NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2025

207, Pablo Leira
Tan só uns días despois de lanzar o derradeiro sinxelo adianto, “Fiona No.1”, Pablo Leira publicaba o seu novo traballo discográfico ao completo. 207 (Esquío, 2025) presenta unha ducia de cancións que agochan infinidade de detalles, un marcado son americana, intimismo e o folk máis persoal. De exquisita produción, para este longo O músico e compositor mugardés volveu contar coas expertas mans de Danny Abeledo e Melo García de RRS Studios Ferrol para a mestura, mentres que Mario G. Alberni (Kadizfornia Mastering) se encargou do master. Unha vez máis, Pablo Leira entrega unhas composicións de letras coidadas, sensibles, envoltas en marabillosos arranxos instrumentais interpretados coa axuda de Adrián Fernández (batería) e Álvaro Lamas (steel guitar)
Tales from the Burnt House, Mano de Piedra
O último que escoitabamos deles foi anterior á pandemia, en 2019, e aquelas «cinzas» semellan seguir presentes no seu novo traballo álbum. Tales from the Burnt House (2025) é o terceiro traballo de estudio e segundo longa duración da banda galega; unha viaxe escura e emocional a través da perda, a culpa e a loita interior. Con letras introspectivas e unha atmosfera densa, os sete cortes do LP exploran os demos persoais, a resiliencia e a inevitable confrontación co pasado. Desde a furia contida ata a fonda melancolía, cada canción constrúe unha intensa narrativa que perdura como as cinzas dunha casa que unha vez foi un fogar.
No soy nadie pero soy yo, Habló Pablo
Logo de meses de adiantos, Habló Pablo publicaba o disco ao completo o pasado venres, 25 de abril. No soy nadie pero soy yo é o primeiro longo do lucense baixo este pseudónimo, un álbum de dez cancións nas que o rap se entrelaza coa poesía slam, resultando nunha obra que se afasta do común dentro do xénero. Baixo as mans de produtores como Juan de Dios Martín, Berto, Charli Decora e Adrián Vidal, No soy nadie pero soy yo, presenta cada un dos temas como un universo propio, cun coidado especial na escritura, a sonoridade e a mensaxe; por exemplo, “De orilla a orilla” aborda a emigración e os lazos emocionais e culturais entre Galicia e Arxentina, mentres que “Livertaz” reflexiona sobre a liberdade do individuo e a autoaceptación desde unha óptica universal, pero sen perder un chisco de potencia. Escoitamos tamén a colaboración das cantareiras As Lembranzas en “Jerga gallega”, un corte que achega un aire máis lúdico, irónico e bailable, xogando con expresións populares da súa terra e unha clara chiscadela humorística.
No Limiar, Garza
Logo do triplete que foi Alborada (2021), Interferencias (2022) e Vertentes (2024), Garza sorprende a poucos meses despois do seu lanzamento máis recente con No Limiar (Ferror Records, 2025). Este longo continúa a liña de Vertentes, experimentando con texturas, ritmos e paisaxes sonoras como unha ponte constante entre ambos traballos. En No Limiar, Garza segue a buscar unha reinvención sonora a través da multiinstrumentación e a intensidade emocional dos temas; as letras, presentadas en forma de pequenos poemas en galego, complementan esta proposta, engadindo deste xeito unha capa lírica que convida á reflexión e ao sentimento persoal de cada oínte. Unha decena de cortes para desfrutar de paisaxes sonoras cheas de matices que xogan coa luz e coa sombra de xeito sutil... como só Garza sabe facelo.
Bitácora Astral, Jeyson Sherlock
O cantautor colombo-español radicado en Galicia levaba un tempo publicando sinxelos soltos ata que decidiu recoller parte deles nun disco. Deste xeito, Bitácora Astral (2025) recolle varios dos seus sinxelos, pero tamén temas inéditos con diferentes mantras e manifestacións espirituais, todos eles con marcados ritmos latinos. Durante os case 30 minutos que dura o longo, o oínte terá a oportunidade de experimentar unha viaxe emocional e mística cheo de enerxía e transformación.
Volume 1, Miguel Seoane
Logo de comezar os seus estudos no conservatorio da súa cidade, Miguel Seoane (A Coruña, 1996) trasládase a Ámsterdam para especializarse en jazz e completar así a súa formación académica. Na actualidade, o músico galego é unha figura destacada na escena musical da capital dos Países Baixos, onde se lle recoñece polo seu. Son fresco e distintivo co saxofón alto, ademais de liderar o Miguel Seoane Trio. Xunto a Mauro Cottone (contrabaixo) e Giacomo Camilletti (batería), o proxecto mestura a tradición do jazz con elementos contemporáneos e así queda plasmado no seu traballo máis recente, Volume 1 (2025). Dispoñible desde principios de abril, o álbum recolle sete cortes orixinais —todos compostos por Seoane agás ‘G Major’, obra de Cottone— que exploran estruturas abertas, deixando espazo para a espontaneidade e o virtuosismo.
Old Enough to Save Myself, RUMIA
Varios adiantos despois, por fin podemos escoitar o novo de RUMIA ao completo. A artista galega afincada en Berlín presenta Old Enough to Save Myself (Fluctua Records, 2025), un segundo longo —e xa cuarta referencia da súa discografía— producido por Manuel Colmenero e influenciado por grandes nomes como Radiohead, Lana del Rey ou Phoebe Bridgers. Bañados por unha mestura do trip-hop dos 90 cun ton acústico de piano e guitarra, a ducia de cortes que recolle o LP son unha confesión, un acto de resistencia e de liberación ao mesmo tempo, que RUMIA traslada ao oínte a través de letras honestas reflexionando sobre o trauma xeracional ou o silencio emocional, explorando o crecemento persoal ou as dinámicas familiares... creando un traballo que captura, de xeito exquisito, a complexidade de madurar nun mundo que cada vez deixa menos espazo para a vulnerabilidade.
San Antonio, Los Eternos
Catro anos despois do seu último lanzamento, Los Eternos presenta o seu cuarto álbum, San Antonio (Ferror Records, 2025), un longo de americana en galego que impregna o corpo de salitre, intenso e emotivo, co que a banda de Cedeira continúa a explorar as raíces da música americana por vez primeira en galego. Composto por unha decena de cortes, o LP é unha homenaxe a Arantza Navarrete, letrista da banda falecida hai case tres anos durante o proceso de creación deste traballo, a través dunha viaxe; unha longa travesía desde Punta Candieira ata o Mar dos Balandros, cargada de nostalxia e cancións atemporais. De San Antonio, «un dos lugares máxicos de Cedeira», saíu a inspiración para a maioría dos temas do álbum, «que falan da nosa terra, do noso mar, das nosas tradicións, da nosa xente... que falan de amor, de dor, de vida e de morte».
Figure in a Landscape, Micro Moon
O novo de Micro Moon combina o piano clásico con ricas texturas e melodías electrónicas, transportando o oínte a diversos lugares; desde os espellos sonoros de Romney Marsh ata as atmosféricas «fábricas de luz» enclavadas nas montañas galegas. Figure in a Landscape (2025) é unha viaxe sonora a través de seis temas marabillosamente elaborados, inspirados nas diversas rexións que o dúo percorreu e explorou.
🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!