• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CAROLINA RUBIROSA: «NON ESCRIBO COA CABEZA, SENÓN CO CORAZÓN»

CAROLINA RUBIROSA: «NON ESCRIBO COA CABEZA, SENÓN CO CORAZÓN»
13 SETEMBRO 2021

Compositora e cantante galega, Carolina Rubirosa preséntase en solitario sen corpiños nin prexuízos, sen complexos. O seu son baila entre bossa nova, folk intimista, canción de autor, rock distorcido ou pop electrónico. A guitarra e voz, a nova artista defende esta ecléctica amálgama de estilos con letras acedas, mordaces e moi persoais.

Moscova, Londres, Helsinki, Stuttgart ou Liverpool foron testemuñas das viaxes musicais que son os seus concertos, ademais de importantes festivais galegos como O Son do Camiño, Festival Noroeste Estrella Galicia, Terraceo, Festival de la Luz. Agora, e logo da publicación de varios singles, Carolina Rubirosa prepara o seu primeiro álbum, Tierra de nadie (2021), que verá a luz antes de final de ano.

 

Foto © Chema Ríos

 

Aínda que a túa carreira en solitario é curta, pero intensa, xa viñas con táboas de experiencia como parte doutra formación. Ser cantante e compositora foi sempre a túa intención ou xurdiu no camiño? Como lembras o teu primeiro contacto coa música?

Carolina Rubirosa: «Aínda que me sinto moi cómoda cantando cancións alleas e facéndoas miñas, levándoas ao meu terreo, sempre quixen ter “voz propia”, deixar un legado como artista que me defina, que sexa fiel ao que a música me fai sentir. Compoñer cancións é a canle para comunicar todas esas emocións, novas historias que contar, novos sentimentos que exteriorizar.

Xa desde ben cativa souben que algo ocorría cando o casete comezaba a soar. A música sempre me fixo viaxar, soñar, evadirme; sempre souben que era o lugar onde quería estar e hoxe, afortunadamente, é a miña profesión».

 

Es a voz de The Funkles, banda feminina de funk, soul e jazz que fai versións dos Beatles... en galego! Como nace o proxecto?

Carolina: «A casualidade quixo que coincidísemos en espazo e tempo un grupo de rapazas amantes dos de Liverpool e de todos os ritmos que mencionades. O aglutinador dese proxecto foi Carlos Arévalo, músico uruguaio-compostelán de dilatada carreira, quen soubo ver o potencial de cada unha de nós e decidiu convocarnos para emprender esta novidosa aventura que tantas alegrías nos proporcionou».

 

Tocaches en The Cavern (Liverpool), esas catro paredes que foron testemuñas do debut dos Beatles, como parte do International Beatleweek Festival. Como grande admiradora da banda, sería toda unha experiencia, non?

Carolina: «Tocar en The Cavern durante o Festival que convoca a afeccionados chegados de todas partes do mundo, é desas experiencias que contarás aos netos. Foron moitas emocións concentradas en moi poucos días, difícil de asimilar no momento pero que, co paso do tempo, soubemos saborear e valorar como tal: un privilexio ao alcance de moi poucos.

De súpeto, vinme sobre o escenario que tantas veces vira nos vídeos e documentais dos meus ídolos cando era cativa… os soños da nenez ás veces acaban por cumprirse!».

 

 

Ademais, con The Funkles tamén percorriches outros escenarios europeos, desde Moscova (Rusia) ata Helsinki (Finlandia), pasando por Reino Unido e Alemaña. Como describirías a vosa acollida alén das nosas fronteiras?

Carolina: «Desde o comezo do proxecto resultamos un “produto” moi atractivo por ser diferentes. Foi precisamente esa peculiaridade que ofreciamos dentro do mundo das bandas tributo o que nos fixo ser a sensación durante o tempo que estivemos máis en activo.

Lembro que o comentario máis comentado entre os afeccionados era que supoñiamos un “sopro de aire fresco” nun mundo onde, o habitual, é clonar tanto a parte musical como a vestimenta. Nós sempre tivemos personalidade propia, ofrecendo algo diferente, tamén arriscado, pero moi honesto e creativo».

