto galega como doutros lugares; poderías atopar bandas de ska, rocksteady, reggae, punk, rock, jazz, música latina…».

Javi: «Moito reggae, dub e bastante neo soul».

Kino: «Non teño conta en Spotify, na miña casa é só en vinilo! Moito reggae, northern soul, motown, punk rock, power pop, boogaloo, glam rock…».

Charly: «Sinceramente, e sen vergoña, debo dicir que non teño Spotify… pero se o tivese, e baseándome no que poño en YouTube, habería música xamaicana, exótica, mambo, salsa, italiana, portuguesa, rumba africana, algo de punk… e habería rexistrada algunha escoita tamén de m*rda ultracomercial… só porque hai que coñecer o inimigo, eh!».

Iago: «Escoitariades música de raíz, samba, Tame Impala, Rodrigo Cuevas ou metal, como pequeno resumo!».

  noticias