• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2022

NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2022
1 MAIO 2022

 

 

Buah!, Cró!

Si! Por fin! O último de Cró! xa está entre nós. Tivemos que agardar dun lustro para poder volver desfrutar de novo material da banda viguesa... pero a agarda pagou a pena. Gravado, mesturado e masterizado por Pablo Iglesias en Radar Estudios (Vigo), Buah! (Spinda Records/Kill Vinyl Records, 2022) recolle sete temas que desbordan doses de orixinalidade e rock progresivo a partes iguais, creando un universo sonoro totalmente vangardista e dificilmente clasificable. En Buah!, Cró! expón unha visión máis irreverente na que comete máis acertos que erros, entre psicodelia de tinguiduras escuras e unha ampla riqueza de sons e melodías, que conforman o peculiar xeito de entender o rock progresivo de este cuarteto vigués. «Abraza o riso e o baile, ti e oso á festa, ti e máis eu BUAH!»

 

 

 

 

 

Xabón Lagarta, A banda da Loba

O novo da banda da Loba, Xabón Lagarta (Seispés Producións Creativas, 2022), está inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros. O pasado e o presente, as experiencias e as conquistas herdadas, o berro confiado porque antes berraron por elas; a procura do seu lugar nesa grande espiral que é a vida. Tirando deste fío para traelo á actualidade desde un punto de vista moderno e contemporáneo, a banda construíu a ducia de temas que recollidos en Xabón Lagarta, cancións que cantan ao feminismo, á memoria historia ou ao ecoloxismo.

 

 

 

 

 

 

Store & Illusion, Aparato

Quen non lembra os súas TDKs de “Varios”? Si, Aparato é dos que gravaba as cancións da radio mentres cruzaba os dedos para que o locutor non as pisase. Estamos a falar das dobres pletinas, do auto-reverse, do Walkman e do boli BIC para rebobinar. Aparato ten unha conexión total coa casete, pero a aposta vai alén da nostalxia. Case dous anos despois daquel “Who Will Save Me”, Aparato sorprende con Store & Illusion (2022), un novo traballo onde o dúo axusta o bias da súa pletina para crear o campo magnético ideal con sete cortes trip hop, synth pop e un poco de house music. Publícase en formato casete, pero reciclada porque non ten sentido xerar máis residuos, así que seguindo a filosofía do DIY (Do It Yourself), os seus vellos casetes terán unha segunda vida.

 

 

 

 

 

Alén do mar, Carolina Rubirosa

A un par de semanas de subirse ao escenario do Liet International para representar a Galicia e a nosa lingua, Carolina Rubirosa lanzaba Alén do mar (2022), o seu novo traballo. Como unha sinerxía de sensibilidades, de poesía e música, o EP recolle cinco poemas, tres de autores recoñecidos internacionalmente (Indran Amirthanayagam, Salgado Maranhão e Katia-Sofia Hakim) traducidos ao galego, e dous de autoras galegas: Eva Veiga e Yolanda Castaño. “(Re)ser(vado)” é o primeiro sinxelo, un poema en catro tempos que abre o libro Profundidad de campo (Visor de Poesía, 2009) de Castaño, e para o que a cantautora galega escolleu o cuarto (D) ao convertelo en canción. Poesía, música e pintura conflúen nesta magnética peza e o clip que a acompaña, asinado pola realizadora Iria Iglesias, quen traballou sobre as obras da colección Tormenta de ideas da artista Batís Campillo.

 

 

 

 

 

 

But Life Is Beauty Full, Nastasia Zürcher

Hai un ano que comezou a «soltar» adiantos audiovisuais e, con cada un deles, a expectación medraba exponencialmente; por fin, o venres pasado, Nastasia Zürcher desvelaba o álbum ao completo. But Life Is Beauty Full (2022) marca a terceira referencia da artista galego-suíza, e a máis ecléctica, tanto na instrumentación como na produción. Composto por 13 temas en galego, castelán, francés e inglés, o disco é ecléctico e rico en variedade de estilos e linguas: neo soul, afro pop, pop folk ou R&B contemporáneo, ademais de sonoridades étnicas de músicas do mundo cantadas en galego, castelán, francés e inglés. Como xa indica o título, este é un traballo que aposta pola positividade e polo florecemento, pola resiliencia e, por enriba de calquera cousa, polas emocións e polos sentidos. Con ela, a vida é bela e neste But Life Is Beauty Full, Nastasia continúa a deixar a súa colorida, persoal, creativa e inigualable pegada artística. Zürcher leva esta beleza sonora ao directo xunto a un potente e luminoso sexteto composto por músicos clave da escena musical galega: Adrián Saavedra (baixo, teclados), Mon Orencio (guitarra, coros), Carmen Rey (piano, coros), Bruno Couceiro (batería) e Feliz Rodríguez (percusión).

