• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XULLO

Videoclip Club. Edición de xullo
24 XULLO 2020

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Magma - Mordem

Mordem presentábao como segundo single do seu álbum debut, Fragments to Dominate the Silence (The Winter Hunters, 2017), un traballo composto por temas que xiran ao redor de xéneros como o trip-hop, R&B ou o dream-pop máis opaco que, xunto á súa voz, crean unha atmosfera de paz e tranquilidade. ‘Magma’ é un tema progresivamente intenso que vén acompañado dun videoclip realizado e bailado pola propia Elba Fernández, quen danza sinuosa por toda a pantalla. As superposicións e movementos sutís en branco e negro evocan un estado de relaxación que, ao par de minutos, entra en erupción, alagándonos cun vermello ígneo... como o mesmo magma.

 

 

 

Zirkus AffeBanda Crebinsky

Damas e cabaleiros, con todos vostedes Mr. Bean, Brad Pitt, Alf, Léntulo Batiato, a Ra Gustavo, Marilyn Monroe, Marty McFly, Bugs Bunny, O Príncipe de Bel-Air... si, case tres minutos de cameos estelares dignos de calquera espectáculo circense. Banda Crebinsky estreaba así o primeiro videoclip do seu último LP, Zirkus Affe (2017), un clip-colaxe que, igual que o disco, foi producido por eles mesmos. Logo de cinco anos, esta orquestra popular xurdida dun universo imaxinario lanzaba este «mono de circo» composto por dez temas baseados na música balcánica, pero con renovadoras influencias mediterráneas, ritmos arábigos, moitas ganas de festa e demais monadas. Quen mellor que Ross (Friends) e a súa gaita para cantar, en galego!, ao inconformismo?

 

 

 

OrquestaBoyanka Kostova

Nunha grellada, nun club nocturno, no baño, na Feira de Abril, nun camerino, nunha cooperativa gandeira, nos vestiarios dun equipo de fútbol... vímolos xa en tantas circunstancias que, con frecuencia, pensamos que non volverán soprendernos; e, como sempre, Boyanka Kostova volvía facelo!... cun single-clip no que o dúo compostelano rende homenaxe ás raíñas das verbenas estivais: as orquestras. Gravado por 999K, ‘Orquesta’ amosa as mellores galas rurais dos Boyanka, a cabalo, guiados por dúas damas vestidas para a ocasión —co seu traxe de chaqueta de tweed, chapeu a xogo— e un invitado especial: O Príncipe das Fontiñas.

 

 

 

MadridXoel López

A secuencia de imaxes chuviosas retrata un Madrid ao que non estamos acostumados, de noite, desde a fiestra e sobre as rodas dun taxi. Xoel López está detrás do videoclip de ‘Madrid’, corte pertencente ao seu último disco Sueños y Pan (Altafonte baixo licenza exclusiva de Esmerarte, 2017) e un dos máis escoitados. Un tema homenaxe que canta, con tono nostálxico, a esa primeira vez que cruzas unha cidade descoñecida e ao azar inesperado. Dirixido por Jorge Cantos e producido por MAMMUT, o simbolismo do vídeo plasma a importancia que tivo Madrid para o cantautor galego e ensínanos a parar un segundo, mirar ao redor e gardar as lembranzas para cando o paso do tempo pase factura.

 

 

 

Salsa Galaica - SonDaRúa

SonDaRúa adereza esta onda de calor coa súa ‘Salsa Galaica’, single-clip e potencial tema do verán «pola súa mestura explosiva de ritmos urbanos e lírica política». Gravada, arranxada e mesturada por Félix Cebreiro en Quela Records (Ponteareas), o corte está cargado de rimas rápidas e festeiras con apegadizos ecos de ritmos latinos, aportación do produtor vigués That Bass. O videoclip, con gravación e edición firmadas por Pixelecer, é un convite á festa rachada rodeados de amigos, no chalé con piscina (e con churrasco!), da que todos quereriamos formar parte... «deixa iso vente pra acá SonDarúa está na casa e non se pode faltar». Con máscara, por favor!

 

 

 

E velaquí tés completo o Videoclip Club: 

 

  noticias