• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

FURIOUS MONKEY HOUSE: OU COMO «APRENDER CREANDO DENTRO DO TEU PROPIO PROXECTO»

FURIOUS MONKEY HOUSE: OU COMO «APRENDER CREANDO DENTRO DO TEU PROPIO PROXECTO»
21 SETEMBRO 2020

Un mono no medio dunha fraga é o normal; uns nenos de cuarto e quinto de primaria nunha clase de música non é estraño, pero cando o mono —furioso, que non enfurruñado— descobre e xunta, baixo en man, aos nenos e o seu talento... ocorre o extraordinario. E, aínda que esta intro ben podería ser a sinopse dun musical de animación é, a grandes liñas, os inicios de Furious Monkey House.

Desde Pontevedra, guiados por Gonzalo Maceira (baixo) e influenciados por bandas dos 90’s como Pixies, Smashing Pumpkins, Nirvana ou Foo Fighters, Amaya (teclas, sintes), Carlota (batería), Irene (guitarra), Diego (guitarra) e Mariña (voz) conforman a banda de rock máis salvaxe. O seu debut discográfico gravárono en Abbey Road, un ano antes de compoñer a súa primeira BSO para unha película, compartiron escenario con grandes da música estatal como Xoel López ou Vetusta Morla e, coa publicación do seu último disco Love, Scum & Dust (Universal Music Spain, S.L.U., baixo licenza exclusiva de Esmerarte Industrias Creativas, S.L./Atresmedia Música, S.L.U., 2019), pasan de ser «promesa» a «realidade da primeira liña do rock de guitarras estatal».

 

 

 

Furious Monkey House naceu como un proxecto hai máis de cinco anos, nos que axiña conseguistes establecer unha identidade propia como grupo. Como se reuniron Amaya (teclas, sintes), Carlota (batería), Irene (guitarra), Diego (guitarra) e Mariña (voz) para formar FMH? Mais o mono, ao baixo... por que furioso e por que con máscara?

Gonzalo Maceira: «A furia é o reflexo do espírito punk-rock, a electricidade e os amplis zurrando gas! O de o agocharse detrás dun rostro de orangután naceu como parte dun xogo para non desentoar dentro do mundo dos pequenos e encaixar no seu universo; agora xa non hai volta atrás...».

 

Gonzalo, botando a vista atrás, cando xurdiu FMH pensabas que podía acadar o éxito actual? Era aquí ata onde pensabades chegar?

Gonzalo: «A verdade é que non nos expoñiamos moitas das cousas que nos pasaron, pero todo xurdiu de forma moi natural. Unha vez que alcanzabamos un obxectivo, marcabamos un novo reto que acadar, e ata que o acadabamos non parabamos.

Á nosa andadura foi moi importante a unión de Esmerarte para poder proxectar as nosas ideas máis lonxe e de xeito máis profesional».

 

Como vedes agora eses primeiros vídeos de Live on Litium onde, aparte do cambio musical, é moi evidente a vosa evolución física?

Gonzalo: «Este feito é o verdadeiramente interesante do proxecto; cada ano que pasa cambiamos e medramos en todos os aspectos. De feito, agora mesmo estamos a facer novas propostas que xa non teñen nada que ver nin con Run nin con Love, Scum & Dust. O proxecto medra e cambia igual que o facemos nós».

 

 

 

Como é compaxinar un proxecto musical tan grande como FMH co ámbito académico? Cambiou en algo a relación cos vosos compañeiros tras o éxito do grupo?

Irene: «Pois compaxinar o grupo e o instituto non é tarefa difícil, con organización e aproveitando o tempo non hai problema algún. Ademais, aprobar todo é un requisito básico; se non hai resultados académicos, non hai concertos, isto tamén axuda a motivarnos no ámbito escolar.

