• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SOYLENT GREEN PROJECT: «A IDEA FOI SEMPRE FACER MÚSICA QUE INTRODUCIRA O OÍNTE NUN PLANO IMAXINARIO»

SOYLENT GREEN PROJECT: «A idea foi sempre facer música que introducira o oínte nun plano imaxinario»
7 AGOSTO 2023

Hai seis anos que dunha reunión musical entre Pablo Veiga (batería), Jano Calvo (baixo eléctrico) e Óscar «Jumpin» Insua (guitarra) xerminaba Soylent Green Project. A banda eríxese sobre catro fortes piares: o singular estilo de cada un dos seus compoñentes; as súas influencias, que van desde o rock progresivo ata o metal; a base compositiva de Insua, e a temática da ciencia ficción que liga o proxecto ao completo, especialmente a película que lles dá nome, Soylent Green (Richard Fleischer, 1973).

 

Debutaban con Music for Brontosaurus (2019), seis pezas de rock instrumental progresivo envolto en sci-fi dos setenta, e agora están de volta con Base SGP-II (2023); un segundo traballo no que destacan «espazos musicais máis amplos e atmosféricos» que crean ambientes que son quen de transmitir sensacións e de contar historias.

 

 

Pablo Veiga, Óscar Insua e Jano Calvo. Foto © Jano Calvo

 

Como foron os vosos primeiros contactos coa música? Os actuais foron os vosos instrumentos de referencia dende o principio?

Jano: «Os primeiros contactos foron as cancións populares galegas e os casetes da casa. No instituto comecei a escoitar máis rock e metal, e dende que tiven o baixo a miña mente musical abriuse a estilos como jazz e funk.

Aínda que comecei cunha guitarra española, pronto escollín o baixo e a mentalidade de baixista para ocupar o oco que había en The Codename».

Pablo: «Eu comecei co folque con 7 anos, tocaba a frauta e xa daquela repenicaba en calquera lado, así que o ritmo e a percusión sempre estiveron aí. A batería foi a partir de irme adentrando no rock e no metal cando tiña 15 anos. A miña primeira batería tívena aos 17 e ata agora».

Óscar: «No meu caso malia cantar nalgunha banda e gravar baixos e baterías, si, basicamente o meu instrumento é a guitarra».

 

Óscar, pasaches polo hardcore punk (Fame Negrha) e polo death metal (Absorbed) antes de chegar ao hardrock progresivo con Clan Moriarty. Como ves agora esa evolución?

Óscar: «Ben, sempre desfrutamos da musica de distintos e dispares estilos, a musica instrumental sempre foi un referente».

 

Foto © Hanna Zahravska

 

Tamén tes tocado con numerosos artistas e grupos dos máis diferentes xéneros dende Brath ou Emilio Cao a Ruxe Ruxe ou TÁLESIEN. Interpretar estilos tan dispares debe ser tecnicamente moi enriquecedor, non? Pero non resulta tamén moi complexo adaptarse a cada un?

Óscar: «Ben, como che dicía, véxoo como unha paleta de cores segundo o cadro que vaias a pintar, todo ten a súa técnica e alma por suposto e é cuestión de dar o mellor de ti nese momento segundo o proxecto ou gravación sen perder de vista o gusto pola música».

 

Pablo e Jano, xa levabades tocando xuntos dende hai anos primeiro en The Codename (funk metal) e logo en JAP4 (jazz rock). Que credes que achegou esa experiencia previa ao son de Soylent Green Project?

Pablo: «Con ambas bandas aprendemos moito e o feito desa aprendizaxe conxunta fai que a sección rítmica sexa quen de ter unha gran riqueza rítmica e de dinámicas».

Jano: «Ter esas experiencias axudou á hora de compoñer, sempre lle demos varias voltas a unha idea para atopar un resultado interesante e diferente. Tamén que a base rítmica se coñeza tan ben, iso axuda moito a que o tema camiñe mellor».

 

E xa que falamos de orixes... como xorde Soylent Green Project?

Jano: «Coñecémonos os tres dende hai tempo, especialmente Pablo e Óscar. Un día organizamos un ensaio para pasar un rato e como nos gustou a compenetración, decidimos comezar a compoñer algún tema. Óscar xa tiña varias ideas acumuladas e foi sinxelo facer grupo».

