• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VALENTÍN CAAMAÑO: «OS TEMAS DUN TAMÉN SON FILLOS DOS MÚSICOS QUE ESCOITAS»

VALENTÍN CAAMAÑO: «OS TEMAS DUN TAMÉN SON FILLOS DOS MÚSICOS QUE ESCOITAS»
5 DECEMBRO 2022

Guitarrista, vocalista e compositor galego, Valentín Caamaño comezou tocando as cordas desde neno, unha afección que rematou por converterse en carreira musical a principios dos anos noventa. Os primeiros acordes que saíron da guitarra de Caamaño foron roqueiros, en formacións como Clan Moriary, Space Drapes, Southbound ou Francis Kaners, ata que un disco de Jim Hall Trío lle creou a necesidade de probar co jazz... e ata hoxe.

Logo de finalizar estudos de Jazz e Música Moderna en Estudio Escola de Música (Santiago de Compostela), e participar en varias edicións do del Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, dirixido por Paco Charlín, e en diferentes clases maxistrais, o músico lidera actualmente diversos proxectos, entre os que destaca Stormy Trucks e Valentín Caamaño Quartet; este último xunto a Xosé Miguélez (saxo tenor), Alfonso Calvo (contrabaixo) y Miguel Cabana (batería). Publicado o maio pasado, All the Gods (Tiny Moon Records, 2022) é o seu novo traballo discográfico, que recolle cinco cortes de composición propia máis un composto por Alfonso Calvo e unha versión de Bronislau Kaper.

 

Foto © Ana Fernández

 

Levas tocando a guitarra desde ben neno, o teu primeiro contacto coa música foi a través deste instrumento? Que espertou o teu interese por esta disciplina artística?

Valentín Caamaño: «Si, o primeiro contacto coa música foi a través da guitarra. Desde pequeno, o que espertou o meu interese seguramente foi escoitar música, pero sempre relacionei o feito de escoitar música coa curiosidade técnica de como se facía iso; eu quería saber como se podía tocar iso que escoitaba. Ademais, ver facer música á miña curmá e ao meu avó seguramente axudou moito tamén a crear unha vocación».

 

A túa carreira musical comeza na túa Compostela natal a principios dos noventa; Clan Moriarty foi a túa primeira banda, á que lle seguiron Space Drapes, Southbound ou Francis Kaners. Como lembras eses inicios?

Valentín: «Pois lembro sobre todo moitísima ilusión, a necesidade de estar constantemente facendo iso. Era absolutamente unha nova forma de vida na que me sentía feliz, unha canle perfecta para focalizar a introversión. Teño grandes recordos desas formacións, todas relacionadas co rock ’n’ roll. Loxicamente, tamén comezabas a experimentar o lado máis complicado do mundo da música, tratabas de aprender tamén nese sentido».

 

Eses proxectos tiñan o rock ‘n’ roll como eixo, pero o Valentín Caamaño que coñecemos agora ten un 50% de rock e o outro 50% de jazz. Como naceu a túa paixón polo jazz? Como foi o achegamento ao xénero?

Valentín: «Entendo absolutamente a afirmación, pero eu quizais prefiro pensar que, no meu corazón e na miña cabeza, están sempre aí o que podemos chamar jazz e o que podemos chamar rock ’n’ roll; ambos axudando ao 100% a expresarme e a relacionarme coa sociedade na que vivo.

O meu interese polo jazz naceu cando caeu nas miñas mans un disco do trío de Jim Hall ao vivo. Foi escoitar a música e o son que saía desa guitarra e xa querer facelo, como unha necesidade».

 

 

Foto © Rafa Pasadas

 

Que che empurrou a liderar a túa propia formación de jazz?

Valentín: «Do mesmo xeito que ocorreu no caso do rock ’n’ roll. O contar con formacións coas que poder canalizar a maneira na que ti ves e sentes a música, e ter a sorte de contar con músicos que che axudan a facelo, é unha situación na que sempre me sentín máis cómodo.

Realmente son moi afortunado por poder expresarme deste xeito e por ter a axuda doutros músicos para facelo».

 

Tes participado en varias edicións do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, coñecido, entre outras calidades, polo seu modelo alternativo de ensino do jazz. Que destacarías do teu paso polo centro?

