• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MJ PÉREZ: «EN ‘A LUZ PRENDIDA’ FUN TECENDO AOS POUCOS UNHA SERIE DE FÍOS PARA AQUELAS PERSOAS QUE ESCOITAN O DISCO CON TODOS OS SENTIDOS POSTOS NEL»

MJ PÉREZ: «EN ‘A LUZ PRENDIDA’ FUN TECENDO AOS POUCOS UNHA SERIE DE FÍOS PARA AQUELAS PERSOAS QUE ESCOITAN O DISCO CON TODOS OS SENTIDOS POSTOS NEL»
23 MARZO 2020

Chegaba desde Arzúa, de negro e coa cara pintada dando guerra coa arma máis potente: a súa voz. MJ Pérez é unha das promesas da música galega actual que, en case dez anos, acumula unha centena de concertos, varias participacións en concursos e festivais, dous discos ao vivo... e vén de presentar o seu cuarto traballo discográfico e segundo de estudio, A Luz Prendida (2020), e todo comezou de xeito autodidacta!: «comecei […] sen expectactiva algunha só porque me gustaba a música, mais consideraba que era negada para todo isto. Estaba eu en 3º da ESO, naquela altura e só sei que chegaba á casa e procuraba facer rápidamente os deberes para ter tempo libre para poder tocar a guitarra e experimentar con ela. Estaba moi enganchada e ao pouco tempo comecei a escribir os primeiros temas (que non valen moito para ver, menos para escoitar), mais sempre todo dentro das catro paredes da casa, sen pretensións».

 

Ollos que non ven, síntoma de cegueira (2013) é o título que MJ Pérez escollía para a súa primeira demo, onde letra e música son compostas pola cantautora. O disco, que marcaba o inicio da súa traxectoria, naceu coa intención de compartir co público temas que MJ Pérez ía creando, temas que utiliza como un medio de expresión artística. Ollos que non ven, síntoma de cegueira son dez cancións feitas «dun xeito coma outro calquera de ciencia ficción» que cantan ao amor ou á frustración desde unha perspectiva ás veces irónica e pícara e, outras, máis sinxela... e ata ilusionista. O clip que acompaña a ‘Evidencia’ xorde da idea común entre MJ Pérez e o artista Joshua Kenneth, de crear unha obra audiovisual conxunta onde música e maxia fusionásense nuna mesma ilusión.

 

 

 

 

Un ano despois do seu debut discográfico, a cantautora arzuá continúa a súa carreira musical dun xeito máis firme, chegando a ser finalista no I Certame de Canción de Autor en Galego do Concello de Teo ademais de colaborar coa poeta Mercedes Leobalde. O seu segundo traballo, Guerrilleira (2015), está composto por 12 temas que seguen un mesmo fío condutor: a guerra; un disco minimalista que presentaba unha evolución tanto a nivel interpretativo como musical e no que a cantautora fusiona diversos estilos sobre una base pop-rock. En 2016, MJ Pérez reeditaba A peza solta (2016), tema pertencente a Guerrilleira, coa colaboración da poeta coruñesa Lidia Bao. O videoclip, dirixido por Rubén Gasalla e Pablo Lomba e producido por O Valse, está protagonizado por unha irreverente carapuchiña do século XXI que loita contra a memoria esquecida nunha historia que chama á esperanza, mesturando música e poesía cunha narrativa visual e linguaxe mítica que lembra á obra de Curros Enríquez ou Vicente Risco.

 

 

 

No verán de 2017, MJ Pérez sorprendía con ‘Ai de Min!’, single-clip que deixaba entrever o cambio de 180º que se reflicte por completo en Casandra (2017), a súa terceira referencia e primeira de estudio; un álbum que, sen deixar de lado a súa esencia pop-rock, a cantautora explora novas sonoridades e arríscase con outros estilos como a música raíz, o folk ou ritmos latinos, unha mestura de estilos como resultado de «un continuo cambio e evolución tanto a nivel persoal como artístico, de aí esta viaxe de estilos tamén. Eu son cantautora e conto historias, mais cada historia pide algo e o estilo ou os ritmos non deixan de ser un elemento máis que acompaña a esa historia. Isto aprendino moi ben de Ismael Serrano que é un dos meus maiores referentes, mais non podería escoller porque todas as artistas que escoito deixan algo de pegada en min e de todas aprendo algo: Emilie Simon, Capicua, Churupaca, Amália Rodrigues, António Variações… e podería facer unha longa lista do máis peculiar».

