• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

ANXO ARAÚJO: «EN ‘PLAN DE URBANISMO PARA UN NOVO COUTO MIXTO’ QUERÍA CONTAR AS COUSAS DE XEITO ALEGRE»

ANXO ARAÚJO: «EN ‘PLAN DE URBANISMO PARA UN NOVO COUTO MIXTO’ QUERÍA CONTAR AS COUSAS DE XEITO ALEGRE»
6 SETEMBRO 2021

Anxo Araújo é xa un vello coñecido da escena local, logo de militar como baixista en formacións varias (Gremio de Maleantes, Medomedá ou Sufridos), pero agora preséntase en solitario, e ese rock que profesaba enriba dos escenarios converteuse en pop íntimo e persoal.

Proba diso é o seu debut discográfico, Plan de urbanismo para un novo couto mixto (2021); unha decena de cancións feraces e oníricas que bailan entre emocións, entre melancolía, alegría e optimismo. Gravado e mesturado por el mesmo no seu estudio caseiro, e masterizado por Víctor García en Ultramarinos Costa Brava, o disco está xa dispoñible nas principais plataformas dixitais.

 

 

Logo de anos involucrado noutros proxectos musicais, a «maldita, pero inspiradora, pandemia» lanzouche aos brazos dunha carreira en solitario; pero foi esta a única, e principal, causa? Ou era algo que xa viñas rumiando desde había tempo?

Anxo Araújo: «A idea levaba roldando na cabeza desde hai uns cantos anos, mais semellaba que nunca era o momento ideal, pero ao chegar a pandemia e paralizalo todo non quedaba outra que comezar a traballar neste proxecto».

 

A túa estrea en solitario vén cun disco debut baixo o brazo, Plan de urbanismo para un novo couto mixto (2021), que materializa «unha necesidade persoal convertida en desafío»... Por que esa necesidade e por que un desafío?

Anxo: «Necesidade porque, como comentaba antes, tiña esa inquedanza no corpo e precisaba enfrontarme a ela, ver que podía saír de aí; por iso tamén o sentimento de desafío, por saber se sería capaz de atopar o meu propio son, de materializar e levar a cabo a miña idea.

Comecei a traballar os temas e a súa produción sen ter claro se acadaría chegar ao resultado que tiña na mente e, polo tanto, se os acabaría sacando á luz. Iso tamén me quitaba certa presión, claro».

 

 

Sabemos que o álbum foi creado durante o (deberiamos dicir primeiro?) confinamento de 2020. Que cres que cambiaría se nacera, por exemplo, na «vella» normalidade?

Anxo: «É moi complicado, por non dicir imposible, responder a iso con certeza. Penso que sería distinto porque, seguramente, o xeito de traballar sería distinto. Probablemente non lle podería dedicar tantas horas e darlle tantas voltas a cada unha das cancións, así que penso que si, que sería distinto».

 

Con este disco camiñas por carreiros de pop contemporáneo en galego, moito máis íntimo e persoal que o rock ao que nos tiñas acostumados nos teus proxectos anteriores. Este cambio de estilo, foi tamén froito da introspección do confinamento ou hai outra causa, por exemplo, as letras?

Anxo: «Eu traballo en función da canción e do que quero contar nela. Quería contar uns sentimentos e musicalos do xeito que considerei máis adecuado para cada caso, fuxindo dun estilo concreto.

O único que me propuxen unha vez comecei con este disco era facer un álbum que, en certo modo, fose alegre; un disco en positivo. Se quería contar algo triste, pois facelo de xeito optimista e amosando superación ante esas dificultades persoais».

 

Ao fío, como adoita ser o teu proceso creativo? Veñen primeiro as letras e despois a música, ao revés ou, como bo galego, depende?

Anxo: «Gustaríame ter un xeito concreto, mais aínda non atopei unha fórmula máxica! Por norma xeral, paso varios días dándolle voltas a melodías e frases sobre o que quero contar, mesmo sen coller ningún instrumento, e vou gravando esas ideas, para descartalas ao día seguinte, ata que aparece a boa.

