• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

E OS MELÓMANOS FORON PARA...

E os melómanos foron para...
28 ABRIL 2016

A música galega púñase de longo este xoves 28 de abril en Pontevedra. O Pazo da Cultura acollía a gala de entrega dos III Premios Martín Códax da Música. Para que poidades coñecer un chisquiño máis os galardoados en cada categoría velaquí a listaxe completa cunha pequena mostra do seu traballo.

 

CATEGORÍA MÚSICAS DO MUNDO

Crebinsky

Composta por Fernando Abreu (clarinete, voz), Xacobe Lamas (violín), Vadim Yukhnévich (voz, baián), Enrique Otero (teclados, voz), Pablo Carrera (guitarra, voz), Pablo Pérez (composición, contrabaixo), Miguel Queixas (batería) e Sergio Zearreta (voz), é unha pequena gran orquestra popular cun estilo dificilmente clasificable. Con todo, si podemos dicir que as súas composicións teñen un traballo cheo de detalles que che fan vibrar ca gran vitalidade que transmiten.

 

 

CATEGORÍA CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA

Vertixe Sonora Ensemble

Orquestra de cámara integrada por grandes solistas do panorama musical galego e portugués, ademais de artistas sonoros, plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro. Fundado en 2010, o colectivo Vertixe Sonora é un dos máis destacados no ámbito da música contemporánea tanto a nivel galego como peninsular.

 


 

CATEGORÍA ROCK  

Foxy Freire

Composta por Virxilio da Silva (guitarra, voz), Fernando Sánchez (guitarra), Paco Charlín (baixo) e Max Gómez (batería), Foxy Freire está influenciada polo rock dos 60 e 70 e por grandes coma The Doors e Led Zeppelin, ta e como se aprecia no seu EP Foxy Freire (2012) e o seu LP Mongoose Tree (2015).

 


 

CATEGORÍA FUNK/BLUES/SOUL

Nastasia Zürcher

Inmersa na música dende nena, Nastasia Zürcher ten un estilo arriscado, ecléctico e auténtico que interpreta en tres idiomas: inglés, francés e galego. O seu primeiro álbum, My Flight (2015), o conforman 14 pezas que soan a neo-soul, pop vogal de autor, world music e Nu jazz.

 


 

CATEGORÍA ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA

Orquestra Os Modernos

Con moito ritmo e un gran repertorio de bailes modernos e tradicionais, a Orquestra Os Modernos ofrece un espectáculo renovado para que ninguén quede sentado na cadeira nas súas actuacións cheas de muñeiras, xotas, corridos ou rumbas.

 


 

CATEGORÍA JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS

Orquestra de Jazz de Galicia

Composta por algúns dos músicos máis importantes do ámbito do jazz, a música sinfónica e a música tradicional, A Orquestra de Jazz de Galicia une a música tradicional galega e a música improvisada contemporánea. Para Fame (Clave Records, 2015), o seu primeiro traballo discográfico gravado no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), a Orquestra contou coa colaboración de media centana de músicos e invitados especiais.

 

 

CATEGORÍA METAL

Mutant

Formada en 2007 baixo o nome Mutant Squad, o lanzamento do seu primeiro EP, Reset the World (2009), chamou a atención do selo Suspiria Records e, en 2012, publican xunto eles o seu segundo EP, Social Misfits (Suspiria Records, 2012), composto por unha base de thrash europeo mesturado con estruturas complexas e recursos de diferentes estilos. Os seu terceiro traballo, Titanomakhia (Suspiria Records, 2013), que lles levará a viaxar por toda España e co que entra en terreos groove e progresivos. O seu último disco, Pleiades (2016), representa unha etapa mais madura para a banda, gracias á creatividade e ao coñecemento adquiridos na súa traxectoria.

 


 

CATEGORÍA HIP-HOP/MÚSICAS URBANAS

Sokram

Sokram, «deseñador de cancións, cantante de imaxe»s e parte do colectivo Dios Ke Te Crew, publica o seu primeiro LP en solitario baixo o nome de Chuvia Ácida (DKTC SONS, 2015). Gravado e producido en Rapapoulo Estudios (Ordes, A Coruña), o álbum conta coas colaboracións de Mou, beatmaker e produtor nos coros, e Santiago, un versátil guitarrista. A fusión destes tres artistas logra un directo enérxico e irresistible no que diferentes estilos mestúranse para ofrecer un espectáculo único.

 


 

CATEGORÍA ELECTRÓNICA 

Croma

DJ, compositor, intérprete, técnico de son e produtor, Croma demostrou a súa versatilidade e talento musical ao longo dos seus 10 anos de carreira, unha carreira que comezou co deejing a partir do ao rap para, pouco a pouco, pasar a un estilo máis electrónico, bailable e electro-rock. Na actualidade é un dos referentes da música electrónica en España e sacou ata unha ducia de selos na súa traxectoria, como son Brain Washer Records, After Mess, MEtalectro, MMAN Records ou Electra Music.