Pablo: «Tanto Jano coma Óscar son amigos meus de toda a vida. Con Jano tivera The Codename e JAP4, pero con Óscar tamén tiven un grupo de funk chamado Friday Freaks. Era cuestión de tempo que acabaramos por xuntarnos os tres».

 

 O nome da banda vén dunha película de culto da ciencia ficción dos anos setenta, Soylent Green (Richard Fleisher, 1973). E atopamos tamén referencias directas a ela nos títulos dalgúns dos vosos temas («Detective Thorn», «Make Room», «2022»). De onde sae tanta fascinación por ese filme?

Jano: «Estabamos buscando unha idea central do grupo e xa tiñamos varios temas compostos. A idea foi sempre facer música que introducira  o oínte nun plano imaxinario; expoñer unha historia, unha situación no título e que a música creara a súa atmosfera. Incluso sen ver o título que o que escoites che estea contando algo en base as tensións, melodías, harmonía, solos, dinámicas... Entón Óscar pensou nese filme que lle gustaba bastante; regalounos uns DVD da película para que nos adentraramos nel e convenceunos a idea. A historia do filme podíase adaptar perfectamente á actualidade. E ademais usámola para crear o noso logo, no filme reciclan xente para alimentar á cidade sobrepoboada. No logo pódese interpretar iso ou tamén a necesaria reciclaxe da mente humana se quere sobrevivir e evitar un futuro coma o do filme».

 

 

 

O debut discográfico do grupo foi Music for Brontosaurus (2019). O título, cando menos, chama a atención. Por que ese título?

Jano: «Nós somos un pouco brontosauros, xa só pola idade [risos]. Na portada vese unha cova dende o interior. É a visión subxectiva dun brontosauro dende o seu refuxio».

Óscar: «Xurdiu sen máis; resulta simpático e atractivo e encaixaba coa portada da fotografía de Jano, aparte amamos os dinosauros e as películas desa temática».

 

 

Como describiriades o son de Soylent Green Project?

Jano: «Iso é complicado visto dende dentro porque nos gusta tocar diferentes cousas e non nos centramos nun só estilo nin nos mesmos patróns. Gustamos de xogar con varios estilos, non ter limitacións e crear unha historia en cada tema. Harmonías simples, riffs contundentes, melodías de guitarra con voz propia, cambios dramáticos dentro do mesmo tema, solos vertixinosos e tamén pausados, bases dinámicas e con groove. Baixo e batera compenetrados, pero cando o tema o precisa tamén definindo cada un o seu papel ao redor da guitarra».

Óscar: «O que fai a banda no local cando o cantante queda tirado co coche na autopista [risos]. É broma. Soylent é o froito de tres persoas, da súa forma de tocar e da evolución de cada un intentando crear música en trío e sen demasiados trucos, todo moi real».

 

E se falamos de influencias á hora de conformar ese son, que nomes se vos veñen á cabeza?

Jano: «Cando falamos de por onde encamiñar o noso estilo, eu xa tiña un nome na cabeza, Jeff Beck. A partir de aí hai moitas influencias máis, no meu caso por exemplo: Primus, King Crimson, Toundra, Rush, Hendrix, Cream, Steve Morse, Dave LaRue, Satriani, Porcupine Tree, John Scofield, The Aristocrats, Flying Colors, Miles Davis, Joe Bonamassa, Christian McBride, Return to Forever, Weather Report, Dave Weckl... Grosso modo é todo chavalada [risos] (porque tiven tempo, que se non, nin me veñen á memoria tres)».

Pablo: «Cando tocamos non pensamos en parecernos a ninguén. A música xorde e hai temas que poden ter un aroma a rock instrumental máis tradicional como Jeff Beck, máis fusioneiro coma os Dixie Dreggs. Escoitamos moita música e pode notarse nos temas. A nivel instrumento encántanme Mark Guiliana, Antonio Sánchez, Chambers, Weckl, Gavin Harrison, Minneman entre outros moitos. A nivel grupal gústame moito o traballo en xeral de Steven Wilson, e Pain of Salvation gústanme moito».

