• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2018

Novos lanzamentos. Decembro 2018
4 XANEIRO 2019

 

Decideu non ser de ninguén - Pauliña

Considerada unha das voces femininas con máis carácter e personalidade do panorama galego actual, Pauliña debutaba en maio con De-Xeneración (Xonix Records, 2018), un álbum que recolle amor, rabia e morriña en oito cortes con estilo propio, fresco e innovador. Pero á xove artista de Cambados aínda lle queda moito por dicir e, o 20 de decembro, lanzaba Decideu non ser de ninguén (2018), un EP autoeditado, en patrón de vinilo e limitado a 100 copias físicas. Xunto co seu correspondente videoclip obra de Yei Philip, abre o EP “Eu vin o mar chorar”, en colaboración co rapeiro Valtonyc que canta á «contraposición entre os exilios do 36 e o acontecido no último ano»; péchao “De vergonza”, versos contra as «sentenzas machistas dos últimos meses».

 

 

 

 

 

En el Aire - Habitación Vudú

A principios de 2018 Habitación Vudú lanzaba, en exclusiva para o portal especializado notodo.com, o single-clip “La Estafa” como adianto do que sería o seu novo álbum, En el Aire (2018), gravado en Estereoarte Estudios (Vigo) co produtor galego Luis Antelo aos mandos. Case catro anos despois do seu debut, o cuarteto ourensán volvía á carga con esta xoia pop-rock de autor que xa deixaba entrever o que escoitariamos neste segundo traballo discográfico: un son máis definido e maduro en cinco temas que consolidan o seu potencial sonoro, melodías que se maximizan nos seus directos. O lyric video de “Tu Carnaval” foi un dos seus últimos adiantos, un tema eléctrico con ecos ao rock dos oitenta que, segundo dicen, «bailarán desde o hipster máis escéptico ata os melenudos».

 

 

 

 

 

Ya No Te Veo - Novedades Carminha ft. DELLAFUENTE

Un día de finais de verán, Novedades Carminha arriscouse a preguntar con que artista ou grupo gustaríanos que fixesen unha canción; as respostas foron desde Juan Pardo, Julio Iglesias o Camela, ata a París de Noia, pasando por Taburete, Carolina Durante, Los Planetas ou Triángulo de Amor Bizarro. Os de Compostela «respondían» ao mes seguinte cunha versión de “A Santiago Voy”, orixinal de Los Tamara, cos seus paisanos Esteban & Manuel. Seica non foi suficiente, nin a estrea da canción con documental incluído, nin a rolda de prensa a bordo dun tren turístico. Novedades Carminha publicaba a mediados de decembro “Ya No Te Veo” feat. DELLAFUENTE, ghit disco froito dunha semana de convivencia en Estudios Mans (A Coruña) iniciativa impulsada pola Fundación Paideia Galiza e o programa “Hoy Empieza Todo” de Radio 3. “Ya No Te Veo” preséntase como «unha canción tan próxima á verbena e aos coches de choque como do Olimpo do novo pop», un temazo de rock compostelán e trap granadino onde os riffs das guitarras funkys e a sinxela liña do baixo fusiónanse con ritmos urbanos en case catro minutos de disco-funk patrio para «bailar aí arriba como os ultralixeiros».

 

 

 

 

 

Chega o Nadal - Alex Millet

A principios de decembro, Alex Millet adiantaba os regalos de Papá Noel e os Reis Magos coa estrea do seu novo sinxelo “Chega o Nadal” e o seu correspondente videoclip, unha panxoliña na que o mozo ribeirense sorprende tocando o piano. Entre as luces do Nadal da cidade e a calor do seu fogar, Millet celebraba esas datas sinaladas para sorrir, soñar e lembrar, ademais de convidarnos a facer balance do ano que, pronto, deixariamos atrás.

 

 

 

 

 

Evolution - Winter Project

Volvían subirse ao ring con “Float like a butterfly (sting like a bee)”, single adianto homenaxe ao boxeador Muhammad Ali e aos ideais que defendeu ao longo da súa vida. O 12 de decembro Winter Project presentaba o seu novo EP, Evolution (Rock CD Records, 2018), e terceiro traballo da súa discografía. Gravado en Estereoarte Estudios (Vigo) baixo os mandos de Javier Abreu (Los Piratas, Boikot, Dakidarría), Evolution é un salto cualitativo na traxectoria da banda viguesa e, aínda que seguimos a escoitar esas influencias de rock progresivo e psicodélico, escoitamos tamén, como o propio título indica, «evolución» nun son que agora reflicte as diversas experiencias persoais dos compoñentes do grupo. Nos seis temas que compoñen o disco, escritos durante este ano e o pasado, Winter Project afianza unha sonoridade xenuína, un rock equilibrado con letras cargadas de detalles nestas pezas que nos convidan a vivir «unha experiencia distinta que se entrelaza coas demais para levar o oínte por un carreiro de sentimentos e sensacións».

 

 

 

 

 

Long Way Zaphome - Los Hermanos Zapruder

Cunha volta de porca ao zapsound, Los Hermanos Zapruder estreaban decembro con Long Way Zaphome (2018), o seu novo álbum e terceiro de estudio. Despois de catro anos de silencio discográfico, o quinteto de música raíz americana (soul, blues, R&B) presenta unha colección de dez cancións que estremesturan estilos, como por exemplo o power-disco de “Cheater Man”ou o jazz e blues de “No Longer Addicted To You”, e unhas letras que «celebran» o desamor.

 

 

 

IX Voltios – IX Voltios

IX Voltios de 2013 era un trío de rock creado sin máis pretensión que a diversión, tres amigos que procuraban expresarse a través da música. Coa incorporación de Tito Calviño (SES) á guitarra, a banda converteuse nun cuarteto que conta cun repertorio propio composto por máis dunha vintena de temas propios. Despois dun par de coqueteos discográficos, o grupo coruñés presenta o seu álbum debut, IX Voltios (2018). Gravado en Estudios Bruar (A Coruña), o LP está composto por dez cortes de letras impecables e melodías sólidas, potentes que se afastan das estruturas convencionais.

 


 

 

E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue as nosas listas de novidades en Spotify e, agora, tamén en Playmoss.

 

 

  noticias