 

 

 

Gravado no Local de Ensaio do Concello de Arzúa, Casandra recolle nove temas que marcan un antes e un despois na traxectoria de MJ Pérez quen, ademais da súa banda habitual —composta por Diego Fiuza, Inés Mirás (Ivy Moon) e Alberto Rama— contou coas colaboracións de Richi Casás nos ventos, Martiño Cabarcos na zanfona e Paco Cerdeira (Pakolas, A Gramola Gominola) no bouzouki. E é precisamente este instrumento de corda un dos protagonistas de ‘Cando te Canses’, sexto corte do disco; o videoclip do mesmo, realizado por Rubén Gasalla, Pablo Lomba e a propia MJ Pérez, presenta ao outro: Porto. Con esta peza, a artista achéganos a un estilo moi preto ao fado, canto popular urbán de Portugal declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, nun percorrido nostálxico e melancólico pola cidade do país veciño.

 

 

 

Logo de regalarnos colaboracións como ‘Lume’, unha sentida homenaxe audiovisual chea de «rabia, tristura e impotencia» á ola de incendios forestais que arrasaron a nosa terra en 2017, xunto a Diariodeverano, ou participar en Ronseis do Tempo (2019), o segundo disco da pianista e compositora galega Aida Saco Beiroa, MJ Pérez metíase en estudio para, aos poucos, ir construíndo a nosa curiosidade por descubrir as súas novas composicións. Estreouse cunha canción en portugués (a primeira!), ‘Vai Embora!’, onde MJ Pérez fai gala dun impecable acento luso, idioma e país que leva no sangue e no corazón: «son 50% portuguesa. A miña nai e a miña familia materna son portuguesas. Isto inflúe en min non só en detalles como poder compoñer ‘Vai Embora!’, senón tamén no amor polo fado que arrastro dende a adolescencia, o amor polo folclore portugués e en xeral á música e cultura lusas. Para min compoñer en portugués era unha meta persoal, unha espiña que tiña cravada e agardo que veñan moitos máis temas en portugués».

 

 

 

A ‘Vai Embora!’ seguiulle ‘Mariluz’, o hit de inverno que naceu dunha escena da obra ‘Elisa e Marcela’ e unha anécdota entre a A Panadaría e MJ Pérez; iluminando con humor e ironía unha, ‘Mariluz’ é unha lámpada da crítica, unha crítica que pon o foco nas «cidades escaparate que agochan a precariedade e a exclusión social», ademais desa «tendencia xeral de buscar o artificio e a sorpresa, quedando só no superficial» que abunda hoxe en día; e a principios de ano publicaba o derradeiro adianto pasado por auga, aquel ‘Falan de Ti’ polas rúas de Santiago de Compostela, e o 25 de febreiro «acendía» o traballo ao completo. A Luz Prendida(2020), gravado, mesturado e masterizado por Iago Blanco en Drum&Roll Studios (A Coruña), marca o cuarto álbum e segundo de estudio de MJ Pérez, composto por 15 temas orixinais nos que a luz é protagonista, presente de forma constante durante todo o disco: «hai temas que parten de detalles que para outras persoas poden chegar a ser absurdos. Procuro vivir cos ollos e ouvidos ben abertos a todo o que sucede ao redor e neste disco por unha banda tiña moitas cousas boas para compartir, mais por outra tiña moitas cousas malas para botar fóra, encerrar en cancións e desterrar de min. E iso fixen. Eu teño un xeito de escribir moi meu, que ten as súas cousas boas e malas. Considero que non son ninguén para dicirlle á xente o que ten que facer ou pensar, mais si que insisto en poñer as preguntas sobre a mesa e empurrar á reflexión, un bo exemplo é o tema ‘Quen a Ferro Mata’»

 

 

