• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

TODOS OS VIDEOCLIPS DA SECCIÓN OFICIAL DO FESTIVAL DE CANS 2019. VOL. I

TODOS OS VIDEOCLIPS DA SECCIÓN OFICIAL DO FESTIVAL DE CANS 2019. VOL. I
16 MAIO 2019

O Festival de Cans, festival de curtametraxes de produción galega no que a música ten un papel fundamental, celebra este ano a súa décimo sexta edición co obxectivo de dar visibilidade ao traballo que profesonais galegos desenvolven en direferentes ámbitos do audiovisual. Do 22 ao 25 de maio, a aldea de Cans (O Porriño, Pontevedra) convertirá os seus espazos rurais en lugares de proxección e encherase de agroglamour; desde a entrada en chimpíns ata as diferentes bodegas, ghal, baixos de casas ou casas vellas deshabitadas adornadas acorde ao característico estilo deste festival.

O concurso de videoclips, que terá lugar na Noite LASAL COCINAS o 23 de maio, é un dos eventos de maior popularidade. Un ano máis, a Sección Oficial destaca pola súa heteroxeneidade, os 19 vídeos que a conforman recollen unha gran variedade de estilos e talentos tanto a nivel musical como de realización.

Rendemos unha pequena homenaxe ao audiovisual galego compartindo convosco os primeiros dez videoclips da Sección.

 

“G7” – Igloo. Dirixe: Lara Isabel Gómez

Comezamos voando polas paisaxes de Catoira e Barro mentres os seus protagonistas dan mil voltas de campá e, cando cremos que o vimos todo, un faro de coche aluma un escenario salvaxe onde Igloo se viste coas súas mellores galas animais. A realización do clip que acompaña a “G7”, tema recollido no último traballo discográfico da banda, Aquellos maravillosos daños (Ernie Records, 2017), corre a cargo de Lara Isabel Gómez. Baixo máscaras de inspiración animal agóchanse Beni Ferreiro, Juanma Fernández, Alberto Torres e Julián Rodríguez, que non dubidan en sacar as súas garras no escenario unha vez máis.

 

 

 

“Scalextric” – KADETTGSI. Dirixe: Emilio Horyaans

Un xogo de nenos feito realidade en catro minutos de vídeo con filtro vintage. Así daban o salto a pequena pantalla Kadett GSI, banda de pop electrónico lucense xurdida logo da disolución de Pastillas Mamut. Dirixido por Emilio Horyaans, “Scalextric” é unha mestura entre unha carreira dos clásicos coches en miniatura de tracción eléctrica con tomas dun rally real ao ritmo de guitarra, baixo e sintes, sonoridade que «promete trasladar ao oínte a un frenético viaxe en coche a través do universo electrónico de Kadett GSI».

 

 

 

“Desdibuxar” – Guadi Galego. Dirixe: Carlos Lago

Guadi Galego, a compositora galega de voz privilexiada, publicaba hai un ano Bóla de Cristal (Altafonte, 2018), EP producido por Pachi García e composto por cinco pezas positivas onde a artista cedeirense canta «ao mundo que llegustaría ver nun futuro, ese sen fronteiras mentais, sociais nin de clase». Adiantábaa con “Fronteiras”, presentábaa con “Recoñecéndome” e a bóla seguiu xirar con “Desdibuxar”, un emotivo e poético videoclip animado por Carlos Lago que apela á loitar por un mundo mellor, a recompilar vivencias e aprender de cada un delas.

 

 

 

“What We Left Behind” – Músculo! Dirixe: Rubén Domínguez

Do seu primeiro LP, Músculo!(2018), o cuarteto pontevedrés de electrónica indie elixiu “What We Left Behind” para o seu último videoclip, sete minutos e vinte segundos de beats que percorren o noso corpo como os nodos que alagan ao protagonista. Dirixido por Rubén Domínguez (Pantis) para Prenom, con ilustracións de Camila Viéitez e Mar Catarina (Esposa, Chicharrón), o clip inspírase na neurociencia cunha combinación de ilustración animada sobre circuítos informáticos que, mediante melodías sólidas, bases rítmicas auténticas e efectos electrónicos crús, xera unha ansiedade progresiva no espectador.