A partir de aí intento construír a canción cun instrumento, pero sobre todo na miña cabeza. Chegados a este punto comeza a produción: toca probar distintos ritmos, tons, arranxos, ir adaptando a letra... ata que se remata ou, como dicía o outro, se abandona, pois é moi difícil dar por terminado un tema».

 

 

E a inspiración? En que, ou onde, procuras a inspiración á hora de compoñer?

Anxo: «A inspiración, ou canto menos a primeira idea sobre a que traballar, procuroa na tranquilidade, na desconexión, en ter o motivo sobre o que me gustaría escribir sempre na cabeza ata que, de repente, chega. Dificilmente chega soa, hai que buscala.

Despois todo colle sentido encerrándome no estudio e probando distintas opcións, con instrumentos ou sen eles, na simple reflexión sobre o que quero contar».

 

O título é, canto menos, ben curioso... como sacado do pleno dun concello; de onde vén? É ese Novo Couto Mixto o marco dunha utopía persoal? Ou colectiva?

Anxo: «O disco fala dun renacer persoal, dun volver comezar aínda que a situación sexa complicada, aínda que o vexas todo en contra. De recuperar a ilusión por volver crear un fogar, de non renderse, de seguir adiante aproveitando a experiencia do fracaso, de crear un novo espazo común...

Xuntando todas esas ideas e a situación que nos envolve, tanto a nivel político como social, busquei este título que penso que une moi ben todos estes conceptos».

 

Plan de urbanismo para un novo couto mixto preséntase como «música feliz para tempos de crise». Esa crise non só parece ser a sanitaria, senón tamén algo persoal, non? Tivo algo de catártica a realización deste disco?

Anxo: «Absolutamente catártica. Como comentaba antes, quería contar as cousas de xeito alegre, obviamente non me ía saír un disco de bailar e saltar, pero si buscaba que deixase unha sensación boa despois da escoita, non quería que fose eu comigo mesmo contando as miñas penas.

Tiña que ser optimista e iso debíase a dous factores: desde o punto de vista individual era como unha terapia psicolóxica e, pensando no oínte, nesta situación tan triste que estamos a sufrir, pois tiña que supoñerlle tamén algo de bo rollo. Tiña que sentilo, tiña que ser unha mensaxe positiva, de superación de tanto drama».

 

Falemos dalgún dos temas do disco. Hai cancións abertamente optimistas como Antinuclear”. É o Plan de reordenación urbana dese futuro Novo Couto Mixto?

Anxo: «Sen dúbida! Nese Novo Couto Mixto non hai cabida para a toxicidade; hai que perder os medos e fuxir dela sen mirar atrás».

 

 

Pero algunhas cancións están cheas de nostalxia. Por exemplo, A Guerra Mundial”; é unha especie de informe militar sobre a fin dunha guerra que non gaña ninguén?

Anxo: «Ás veces veste atrapado nunha guerra na que, aínda que ti tamén colaboraches a que existise, non queres estar máis. Son guerras nas que ambas partes perden constantemente, que ningún dos bandos vencerá xamais e hai que darse conta e saber paralas, erguer a bandeira branca e marcharse. Non merece a pena seguir co fogo cruzado».

 

 

Outras describen a felicidade que hai nas pequenas cousas, como en Feng Shui”. É unha idea que xa che roldaba na cabeza ou unha reflexión que trouxo o confinamento?

Anxo: «É outro himno á vida alegre. Un aprender a valorar as cousas que parecen pequenas, pero que son enormes e que nos marcan o día a día; darse de conta que aí, e soamente aí, está a felicidade plena».

 

 

Como xurdiu a idea do videoclip de Canción Perfecta”? Por que se agocha Anxo trala careta dun león?