Óscar: «Cream, Eric Clapton, Hendrix, King Crimson, Iceberg, Triana, Jeff Beck, Allan Holdsworth, Kansas, Primus, Gary Moore, Santana, John McLaughlin... Hai moitos máis. É o que noto pola miña parte cando tocamos».

 

 

 

En xuño vía a luz o voso segundo disco, Base SGP-II. É cuestión de matices, pero para nós o voso rock progresivo e máis «rock» no primeiro e máis «progresivo» neste, como o vedes vós? Que diferencias atopades entre ambos traballos?

Jano: «Pode ser que Brontosaurus teña temas máis directos e en Base SGP-II haxa espazos musicais máis amplos e atmosféricos. En ambos intentamos que a nosa música instrumental diga cousas, que teña relato e que transmita sensacións».

Pablo: «Os primeiros temas soan moi rock.  No Music for Brontosaurus o tema que abre o disco (“Supreme exchange”) a min lémbrame a Steve Ray Vaughn. Non obstante, “Little Tokio” é moi fusioneira cunha liña de baixo facendo slap que é unha barbaridade. En “Horizonte de sucesos”  do novo disco) hai unha evolución compositiva e de dinámicas moi notoria. Salvo en “Make Room”, que é máis rock, o resto dos temas teñen dinámicas moi variadas que poden levarnos a observar claramente un encaixe dentro do rock progresivo».

Óscar: «Para min máis ambiental e progresivo este disco novo. Son diferentes».

 

Foto © César Varela

 

Os títulos, ademais de ao filme Soylent Green, fan referencia ao espazo: «Horizonte de sucesos», relacionado cos buracos negros; «Pioneer 10», célebre nave de exploración espacial; e «Chicxulub», nome dun importante cráter de impacto relacionado coa extinción dos dinosauros. É a ciencia ficción a vosa principal fonte de inspiración? E máis aló dela?

Jano: «Si, definitivamente é a nosa principal inspiración pero, como din eses títulos, non ten que ter tanto de ficción para que sexa unha historia impresionante. Tamén procuramos sacar de aí  mensaxes prácticas que nos sirvan para mellorar a nosa realidade ou para ser reflexivos e críticos con aquilo ou aqueles que non funcionan ben».

Pablo: «A nosa inspiración non provén da ciencia ficción exclusivamente, senón tamén da propia ciencia. Se hai algo no que penso que coincidimos é no interese por saber, por adquirir coñecemento, por cuestionarnos a realidade que vivimos. Deste xeito, o coñecemento científico adquirido tanto a nivel profesional como por puro interese lúdico e creativo son parte da nosa inspiración».

 

 

Como construídes os temas? Que importancia ten para vós a improvisación á hora de desenvolvelos?

Jano: «Constrúense principalmente no local de ensaio. Unha ou dúas ideas feitas na casa que se levan ao local para desenvolver. Podes ter na mente a historia e buscas a música que a poida acompañar ou ben unha vez vai tomando forma o tema, vas visualizando algo no teu imaxinario».

 

E, unha vez construídos, hai marxe para a improvisación nos directos?

Jano: «Totalmente. No meu caso improviso sempre algunhas bases e solos. Expresarte no momento é un aliciente enorme á hora de tocar en directo».

 

Foto © Hanna Zahravska

 

A vosa é música instrumental na que a guitarra ten un destacado protagonismo. Falando de guitarras, Óscar, cal ou cales empregas e que pedais hai na túa pedaleira tanto en directo coa banda como no disco?

Óscar: Unha Fender Stratocaster, un DS-1 de Boss [pedal de distorsión], un wah wah e un chorus en poucos segundos dun tema».

 

Ambos discos están gravados ao vivo no estudio. Por que facelo deste xeito?

Jano: Facendo musica instrumental pensamos que soa moito mellor gravado directamente. Tamén son menos horas de estudio que pagar [risos]».

Pablo: A gravación ao vivo é máis natural, soa con máis alma e permite unha comunicación efectiva naquelas partes de improvisación».

 

 

Dende a perspectiva que dá unha dilatada traxectoria e cultivar un xénero que hoxe non é mainstream, como vedes o panorama actual da música en Galicia?