 

Con todo, o teu proxecto persoal é bastante diferente, sen etiquetas; un proxecto que procura o equilibrio entre a instrumentación acústica e toques de pop electrónico, folk intimista de tinturas americanas ou de canción de autor. Como foi a evolución ata chegar a este eclecticismo sonoro?

Carolina: «O son que teño na actualidade chegou de xeito natural, froito de desfacerme de moitos corpiños e prexuízos á hora de compoñer. Creo que como compositora son o resultado da música que levo escoitando desde nena ata hoxe, mesturado coa miña personalidade, vivencias e sensibilidade.

Neste novo traballo decidín mesturar sen complexos diferentes estilos e sonoridades, e facer desa proposta o propio elemento diferencial do disco, o seu eclecticismo».

 

Foto © Chema Ríos

 

O ano pasado, o teu single O teu camiñar foi escollida como a canción oficial do Camiño de Santiago Inglés. Como xurdiu esa oportunidade?

Carolina: «Fixen o Camiño Inglés cun grupo de amigos e con membros da Real Orde de Cabaleiros de María Pita. Supuxo o meu primeiro contacto co universo da peregrinación a Santiago, e foi tal a satisfacción da experiencia que decidín escribir unha canción que recollese a esencia do que sentín mentres camiñaba. Absorta nos meus pensamentos, compartindo animadas charlas, cantando a coro baixo á sombra duns carballos, cos pés mollados pola chuvia recentemente caída...

Ademais, compartín esa experiencia cun peregrino cuxa motivación para facer o Camiño emocionoume profundamente, o que [tamén] me serviu de inspiración para comezar a escribir».

 

O videoclip que o acompaña está protagonizado por Julia Baird, irmá de John Lennon, coa que percorres as diferentes etapas do Camiño. Como foi «camiñar», literal e figuradamente, xunto a ela?

Carolina: «Julia Baird hai tempo que deixou de ser para min a irmá dun mito para converterse nunha moi boa amiga coa que compartín varios dos momentos máis especiais da miña carreira.

Ela xa fixera o Camiño Francés. É unha grande amante do Camiño de Santiago e desfrutou moitísimo das etapas do Camiño Inglés. Emocionámonos moitísimo cando chegamos ao Obradoiro xuntas, momento que recolle o final do vídeo. Calquera peregrino coñece esa emoción da chegada. É inesquecible».

 

 

A peza audiovisual é unha homenaxe non só a todos os peregrinos do mundo, senón tamén a Lennon, quen tiña pensado facer o Camiño xunto a Salvador Dalí nos anos 70. Agora, se ti tiveses que escoller a algún artista xa desaparecido con quen compartir, e «musicar», o Camiño, quen sería? Por que?

Carolina: «Pois hai tan só uns días que nos deixaba Charlie Watts, e creo que facer o Camiño con el sería moi divertido e instrutivo. Sempre fascináronme as figuras como el, capaces de abstraerse da fama mundial, os cartos, os luxos, para seguir sendo unha persoa discreta, tranquila, apegado ao mundo “normal”. Hai que ter a cabeza moi ben amoblada para soportar tanto éxito e seguir sendo un tipo sinxelo».

 

O vídeo, unha produción de Drum&Roll Studios dirixida por Lara Capeáns, vén de ser galardoado no Art & Tur de Aveiro (Portugal), un festival internacional de pezas artísticas e turísticas. Parabéns aparte, que significa este recoñecemento para ti? Agardábalo?

Carolina: «A verdade é que foi toda unha sorpresa! Sendo un festival de corte internacional e tendo en conta a competencia, sempre es máis realista —por non dicir pesimista— á hora de albergar esperanzas.

Recibir un premio desta categoría desde outro país supón un revulsivo importante de cara a todos os proxectos que estamos a argallar para este vindeiro outono-inverno. Estou desexando ir recoller o premio en novembro e aproveitar a viaxe para coñecer Aveiro que, ata onde sei, é unha cidade espectacular».

