• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

OS D’ABAIXO: «‘SOMOS A PEDRA’ É MÁIS CORAL E MÁIS RICO, TANTO A NIVEL RÍTMICO COMO MELÓDICO OU HARMÓNICO»

OS D’ABAIXO: «‘SOMOS A PEDRA’ É MÁIS CORAL E MÁIS RICO, TANTO A NIVEL RÍTMICO COMO MELÓDICO OU HARMÓNICO»
4 ABRIL 2022

Hai máis de dez anos que membros de bandas referentes do folk galego (Berrogüetto, Fía na Roca, Talabarte, A Banda das Crechas) comezaron a xuntarse na parte de abaixo da Gentalha do Piche (Santiago de Compostela), co obxectivo de promover e animar festas tradicionais na contorna da cidade. Actualmente composta por Richi Martín (percusión), Santi Cribeiro (acordeón, coros), Gon Goás (guitarra, coros), Xacobe Varela (gaita, bouzouki, voz), Roberto Rama (gaita, saxo, pandeireta, coros) e Quim Farinha (violín, coros), Os d’Abaixo ofrecen un repertorio de coñecidas pezas populares da música galega, xunto con novas achegas de fontes tradicionais ou, máis recentemente, de composición propia.

Logo de debutar cun álbum gravado ao vivo e sorprender con aquel Quixera ser dos paxaros (2017), segundo disco e primeiro de estudio onde recollen temas, case todos inéditos, provenientes dun gran traballo de investigación; Os d’Abaixo presentan agora Somos a pedra (2021), un LP que segue a beber da música tradicional, pero que inclúe tamén «unha boa cantidade de temas propios».

 

 

 

Membros de bandas referentes do folk galego —como Berrogüetto, Fía na Roca, Talabarte ou A Banda das Crechasxúntanse para conformar... outra banda referente do folk galego. Como nace Os dAbaixo? Diriades que foi casualidade que vos xuntarades para tocar ou só era cuestión de tempo que acabara ocorrendo?

Os d’Abaixo: «Realmente xuntounos a amizade e a admiración mutua. Coñecémonos nas foliadas e aí foi onde comezamos a tocar. Primeiro os temas de toda a vida e logo, algúns novos que fomos incorporando».

 

De que xeito influíu a vosa ampla experiencia previa á hora desenvolver este novo proxecto? Que é o que diferenza a Os dAbaixo deses outros proxectos?

Os d’Abaixo: «Na formación do grupo conflúen dúas xeracións de músicos. Por unha banda, os que estivemos ligados ás primeiras bandas folk dos anos 90 e, pola outra, os que militaron en agrupacións folclóricas tradicionais. Deste xeito, prodúcese un equilibrio singular que fai que a abordaxe dun novo traballo sexa moito máis doada, onde a fusión e o respecto pola tradición entran a formar parte do mesmo discurso.

A experiencia de provir de outras bandas tamén fai que outros aspectos, fóra do estritamente musical, flúan moito mellor sen ter que partir necesariamente de cero, como son a comunicación, a produción, etc.».

 

 

E, por certo, por que ese nome, Os dAbaixo?

Os d’Abaixo: «Porque, como dicía antes, comezamos tocando nas foliadas e, máis concretamente, o primeiro ano do grupo estivemos amenizando uns seráns que se facían na parte de abaixo da Gentalha do Pichel, coñecida asociación de Compostela situada na Rúa do Espírito Santo, máis coñecida como a “rúa d’abaixo”. Así que pareceunos un nome axeitado para o grupo.

Ademais, para nós “Os d’Abaixo” representa a toda a xente oprimida ou invisibilizada, ou mesmo ás culturas minorizadas como a nosa. De feito, a nosa consigna é: “Arriba os d’abaixo, abaixo os d’arriba”».

 

Debutades con Ao vivo en Lorient (2014), un longo que recolle 16 pezas gravadas durante o voso paso polo festival bretón en 2013 cunha chea de colaboracións de luxo. Por que escoller este recompilatorio ao vivo como vosa carta de presentación discográfica?

Os d’Abaixo: «Realmente todos os temas que conforman o noso primeiro traballo son extraídos do repertorio doutros grupos ou artistas como Amancio Prada, Xabier Blanco, Os Cempés, Berrogüetto, Milladoiro, etc.

Ou sexa, que non é precisamente que colaborasen con nós. Collemos prestados algúns temas tradicionais que tocaban nos seus repertorios, e logo reflectimos as autorías a nivel de arranxos nos créditos do disco para, dalgún xeito, recoñecer a traxectoria de bandas que constitúen un referente inequívoco da música galega. Tamén foi o xeito de pechar unha etapa do grupo para dar comezo a outra, na que valoramos máis tanto un repertorio tradicional inédito, como novas pezas de composición nos seguintes traballos discográficos».