Jano: «No noso eido musical non vexo tanta banda como había antes, e tampouco hai tantos espazos para programar outros estilos. Hai moito festival para o verán, pero despois... Contamos coa axuda de Plancto Xestión Cultural que alberga un feixe de grupos rock galegos, por se alguén está interesado en contratarnos [risos].

E no mundo mainstream polo menos semella que o galego está tendo máis pegada».

Pablo: «O panorama para o noso estilo é complexo. Aínda así, tocamos para nós e se, de paso, á xente gústalle, mellor».

 

Foto © Hanna Zahravska

 

A industria musical ten cambiado moito dende os vosos inicios, aínda que haxa ecos do pasado como a volta dos discos de vinilo. Como vedes eses cambios? Vós seguides apostando por facer tamén edición física, por que?

Jano: «A industria segue fabricando produtos, non sei se cambiou tanto. Ben, agora existen aínda mellores ferramentas para saber exactamente que produto quitar e, ademais, fabrican estilos xa sen músicos. Nós autoeditamos todo e facendo rock progresivo-fusión-blues-instrumental…. estamos algo afastados da industria [risos].

Gústamos de ter un traballo que implica tamén unha fotografía, e é mellor imprimir para palpalo; mellor que só en dixital. E séguenos gustando o de ter algo que ofrecer nos concertos como recordo».

Pablo: «Hoxe en día moita xente xa non ten reprodutor de CD,  vinilo, DVD, etc. Aínda así para nós é importante ter algo físico. Isto está relacionado co feito de que tocamos para desfrutar nós, tres amigos que nos xuntamos para falar en clave musical, pois cada vez que publicamos algo, que vén a ser froito do noso esforzo, temos a necesidade de ver o resultado como algo tanxible, real, coa beleza adicional que supón ter nas mans un disco recentemente adquirido».

 

 

O día de lanzamento de Base SGP-II, o 10 de xuño, presentabádelo ao vivo en Estudios Potemkin (Santiago de Compostela) coas destacadas colaboracións de Alberto Cereijo (Los Suaves, N.E.O), María Caramés (Aparato) e Iria Iglesias (The Funkles, Carlos Arévalo...). Por que eles?

Jano: «Queriamos instrumentos que complementaran aos da formación. A Iria e María coñecémolas de tocar con elas, e con teclado e theremín iamos pasalo moi ben. A Alberto Cereijo coñecíao máis Óscar e como veu a vernos a un concerto na Sala Moon, decidimos preguntarlle se lle apetecía vir tocar un blues con nós».

 

Como vivistes o concerto? 

Jano: «Moi contentos por presentar desa maneira o novo EP. Poder tocar con Iria, María e Alberto, que son fabulosas persoas e músicas. A música falou por si soa. A Potemkin é un sitio onde zumega o amor pola música, así que sumou moito. E despois a xente que nos acompañou; puidemos falar con xente nova e coas persoas próximas que nos apoian cando organizamos algo (millóns de grazas)».

 

Ao fío, como son os directos de Soylent Green Project?

Jano: «Penso que bastante divertidos. Imos camiñando por terreos potentes, por outros máis liberados, outros máis melancólicos. Sen moitas limitacións, con alternancia de solos entre os tres e intentando somerxer o público coas historias que contamos. Temos boa química entre os tres e desfrutamos moito tocando. O idóneo sería ter un proxector bo para ter a maiores o ingrediente visual de fondo para crear máis atmosfera para a nosa música (se alguén quere desfacerse dun… xa sabe [risos])».

 

Foto © Barbarian Prophecies

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Jano: «Loiros, Cró!, Martelo, Sumrrá, Pablo Sanmamed, N.E.O., Radio Zapa, Amoeba Split… Dos que me veñen á memoria agora mesmo».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

Jano: «Case todo jazz, rock, funk, blues, metal, e algo que desentoe con iso, pois Los Tigres del Norte [risos]».

Pablo: «Pois vou moito por rachas, pero hai certos discos que sempre teño a man. O Symbolic de Death sempre o teño por ahí, o In Absentia de Porcupine Tree e o Entropia de Pain of Salvation tamén. Pero escoito moito jazz tamén».

Óscar: «Algo diferente talvez».

  noticias