• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2018

Novos lanzamentos. Maio 2018
31 MAIO 2018

 

Ribeira SacraLuar na Lubre

Logo de celebrar os seus 30 anos enriba dos escenarios con XXX Aniversario de Luar na Lubre (Warner Music Spain, 2016), Luar na Lubre publica agora novo disco. Ribeira Sacra (Warner Music Spain, 2018) está dedicado a esa terra marcada polo curso fluvial dos ríos Miño e Sil, o secreto galego que agochan montes máxicos e natureza salvaxe; un traballo, o seu décimo oitavo, que ten como obxectivo poñer en valor a riqueza histórica, etnográfica e natural da Ribeira Sacra a través da música. Gravadas no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), as 26 cancións que compoñen o álbum manteñen os seus sons de sempre, como o violín ou a frauta traveseira, que se entremesturan cos do vento, carros ou campás, ademais de incorporar o idioma do afiador, o barallete, ao seu repertorio. En Ribeira Sacra, escoitamos colaboracións de artistas do talle de Víctor Manuel, SES, Nani García ou Astarot, entre outros, que aportaron á súa arte a letras sobre feitos e personaxes históricos e de lenda, como Romasanta ou os Felos de Maceda e Esgos.

 

 

 

 

AtlánticoMilladoiro

Milladoiro presenta o seu novo traballo discográfico, Atlántico (Discmedi, 2018), e faino no medio dunha renovación permanente, xa que para acadar a identidade que teñen na actualidade, fai falta un talento e traballo constante. Gravado en Estudios Cormorán (A Coruña) e producido polo propio Manu Conde, o disco vai desde Terranova ata Ortegal pasando polo Gran Sol e o Támese, «co gaiteiro sobre a ponte de navío e as gaivotas sinalando o rumbo». Con Atlántico, Milladoiro convídanos a viaxar máis alá, a viaxar no mar da memoria e do tempo para descubrir, unha vez máis, unha luz que marabilla ao mundo.

 

 

 

 

Vem Quente Que Eu Estou FervendoBifannah

Casi un ano despois do lanzamento do seu primeiro LP, Maresia (The John Colby Sect, 2017), Bifannah estrea single. Vem Quente Que Eu Estou Fervendo (The John Colby Sect, 2018), orixinal de Erasmo Carlos incluída no seu álbum Tremendão (1967), é unha versión tributo ao artista brasileño co que a banda viguesa refresca as sensacións que aínda deixa Maresia. Gravada en Bregel Estudios (Madrid), a cover, que EC levou ao máis alto no Brasil dos 60, «convida a unha loucura transitoria que se desenvolve con ritmo trepidante e melodías refrescantes», de base garage, pero coa intensidade propia dos seus directos. Síntea, como antesala aos seus próximos bolos festivaleiros no Monkey Weekend e no Mad Cool.

 

 

 

 

 Quince SolesLucía Pérez

Lucía Pérez celebra os seus 15 anos de traxectoria profesional cun novo traballo discográfico, e segundo integramente en galego, Quince Soles (2018). Catro anos despois do seu Quita Penas (Letras y Musas, 2014), a artista lucense presenta 15 cancións que brillan en cada escoita, temas representativos dalgún momento da súa vida, versións do noso cancioneiro popular, como “Carolina” ou “Alalá das mariñas”, das que garda un gran recordo. Para este disco, Lucía Pérez contou con colaboracións de artistas moi especiales para ela, entre os que escoitamos a Vizcaíno, Susana Seivane, Chema Purón, Xabier Díaz, Tonhito de Poi (Heredeiros da Crus), Emilio Rúa, Rosa Cedrón e Chenoa. Xuntos, deron continuidade aos temas para que semellasen un todo, acadándoo grazas aos arranxos musicais que lle dan sentido musical e cronolóxico ao álbum.

 

 

 

 

Bóla de CristalGuadi Galego

A triloxía comezaba con Lúas de outubro e agosto (Alis Records, 2014), e as súas paisaxes musicais de ilusión. Seguiulle O mundo está parado (Fol Música, 2016), cheo de intimismo, reflexión e complexidade social. Agora, Guadi Galego péchaa con Bóla de Cristal (Altafonte, 2018), EP producido por Pachi García e composto por cinco pezas positivas onde a artista cedeirense canta ao «mundo que lle gustaría ver no futuro, ese sen fronteiras mentais, sociais nin de clase». Con aínda máis pop de autor que o anterior, Bóla de Cristal completa un ciclo que para a artista foi o descubrimento e inmersión directa nun mundo completamente diferente, con temas como “Fronteiras” ou “Recoñecéndome”. Mentres dice adeus, Guadi Galego segue a mirar a través desta bóla de cristal cara un mundo «que nos permita acadar a máxima liberdade sen invandir as liberdades dos do lado, a máxima coherencia e a máxima harmonía».

 

 

 

 

De-XeneraciónPauliña

De-Xeneración (Xonix Records, 2018), é o álbum debut da cambadesa Paula Chaves, máis coñecida por Pauliña, unha das voces femininas con máis carácter e personalidade do panorama musical galego na actualidade. En De-xeneración, Pauliña mestura country, folk, blues, pop e soul nunha proposta innovadora, en galego, e con estilo propio. Composto por oito cortes de letras escritas con amor, con rabia ou con morriña, o disco aposta por un rexistro fresco e potente que deixa entrever a personalidade da artista: directa, loitadora, inconformista, que baña unha voz cargada de carraxe e forza. “Non é ficción” é un tema reivindicativo e feminista no que colaboraron Heredeiros da Crus e Os Diplomáticos de Monte Alto, entre outros.

 

 

 

E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue a nosa lista de Novidades 2018 en Spotify:

 

  noticias