• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2018

Novos lanzamentos. Outubro 2018
4 NOVEMBRO 2018

 

Plastic Jail - The Soul Jacket

Dous EPs e tres LPs poñían o listón moi alto, pero The Soul Jacket volveu superar as expectativas co seu novo traballo. Plastic Jail (2018) vía a luz o derradeiro venres de outubro, un LP co que a banda acada a súa madurez, «reinventando de xeito revolucionario» a súa característica mestura de rock’n’roll, R&B e soul sureño. Gravado, mesturado e masterizado por Pablo Iglesias, e a propia banda, en Radar Estudios (Vigo), o álbum recolle 10 temas compactos e directos, acordes á frenética e incerta actualidade na que vivimos, capaces de crear unha atmosfera densa, envolvente; unha decena de cancións que lembran a artistas como Big Star, John Lennon ou aqueles Heartbreakers dos inicios con toques de The Kinks ou The Beatles.  Un «cárcere de plástico» que dá unha «volta á esencia máis pura e á vez un paso de xigantes» na traxectoria do sexteto galego.

 

 

 

 

 

V - En Casa del Herrero

En Casa del Herrero, proxecto persoal do coruñés Eduardo Herrero, presentaba o pasado 25 de outubro seu quinto álbum, un EP composto por cinco cancións orixinais gravadas en cinco días no Estudio 5 da Radio Galega; «cinco veces cinco», comenta Herrero. Gravado íntegramente en analóxico, mesturado e masterizado por Toño Vázquez, en V escoitamos as principais correntes do rock americano de raíz, como folk, country ou blues, en cinco pezas que cantan a «romances estivais, soños traumáticos, amores platónicos, causas xustas e inxustas, nostalxia, morte, tempo, liberdade…». Con este disco, ECDH homenaxe ao seu héroe, a súa fornte de inspiración, o artista norteamericano Tom Petty. Desde A Coruña, e rodeado de Carlos Clérins (guitarra), Jorge Quesada (baixo), Xabier Facal (Hammond) e Óscar Quintáns (batería), Eduardo Herrero regálanos «rock analóxico, música en blanco e negro» nunha dose sublime de composición e instrumentación.

 

 

 

 

A Ver a Qué Sabe - GRIMA

Logo dun verán de adiantos, GRIMA lanza o seu primeiro traballo discográfico cun convite gastronómico. O dúo coñecido pola súa mestura de punk, grunge, metal, rock e, sobre todo, asco, moito asco, presenta A Ver a Qué Sabe (2018), álbum gravado e masterizado por Adrián Juait en SAE Institute Spain (Madrid) e editado por Galunk Producions. Con deseño de Maru Astray, o LP está composto por sete temazos orixinais, na súa maioría instrumentais, nos que o «punk, rock progresivo e stoner» estrullan os nosos oídos cal «apisoadora sonora que arrasa todo o que pilla» a golpe de baixo e batería.

 


 

 

 

Mojo Experience - Mojo Experience

Mojo Experience (2018), álbum debut do grupo compostelán homónimo, saía á venda o luns 22; un disco que marca a primeira etapa de Mojo Experience, unha etapa que soa a funk e R&B. Gravado en A Casa do Rock (Santiago de Compostela), Mojo Experience está composto por sete temas propios que reflicten tanto o blues explosivo característico da banda, actualizado sen complexos, como a potencia do seu directo, cancións que, aínda inspiradas polo rock setenteiro, soan máis actuais que nunca.

 

 

 

 

O Espertar - Cabodano

A espera chegou ao seu fin e, logo das idas e vidas de varios dos seus membros, Cabodano establece a súa formación actual... estreando disco! Moisés (baixo), Buitre (voz), Peri (batería), Mora (guitarra solista) e Juncal (guitarra rítmica) publican O Espertar (Novena Records, 2018), un álbum debut gravado e masterizado entre os seus estudios caseiros e o local de ensaio. Con deseño de MonoCoco, o LP está composto por nove cortes de metalcore melódico onde os riffs das guitarras dan paso á voz gutural de Buitre, aguda e esgazada.

 

 

 

 

A Few Seconds - The pretty shirts

The pretty shirts, o cuarteto guardés de rock’n’roll sen aditivos, lanza o seu segundo disco, A Few Seconds (Clifford Records, 2018). Gravado en Baixo Miño Estudios e masterizado en North West Mastering, A Few Seconds é un LP conceptual composto por 11 temas que, nota a nota, contan a impredicible crónica dun primeiro amor, desde a euforia inicial ata o intre de afrontar a gran verdade, pasando por erros e penitencias varias. Letras en inglés e un garage-rock crú e potente destacan nun longo co que «non esperes aprender como comportarte, esta non é unha historia educativa».

 

 

 

 

 

A Santiago voy - Novedades Carminha ft. Esteban & Manuel

Logo da Verbena (Ernie Producciones, 2018), Novedades Carminha volven «ligeritos caminando»... e acompañados. A banda de Santiago de Compostela publicaba a principios de outubro a súa versión de “A Santiago Voy”, temazo que Los Tamara estreaban a finais dos 60 e que logrou converterse en himno da emigración galega. Con A Santiago voy (Ernie Producciones, 2018), Novedades Carminha «acada pasar polo seu filtro de macarras sensibles a canción do compostela universal» nun «temón verbeneiro 100%» para o que contaron coa colaboración de Esteban & Manuel, reis da cumbiatune e as músicas tropicais do século XXI. Dedicada a todos os galegos millenials que tiveron que emigrar e demais nostálxicos do beat sesenteiro, esta cover de “A Santiago voy” soa a cumbia, autotune, «groove calentito e pouso verbeneiro», unha combinación que, novamente, se afasta do garage dos seus inicios. A canción preséntase co documental O espíritu de Pucho Boedo (Lois Patiño, 2018), presentado na pasada edición do Festival Curtocircuíto 2018, que narra o encerro da banda en estudio La Mina (Sevilla) durante a gravación da mesma.

 

 

 

 

Toca para míSheila Patricia

Hai case dous anos que o seus soños fixeron camiño e se materializaron en aquel primeiro disco, El camino de los sueños (2017), e logo dun verán xirando por Galicia e parte do territorio nacional, Sheila Patricia lanzaba a finais de mes o seu novo single en YouTube e o resto de plataformas dixitais. Grabado en Feedback Estudios (Pontedeume, A Coruña), en Toca para mí (2018), a cantautora explora, e explota, novas sonoridades que potencian a súa voz, sensual, con garra. Sheila Patricia estrea tamén un novo formato con banda, xunto a Guillermo Vistoso á guitarra, Reynier Aldana ao baixo e Chucho González á batería.

 

 

 

E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue as nosas listas de novidades en Spotify e, agora, tamén en Playmoss. Coñeces Plymoss? É unha web que permite facer listas de reprodución mesturando cancións de Bandcamp, YouTube e Vimeo. Para reproducir calquera lista de Playmoss non fai falla que esteas rexistrado, ainda que si (é de valde), para facer as túas propias listas:

 

 

izq noticias