• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

PRESUMIDO: «É BONITO VER COMO PODEMOS LER A HISTORIA DA BANDA, E DO MUNDO, A TRAVÉS DAS CANCIÓNS»

PRESUMIDO: «É BONITO VER COMO PODEMOS LER A HISTORIA DA BANDA, E DO MUNDO, A TRAVÉS DAS CANCIÓNS»
22 FEBREIRO 2021

Presumido, de one-man band rodeado de «cacharrería» a dúo de synth pop 2.0, o proxecto de Tarci Ávila e Nacho Dafonte que nos conquistou co seu espectáculo de luces e proxeccións, eles, que entre o caos atoparon un estilo propio. Sintetizadores e percusións fusiónanse, un xogo entre a electrónica do pasado e a do presente, entre a voz de Tarci e a escuridade instrumental de Nacho, que resulta en sonoridades épicas con acordes pop, que nos engancha nunha espiral impactante.

Cunha traxectoria imbatible e emocionante a partes iguais, Presumido despídese deixando dous longos e numerosos singles, concertos inesquecibles dentro e fóra das nosas fronteiras, composicións coidadas de produción impecable e infinidade de lembranzas… lembranzas capaces de facernos «bailar xuntos para separarnos».

 

 

 

Presumido presentábase en 2013 como «one-man band rodeado de cacharrería». Como foi que acabou convertido en dúo?

Tarci Ávila: «Como todas as decisións que tomamos desde aquela, a intención sempre foi enriquecer o proxecto».

Nacho Dafonte: «Os dous démonos conta de que traballamos ben xuntos e vimos unha oportunidade de reconvertelo nun dúo».

 

O voso synth pop 2.0 é unha mestura de referencias clásicas con outras contemporáneas e mesmo experimentais, con frecuencia dise que soades como un Tino Casal do s. XXI. Como definiriades vós o voso son?

Tarci: «Sempre nos vimos como unha banda de pop que utilizaba as ferramentas dispoñibles que nos ía facilitando a evolución tecnolóxica da música. Así que, unhas veces máis orgánicos, outras máis electrónicos, pero sempre pop».

Nacho: «A nosa constante era o pop e, como di Tarci, é unha cuestión de utilizar as ferramentas adecuadas que pedía o tema».

 

 

En 2016 vía a luz Vendetta, como vivistes eses momentos previos ao lanzamento? Esperabades a grande acollida e repercusión que tivo?

Tarci: «Vendetta foi o comezo real como banda, unha folla en branco cunha infinidade de cousas por comezar a escribir nela. Cada pasiño que demos foi acollido con moita emoción e agradecemento».

Nacho: «Ese ano estivo moi ben, puidemos presentar Vendetta por varios países e, ademais, a xente recibiuno con moito agarimo».

 

A campaña de lanzamento estivo acompañada das esmeradas fotografías de Cristina Andrés Pontanilla, recreando pinturas clásicas como «O bico» de Magritte ou «O berro» de Munch, que logo tamén se reflictirían no vídeo de “Ahógate”. Como seleccionastes todo ese imaxinario?

Tarci: «Máis que buscar un tipo de simbolismo, deixámonos guiar por puro pracer e devoción polas obras; buscamos obras que nos gustasen con certa preferencia das que tiñan dous protagonistas. Foi unha experiencia moi divertida!».

Nacho: «Foi todo un desfrute o proceso dese proxecto, e un desafío do que estamos orgullosos do resultado».

 

 

A vosa primeira actuación da xira de presentación de Vendetta foi na mítica Sala Karma (Pontevedra) e, agora, uns cinco anos despois, estades confirmados para o Mad Cool. Diriades que foi esta a evolución natural, respecto aos directos?

Tarci: «Si, medramos en composicións, en eficiencia do directo, en seguidores e penso que o resto de cousas que nos rodearon evolucionaron paralelamente, acompañándonos nese camiño. A día de hoxe, é bonito mirar atrás e ver todo o itinerario en perspectiva».

Nacho: «Si, visto na distancia, é unha marabilla ver a evolución do directo, sobre todo despois de revisar todos os carteis das xiras e festivais onde tocamos; recordo todos con moito agarimo».

 

Ao fío, que directo gardades na memoria con especial agarimo?

Tarci: «Houbo moitos momentos especiais tanto en salas coma en festivais, pero eu sempre digo que viviría eternamente nun concerto de Presumido en Madrid. Foi unha cidade que se afanou dun xeito especial connosco e cada noite que tocamos en Madrid foi inesquecible».

Nacho: «Madrid sempre foi unha pasada; moita intensidade en calquera dos directos que tivemos alí».

