• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

O VAL DAS MOURAS: «PARÉCENOS MOI BONITO VOLVERLLES DAR VIDA A VERBAS DESTAS AUTORAS»

O VAL DAS MOURAS: «PARÉCENOS MOI BONITO VOLVERLLES DAR VIDA A VERBAS DESTAS AUTORAS»
22 NOVEMBRO 2021

O seu nome álzase entre castiñeiros, faias, carballos e bidueiros do Courel (Lugo), mentres que os seus membros fano desde L’Hospitalet de Llobregat (Barcelona). O Val das Mouras é unha formación de raíces atlánticas que basea a súa proposta musical na obra poética de Rosalía de Castro. Composta por Laura Lorenzo (voz), Joana Marcè (frauta), David Fernández (guitarra), Àlex Rodríguez (violoncello), Carles Mesa (acordeón, percusión) e Meri Rodríguez (voz, gaita, pandeireta), a banda ofrece unha viaxe no tempo a través de poemas musicados escritos hai máis dun século, pero que tratan temas tan actuais como a desigualdade, a inxustiza social ou a emigración.

Logo de dous traballos discográficos, O Val das Mouras vén de lanzar o seu novo álbum, Bruixes i Poetes (2021), no que, por vez primeira, cantan en catalán e abren as portas a outras poetas que, ao igual que Rosalía de Castro, foron significativas para a sociedade na que viviron, como Joana Raspall, Maria Mercè Marçal ou Gloria Fuertes.

 

 

Desde L’Hospitalet de Llobregat, O Val das Mouras «son cataláns, pero cantan en galego». Composto orixinalmente por Laura Lorenzo (voz), Joana Marcè (frauta), David Fernández (guitarra), Àlex Rodríguez (violoncello) e Carles Mesa (acordeón, percusión), como xorde a xuntanza?

David Fernández: «Pois xorde dunha teima miña de facer un proxecto musical baseado nas miñas raíces galegas. Escollín os poemas de Rosalía, púxenlles música e despois convencín aos músicos para me acompañasen nesta viaxe».

 

Pasastes a ser un sexteto coa incorporación de Meri Rodríguez (voz, gaita, pandeireta) hai un par de anos. Meri, como foi adaptarse a unha dinámica xa establecida?

Meri Rodríguez: «Foi bastante doado porque eu xa levaba tempo colaborando en directo co grupo e participando na gravación dos dous discos anteriores. Así que, sinxelamente, foi como facelo oficial!».

 

A vosa proposta musical está baseada na obra poética de Rosalía de Castro, musicando os seus poemas a ritmo de «pop folk con raíces atlánticas». Por que Rosalía de Castro (tan universal, si, pero tamén tan galega)?

David: «Está claro que Rosalía xa se musicou un cento de veces, pero humildemente pensaba que nós podiamos facer unha revisión musicada dos seus poemas moi digna. A emoción que nos transmite a súa obra ao lela tiña que acabar aflorando nunha música tamén ben bonita e sincera».

 

 

 

    

 

Os vosos dous primeiros traballos, Rosalía (2015) e A xustiza pola man (2017), están baseados na súa obra. Que diferenzas, tanto na selección de poemas como musicalmente, vedes entre eles?

Laura Lorenzo: «O primeiro traballo reflicte unha Rosalía máis intimista, bucólica e morriñenta, tanto a nivel musical como nos poemas escollidos. Con todo, no segundo apostamos claramente pola Rosalía máis activista, guerrilleira e feminista».

 

Antes falabamos de «pop folk con raíces atlánticas». Alén de etiquetas, como describiriades vós o voso son?

Joana Marcè: «Pois é complicado porque é a mestura de seis músicos que, a día de hoxe, participan activamente tanto na composición como na escolla dos poemas.

Por riba de todo, son cancións das que nos sentimos moi orgullosos e que cada unha precisa dunha textura musical diferente; aínda así, hai certo selo propio en todas elas».

 

 

 

 

O voso último traballo é Bruixes i Poetes. Vén de publicarse, pero lemos que estaba pensado desde hai dous anos e que a súa gravación e posterior publicación tivo que ser posposta por mor da pandemia. Afectou dalgún xeito este tempo de «barbeito» ao desenvolvemento conceptual do disco?

David: «Non, o disco estaba pensado, madurado e rematado. O que si nos proporcionou este tempo sen concertos foi poder adiantar temas extramusicais, como o deseño do cedé ou o Verkami para poder tiralo adiante».

 

O álbum recolle dez poemas musicados non só de Rosalía de Castro, senón tamén de autoras de toda a xeografía española. Así, escoitamos temas en galego, castelán e, por vez primeira, en catalán. Que vos empurrou agora a incluír outras autoras?

Carles Mesa: «Ao final, no grupo somos só dúas persoas de raíces galegas, o resto son catalás; e na banda falamos as tres linguas entre nós para comunicarmos. Penso que, dun xeito natural, tiñamos que acabar abrindo o abano desta forma».

