• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2018

Novos lanzamentos. Xuño 2018
27 XUÑO 2018

 

 

La Tierra es planaLa casa de los ingleses

Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding e despois de de «moito traballo, esforzo e ilusión», La casa de los ingleses publicaba o seu novo álbum, La Tierra es plana (2018), o 20 de xuño. Gravado en Garate Studios (Guipúscoa) por Martxel Arkarazo e baixo a produción de Juan Hernández, La Tierra es plana (2018) supón un paso en firme para a banda pop pontevedresa, un salto cualitativo desde aquel Punto de partida (2015), que naceu como unha demo e converteuse en EP. En La Tierra es plana escoitamos unhas composición máis maduras, envoltas nunha estética aínda máis definida que o cuarteto plasma nunhas letras sinxelas e directas tinguidas por melodías cargadas de detalles.

 

 

 

 

 

Esa no era yoPresumido

Os seus fans lévabano pedindo a berros, concerto tras concerto, e aquí está. Gravado en Estudio Planta Sónica (Vigo) baixo os mandos de Iago Lorenzo, Esa no era yo (2018), é o novo single de Presumido, tema transición entre Vendetta (Music Bus Records, 2017) e os seus proxectos futuros; un sinxelo que o dúo define como «pouco máis de catro minutos de canción, fruto de meses de traballo, diñeiro, ilusións, desenganos, alegrías e frustracións». As primeiras melodías de “Esa no era yo” tocan a escuridade de Reznor ou The Black Queen, ata que a potente e elegante voz de Tarci baña unha letra de retrouso pegadizo e optimismo momentáneo. Sintetizadores e percusión fusiónanse creando sonoridades épicas que destacan entre os acordes pop, que revitalizan ao oínte, enganchándoo nunha espiral impactante que xoga ao despiste. Presumido afiánzase no synth-pop como só eles saben facelo, cunha imaxe coidada inspirada en Krafwerk, de produción impecable, e un vídeo feito para compartir.

 

 

 

 

 

Libra - Comando Katana

Logo de máis dun ano de adiantos, o novo álbum de Erin (Comando Katana) ve a luz. Producido por Daniel López e Pablo Leyenda, cos MC’s Marc P. Hardschool Fernández e Gold Lopes, Libra (2018) está composto por dez cortes nos que destacan as líricas dinámicas e mensaxes variados. Ademais do gran número de produtores, en Libra, séptima referencia do rapero compostelán, escoitamos as colaboracións de Bad Fame, D3, Mr Dalis o Positive Vibz, quen aportan o seu estilo persoal a cada unha das pistas.

 

 

 

 

 

Poesía CanallaPoesía Canalla

Poesía Canalla presenta a súa maqueta convidándonos, unha vez máis, a perdernos na difusa fronteira entre a poesía e a música en cada un dos cinco cortes que a compoñen. Publicada en formato dixital, Poesía Canalla (2018) está «chea de rimas asonantes, consoante e algunha disonante» que bailan ao ritmo de swing, funk, blues ou afro-soul. Con Poesía Canalla, o cuarteto compostelán ten como obxectivo o directo; un directo onde, segundo eles, «hai unha transferencia emocional de corazón a corazón». “Ciudad sin sueño”, orixinal de Federico García Lorca, ou “Re”, con versos en castelán e inglés a ritmo de funk-jazz, son algunhas das pezas que forman parte deste primeiro traballo e dun espectáculo capaz de tocarlle a «patata» a máis dun.

 

 

 

 

 

GravesenGravesen

Dous anos despois de unir forzas para compartir o seu «rock, stoner e xogadas antirreglamentarias», a banda nativa de Ponteareas estreaba xuño coa publicación do seu primeiro EP, homónimo. Gravado, mesturado e masterizado por Carlos Gil en Estudios Sandiasmil, Gravesen (2018) está composto por catro temazos de melodías crúas, pesadas e cheas de enerxía nas que se escoitan influenzas de clásicos como Soundgarden ou Alice in Chains; un imprescindible para todo aquel amante e nostálxico do son stoner-rock dos 90 con aires grunge e alternativos.

 

 

 

 

 

BeiralúaSonDeSeu

Cinco anos despois das súas Danzas Brancas (Fol Música, 2013), SonDeSeu publica un novo traballo discográfico, un convite sonoro á danza colectiva no «espazo onde se atopan os exploradores dos roteiros da imaxinación; nas marxes da lúa pódense intuír as pecualiares (an)danzas destes seres». Beiralúa (2018) procura a celebración da vida en 18 temas que pretenden «abrir un camiño novo na elaboración da música de tradición oral galega» coa incorporación de novas sonoridades. Para esta quinta referencia, a orquestra folk viguesa contou coas composicións, arranxos ou interpretacións de grandes artistas da música galega como Xosé Lois Romero, Pedro Lamas, Quico Comesaña, Susana Seivane, Treixadura, Rosa Cedrón ou Anxo Pintos, quen compuxo “San Martiño”, a peza que serviu de banda sonora á candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade.

 

 

 

E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue a nosa lista de Novidades 2018 en Spotify:

  noticias