 

 

En outubro de 2018, viviades un dos momentos máis complicados da vosa carreira, cando pediades axuda, vía Verkami, para recuperar os instrumentos que tiverades que empeñar para acadar a vosa «liberdade discográfica». Como lembrades todo ese episodio? A que se debeu esa ruptura?

Tarci: «Un descubre quen é o seu equipo de traballo ideal despois de traballar con toda a xente que non é o teu equipo de traballo ideal. Non pasa nada, non estabamos de acordo coa xestión da banda así que asumimos as responsabilidades necesarias para rescindir o contrato. Foi un gran momento, un dos máis emocionantes onde fomos realmente conscientes de que aí fóra había moitas persoas que ían apoiar a carreira de Presumido».

Nacho: «A día de hoxe creo que todo saíu fantástico! Realmente, agora que o penso, foi como unha peli americana con final feliz».

 

 

Aí descubrimos ao Nacho «El Baquetas» de 13 anos tocando a mesma batería que o Nacho de 25 pedía recuperar... Como xurdiu a idea de empregar eses vídeos? Agora, coas baquetas na man, podía sospeitar o Nacho de 13 anos que algo así lle estaría acontecendo ao Nacho de 25?

Tarci: «Foi curioso, non sei se vos pasou algunha vez, pero eses vídeos apareceron de casualidade. Son o que nos chamamos as “sincronicidades do universo”. Revisando un disco duro atopeime con eles e, xustamente, unha das baterías que empeñamos era a miña primeira batería, que aínda conservo despois de recuperala gracias ao Verkami (menos mal!)».

Nacho: «O Nacho de 13 anos sempre soubo que iría a por todas, polo que non lle collería de sorpresa o que fixo o Nacho de 25».

 

 

O obxectivo conseguístelo a falta de 24 días para rematar... Con boas doses de humor e honestidade fostes cultivando unha estreita relación nas redes sociais cos vosos seguidores. Como describiriades esa relación cos vosos fans nas redes?

Tarci: «Houbo un punto, penso que no momento do crowdfunding, no que nos demos realmente conta de que non hai mellor xeito de conectar que a través da naturalidade e a honestidade. Iso marcou un antes e un despois; a partir dese momento sentímonos nunha relación moi estreita con toda a xente que nos acompañaba no camiño».

Nacho: «Sempre pensei, desde que comezou este proxecto, que tiñamos uns/unhas fans que nos apoiaban moito, e o que pasou co Verkami foi unha materialización diso… pero multiplicado por dez!».

 

Xa cos instrumentos de volta, os vosos vídeos desaparecen de YouTube e os vosos discos de Spotify. Esa desaparición foi un efecto secundario da «ruptura» discográfica, un xeito de poñer un punto seguido ou houbo algunha outra razón confesable?

Tarci: «Iso é algo habitual cando rompes un contrato discográfico. O selo pode desaloxar o material de Internet e descatalogar os discos físicos das tendas cando lle praza desde o momento no que rompemos o contrato».

 

Os vosos discos destacan pola súa coidadísima produción. Diciades que Iago Lorenzo facíavos mellores, como foron esas gravacións co produtor?

Tarci: «Iago é a persoa con máis talento musical que coñecín na miña vida. Se vas coa mentalidade aberta soamente podes crecer ó lado unha persoa así».

Nacho: «Iago Lorenzo é un dos mellores produtores cos que traballei, ademais de ser unha marabilla de persoa. O que máis me fascina é que, segundo pasan os anos, vai mellorando cada vez máis a súa forma de traballar e sempre acaba sorprendéndome».

 

 

Especial coidado tamén vemos tanto no espectáculo de luces como nas proxeccións dos directos, moitas veces creados ou modificados por vós mesmos. Que papel credes que xogan eses elementos nos vosos concertos?

Tarci: «Nese tema concreto cada vez buscamos máis o minimalismo. Penso que conseguimos facer os mellores directos na xira de ‘Cuatro Estaciones’, cun show absolutamente minimal, pero realmente emocionante».

Nacho: «Co paso do tempo fomos puíndo ese aspecto do directo, sendo cada vez máis efectivos con menos elementos lumínicos. De feito, na última xira tiñámolo tan perfeccionado que conseguiamos un resultado moito máis vistoso con menos tempo de montaxe».

 

E que dicir dos vídeos... Antes falabamos de “Ahógate”, e é unha mágoa que xa non estea dispoñible aquel xenial lyric vídeo de “Esa no era yo”, pero gustaríanos deternos nesa homenaxe a A ventana indiscreta (Alfred Hitchcock, 1954) que é “Soñar a la carta”. Como xurdiu a idea? Como foi a rodaxe?