Valentín: «Teño moi bos recordos do meu paso polo SPJ. Destacaría sobre todo o ter coñecido a músicos estupendos alí, algún deles que agora considero amigos. E tamén a gran experiencia de ter profesores como Paco Charlín, transmitindo a súa forma de entender a música e o escenario».

 

Na túa opinión, que achegan estas renovadas didácticas ou perspectivas musicais respecto á formación máis clásica de conservatorio?

Valentín: «Realmente é algo que debería ser primordial no ámbito do que se dá en chamar “ensinanzas musicais”. Trátase de ter claro que non importa en que momento da relación técnica ou de aprendizaxe co teu instrumento te atopes, tes que tocar música sempre, e tes sempre que tratar de soar ben e axudar a facer soar ben aos teus compañeiros.

Sempre tes que estar ao servizo da música, non ao revés. Non é que a teoría non teña importancia, é ser conscientes de que a música, ao igual que outro tipo de linguaxe, naceu dese xeito, e despois veu unha teoría relacionada».

 

Como ves a escena jazzística galega?

Valentín: «Cada vez mellor, realmente. Xa hai anos que o jazz galego está a un gran nivel. O maior problema está en onde se pode tocar jazz, e en tratar de atraer público aos espazos onde se programa; ao final está todo relacionado. A base, os rapaces e as rapazas, o que escoitan e ven facer na súa casa, se leen ou non, que tipo de ensinanzas reciben..., iso vai sempre a determinar o futuro, pero non só da música, obviamente».

 

 

 

No teu debut, The Joy (Free Code, 2014), revisitas estándares de grandes figuras do jazz, como Thelonious Monk, Gigi Gryce ou Wayne Shorter. Como foi a selección do repertorio? Primou a peza ou o seu autor?

Valentín: «Primou a peza absolutamente. Á parte da admiración polos autores, son temas que me encanta tocar. Ese disco realmente non ía ser o primeiro, pero foi quedar un día para tocar con Alfonso Calvo e LAR Legido e querer gravar esa enerxía que se xerou».

 

 

 

Con todo, en Green With Envy (Free Code, 2017) réndeslle tributo a Grant Green, un dos mellores guitarristas norteamericanos de jazz. Que significa para ti este músico como para dedicarlle un disco?

Valentín: «Significa moito, en moitos sentidos. Entre outros, é o xeito no que Green é capaz de expresar a través do instrumento, o significado enorme de cada nota, a honestidade no fraseo, a importancia do que queres dicir e como o dis... Miles de cousas».

 

 

Ademais destes músicos, tes algún outro referente que teña particular impacto na túa forma de entender a música? E de tocala?

Valentín: «Moitos referentes. Á parte do citado Jim Hall, tamén Dave Edmunds, Sonny Rollins, Emmylou Harris, Brian Setzer, Lee Morgan, John Fogerty, Tom Petty... Todos eles forman parte da miña música e da miña forma de tocala».

 

 

 

No seguinte álbum, The Blind Wrestler (2017), xa comezamos a escoitar composicións propias. Que che animou a compoñer? Foron escritas especificamente para este disco ou era algo que tiñas gardado no fondo dun caixón?

Valentín: «Compoño desde que comecei a tocar, é o normal. The Blind Wrestler ía ser o primeiro disco realmente. Eses temas xa estaban compostos desde había moito, xa antes de The Joy. Pero certamente, neste caso, o disco non foi concibido como unha obra completa; os temas foron, digamos, obxecto de selección do que xa tiña composto».

 

“6:26 a.m.” foi definida como «un estándar do presente que, se fose escrita no pasado, non lle sorprendería a ninguén». Que pensas que tería que ter agora unha composición para chegar a converterse nun estándar?

Valentín: «Iso escribíao amablemente Pérez Farelo para a revista Tomajazz en 2018, e estoulle moi agradecido por iso. Esta pregunta é difícil de responder, ese é o Santo Graal para os compositores, claro.