 

Foto © Buglist

 

Con Sozinha (2018), fostes seleccionada para representar a Galicia no Festival Liet International 2020, o «Eurovisión» de linguas minoritarias que non se puido levar a cabo por mor da pandemia. Na túa opinión, que papel cres que xogan este tipo de festivais?

Carolina: «Considero fundamental este tipo de certames nos que se dá visibilidade non só ás linguas de toda Europa, senón aos propios artistas para os que esta plataforma supón un escaparate e proxección moi importantes. Para min foi toda unha honra ser seleccionada entre participantes de todo o continente!

Malia non poder celebrarse fisicamente, si terá lugar unha edición virtual na que estarei actuando este vindeiro 25 setembro. Aínda que non terá carácter competitivo, será unha boa oportunidade para amosar a nosa fermosa lingua aos europeos».

 

 

Seica a nova edición está programada para o 13 de maio de 2022... intentaralo de novo?

Carolina: «Desde logo! Quedeime coa espiniña cravada e volverei presentarme, desta vez con outra canción. Agardamos que haxa sorte de novo e que poidamos acudir a Dinamarca para deixar o listón galego ben alto».

 

Ti, que cantas en galego, castelán e inglés, á hora de compoñer, como é a decisión de facelo un idioma ou outro?

Carolina: «Non teño unha metodoloxía establecida á hora de compoñer. Ás veces a idea sobre a que versa a canción está moi clara e é a que manda sobre a melodía; outras a melodía ou harmonía xorden primeiro e adapto a letra.

Respecto á cuestión idiomática, ao atoparme cómoda en todos idiomas por igual é máis cuestión do estilo que marque a composición. Certo é que ultimamente estou a escribir moito en castelán e galego máis que en inglés, que se queda para pezas máis excepcionais, de marcada sonoridade “americana”».

 

 

Ao fío, en que, ou quen, che inspiras cando compós? Es das que espera a que veña a inspiración ou «saes» a procurala?

Carolina: «Sen dúbida a miña fonte de inspiración son as emocións intensas, sexan do tipo que sexan. Froito dunha forte sensación de frustración e impotencia veu todo o concepto do disco Tierra de nadie, e algunhas das derradeiras pezas escritas xurdiron durante o proceso dunha ruptura sentimental importante, e todo o que iso supón.

Non escribo coa cabeza, senón co corazón. O amor, fonte de inspiración universal, é sen dúbida a viaxe máis fascinante na que unha persoa se pode embarcar, e froito desa viaxe xorden as cancións máis fermosas e as máis verdadeiras».

 

 

Despedías 2020 con “Tierra de nadie”, o primeiro adianto do que será o teu novo traballo discográfico, onde expós unha actitude vital fronte a medos e inquedanzas... como unha declaración de intencións?

Carolina: «Así é. Nesta canción reivindico o meu lugar como compositora, pero tamén manifesto unha decisión de vivir mirando de fronte aos problemas, aos medos, ás inseguridades, e seguir adiante con paso firme. Tamén afondo na idea de desfacerme deses prexuízos e permitirme ser libre e valente á hora de expresarme como creadora, e como actitude ante a vida».

 

Con este sinxelo sacaches a artillaría pesada (literalmente!) nun videoclip brutal, dirixido por Xaime Miranda e rodado na zona louseira do Barco de Valdeorras (Ourense). Que representa este duelo para Carolina Rubirosa?

Carolina: «A idea de baterme en combate contra min mesma representa o enfrontamento de inseguridades autolimitantes, a superación de temores irracionais, de prexuízos que supoñen barreiras… A figura do lobo vén a reforzar esa mensaxe, representando ese medo, que resulta ameazante só ata que entendes que non o é; así como na vida, moitas veces os problemas non son tan xigantes como a nosa mente nos fai crer».

 

 

No que será o teu primeiro longo, traballas xunto ao recoñecido produtor Juan de Dios Martín (Amaral, Xoel López). Como chegaches ata el e como foi a experiencia?