Tarci: «Esa película é unha referencia para nós, pero o mérito dese traballo audiovisual é 100% de Paco Serén. É incrible o mundo de fantasía que conseguiu crear partindo dunhas poucas sesións de gravación con croma».

Nacho: «Foi unha pasada a mestría de Paco Serén no videoclip de “Soñar a la carta”, sobre todo co gran traballo de edición e composición das escenas. De feito, foi un videoclip con varios premios internacionais, ademais de que para nós Alfred Hitchcock é un absoluto fóra de serie».

 

 

Afirmabades que «sempre intentamos converter os obstáculos en oportunidades», e nestes anos os houbo de todo tipo (problemas de costas de Nacho e accidente de Tarci no mesmo peirao que aparece en “Ahógate” incluídos). A primavera de 2019 soaba a un significativo A la guillotina el miedo”, tema que alguén nos comentarios describía como un «himno». Cales diriades que foron os peores momentos? E os mellores?

Tarci: «Ningún momento é recordado como malo visto en perspectiva, todos nos fixeron crecer e mellorar. O mellor momento penso que é este último, o da despedida, que nos permitirá seguir explorando e ampliando o noso mundo artístico incluso con menos ataduras».

Nacho: «Creo que todos estes anos con Presumido foron unha carreira/master universitario en todos os aspectos, desde o persoal ata o profesional. Todos os momentos tiveron un papel decisivo que nos fixeron chegar ata aquí, moi satisfeitos e sen arrepentimentos».

 

 

O de servir o último LP, Cuatro Estaciones (2019), en catro EPs separados foi cuestión de timing, loxística, mercadotecnia…?

Tarci: «Exactamente as tres cousas! Ese frenético sistema de gravar a tempo real catro EPs e publicalos foi unha auténtica tolemia, un ano no que estabamos á vez publicando e promocionando un EP, gravando o seguinte e compoñendo o seguinte. Pero grazas a ese sistema de traballo foi posible sacar ese proxecto adiante».

Nacho: «Ademais, foi algo que nos fixo sentir unha intensidade única que nos deu a oportunidade  de superar un desafío que, aparentemente, era moi complicado de materializar».

 

Xa en 2020 veu a pandemia a mudalo todo, como foi o confinamento en Vila Presumida?

Tarci: «Somos uns privilexiados. Vivimos en medio do monte, temos aquí a casa, o estudio, a natureza... penso que é unha situación pola que debemos estar agradecidos se a comparamos con outras persoas que viviron o secuestro” en espazos minúsculos. Ademais, aproveitamos a situación para comezar a experimentar coas nosas propias producións; aprendemos moitísimo neses meses».

Nacho: «Foi unha oportunidade máis para aprender cousas novas. Considero que tivemos moita sorte pasalo nun contorno rural».

 

 

As vosas últimas composicións séntense —aínda máis— emocionais e intimistas: Encerrados”, Volveremos a brindar” e Quiero respirar”... efectos secundarios do que estaba e está aínda a acontecer?

Tarci: «Cada un de eses temas conta a historia do momento no que se fixo. É bonito ver como podemos ler a historia da banda, e do mundo, a través das cancións».

Nacho: «Completamente de acordo con Tarci!».

 

 

O 29 de xaneiro deste ano anunciabades a vosa separación, por que agora?

Tarci: «Sentimos unha satisfacción que interpretamos como un sinal de agora é o momento, ni antes nin despois... agora”. Cumprimos gran parte dos obxectivos que tiñamos inicialmente coa banda e as nosas cabezas xa pedían cambios. Consideramos que Presumido xa nos ensinou todo o que nos podía ensinar e, se queriamos aprender máis, tiñamos que facer outras cousas».

Nacho: «Somos xente moi intuitiva e inqueda, polo que tiñamos que dar ese paso e pechar este ciclo».

 

 

E agora que? Ides darvos un tempo para pensalo ou tedes xa ideas a bulir na vosa cabeza do que será o futuro próximo?

Tarci: «A decisión tomouse con moita reflexión e cos nosos seguintes pasos xa claros antes de comunicar a despedida. Para nós, a vida é unha sucesión de etapas e xa hai unha tempada que a seguinte etapa viña empuxando con forza».

Nacho: «A cabeza non para, e a seguinte etapa está moi clara nas nosas cabezas».

 

 

A última e marchamos! Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Tarci: «Definitivamente Abraham Cupeiro».

Nacho: «Abraham Cupeiro».

 

  noticias