• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2021

NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2021
6 MARZO 2021

  

 

Unplugged Live - Wanna Dee

Xa na súa posta de longo, aquel Off Me (2020) que tanto se fixo de rogar, eramos testemuñas dun transo emocional, íntimo, unha banda sonora de ritmos urbanos e bases instrumentais que inxectaban sensacións crúas capaces de traspasar pantallas e auriculares. Agora, Wanna Dee lévaas ao su máximo expoñente no seu novo EP, Unplugged Live (2021), un traballo que xurdiu a partir da improvisación na que, non só el, senón o resto de artistas se viu inmerso durante o ano pasado. O disco, que recolle una colección de temas antigos, outros do seu LP e mesmo algún inédito, foi gravado en formato live, sen ningún tipo de arranxo… e así publicouse. Xunto a Its Soul nas teclas, Wanna Dee entrega 11 cortes puros, crus e emotivos, envoltos nesa sinxeleza acústica que caracteriza ao artista moañés, todo un traballo de «volta aos inicios, áncora do pasado e frecha cara ao futuro».

 

  

 

 

¿Por qué siempre cantáis en inglés? - Escuchando Elefantes

Á demandada «¿por qué siempre cantáis en inglés?» eles responden cun álbum —de título homónimo á pregunta— en castelán! Escuchando Elefantes lanza o seu cuarto traballo discográfico, primeiro integramente en castelán e o máis elaborado. Composto por 11 cortes, o LP é unha montaña rusa de emocións, temas enérxicos que che levan a outros de calma abosoluta grazas ao xogo de instrumentos e voces que marcan o ritmo. ¿Por qué siempre cantáis en inglés? (Music Bus, 2021) é unha colección de metáforas e simboloxías y sobre a vida, a morte, o renacer no tempo e no espazo, bañadas por baterías rotundas e guitarras desgarradoras. Coas cancións como protagonistas, o dúo galego atopa o equilibrio entre «o bonito e o valente» e unha produción coidada que se observa tamén nos seus videoclips, producidos por eles mesmos. No seu último single-clip, ‘La Estrella’, Sílvia e Carlos cantan ao bonito e ao sutil que é o efímero fronte á escuridade, buscando a luz despois da destrución.

 

 

 

 

 

Vecindario - Denis Carballás

Por fin podemos escoitalo en Spotify! Hai un par de anos que Denis Carballás lanzaba Vecindario (2019) —secuela «espiritual» de Memoria (2019)— un EP conceptual que xira ao redor da idea dun barrio obreiro. Alba López Lois ilustra a colección de catro cortes que recolle o disco, escenas decadentes feitas fantasía, realismo máxico e supermercados con encontros amorosos; Carballás coa súa voz, guitarra e harmónica pon a banda sonora ao «todo pode pasar» desta curiosa veciñanza.

 

 

 

 

 

Ultratumbatrajedesaliva

Disque non é música para todo o mundo. É vangarda, é underground... Pero o certo é que é moi fácil quedar atrapado nela. Entre a luz e a sombra, entre a música e a poesía, trajedesaliva vén de lanzar un novo traballo discográfico, o quinto xa da súa carreira, Ultratumba (áMarxe/Ferror Records/GH Records, 2021). Dark ambient e spoken word brindan oito pezas de clarescuros, de son espeso de experimentación electrónica e vangardista que, no seu conxunto, conforman unha viaxe introspectiva, un diálogo de familia, unha ollada ao interior entre a tristura, a aceptación e a esperanza. Deste xeito, na procura da orixe do sentimento melancólico, o dúo vigués gravou Ultratumba utilizando só sintetizadores analóxicos e voz, sen secuenciadores ou programación; o resultado é un disco de electrónica pura e artesán que leva ao máis alto a súa experimentación con capas de son ambient e ecos da música industrial e o drone. Adentrarse nese mundo é hipnótico. Arrastra a un transo entre a incerteza e a inquedanza, agardando palabras e susurros que son calafríos ou un momento de acougo que sempre chega para disiparse despois. O de trajedesaliva é un mundo desasosegante, pero cheo dunha enorme e turbadora beleza. Dividido en dúas partes, a primeira máis dura, a segunda máis melancólica, o longo ven ilustrado con inquietantes pinturas de Emilie Lagarde.

 

 

 

 

 

Letters to Clarksdale - Néstor Pardo

En 2013 inciaba a súa carreira en solitario baixo o nome de PARDO, esa que nos deixou catro discazos imposibles de esquecer; agora volve como Néstor Pardo, máis íntimo, máis acústico e cun novo disco que o demostra. Gravado na súa casa durante unha fin de semana de xaneiro, e masterizado por Pike Cavalero en De Lei Music (Almería), Home Recordings Vol. 1: Letters to Clarksdale (2021) é unha colección de dez pezas que renden tributo ao mellor do blues rural estadounidense de entreguerras, unha decena de clásicos atemporais que o compositor e cantautor coruñés leva ao seu terreo con esa crueza que o caracteriza. Néstor Pardo «revisita as tradicións e conserva a mensaxe, enriquecéndoa», e faino a guitarra e voz, transportándonos con cada riff a un soportal calquera de Clarksdale (Misisipi).

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Novidades 2021 en Spotify!

 

 

  noticias