Carolina: «Juande e máis eu xa eramos amigos antes deste traballo. Decidín apostar por el porque realmente admiro o seu talento e sabía que nos iamos entender á perfección, e así foi! Conseguiu facerlle o traxe a medida perfecto a cada canción, e estou moi orgullosa do que conseguimos xuntos».

 

Sabemos tamén que haberá marabillosas colaboracións, unha delas a do saxofonista Lou Marini. Algunha outra «sorpresa» que nos poidas desvelar?

Carolina: «Ademais de Marini, hai outros músicos internacionais como Na Wang, que desde Pekín tocou o erhu, un instrumento tradicional chino, na canción “Cold” que se pode escoitar nas plataformas de streaming.

Quedan máis sorpresas que se irán desvelando conforme se vaian publicando os vindeiros sinxelos cos seus correspondentes videoclips, e que agardamos non deixen indiferente a ninguén».

 

 

“Norai de Anguria” é un dos últimos teaser, un poema extraído do libro A frecha azul, da autora galega Eva Veiga. De que xeito enfocaches a musicalización dunha letra que non é túa, un poema neste caso, fronte a compoñer ti letra e música conxuntamente?

Carolina: «Musicalizar textos alleos é un proceso moi distinto pero igualmente fascinante. Neste caso, o texto é o que manda e a música debe estar en consonancia, debe poder transmitir as emocións que evoca o poema.

Con Eva foi moi intuitivo e apaixonante, xa que a súa escritura é moi poderosa pero moi sensible ao mesmo tempo. A música brotou como unha fonte, impulsada polo talento dunha maga da palabra».

 

 

Si, a paciencia é nai da ciencia... pero non podemos evitar preguntar, cando poderemos escoitar o traballo completo? Algunha data de publicación ou presentación que poidas adiantar?

Carolina: «O traballo presentarémolo antes de final de ano. Respecto ás presentacións ao vivo, dependemos das condicións sanitarias, xa que os concertos en interiores están máis limitados en capacidade, pero agardo que moi pronto poidamos amosar o disco completo en directo!».

 

Nun verán onde nos achegamos un pouquiño máis á nova normalidade, ti subícheste ao escenario de varios festivais (O Son do Camiño, Terraceo), ciclos de concertos e un sold out nas festas de María Pita (A Coruña). Como estás a vivir a volta da música ao vivo?

Carolina: «Este verán foi extraordinario para min… e totalmente inesperado. As datas comezaron a chegar moi tarde para o que se considera o calendario nun verán “normal”, pero tiven moitísima sorte de que contasen comigo para algunhas das datas máis importantes en Galicia.

Ademais, tiven a oportunidade de presentar a miña banda ao completo, coa que desfrutei moitísimo e seguiremos desfrutando nos vindeiros concertos».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Carolina: «Bueno Chico é unha banda que descubrín hai pouco tempo gracias a un dos seus membros, Miguel Cabana, que forma parte do meu grupo. Sorprendeume moito a mestura do seu repertorio orixinal, que transita entre a tradición dos ritmos latinos de orixe cubana, a rumba flamenca, a improvisación febril do jazz, a música clásica europea e o rock máis contundente. Outra das curiosidades da banda é o uso da guitarra eléctrica como instrumento solista, algo pouco común neste estilo».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Carolina: «A miña conta de Spotify é como eu: 100% ecléctica. Na miña playlist están desde Brandi Carlile, artista actual que adoro, ata Vinícius de Moraes, pasando por unha amálgama de artistas de estilos moi diversos. Fundamentais na miña discografía son: Crosby, Stills, Nash and Young; Joni Mitchell, Eva Cassidy, The Band, Simon & Garfunkle, The Beatles, The Beach Boys, Carole King, Dylan, PJ Harvey, Sheryl Crow e moitísimos máis que xa forman parte do meu ADN musical.

Actualmente estou a afondar na música clásica e nos grandes compositores como Gershwin ou Cole Porter».

 

 

  noticias