En canto ao éxito do grupo... nós non nos consideramos un grupo exitoso nin famoso, soamente tocamos porque somos felices facéndoo e porque adoramos a música, nunca tivemos problemas cos compañeiros nin nada. Os nosos amigos apóiannos en todo, son os nosos maiores fans».

 

Gonzalo, falando de FMH, ademais do éxito musical, podería falarse tamén de éxito dun modelo de formación? Que ten de diferente? E a mesma filosofía que aplicades agora en Bonobo?

Gonzalo: «Furious Monkey House é un exemplo de aprender creando dentro do teu propio proxecto. En Estudo Bonobo todos os profes vimos do sector artístico e da formación profesional, e traballamos na educación activa a través da acción, da motivación e do aprender a facer. Actualmente facémolo con máis bandas e estamos a atopar moitas novas propostas e artistas que pronto darán moito que falar».

 

Para o voso debut discográfico, Run (2015), visitastes os emblemáticos estudios Abbey Road (Londres). Como describiriades a experiencia de gravar entre as mesmas catro paredes que The Beatles, Pink Floyd, Radiohead, U2 ou Michael Jackson? Intimidouvos dalgún xeito o lugar?

Gonzalo: «Intimidados? Xamais! Abbey Road foi a experiencia máis motivadora que vivimos ata o de agora; foi un chute de enerxía e maxia que nos invadiu antes, durante e despois da gravación. É un lugar especial e que sona incrible; xa forma parte da nosa vida e nos marcará por sempre xamais».

 

 

A vosa “Life Into The Wild” foi escollida como BSO da película Zipi y Zape y La Isla del Capitán (2016). Como foi compoñer para unha película? Que sentistes ao «escoitar» o tema en pantalla grande?

Irene: «Compoñer a BSO de Zipi y Zape y La Isla del Capitán foi unha experiencia incrible e inesquecible, mentres compoñiamos foi moi divertido. O día da gravación do vídeo estabamos súper nerviosos, iamos coñecer os actores e non sabiamos como ía ir e foi XENIAL.

A día de hoxe aínda mantemos contacto estreito cun deles (Teo Planell), e podemos dicir que é un dos nosos mellores amigos».

 

 

Malia que, en conxunto, todos tedes gustos musicais máis ou menos semellantes, cada un de vós ten as súas propias referencias, cales diriades que son as de cada un de vós á hora de compoñer?

Gonzalo: «O proceso de composición é algo moi complexo; cada canción nace dun xeito diferente. Polo de agora, as cancións veñen de propostas creadas por un de nós na casa ou por ideas creadas en sesións de estudio en pequenos grupos. A verdade é que cada unha nace dunha forma distinta, xa que saen do resultado de experimentar e buscar novos sons e novos exercicios para avanzar na nosa aprendizaxe musical».

 

Entre decembro de 2017 e agosto de 2018 xurdiu Love, Scum & Dust (2019), entre Estudo Bonobo (Pontevedra) e Planta Sónica (Vigo), con Iago Lorenzo, Panchos Suárez de Lis e Gonzalo Maceira na produción. Como foi o proceso creativo? Algunha diferencia con respecto ao primeiro?

Irene: «Para este disco, decidimos cambiar o xeito de compoñer, Run ten temas moito máis sinxelos e fáciles. Con Love, Scum & Dust quixemos complicar un pouco a cousa, comezamos a compoñer con métodos diferentes, as letras son máis complexas, cada un intentaba facer as súas modificacións… achegabamos moitas cousas e dedicámoslle moito máis tempo».

 

 

Coa súa publicación pasades de «promesa» a «realidade da primeira liña do rock de guitarras estatal». Como foi medrar coa responsabilidade de estar á fronte dun grupo de rock do voso nivel?

Gonzalo: «Non sentimos esa responsabilidade como tal, o noso obxectivo principal é o de vivir experiencias novas e seguir evolucionando. Queremos medrar musicalmente, abrir horizontes, probar cousas novas e coñecer canto máis mellor. Quédanos moito para poder mirar o mundo desde as alturas... de feito, non creo que nos vaia a pasar nunca!».