Por experiencia, sei que nunca sabes cando un tema vai gustar ou non; o único que tes que facer é compoñer coa maior honestidade posible, sempre respectando os teus tempos e momentos, e nunca pensando en se lle vai gustar ou non ao público. Esa é unha trampa perigosa na que se pode caer».

 

 

O disco remata coa versión de “How Deep Is the Ocean”, escrita por Irving Berlin en 1932. Que foi o que che atraeu desta peza para escollela doutras da súa célebre autoría, como as clásicas “White Christmas” ou “Alexander’s Ragtime Band”, incluída esta última na BSO de Titanic?

Valentín: «Á parte da harmonía do tema, que me encanta, e do feito de que desfruto cando a canto, a letra paréceme moi especial; está practicamente composta de preguntas, apenas unha afirmación nela. Ás veces é como se falase un neno, aínda que tamén se pode aplicar a un amor adulto».

 

Neste traballo, Xosé Miguélez (saxo tenor) aparecía como “special guest”,pero agora é parte de Valentín Caamaño Quartet, xunto a Alfonso Calvo (contrabaixo) e Miguel Cabana (batería). Ademais dos seus instrumentos, que achegan cada un deles ao proxecto?

Valentín: «Ben, á parte dos seus instrumentos e da súa gran música, xa recoñecidísima no caso dos tres, achegan unha actitude, implicación e cariño polo que fan que é absolutamente contaxioso. Non podo estar máis agradecido».

 

 

 

All the Gods (Tiny Moon Records, 2022) chegaba en maio logo dun lustro de silencio discográfico. Sen presión (e descontando os anos pandémicos), por que a demora?

Valentín: «É un xeito de velo; enténdoo. Eu realmente o que penso ao respecto é que viña de editar dous discos en 2017 —en febreiro Green With Envy e en decembro The Blind Wrestler—e nese sentido estaba saciado. Tamén é certo que en 2020, en plena pandemia, editei o primeiro disco de Stormy Trucks. Se ademais descontamos o impasse da COVID, eu certamente non percibín tal demora.

O que si é verdade é que, para min, compoñer e publicar traballos é algo ao que me gusta darlle o seu debido tempo. Ten que obedecer a unha verdadeira necesidade, é mellor non forzarse. Esa tamén é parte importante da vida dun músico, saber ler os tempos interiores».

 

Dis que é o teu disco máis persoal, por que?

Valentín: «Polas composicións e a forma na que foron escritas. Non obedeceron a consideracións técnicas practicamente, son temas moi simples e coa melodía sempre como guía de todo. Foi tratar de desprenderse de todo o aprendido a nivel harmónico e compositivo, e deixar saír a música desde dentro do xeito máis natural posible. Ese foi o reto; ser o máis sincero comigo mesmo nese sentido».

 

 

De principio a fin, da primeira pista á derradeira, este álbum soa ao mellor West Coast jazz de finais dos 40 e principios dos 50. Canto á composición, foi esta a túa principal fonte de inspiración? Como foi o proceso creativo?

Valentín: «Realmente, aínda que me encanta o chamado West Coast jazz, no cuarteto sempre facemos a broma de que a nosa costa oeste é Boiro, ou Camariñas...

Eu non sei exactamente se soa a esa corrente, pode ser, certamente eu escoito máis aos músicos da costa este, pero é circunstancial. O proceso creativo, ademais do explicado na pregunta anterior, consistiu tamén en deixarse inspirar por músicos como Kenny Burrell, Lee Morgan ou o mesmo Grant Green. Os temas dun tamén son fillos dos músicos que escoitas».

 

Foto © Rafa Pasadas

 

Desta volta, a versión atopámola en “Invitation”, orixinal de Bronislau Kaper. Malia que a composición propia ocupa xa a maior parte dos teus traballos, poderiamos considerar que incluír versións segue e seguirá a ser unha tradición?

Valentín: «Si, ademais dos temas orixinais é costume incluír estándares ou versións, penso que iso é inherente a practicamente todos os distintos estilos musicais; é como dicir, “nós facemos isto porque antes alguén fixo isto outro”. Considero que é importante esa especie de continuidade dentro da tradición (no sentido de transmisión) da música.

No caso particular do jazz é tamén parte do xogo que se produce entre os músicos, o feito de tocar temas que adoitan ser habituais entre os intérpretes sempre anima a improvisar dentro desas harmonías».