Cun «proceso creativo foi tan bonito como longo», A Luz Prendida é froito da inquedanza de MJ Pérez por realizar«un cambio a nivel de estilo […] o corpo me pedía contar historias con outros ritmos, isto mesturouse con diversas cousas que atopei no camiño e que me foron inspirando, así como ritmos novos cos que comecei a experimentar na guitarra, como é o caso da chacarera». Aínda que é un traballo «en solitario», MJ Pérez contou coas colaboracións instrumentais e vocais de Ailén Kendelman (percusións, batería), Alberto Rama (batería), Laura Romero (baixo), Iván Bernárdez (guitarra eléctrica, baixo), Richi Casás (saxos), María Prado (trompeta), Paula López (trombón), Antonio Facal (violín), Lucía López (cello) e Sofía Espiñeiro (voces, coros), entre outros, grazas a eles, afirma MJ, o disco pasou a ser unha realidade: «comecei a tolearlle a cabeza a Ailén Kendelman con todo o tema dos ritmos latinos, falei con Richi Casás para pedirlle colaboración cos ventos… a medida que ía construíndo o disco fun facendo o quebracabezas porque tiña claro que cada tema ía ir armado dun modo diferente. Fixen maquetas de tódolos temas cunha primeira liña de arranxos e logo xa lle fomos dando forma a través de ensaios e demais; os temas estaban aí, pero o bo facer de Ailén Kendelman, Laura Romero, Richi Casás, Iván Bernárdez, María Prado, Paula López, Antonio Facal, Alberto Rama, Laura López, Sofía Espiñeira, etc. fixo que todo fose moito máis grande».

 

Sobre unha esencia acústica a guitarra e voz, baixo e percusións superpóñense, envoltos polos ventos (saxo, trompeta e trombón), nun disco con toques latinos que marca un punto de inflexión na traxectoria profesional de MJ Pérez, aínda que, segundo ela confesa «a esencia, a estrutura, a raíz, é a mesma tanto en Guerrilleira como en A Luz Prendida, a pesar de toda a evolución musical que poda haber no medio, ambos discos son unha viaxe de principio a fin. Guerrilleira era unha guerra no seu conxunto, con historias individuais que eran pezas que formaban ese puzzle. Casandra foi un punto de inflexión no que xa asomaba a pata por debaixo da porta con temas coma ‘O fío do que pendo’ ou ‘Cando te canses’ onde xa se vía unha clara intención de viaxar cara outros estilos. A Luz Prendida é un disco longo, é unha viaxe, [onde], se se escoita completo respectando a orde dos temas, se poden atopar moitas cousas. Alén de ser unha viaxe, os temas teñen unha grande cantidade de elementos cruzados entre si, hai continuas alusións duns temas aos outros que parten de elementos como a luz (en todas as súas formas, mais principalmente a luz que parte do lume), a saudade, o tempo… etc. Ata hai un chisco a Casandra dentro do tema ‘Falan de Ti’. Fun tecendo pouco a pouco unha serie de fíos para aquelas persoas que escoitan o disco con todos os sentidos postos nel. Son moi friki».

 

 

 

O pasado 29 de febreiro, MJ Pérez subíase ao escenario da Festa do Queixo 2020, na súa Arzúa natal, para presentar A Luz Prendida; ía facer o propio un mes despois, vindeiro 29 de marzo na Sala Capitol de Santiago de Compostela, e xa tiña outra data pechada en Lugo… pero chegou o COVID-19 con «todo o parón, cancelación, aprazamento de concertos que estamos vivindo agora. Sen dúbida, é un momento moi duro para a nosa industria, e para min é especialmente duro estando en plena presentación do disco. É aquí, con máis motivo que cobra sentido este disco; A Luz Prendida nace para prender unha luz para toda aquela persoa que se queira achegar —‘se miras máis alá de ti podes ver que hai horizonte, que todo vai máis alá de nós, que hai luz ao lonxe’—. E voltaremos, voltaremos con máis forza cando todo isto pase. Agardo que isto axude tamén á xente a valorar moito máis a música e espectáculos ao vivo… ás veces non sabemos o que temos ata que o perdemos. Agardo [tamén] que esta luz brille máis alá das nosas fronteiras, alomenos ata Portugal!»

 

MJ Pérez despídese cun par de recomendacións de artistas galegos que deberiamos coñecer: «Sofía Espiñeira, sen dúbida! Unha das miñas artistas preferidas do panorama galego actual; o talento desta muller é infinito! E fai pouco descubrín a Isma Kalo, gañadora do [certame] ‘Quero Cantar’ e quedei hipnotizada; moito ollo con esta rapaza porque ten un potencial enorme»… dúas opcións fronte ás infinitas do seu Spotify: «eu non fago máis que crear listas e listas e máis listas en función do que estou escoitando en cada momento. Hai dende o fado e a ópera ata música latina, rap, canción de autor… ata fixen unha lista chamada ‘Shakira, ti antes molabas’ cunha selección do mellor da artista antes de meterse ao reggaeton. Algo que me gusta moito de Spotify é cando se activa a radio e comezas a escoitar novos artistas, así descubrín moitos proxectos que sigo a día de hoxe como Churupaca, que molan moito».

 

  noticias