 


 

CATEGORÍA FOLQUE 

Caxade

Nada coma un proxecto audiovisual persoal, Caxade converteuse nunha banda de música «pok-folp» co seu estilo indie-flok, música minimalista e sons bucólicos-pastorís da vella Europa. Os seus traballos discográficos caracterízanse por letras reivindicativas, metafóricas e irónicas envoltas nun aire vintage, elegante á par que modesto.

 


 

CATEGORÍA MÚSICA INFANTIL 

Brinca Vai!

Brinca Vai! son Paco Nogueiras (texto, voz) e David Pintor (ilustracións), Brinca Vai! (Kalandraka, 2014) son 12 cancións infantís, unha para cada mes do ano, ademais de 10 videoclips e un libro. Cancións que abarcan unha gran variedade de xéneros (techno, rock, folk, reggae, electrónico) e temas (celebracións, estacións, amizade, xogos) para desfrutar en familia.

 


 

CATEGORÍA CANCIÓN DE AUTOR 

Guadi Galego

Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes no panorama musical galego grazas ao seu talento e a súa intensa traxectoria. Formou parte do grupo Berrogüetto (voz principal, gaita) e traballou en proxectos colectivos como Espido, acadaCanto e Nordestin@s. Con tres discos ás súas costas, a cantautora destaca polo seu empeño en mellorar e traernos cancións cada vez máis maduras e atrevidas.

 


 

CATERORÍA POP, INDIE 

Silvia Penide

Silvia Penide e autora de cancións directas que conectan co público pola súa particular forma de interpretalas. Cos seus primeiros traballos, Penide conseguiu estar en boca de todos gracias as boas críticas e mencións en publicacións especializadas como Mondo Sonoro ou Rolling Stone. O seu último álbum, Todo pintado de plata (2016), cativa pola súa calidade artística.

 


 

CATEGORÍA COROS, GRUPOS VOCAIS

De Vacas

A Marela, a Rubia, a Morena e a Pinta. Tres voces e unha guitarra. Faia Díaz, Inés Salvado, Paula Romero e Guillerme Fernández (Berrogüetto, aCadaCanto) son De Vacas, un cuarteto que versiona eses temazos que marcan as nosas noites na discoteca; temas míticos venerados polas masas, pero maltratados pola historia. Versións de éxitos internacionais feitos dunha maneira fresca e orixinal, a De Vacas non se lles resiste ninguén: Beyoncé, Enrique Iglesias, as Spice Girls...

 


 

CATEGORÍA REGGAE, SKA, MESTIZAXE

A Banda da Balbina

No 2008 naceu a Estomballada (Sonaxe Records, 2008)e con ela A Banda da Balbina. O grupo comeza a súa andanza por festas e concertos de toda Galicia, compartindo a súas creacións que contan historias comúns nas catro provincias galegas, de ritmos festeiros e retranca propia do país.

 


 

CATEGORÍA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA 

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

Xabier Díaz compatibiliza os súas facetas de compositor e músico cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional galego, froito disto editou Coplas para Icía (Músicas de Salitre, 2007) xunto con Pedro Lamas e Suso Iglesias. No seu terceiro álbum, Arrolos de Salitre (Músicas de Salitre, 2010) con Guillerme Fernández, colaboran artistas do talle de Fani Otero, Quim Farinha (Talabarte), Davide Salvado e Xoán Curiel, entre outros. En 2015 presenta o seu último traballo discográfico, The Tambourine Man (Músicas de Salitre, 2015) no que conta tamén co grupo de cantareiras Adufeiras de Salitre.

 

 

PREMIO ORGANISTRUM SALAS: A Arca da Noe

A Arca da Noe é unha taberna cultural na que se realizan actividades diversas como música ao vivo, espectáculos infantís, foliadas, cursos, poesía… Situada no concello de Vilar de Santos (Ourense) e aberta desde agosto de 2014, é o lugar perfecto para que convivan persoas de cultura, xeracións e xéneros diferentes.

 

PREMIO ORGANISTRUM FESTIVAIS: Feito a Man

Festival de rúa nado no 2003 e organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella na cidade de Santiago de Compostela. É un festival que ten coma obxectivo dar a coñecer e difundir a capacidade creativa e o potencial da Cidade Vella a través da implicación artística pola rúa.

 

PREMIO ORGANISTRUM MEDIOS: Ábretedeorellas

Ser un punto de encontro da música galega, iso é o que pretende Ábrete de Orellas. Comezou en Ferrol no 1997 como un programa radiofónico enfocado a divulgar todo o relacionado cos artistas, cancións, festivais e produtoras galegas. Impulsado por o seu editor Pepe Cunha, o programa converteuse nunha das principais fontes de información sobre o tema xa sexa na radio, na web o nas súas redes sociais.

 

E pechamos co merecidísimo PREMIO HONORÍFICO a Antón Corral, un mestre de mestres. Corral é un artesán, gaiteiro, mestre de grandes gaiteiros e traballador incansable pola mellora técnica e estilística dos instrumentos populares galegos. Dende que se «namorou» da súa gaita, este excepcional luthier traballou durante trinta anos en diferentes obradoiros transmitindo toda a súa sabedoría a os seus alumnos. Feitos desde o agarimo, os instrumentos deste mestre teñen unha grande acollida, chegando a ser un dos artesáns mais admirados de toda Galicia.

 

 

  noticias