• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE NOVEMBRO

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE NOVEMBRO
19 NOVEMBRO 2021

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

 

Fukushima, Triángulo de Amor Bizarro

A liña entre o eu físico e o eu virtual cada vez é máis difusa, case tanto como a da filosofía e a música... polo menos no novo vídeo de Triángulo de Amor Bizarro. Os de Boiro sorprendían co videoclip de “Fukushima”, un tema que xa dera que «falar e pensar» o ano pasado, cando a escoitabamos por vez primeira en Triángulo de Amor Bizarro (Mushroom Pillow, 2021). A canción reflexiona sobre temas de actualidade e o vídeo, dirixido por Toño Chouza, afonda aínda máis neles grazas á sabia colaboración de Ernesto Castro e Elizabeth Duval. O seu debate filosófico centrado en «vivir na periferia de nós mesmos», como metáfora de estar gran parte do día conectados a redes sociais, intégrase na peza audiovisual entre unha actuación da banda na Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro) e un avatar dixital de María Forqué.

 

 

 

La chica del bosque, Luis Moro

Na xoia sonora que é Norteamericana aquí (Laboratorio Azul, 2020), Luis Moro homenaxea á música que lle inspirou, e lle segue a inspirar, na súa carreira. Faino revisando e castelanizando cancións de artistas e grupos norteamericanos contemporáneos, como Wilco, Iron & Wine, Kevin Morby, Joe Henry ou, o elixido para o seu último single-clip, Calexico. O vídeo de “La chica del bosque”, adaptación do “Girl in the Forest” orixinal da banda indie folk-rock estadounidense, foi gravado polo cantautor galego durante o verán de 2020 en varias localizacións de Vilardevós (Ourense), un sitio que para Luis Moro ten un significado especial. Con mestura e produción de Enrique Moro, o clip nos adentra nos camiños da fraga ourensá, con paradas nostálxicas en varios fogares compartidas con cameos gatunos, ata agasallarnos un incrible solpor.

 

 

 

How to Stop Time, Rumia

A principios de ano pasado instábanos a renacer xunto ás cinco pezas do seu debut Reborn (2020), EP de «pop intenso, emotivo e profundo» gravado en Madrid e producido por Manuel Colmenero; con este corte, Rumia convídanos a deter o tempo. En “How to Stop Time” escoitamos como ritmos hipnóticos e melodías cativadoras acariñan unha lírica sobre o estado de constante transformación; nada é permanente e, polo tanto, non se pode ser feliz todo o tempo. Dirixido por Georgina Pretto con Matias Iaccarino detras da cámara, o clip é unha magnética combinación de primeiros planos e planos detalle das dúas caras enfrontadas da artista, entre curtos fragmentos de time-lapses e sobreexposicións.

 

 

 

SLoeh, MadHero

O seu primeiro single do ano, “Unforgettable”, axudaba a lembrar a aqueles que xa non poden facelo debido ao Alzheimer; o segundo, “Plastic Sea”, era unha chamada desesperada a non botar plásticos ao mar, e cuxos beneficios van destinados ás fundacións Ecomar e TAI BIO. MadHero lanzaba o terceiro, “Sloeh”, «dedicado a todas aquelas persoas que se atopen librando este combate, en especial á protagonista deste vídeo: Sara Loeh», rezan os créditos da intro. En castelán, a artista plántase no cuadrilátero para poñerlle banda sonora á loita contra o cancro da protagonista, preparada para a vitoria con gancho e defensa para derrotar ao seu peor inimigo. O clip, obra de Oscar del Moral, está cargado de filtros fríos sobre o ximnasio La Vieja Escuela (Vigo), planos rápidos e directos como jabs que golpean sen piedade ao espectador e oínte. De novo, MadHero destinará o 100% dos beneficios obtidos á AECC (Asociación Española Contra o Cancro).

 

 

 

Xota do Norte, Nelson Quinteiro

Como cada ano, o 22 de novembro celébrase o Día Internacional do Músico, e que mellor forma de homenaxear a todos eles que con… música! O ano pasado, Nelson Quinteiro escolleu este día tan especial para lanzar “Xota do Norte”, o último single-clip de Músicas de Domingo (Inquedanzas Sonoras, 2019), segundo traballo discográfico xunto ao pianista Brais González. A proposta audiovisual, parte do programa #ACulturaSegue do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, é un vídeo-danza a modo de shinrin-yoku, práctica xaponesa que consiste en deixarse levar polos sentidos que o bosque, ou outro espazo natural, nos pide. Realizado por Pio Cribeiro, o clip está protagonizado por integrantes da compañía de Nelson Quinteiro, quen se mergullaron nun piñeiral centenario e se deixaron mecer pola música e polas follas das árbores que os rodeaban; o resultado é unha obra na que o simbolismo e a cor se recrean nunha mensaxe ecoloxista e de volta á natureza.

 

 

 

 

  noticias