 

En Bruixes i Poetes, Rosalía vese arroupada por María Mariño Carou, Joana Raspall, Gloria Fuertes ou Maria Mercè Marçal. Como foi a selección do repertorio? Escollestes primeiro as autoras e despois un texto determinado ou a escolla, máis que de poetas, foi de poemas concretos?

Laura: «Foron os poemas os que nos levaron ás autoras. A mensaxe por diante sempre!».

 

 

A temática do disco é reivindicativa e feminista, con letras profundas e comprometidas. Na vosa opinión, que tan preciso é que a música lle dea voz a este e outros temas, como a emigración ou a inxustiza social, dos que xa falaba Rosalía hai máis dun século?

Joana: Para nós é básico, por iso levamos sete anos dedicados a este proxecto. Parécenos moi bonito volverlles dar vida a verbas destas autoras que, ás veces, foron silenciadas ou ninguneadas pola elite cultural do momento, e que loitaron por cambiar as cousas».

 

Ao fío, como vedes o papel actual da muller na música?

David: «Centrándonos na música galega, que é a que máis seguimos e coñecemos, hai un cento de mulleres facendo música excepcional, sacando os seus proxectos adiante e sendo referentes no panorama actual por méritos propios. Penso que estamos nun bo momento, e que siga! Encántannos SÉS, A banda da Loba, Tanxugueiras...».

 

 

Musicalmente falando, seguides a evolucionar cara a unha sonoridade moito máis pop, máis guitarras eléctricas e baixo, que destacan sobre gaitas, frautas ou pandeiro. Tomámola como declaración de intencións? É este o camiño que seguiredes a partir de agora? Mesmo a portada semella máis rockeira!

Meri:«Pois si. De feito, tiñamos dúbidas coa portada porque ao vela pode parecer que dentro vas atopar un grupo punk,pero ao mesmo tempo a mensaxe das letras que contén seguramente aínda o é máis que as de moitos grupos que levan a revolución por bandeira. Así que tirou adiante a foto da pequena cos cornos!

A nivel musical, é certo que a sonoridade tamén evolucionou; agora mesmo temos repertorio para facer un teatro intimista ou para tocar nun festi e poñelo todo patas arriba».

 

Nos tres discos musicades poemas, poñédeslle música a textos xa escritos. Como é este proceso? O habitual é compoñer a música sobre o poema, pero dáse tamén o contrario: ter música creada con anterioridade que, de súpeto, descubrides que lle acae ben a un poema?

David: «Nós funcionamos a partir do poema, cada un lévanos a unha sonoridade diferente. Si é certo que algún xa vemos claro desde o principio que acabará sendo una muiñeira, ou que lle presta un ska festeiro, ou que faremos un tema lento en modo menor como os da primeira época para cortarse as veas... pero sempre a posteriori».

 

Para parte da gravación e edición do disco recorrestes a unha campaña de micromecenado, vía Verkami, que acadastes pechar con éxito en pouco máis dun mes. Esperabades tal acollida? Como vedes este xeito de financiamento?

Carles: «Para nós foi vital poder facelo deste xeito e acadar o cume. Despois de ano e medio sen tocar, non podiamos afrontar a produción do disco con todo o que esta supón, así que moi contentas!».

 

 

O mastering correu a cargo do recoñecido Víctor García, de Ultramarinos. Como foi a experiencia de traballar con el?

David: «Foi fantástica! Estamos encantadas co resultado, o disco soa brutal. Potente, claro, todo no seu sitio. Repetiremos sen dúbida».

 

Logo de máis dun ano sen subir a un escenario, presentades o disco o 21 de novembro durante a 16ª edición do Festival Acròbates (L’Hospitalet de Llobregat). Emocionados pola volta? E ademais xogades na casa!

Laura: «Podes imaxinar... a ver quen nos atura o domingo. Vai ser moi especial!».

 

 

Agora que a nova normalidade está xa case restaurada, sen restricións de capacidade e horario, a música ao vivo está tamén a volver, aínda que aos poucos. Que poderemos esperar dun concerto do Val das Mouras? Algunha vindeira data que poidades revelar?

Joana: «Moito traballo e moita ilusión convertidos en música, no repertorio hai momentos para todo! Si que podemos anunciar tamén que en xaneiro estaremos actuando na Sala Luz de Gas (Barcelona) no marco do Festival Barnasants. Agardamos poder volver tocar en Galiza o vindeiro verán despois de tres anos sen facelo».

 

 

Xa como curiosidade, compartides nome coa máxica e lendaria fraga galega, O Val das Mouras (O Courel, Lugo). De quen foi a idea?

David: «Miña; os meus pais, a miña familia toda, son de Mercurín do Courel, a aldea que hai xusto por riba do Val das Mouras. Tiña moi claro que quería levar sempre comigo o seu nome, e o do Courel en xeral».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Laura: «Xa comentamos algúns noutra resposta, pero engadimos tamén a Su Garrido Pombo e Sumrrá, entre outros moitos».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

David: «Ufff, de todo! Cada un do grupo tira para o seu lado.... desde Xabier Díaz ata Slayer!».

 

  noticias