 

 

 

“Mártires” – Xoana. Dirixe: Andreia Táboas

Cuns referentes tan persoais como a súa nai e a súa avoa, non é de estrañar que a Xoana lle entrase o gusto pola música e decidise utilizala como un medio de denuncia social para romper cos prexuízos que rodean o noso idioma. A violencia de xénero, a lingua, o amor ou a emigración son algúns dos Dardos (Inquedanzas Sonoras, 2018) reivindicativos que a artista porriñesa lanza á sociedade neste primeiro disco; un proxecto no que amosa en dez temas a versitilidade do galego utilizándoo en estilos nos que non estamos acostumados a escoitalo, como o pop, o jazz, o funky e mesmo o reggae. Dirixido por Andreia Táboas, con gravación e produción de Siete Gatos Blancos e Laura Cadenas, o escuro e metafórico “Mártires” «concédelle o protagonismo a todas as mulleres que sofren calquera tipo de maltrato e denuncia, no seu nome, a violencia machista».

 

 

 

“Older With You” – Birds & Cables. Dirixe: Soledad Rebollo

Co videoclip de “Older With You”, Birds & Cables pon banda sonora folk a paisaxes increíbles da costa atlántica. “Older With You” é unha peza con clara inspiración americana que conseguiu traspasar as nosas fronteiras, e é que o trío contaxia buenrrollismo, unha sensación que, podemos afirmar, calou tanto ao público como á crítica. Dirixido por Soledad Rebollo, o vídeo rodouse entre Vigo e A Coruña, albiscamos Toralla ou as dunas de Corrubedo; un traballo que transmite a alegría do verán, dos días máis longos, desas horas extra de luz e calor.

 

 

 

“Veleno” – GHZ ft. Hugo Guezeta (SonDaRúa). Dirixe Adrián González

O grupo galego composto polos MC’s Willow e Ganjack lanzaba o seu “Veleno” hai exactamente un ano, un “Veleno” audiovisual que xa acadou a Áncora ao Mellor Vídeo Musical na pasada edición do Curtas Armadiña. Nomeado tamén no VIII Primavera do Cine, o clip de “Veleno” é una produción que se se desplaza entre a introspección e a crítica social cunha parte visual que nos deixa, entre outras, imaxes da ola de incendios que asolou Galicia e as súas consecuencias. Masterizado e gravado en French Connection Studios, o videoclip é obra de Adrián González de Diaño Filmes, que contou coa colaboración dos operadores de dron Adrián Costas e Marcos Saa.

 

 

 

“Nunca lo veremos” – La casa de los ingleses. Dirixen: José Aragunde e Ana Seoane

A banda de pop pontevedresa presentaba o videoclip de “Nunca lo veremos” unha semana antes de subirse ao escenario do Surfing The Lérez e como adianto do que sería o seu primeiro LP, La Tierra es plana (2018). Durante os case catro minutos do vídeo animado, acompañamos as caricaturas dos músicos, ilustradas por Ana Seoane ás que Jose Aragunde deu vida, nunha viaxe espacial, por un mundo que non sabemos si é chan ou redondo, no que soñan a súa realidade e voan tan alto como a lúa.

 

 

 

“El Salto” – Silvia Penide. Dirixe: Pulpiño Viascón

Como primeiro avance do seu novo traballo discográfico, El Efecto Boomerang (El Niño de la Hipoteca Records, 2019), Silvia Penide reflexiona sobre eses pasos decisivos que non damos na vida nunha viaxe en 360º grados pola súa querida A Coruña. Pulpiño Viascón, de Ideas Octopus FILMS - IO FILMS, foi o encargado de dirixir e plasmar en imaxes “El Salto”, single-clip que amosa un mundo en constante cambio e movemento, xiros imposibles creados cun efecto caleidoscópico que nos introducen no pequeno recuncho persoal da artista.

 

 

 

“Olvídame” – Baiuca ft. Aliboria. Dirixe: Adrián Canoura

Aínda que agora xa podemos escoitar o seu último EP completo, Misturas (Raso Estudio, 2019), Baiuca adiantábao co single-clip “Olvídame”, orixinal de Xosé Lois Romero & Aliboria. Realizado polo cineasta e realizador lucense Adrián Canoura, encargado de plasmar o universo estético e o seu aliado nos shows audiovisuais en directo, no clip «folktrónico» florecen flores en branco e negro ante unha fixa mirada difícil de esquecer, mentres o reflexo dun prisma tingue de cor as diferentes tomas antigas superpostas.

 

 

 

Mañá, venres 17 (Día das Letras Galegas!) publicaremos os nove videoclips restantes dentro da Sección Oficial.

  noticias