 

Como é facerse un oco na industria musical coa vosa curta idade? Tivestes algunha experiencia na que o feito de ser tan novos vos prexudicase dalgunha maneira ou todo o contrario?

Diego: «Pois un pouco dos dous, é certo que ao principio tivemos máis impulso xa que resultaba máis impactante ver a nenos tocando en escenarios, por exemplo, pero tamén a nosa idade nos prexudica un pouco á hora de viaxar, xa que temos horarios limitados e outras responsabilidades».

 

Este último LP inclúe “Lluvia” e “No Lo Ves”, as vosas primeiras cancións integramente en castelán. Que vos levou a compoñer agora en castelán? Podemos esperar que nun terceiro disco haxa algún tema en galego?

Gonzalo: «Compoñer en castelán supuxo un gran reto para todos nós. Rimar en inglés e a rítmica das palabras, grazas a cantidade de monosílabos que ten o idioma, resulta moi sinxelo e moi musical. Queriamos arriscarnos a facer algo que nos custase un pouco máis! Non descartamos o galego para facer unha canción, de feito xa o temos valorado en máis dunha ocasión, tal vez nun futuro próximo :)».

 

 

Diego, Irene e Mariña son parte da Gibson Generation Group G3, programa mentor internacional de Gibson; dos 18 alumnos procedentes de todo o mundo, vós sodes os únicos españois, galegos, e pertencentes á mesma banda! Como foi o proceso de selección? Como levades as titorías?

Diego: «Todo o proceso está a ser unha experiencia incrible, e foi posible grazas a Esmerarte. As titorías son moi interesantes e axúdannos a aprender e medrar, tanto a nivel musical como a nivel persoal».

 

Compartistes Castrelos con Xoel López e Vetusta Morla, ademais de pasar polo escenario do Son do Camiño, PortAmérica ou o Teatro Circo Price (Madrid). Como definiriades a FMH enriba das táboas? Como é a resposta do público? Cal diriades que é o tema co que desfrutades máis en directo?

Diego: «Sempre procuramos facelo o máis entretido posible, intentamos conectar moito co público e a súa resposta adoita ser boa, sobre todo cos temas “Echoes” e “Lluvia”, que son os máis coñecidos. O público tende a soltarse, e se eles o desfrutan, nós desfrutamos o dobre!».

 

 

Xa estreada e de cheo na nova normalidade (ata novo aviso), como estades a afrontar a volta aos escenarios nun futuro próximo?

Gonzalo: «Pois con máis ganas que nunca! Non puidemos presentar como queriamos o noso segundo disco, pero seguimos a traballar moi motivados en novos proxectos».

 

Bicheando polas vosas redes sociais, atopamos unha morea de fans de México; para cando un salto alén do charco?

Irene: «[Risos] Pois quen sabe... oxalá sexa pronto, estariamos encantadas de ir alá e coñecer e tocar para xente que nos escoita e nos sigue desde tan lonxe, é todo un honor».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Gonzalo: «Un montonazo! Para comezar os nosos compañeiros e compañeiras de bandas de Pontevedra e Galicia como son Rebel Spirits, Haku, Alan, GRIMA, Moloch, BALA, diola, Cró!, Cuchillo de Fuego... temos uns amigos que molan moito!».

 

Se abrísemos as vosas contas de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Irene: «Pois se abrísedes a miña atopariades de todo, desde Lil Peep, Joji, Jaden ata Hard GZ, Cupido, San Senra, Mori... tamén algo de Red Hot [Chili Peppers], Twenty One Pilots... e non pode faltar un C. Tangana ou Bad Bunny cando vou de festa, entre moitos máis, teño un gusto moi amplo a verdade; [intervención do Mono], pero sen perder o espírito dos Misfits, Ramones, e aqueles marabillosos 90!».

 

  noticias