 

 

E, xa que estamos no estranxeiro, tamén levastes a vosa música a escenarios de Portugal, Gales, Bélxica e Austria, entre outros. Como adoita ser a acollida alén das nosas fronteiras?

Os d’Abaixo: «A verdade é que moi boa. De feito, hai festivais como o Celtic Connections (Glasgow) ou o Interceltique de Lorient (Bretaña), onde xa hai moitos anos que a música galega ten unha presencia moi relevante nos seus carteis. Así que se pode dicir que o mérito é de toda a xente que espallamos a nosa música alén das nosas fronteiras».

 

Tres anos máis tarde chegaba o primeiro disco de estudio, Quixera ser dos paxaros (2017), unha colección de temas baseados nos rexistros de campo recollidos, por exemplo, por Alan Lomax. Como foi o labor de investigación previa, esa inmersión nas fontes tradicionais para seleccionar as pezas que logo formaron parte do disco?

Os d’Abaixo: «Pois, en gran medida, foi o anterior acordeonista do grupo, Xosé Ramón Vázquez, o que máis labor de investigación fixo. A maioría das pezas foron atopadas en arquivos dixitais de acceso libre na Rede; “só” hai que dedicarlle tempo!».

 

 

No voso último traballo discográfico, Somos a pedra (2021), sete dos once cortes tamén son tradicionais. Seguistes o mesmo proceso de investigación para a selección dos temas? Como foi desta volta?

Os d’Abaixo: «Si, o proceso foi semellante. Hoxe podes atopar auténticas xoias simplemente tendo un ordenador con acceso a Internet».

 

Respecto ás pezas tradicionais seleccionadas para ambos discos, hai algunha delas que vos chamase especialmente a atención ou algunha historia relacionada con elas que gardedes con agarimo?

Os d’Abaixo: «As pezas que atopamos nos arquivos de Alan Lomax son, sen dúbida, as que máis nos gustan; do traballo anterior “Espadelada de Solveira” e, deste, “Somos a pedra”.

As dúas son pezas que gardan todo o acervo cultural do noso pobo e que soan 100% á nosa música. Dúas xoias que se conservan grazas a un etnomusicólogo estadounidense. Menos mal que houbo xente de fóra que rexistrou todo isto! Canto lles debemos...!».

 

 

Ademais das sete pezas tradicionais, en Somos a pedra (2022) incluídes outras catro que, por vez primeira, son de composición propia. Que vos empurrou, desta volta, aos brazos dos temas orixinais? É algo que podemos agardar a partir de agora en próximos traballos?

Os d’Abaixo: «Entendemos que é un proceso natural da evolución do grupo; non esquecer de onde bebemos, pero sen por iso pechar a porta de facer novas achegas a nosa música».

 

Que diferenzas destacariades entre arranxar ou adaptar cancións a compoñer letra e música xuntas, desde cero?

Os d’Abaixo: «Cando arranxas un tema tradicional sempre tes o “límite” da melodía, que dalgún xeito tes que respectala. Pola contra, cando fas unha canción desde cero tes liberdade total».

 

 

Outra novidade que escoitamos é unha percusión máis variada e uns arranxos (aínda) máis elaborados, como describiriades vós o resultado, o son do disco? Que diferenzas e semellanzas atopades cos dous anteriores?

Os d’Abaixo: O tratamento das percusións nos dous primeiros discos era de corte esencialmente tradicional, dado que practicamente só usabamos bombo e tamboril e apenas algún outro elemento coma pratos, caxixis, etc. O son resultante era moi contundente, pero á vez moi homoxéneo. Por tanto, a ampliación do set de percusión achegoulle ao grupo a sonoridade que lle faltaba, tanto pola riqueza tímbrica como polas distintas posibilidades que ofrece á hora de afrontar o arranxo de diferentes temas, facendo que todos eles soen distintos. Iso si, tratando sempre de respectar os patróns rítmicos básicos da música tradicional.

Por outra banda, a incorporación do novo acordeonista, Santi Cribeiro, achegou ao grupo novos arranxos e temas de composición propia que, sumados aos do resto da banda, fixeron que este traballo fose o máis coral dos tres en canto a participación, así como o máis rico tanto a a nivel rítmico coma melódico ou harmónico.

 

 

«Somos a pedra», como título, é unha afirmación bastante rotunda. Que hai detrás deste concepto de «ser pedra»? De que xeito considerades vós que «sodes pedra»?

Os d’Abaixo: «A pedra é un elemento que perdura e resiste. Nós somos a pedra no sentido de resistencia ante as agresións que, por exemplo, sofre a nosa cultura ou o medio ambiente día tras día».

 

Eliseo Parra, Maria João e Xavier Lozano son as tres colaboracións do máis especiais coas que contastes neste disco. Como chegades ata eles?

