• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XANEIRO

Videoclip Club. Edición de xaneiro
24 XANEIRO 2020

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

What We Left Behind – Músculo!

‘What We Left Behind’ é a peza que Músculo! escolleu como videoclip presentación do seu primeiro LP, Músculo! (2018); sete minutos e vinte segundos de beats que percorren o noso corpo como os nodos que alagan ao protagonista. Dirixido por Rubén Domínguez (Pantis) para Prenom, con ilustracións de Camila Viéitez e Mar Catarina (Esposa, Chicharrón), o clip inspírase na neurociencia cunha combinación de ilustración animada sobre circuítos informáticos que, mediante melodías sólidas, bases rítmicas auténticas e efectos electrónicos crús, xera unha ansiedade progresiva no espectador.

 

 

 

Pepiño MalasangreGuezos

Guezos escollía o tema máis desenfadado como single adianto e primeiro videoclip de Zapatos Novos (2018). En galego, ‘Pepiño Malasangre’ narra a historia dun apaixoado do augardente a ritmo de folk fusión e un vídeo do máis atrevido; Guezos convidou, a través das redes sociais, a calquera que se lle quixese unir na rodaxe polo centro de Ourense para bailar e cantar con eles. Realizado por Aitor Uve e César Soberbio, o clip combina a actuación da banda en Xílgaro Estudio co alegre percorrido polas rúas ourensás, desde a Praza do Ferro ata Rúa do Paseo, Concordia ou Viños, onde vemos a Guezos acompañado de decenas de maiores e pequenos desfrutando das peripecias de Pepiño e, sobre todo, da boa música.

 

 

 

MuerteTronka Jazz Quartet

Os de Vigo fixeron unha versión de ‘Muerte’, tema que escoitabamos por vez primeira no seu debut discográfico, En misión divina. Vol II (2012), discazo que inclúe dous remixes, unha cover e nove hits punk-rock con guitarras tan afiadas como o seu humor. O trío vigués fixo dunha fábrica en ruínas o seu escenario, un espazo diáfano onde os acordes de piano e violín, aparentemente pacíficos, acompañan a unha oda á morte e destrución de «Batman e a súa prima, os iogures de ananás, ao galo e a galiña», porque ninguén se escapa nin das garras do seu rock irreverente nin do dron de Willy Prada. Tronka apunta que «durante a gravación deste vídeo, ningún animal ou ser humano foi maltratado»... para que vos fagades unha idea, o único que «sangrou» foi o iogur.

 

 

 

Restos de un naufragioIGLOO

O clip que acompaña a canción ‘Restos de un naufragio’, un medio tempo intenso incluído no seu último álbum Igløø2 (Ernie Producciones, 2015), rende homenaxe a vilas costeiras onde as mareas contan historias do que foi, é e será, e a todos aqueles que aman o seu traballo, en especial aos que fixeron posible este vídeo, chisco friki ás dobres exposicións da cabeceira de True Detective co mar de fondo e unha bailarina intentando escapar. Da dirección, montaxe e posproducción encargouse Fran X. Rodríguez, da cinematografía Antón Bugallo xunto con Alberte Vázquez e esa bailarina atrapada é Miriam Pino.

 

 

 

As CrónicasOs Amigos dos Músicos

Enchemos o depósito ao tope para acompañar a Os Amigos dos Músicos na súa nova folla de ruta, con destino Segundo fogar (Todomedre, 2019). O mirador da Curota, a Fervenza do Ézaro, o Monte Pindo, A Lanzada, o Faro de Corrubedo ou os Castros de Baroña son algunhas das paradas sinaladas no mapa de ‘As crónicas’; unhas crónicas melódicas de «castros, montes e praias, pedras, flores e area, [...] facendo escolma, reflectida en verbas e estrelas». Producido por Prenom e baixo a dirección de Rubén Domínguez (Pantis), o vídeo que acompaña ao single da banda ourensá oscila entre novos sons e sensación de velocidade, á vez que percorre diferentes paraxes cargadas de beleza e natureza.

 

 

 

  noticias