Anxo: «Tiña claro que o single adianto, e polo tanto o primeiro vídeo deste disco, tiña que ser ese, porque é o tema onde quería amosar a transición que me levou a facer estas cancións e a facelas así.

E quería que iso saíse reflectido no vídeo, esas imaxes de transición nesa procura e ao rematar aparecer bailando, desfrutando do momento. Coa careta conseguíamos o efecto do “aquí estou eu” e a idea que, en parte, tamén supón todo este disco, que é dar a cara».

 

 

Canción perfecta” é o tema que abre o álbum, musicalmente falando; que ten que ter para ti unha canción para que sexa «perfecta»? E que ten que ter un tema para ser perfecto para abrir un álbum?

Anxo: «Unha canción perfecta é unha sensación que seguramente poida variar no tempo e coas circunstancias do momento de cada un. Iso é o bonito da música. É moi difícil definilo… vén sendo un sentimento pleno que che transmite escoitar esa canción. E non hai unha fórmula, ou polo menos nin Strummer, nin Tweedy, nin ningún deses monstros nolo contaron nunca!

Outra cousa é o tema de abrir un disco. Sei que estamos de novo no tempo do single máis que do disco en si, pero eu sempre lle din moita importancia á orde dos temas nun disco, o que abre, o que vai de segundo, o que pecha o disco. Doulle moitísimas voltas! Supoño que é porque me gusta escoitar discos máis que escoitar cancións. E neste caso, como comentaba antes, tiña claro que debía ser ese o primeiro».

 

A gravación do LP foi no teu estudio en Poio (Pontevedra), pero a masterización correu a cargo de Víctor García nos míticos Ultramarinos Costa Brava (Barcelona). Como foi esa viaxe das cancións dunha punta á outra da Península? Por que os Ultramarinos?

Anxo: «O proceso de gravación e mestura foi tan complexo, tan intenso, que tiña claro que o toque final debía dalo fóra alguén experimentado no caso e que nunca tivera escoitado os temas, así non tiña a escoita viciada como podía tela eu.

Gustábame o traballo de Víctor García e a verdade é que considero que fixo un traballo marabilloso. Foi todo un acerto».

 

Plan de urbanismo para un novo couto mixto está tamén dispoñible en CD —Libraría Paz (Pontevedra), Discos Fans (Santiago de Compostela), ou mesmo a túa propia web— por que apostar polo formato físico, do teu debut nada menos!, nun tempo no que o consumo dixital está en alza?

Anxo: «Pois supoño que por unha mestura do que contaba antes da importancia que lle dou ao disco en si, e polo romanticismo de que exista fisicamente co seu libriño e demais. De poder collelo na man, vaia».

 

 

A volta da música en directo de xeito regular aínda está a ser complicada, con restricións de capacidade, protocolos, máscaras, etc. Como o estás a levar? Algunha vindeira data que poidas adiantarnos?

Anxo: «A verdade é que, aínda que pouco a pouco parece que vamos saíndo desta, a situación segue sendo moi complicada e hai moita incerteza. Agardo que os próximos meses sirvan para recuperar definitivamente a normalidade, pois esta situación está sendo moi difícil para moita xente.

Nós comezamos xa mesmo a traballar no directo e agardamos poder presentar as primeiras datas pronto».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Anxo: «A pesar dos tempos, a creatividade musical galega está sendo extraordinaria. Case cada día saen cousas marabillosas. Grupos como Chicharrón, Momboi, Grande Amore, Verto, Peña... están a facer cousas moi interesantes. Nos clásicos nunca fallan os Ataque Escampe ou The Homens».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Anxo: «Pois abrímola! Un segundo... Nas últimas escoitas están María Rodés, Manel, Grande Amore, Pablo Und Destruktion, Guadi Galego, Pau Vallvé, Xabier Díaz... Tiven sorte de non ter feito ningunha festa de hits charramangueiros nos últimos días…».

 

 

  noticias