Os d’Abaixo: «Xavier Lozano é vello coñecido dalgúns membros da banda desde hai xa tempo (moi bo amigo!), que nos abriu a porta a contactar con Eliseo Parra. A María João contactámola a través doutra vella coñecida e grande música do país».

 

 

   

 

O longo preséntase, e vén envolto con gusto e detalle, nun coidado deseño de cenlitrosmetrocadrado. No anterior apareciades convertidos en aves, desta vez... en pedras? Que representa a portada?

Os d’Abaixo: «É unha metáfora visual clara: somos pedras; somos a pedra e, polo tanto, resistimos».

 

Nacestes co obxectivo de facer bailar á xente. Credes, como James Brown, que citades no vídeo de Valxe”, que «calquera problema do mundo se pode arranxar bailando»?

Os d’Abaixo: «Indubidablemente! Bailar é un costume san, relaxante e que todo o mundo debería practicar habitualmente. Se ademais disto a música que bailas é a mesma que dos teus antepasados… fai sentir outras sensacións.

Haberá problemas que non se solucionarán bailando, pero se as persoas creadoras dos problemas bailasen, seguramente habería menos».

 

 

Para poder facer realidade este traballo, abristes unha campaña de micromecenado en Verkami, que acadastes (mesmo superastes!) con éxito. Esperabades tal apoio? Repetiriades experiencia?

Os d’Abaixo: «Non, non esperabamos tal apoio. Tiñamos mesmo pensado ter que poñer algo desde o grupo para lograr o obxectivo e non perder o acadado; pero sorprendentemente, na derradeira semana a resposta da xente foi impresionante, polo que estamos eternamente agradecidos.

A plataforma Verkami funciona inmellorablemente na xestión de crowdfundings; repetiriamos a experiencia e, sen dúbida, con ela».

 

 

Somos a Pedra é (de momento) semifinalista na categoría de Mellor Álbum en Galego na presente edición dos Premios MIN; ademais, fostes finalistas a Mellor Música do 2021 nos aRitmar Galiza e Portugal, tivestes varios nomeamentos nos Premios Martín Códax... Que significan para vós, para vosa carreira, este tipo de recoñecementos?

Os d’Abaixo: «Estamos moi agradecidos a toda a xente que nos votou neses premios e, como non, á xente das respectivas organizacións, xa que fan un traballo moi necesario á hora de dar visibilidade á música que se fai en Galiza».

 

Uns días despois da súa publicación, preguntabades ao público, vía redes sociais, cal era a súa canción favorita do disco. Cambiamos as tornas! Cal escolleriades vós?

Os d’Abaixo: «Quedámonos con “Somos a pedra”, porque é a que lle dá nome ao disco, ademais de marcar un pouco todo o que é o seu fío condutor. Por encima, a pesar de estar baseado nunha recollida de Alan Lomax, toda a letra é de autoría propia, neste caso, do guitarrista Gon Goás».

 

 

En 2020 celebrabades o voso décimo aniversario como grupo, como vedes os dez vindeiros?

Os d’Abaixo: «Non pensamos tan a longo prazo… pero oxalá sexan, polo menos, igual de bos!».

 

Recentemente asistimos ao «fenómeno Tanxugueiras» e a repercusión que tivo no só aquí en Galicia senón no resto do Estado. Como o vistes vós? Sendo reivindicadores da cultura do país, como credes que pode afectar isto á música máis nosa?

Os d’Abaixo: «Pois o tempo dirá! Polo de agora, xa se conseguiu que todo o Estado apoiase a tres rapazas cantando en galego. Se isto é unha moda pasaxeira ou, definitivamente, se abre o espectro e as nosas músicas conquistan novos públicos e novos contextos… aínda non o sabemos».

 

A música ao vivo está xa de volta (e que así siga), que podemos agardar dun concerto dos dAbaixo? Xa tedes algunha foliada pechada que poidades compartir?

Os d’Abaixo: «Pensamos que houbo un proceso de maduración como grupo bastante importante, tanto a nivel musical como na posta en escena. Haberá, como sempre, música fresca, quizais desta vez con algún tema máis para escoitar que bailar, pero sen perder nunca a esencia de incitar ao baile.

Temos algunha data pechada, algunha que outra reserva, pero aínda non temos licenza para facelo público».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Os d’Abaixo: «CALDO, De Ninghures, Caamaño&Ameixeiras, A banda da LobaGrilo... Como di Xurxo Souto: “somos un pobo de artistas”, e temos música en galego e galega para todos os gustos».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Os d’Abaixo: «Así, en xeral, seguramente moita música de raíz de moitas partes do mundo e moitos estilos diferentes. Consumimos música moi variada: folk, tradicional, brasileira, funky, rock… Cero prexuízos!».

 

 

  noticias