• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2018

Novos lanzamentos. Abril 2018
6 MAIO 2018

 

 

 

Deixaas - Mercedes Peón

Despois de oito longos anos, Mercedes Peón publica un novo traballo discográfico, Deixaas (Altafonte, 2018). Radical e magnética, a artista fusiona tradición, vangarda e atrevemento nos once temas que compoñen este quinto álbum. Así, sobre unha base rítmica de pandeiretas e percusión metálica, distinguimos acordes electrónicos provenientes de samplers e sons de maquinaria pesada rexistrados en estaleiros navais. Xunto con Mónica de Nut e Ana Fernández, Mercedes Peón debuxa un mapa de concepto musical inquietante, entre punk colérico, rock industrial e tradición, como resposta ao ambiente sociopolítico e inquietudes actuais referentes á identidade, xénero, estética, linguaxe, etc. Con Deixaas, experimentamos artesanía musical e vangarda creativa a través de sons que interactúan entre eles de xeito inimaxinable, que nos envolven en vibracións sonoras capaces de facernos tocar a catarse.

 

 

 

 

Colorama - Basanta

O 20 de abril Basanta convidábanos a desfrutar das bondades do ocultismo, da arte e da filosofía coa publicación do seu álbum debut, Colorama (C4Music, 2018). Gravado e producido por Paco Loco en Paco Loco Studio (El Puerto de Santa María) e masterizado por Mario G. Alberni en Kadizfornia Mastering, en tan só dez días, Sol, Azufre, Sal, Tierra e A Santa compuxeron as once pezas orixinais que conforman o disco; temas estreitamente unidos entre si, xa sexa por liñas melódicas recorrentes, palabras que se repiten ou conceptos irmáns. Unha noite de verán, mentres escoitaban as cancións por vez primeira, estas soáronlles a múltiples cores, de aí o seu nome: Colorama. O artwork e deseño do disco é obra de Eazy Fernández e LeonKa Kafre, doutor en Filosofía pola Universidade de Standford e estudioso da alquimia, do hermetismo e da Thelema, quen, logo de escoitar Colorama, descifrou a mensaxe «oculta» e decidiu plasmala nos diversos símbolos que ilustran cada canción.

 

 

 

 

No mato do desespero - Brais Morán

O seu último disco, Cruzando o eclipse (The Borderline Music, 2016), abríao con “Destino”, tema coproducido con Fran Pérez, NARF; o seu novo álbum, No Mato do desespero (Seispés, 2018), é toda unha homenaxe ao cancionista coruñés. Brais Morán estreaba o seu novo traballo discográfico o 18 de abril, un disco gravado, producido e masterizado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios (Lugo) e para o que contou coas colaboracións de Tanxugeiras, Patri Gamallo (Adufeiras de Salitre, Habelas Hainas), Xiana Lastra (A Banda da Loba), Ugía Pedreira ou Pierrot Rougier. Acompañado pola súa banda, Manu Seoane (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sanz (baixo), Morán reflicte as vivencias do artista ao longo da súa heteroxénea, e extensa, traxectoria musical. No Mato do desespero son 12 temas que mesturan rock, funk, música brasileña, ecos de África e tradición galega, toda unha aposta pola autenticidade a través de pezas únicas e honestas que xorden da pel e da terra.

 

 

 

 

Inda Canto! - Treixadura

Con case 30 anos de traxectoria e media ducia de discos no mercado, Treixadura inda canta! Tres anos despois de celebrar o seu 25 aniversario con Vendima Tarda (2015), o grupo publica Inda Canto! (2018), o seu sétimo traballo discográfico e toda unha declaración de intencións; a agrupación pretende reivindicar a súa continuidade enriba dos escenarios, ademais de facer unha homenaxe a todos aqueles que aínda (sobre)viven na música tradicional galega. As 12 cancións que compoñen Inda Canto! recollen foliadas, pasodrobes e muiñeiras, entre as que destacan “Muiñeira da Revolta”, composta sobre un poema de Ramón Cabanillas, e unha versión do tema “O Carro”, baseada nos versos de Manuel María. Unha vez máis, a concorrencia de temas populares, inéditos, clásicos ou orixinais de Treixadura volven poñer en pé a auditorios e tabernas enteiras.

 


 

 

 

Cálida - Disco Las Palmeras!

Logo de deixar os seus acordes no escenario do Ruido Fest (Chicago), Disco Las Palmeras! quedou con ganas de máis e, así como quen non quere a cousa, terminaron no estudio de Erik Wofford en Austin (Texas) gravando un novo disco. Saíndo da súa zona de confort e rozando un son propio, Cálida (Sonido Muchacho, 2018), cuarto LP da banda galega, vía a luz o 6 de abril; 12 cortes personais e definidos, de letras enxeñosas, con tinguiduras sonoras creativas e xenuínas que aportan unha intensidade brutal, case hipnótica. Diego Castro (voz, guitarra), Julián L. Goicoa (guitarra) e Martiño Salgado (batería) apostan por incorporar novas sonoridades á súa combinación infalible de rock potente, post-punk e shoegaze, como as escuras melodías anglosaxoas dos 80 que sobordan en “Bestia”, ou o pop que escoitabamos no seu single adianto, “Hoy”. Gravado e producido por Wofford, con artwork de Roberto Massó, Cálida chega para mergullarnos na luminosidade dos seus contrastes.

 

 

 

 

Todo lo que no se ve - Nítido

Adrián Callejo, cicel en man, traballou as Vetas (2017) da súa madeira durante case dous anos para que pudieran ver a luz o setembro pasado. Nítido, proxecto musical deste mozo galego, presentó a principios de abril Todo lo que no se ve | Hasta fin de existencias (2018), gravado de xeito artesanal no estudio caseiro de Adrián, mesturado e producido xunto con Charles Rapante e masterizado por Nando Moure en Estereoarte Estudios (Vigo). Nítido deixa atrás a sinxeleza do seu EP debut e, acompañado por Pablo Miguélez (batería) e Víctor Rivas (guitarras), dá un xiro de 180º á súa acústica con dous temas de base pop que combina con melancolía, “Todo lo que no se ve”, e con alegría, “Hasta fin de existencias”. Sorprendidos? Pois, segundo o artista vigués, «esa era a idea desde o nacemento das cancións».

 

 

 

 

Shönen Kingdom - Pálida

O seu último traballo, The Clutch (2016), supoñía unha nova etapa, cunhas melodías renovadas e embelecidas e un son forxado no directo. «A miña música adquire a súa forma real en directo», afirma Pálida, unha esencia que aínda non acadou capturar en estudio, polo que o artista vigués lanzouse a gravar a súa nova referencia en rigoroso directo durante unha sesión, «cun estilo moi ceremonial e familiar», no Bar Embora (Santiago de Compostela) o pasado outono. O resultado saía o 2 de abril, Shönen Kingdom (La Melona, 2018) son oito cortes orixinais, inspirados na estrutura narrativa do anime e do manga, que afondan no IDM, o house experimental, o pop e o clubbing. Desde GalicianTunes, os nosos máis sinceros parabéns, que co primeiro single-clip, “Sunburst”, Pálida xa conseguiu queimarnos coa súa atmosfera de directo.

 

 

E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue a nosa lista de Novidades 2018 en Spotify:

 

  noticias