• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO & AGOSTO 2025

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO & AGOSTO 2025
7 SETEMBRO 2025

  

"Chosen 1", Nagalith

Nagalith é unha banda emerxente da Coruña que, logo de tocar en diferentes salas galegas, deciden recoller as súas tres primeiras cancións nun EP. Con referentes como Lacuna Coil, Dream Theater, Architects ou System of a Down, Chosen 1 (2025) fai gala do son que están a crear, influenciado por melodías progresivas, deathcore ou nu metal. Este EP é só o comezo, pois a banda coruñesa está xa a traballar no que será o seu primeiro álbum, mentres seguen á procura de novas referencias e aprendizaxes.

 

 

 

 

"Chóveme na cabeza", Corpo Nu

Hai ano e medio, e mentres estaba inmerso no mestrado de produción de música creativa, David Dealonso publicaba ‘Open Water’, peza que contaba coa colaboración de Yasmine Madani, ademais de Johan Carl Magnus Andersson e Johannes Erik Jin Taek Gunnarsson na produción. Con este tema, o músico e produtor Gondomar (Pontevedra) tamén presentaba o seu novo proxecto artístico: Corpo Nu. Non foi ata o pasado 8 de agosto cando, por fin, puidemos escoitar o seu primeiro traballo, Chóveme na cabeza (2025), un EP de catro cortes en galego que seguen a transcender xéneros e a remarcar a fusión da riqueza cultural de Galicia con elementos acústicos e electrónicos.

 

 

 

 

"14:41", Conde Varo

O verán pasado recollía tres pistas nun EP que presentaba como La Terminal (2024), un pequeno adianto mentres el seguía a traballar no que sería o seu novo longo... e pouco máis dun ano despois, Conde Varo lanza 14:41 (2025), o seu segundo longa duración. O músico e compositor compostelán descubre a decena de cancións froito de «dous anos encerrado no estudio e en min mesmo» e, ademais, resultado dun exercicio alquímico: facer luz dos momentos máis escuros. Un proceso que tamén quixo que quedase reflectido na portada do LP, asinada pola súa irmá Icía.

 

 

 

 

"Resacón emocional", ALIJOSS

Hai un par de anos que comezou a construír a e a compartir a súa aposta sonora, facendo soar esas lembranzas que lle atravesaron e salvaron á vez envoltas en melodías pop e R&B. ALIJOSS lanza agora Resacón emocional (2025), o seu novo álbum e unha viaxe íntima a través de sete temas que exploran o amor, a perda, a reflexión ou a reafirmación persoal. A nova artista galega aposta pola mesma narrativa honesta e directa que a leva caracterizando desde os seus comezos; desde a introspección de “alone” ata a declaración de identidade en “no me escondo”, o disco erixe un arco emocional que transita polo desamor, a esperanza e a aceptación. Cancións breves pero cargadas de intención conforman esta resaca sentimental que si, deixa pegada, pero tamén é un pulo para seguir adiante co corazón máis forte.

 

 

 

 

 

"Romántico Cabrón (a un metro de tierra)", Ben Richards Jr

Seguimos sen saber a súa verdadeira identidade, pero desde o anonimato, Ben Richards Jr. segue a producir e, como cada ano desde hai máis dunha década, entrega ao seu público un novo capítulo anual da súa visión da sociedade contemporánea. Composto por 14 pistas, Romántico Cabrón II (a un metro de tierra) (2025) narra a historia dun náufrago que afoga a un metro da beira, conformando así unha metáfora romántica e irónica das nosas vidas. Cualificado por el mesmo como o seu traballo «máis sorprendente» ata a data, o longo vén cargado de disparos a quemarroupa no peito infame das traizóns, do desamor e da vida; un verdadeiro axuste de contas a ritmo de baterías electrónicas, caixas de ritmos dos oitenta, baixos e sintes.

 

 

 

 

"II", Scarecröw

Cando lanzaron o primeiro xa adiantaban que o segundo se publicaría este ano e, fieis á súa palabra, Scarecröw presenta II (2025). A banda viaxa «desde o ceo ata o lado máis escuro» en catro novos cortes onde os coruñeses seguen a moverse entre o heavy metal, o power metal e o hard rock. Producido, mesturado e masterizado por Carlos Arcay, o EP continúa a amosar a súa versatilidade en canto a estilos se refire e a definir o seu son, un son que foron puíndo desde o seu álbum debut, Twenty Years Ago (2022).

 

 

 

 

"Cupio Dissolvi", Remora

Pouco máis dun ano despois do seu debut discográfico, Remora lanza Cupio Dissolvi (2025), un segundo traballo que afonda no territorio máis experimental e emocional do artista ata a data. O produtor galego volve remodelar a súa identidade sonora, rompendo as expectativas de xénero sen abandonar o seu particular enfoque. Creado ao longo dun ano, Cuppio Dissolvi segue a soar fresco e visceral como o día que escoitamos as súas primeiras demos. Tres cortes orixinais e un remix de “Nihil Obstat” polo produtor dominicano DJ SOSA RD, quen desafía as convencións abrindo a porta a territorios inexplorados.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!

 

 

  noticias