• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2021

NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2021
6 FEBREIRO 2021

 

 

Los días de plomo - Silvia Penide

«Cando era pequena o escoitei na radio do Seat Panda que os meus pais acabada comprarse. Lembro que chorei da emoción». Era Víctor Manuel, o mesmo que agora, décadas despois, canta xunto a ela o seu “El Efecto Boomerang”. Silvia Penide despedía xaneiro cun novo álbum, Los días de plomo (El Niño de la Hipoteca Records, 2021), un EP que recolle tres cancións e dous poemas escritos durante os duros meses de confinamento. Gravado en Drum & Roll Studios (A Coruña), con mestura de David San José e masterización de José María Rosillo, o disco é otro exemplo máis de Penide a corazón aberto, un traballo onde a recoñecida cantautora coruñesa puxo toda a súa paixón para transmitir a esperanza que tanto escasea —e que tanto se necesita— nestes momentos con letras que nos lembran o presente, pero que non se esquecen do futuro.

 

 

 

 

 

Inmersión No Baleiro Cuántico - dA Trío

Un par de anos máis tarde, as súas reflexións convertéronse en inmersións. O novo de dA Trío, Inmersión Baleiro Cuántico (2021), é un convite a mergullarnos nun cuarto de posibilidades onde poderemos atopar o que procuramos ou, mesmo, achar o inesperado. O EP, dispoñible en formato físico e dixital desde o pasado 26 de xaneiro, presenta seis cortes, con créditos incluídos, do máis «corais» cantados en galego e en inglés; temas onde cada átomo de silencio abre unha nova oportunidade, onde cada son interfire contigo en fraccións de segundo, de xeito imperceptible, incomprensible… e mentras ti escoitas, trazando liñas imaxinarias como se dunha constelación se tratase, a lembranza xa está feita. Entras?

 

 

 

 

 

 

S O R T E - Abe Rábade

A súa «sorte» é a nosa. Abe Rábade publica S O R T E (Nuba Records, 2021) o seu novo traballo discográfico e décimo cuarto da súa carreira, xunto a Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería. O título do disco agocha o concepto sobre o que o pianista e compositor desenvolveu as ideas musicais, a estrutura e a posta en escena dos directos. Composto por unha ducia de pezas orixinais, gravado por Shayan Fathi en Camaleón Estudio (Madrid), e mesturado e masterizado por Mário Barreiros en Aguda (Portugal), o álbum é unha colección de catro trípticos, cada un deles representa unha dimensión da sorte: a mística, a épica, a íntima e a lúdica. Coa idea da sorte como «grupo de elementos que emerxeron por medio do azar», Abe Rábade compuxo de xeito complemente libre, sen corsés estilísticos previos, para despois «descubrir» a esencia anímica de cada corte, que enriqueceu con novos matices. Desde a música clásica ao blues, pasando por influencias da música tradicional galega, a experimentación tímbrica da vangarda ou elementos interactivos e espontáneos do jazz son algunha desas «sortes» que el nos agasalla.

 

 

 

 

Free Fall - Ángel Novcad

É o primeiro do ano, o segundo da súa carreira en solitario. O compositor produtor musical Ángel Novcad estreaba 2021 cun novo EP, Free Fall (2021), onde o lucense se adentra en terreos máis escuros, fraxilidade dark sen renunciar a ese halo de melancolía que, por momentos, te atrapa ata chegar a converterse en claustrofóbico. Composto por catro cortes que se asoma ao mesmo abismo, Novcad contou coa colaboración de Isaac Ferreiro (Fábrica de Espejos) na composición das guitarras de “Ambient Treat”, e coa de Marta Varela para a letra e voz de “A Ghost in the Light”.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Novidades 2021 en Spotify!

 

 

  noticias