 

 

 

 

 

 

Interferencias, Garza

Hai pouco máis dun ano que escoitabamos o seu debut, Alborada (Ferror Records, 2021), un álbum que foi acollido cos brazos abertos por numerosos medios e o puxo no panorama actual da electrónica galega. Garza presenta agora o seu segundo disco, e primeiro longo, Interferencias (Ferror Records, 2022); composto e mesturado durante 2021 e parte de 2022, o LP reflicte a evolución natural da súa electrónica con temas que, como el mismo afirma, desprenden «moita forza, cun son que levaba moito tempo buscando e que nada ten que ver co que foi lanzado ata agora». Un contraste radical en toda regra para o que, ademais, contou coas colaboracións de Manuel Seixas (guitarra), Rosalía Fernández Rial (acordeón) e Irene Ríos (voz). Interferencias son 11 cortes onde Garza espreme e experimenta cos salvaxes acordes da electrónica e os sons progresivos da IDM, pezas que non seguen un fío conceptual, pero pensadas para escoitar como un todo de principio a fin polos seus xogos de intensidades e texturas.

 

 

 

 

 

 

Iago Banet & The Swingtomatiques, Iago Banet

Hai anos, e na súa Galicia natal, Iago Banet formaba parte dunha banda de gypsy jazz xunto a Juan Padín (voz), Anxo Fernández (baixo) e Cabe García (guitarra). Facíanse chamar os Swingtomatiques, «mesturaban moitos estilos e pasábano moi ben», gravaron un disco en 2013... e agora o guitarrista galego recupera cinco pezas que compuxo para eles nun novo EP. Logo dun par de adiantos, o pasado venres 15 de abril Iago Banet & Swingtomatiques (2022) presentábase nas principais plataformas dixitais; cinco cancións instrumentais de enérxicos acordes swing, vals e bolero entre os que, maxistralmente, Banet é capaz de coar morriña que só os que levan fóra tanto tempo teñen a necesidade de expresar.

 

 

 

 

 

 

Levantarse e caer, Xabier Díaz

Logo de tres tres discos xunto as Adufeiras de Salitre, Xabier Díaz presenta agora un álbum en solitario. Baixo o título Levantarse e caer (2022), este novo traballo discográfico afonda nos sentimentos de benestar, autocoñecemento e bondade, e en como inflúen as experiencias vividas de nenos na construción do noso eu adulto. Sobre eles, o músico e compositor analiza a relatividade do concepto occidental de éxito, a importancia de sobreporse aos fracasos, e a resiliencia e necesidade de lembrar esas caídas do pasado para explicar as feridas do presente. Como un tratado sonoro á infancia, na decena de temas que o compoñen, Díaz combina arrolos de composición propia con temas que debuxan unha liña entre a infancia e a madurez, algunha canción para reivindicarnos, outras para curarnos...

 

 

 

 

 

 

Orixe, Sheila Patricia

Poucos días despois do seu derradeiro adianto, “A Moura”, puidemos desfrutar do traballo ao completo. Sheila Patricia lanza Orixe (2022), un álbum que materializa a evolución da carreira musical da artista durante estes últimos anos; da canción de autor, o jazz ou os boleros dos seus inicios ata o folclore galego con tinguiduras de vangarda e world music. Producido entre Arxentina e Galicia, con esta última como eixo, en Orixe conflúen distintas culturas a través dos seus préstamos sonoros, como a percusión africana ou a guitarra de pulso porteño; o resultado son dez cancións que engloban todas estas tradicións musicais e, ao mesmo tempo, están cargadas de melodías electrónicas e contemporáneas. Deste xeito, ademais desta “A Moura”, escoitamos temas cativadores como o hipnótico “Eido” ou “Senhora do Almortão”, reinterpretación dunha cantiga portuguesa. Fuxindo de tópicos e modas efémeras, este LP é, efectivamente, a «orixe» dun novo punto cardinal discográfico desde onde Sheila Patricia aposta polo autodescubrimento e a inquedanza de conquistar novos horizontes.

 

 

 

 

 

 

Ataraxia, Gabriel Peso

O seu último traballo, Travesía (2018), era una viaxe musical ao longo de 10 cortes sobre os que transcorrían os cinco anos de transición entre ese disco e o anterior, o seu debut; desta vez, só tivemos que agardar catro. Ataraxia (2022) é o novo de Gabriel Peso Trío, un traballo de composicións orixinais xestado durante a estraña etapa que nos tocou vivir. Gravado en Estudio Uno (Madrid) por Eduardo Lavilla con Peso como produtor, o disco reflicte a sonoridade que o trío andaba a procurar, froito da evolución de tanto tempo tocando xuntos, e que, man a man coa equipo técnico, permitiulles dar forma a todo aquilo que querían transmitir ao oínte. Piano, contrabaixo e batería transforman melodías románticas cheas de lirismo en paz, tranquilidade e ausencia de medos, do mesmo xeito que, sendo fiel ás súas raíces, o pianista pontevedrés fai o propio fusionando ritmos e elementos característicos do folclore galego.

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2022 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2022 cos discos completos!

 

  noticias