 

 

Desde o seu lanzamento, All The Gods leva soando en programas de radio, algúns galegos e outros estatais. Como está a ser a acollida?

Valentín: «Honestamente non podo estar máis contento coa acollida por parte dos medios e do público. O disco está a darnos grandes alegrías».

 

Con All The Goods fuches finalista nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Jazz e Músicas Improvisadas. Que significou para ti este nomeamento? Na túa opinión, que papel pensas que teñen este tipo de galardóns á hora de impulsar a música do país?

Valentín: «O primeiro, teño que agradecer ao xurado dos Premios a consideración. Eu coido que, para os que xa levamos uns bos anos dedicándonos á música, pode ser que, de vez en cando, se poida dar un recoñecemento ao traballo feito.

De todos modos, á parte da gratitude, penso que os Premios Martín Códax son realmente unha plataforma estupenda para visibilizar a gran cantidade e calidade de proxectos musicais de Galicia; iso é o importante e o máis difícil realmente, poder facer visible o traballo.

Pero o obxectivo dun músico, ou de calquera artista, debería ser sempre a dedicación e a constancia no seu oficio, o día a día, non o resultado inmediato».

 

Xa por curiosidade, lemos que atopas similitudes entre o razoamento matemático e o que se fai sobre un pentagrama. Máis como conversa de café que como tema de tese, claro, pero poderías afondar entre as similitudes e diferenzas entre as matemáticas e a música?

Valentín: «Ben, teño que dicir que, entre outros, xa Pitágoras relacionara as matemáticas coa música a través do seu Tetraktys. John Coltrane mesmamente o facía, non sei se conscientemente ou de xeito intuitivo.

No meu caso, a relación véxoa clara a través do razoamento abstracto que se dá nas dúas disciplinas. As matemáticas poden parecer moi ríxidas nun primeiro momento, exactamente igual que o que pode ocorrer coa teoría musical, pero é a creatividade e a individualidade de cada matemático ou músico a que pode achegar absoluta beleza sobre esa teoría. As solucións aos grandes problemas matemáticos son normalmente froito da creatividade. Por outro lado, se pensamos en situacións matemáticas que só teñen unha única solución, eu relaciónoo co que se experimenta cando escoitas un solo no que cada nota elixida parece ser a única que se pode tocar para crear tal beleza».

 

Foto © Roberto García Sánchez

 

Vés de presentar o disco no Clavicémbalo no marco do Festival de Jazz de Lugo, que tivo lugar do 4 ao 20 de novembro. Como foi a experiencia, tendo en conta que non era a primeira vez que eras parte da programación do festival?

Valentín: Pois foi moi bonito voltar ao Clavicémbalo e ao festival e presentar o disco co cuarteto. A xente acudiu á cita de forma estupenda e a súa resposta foi moi boa. Estou moi contento das sensacións no escenario e da enerxía que desprende o grupo. Xa desexando que chegue a seguinte presentación!

 

Que se pode agardar dun concerto de Valentín Caamaño? Cando poderemos volver a desfrutar da túa música ao vivo?

Valentín: «Dado que se trata de música improvisada, nunca sabes realmente o que vai pasar, pero sabes que vai ser divertido estar na procura e facer partícipe diso ao público. No caso do cuarteto, a seguridade é que vas ver en escena uns músicos con oficio e con todo o sentido da musicalidade. Iso, e que vas a escoitar temas escritos e tocados desde o corazón.

Ademais de presentar All The Gods no Festival de Jazz de Lugo, vimos de tocar na Borriquita de Belém en Compostela. E como primicia, contarvos que o proxecto foi seleccionado para o circuíto 2023 de AIE Artistas en Ruta; co cal, en breve anunciaremos datas que nos levarán por distintas salas de España».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Valentín: «Recomendo a Alfonso Calvo co seu septeto e ao guitarrista Álvaro Vieito en calquera das súas formacións».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Valentín: «Pois acabo de abrila no móbil e aquí están os recentes: J.J. Cale, Grant Green, Peter Bernstein, Kenny Burrell, Dave Edmunds».

 

  noticias