• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2023

NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2023
2 XULLO 2023

 

SED, Triángulo de Amor Bizarro

«Este disco ten, sobre todo, sede de tocar en vivo»; tanta, que o mesmo día da súa publicación, o presentaron ao vivo, por vez primeira, no Tomavistas (Madrid). E é que Triángulo de Amor Bizarro é unha desas bandas que se alimenta dos directos, polo que non é de estrañar que o seu período máis longo ser subir a un escenario acabase materializándose no seu último álbum. A súa volta aos escenarios logo da pandemia «foi como volver a comezar, con todo moito máis fresco», algo que marca SED (Mushroom Pillow, 2023) e a ducia de cancións que recolle. Variado en xéneros e sons, o novo longo dos de Boiro é descrito como mundano e terreal, cun fío condutor que leva ao oínte desde ‘Estrella solitaria’ ata ‘La condena’, tocando emocións primitivas e con temáticas «moi de Triángulo de Amor Bizarro. Escoitamos o retrato que fan da sociedade contemporánea a través «dunhas personaxes nun mundo hostil, desigual e tecnificado onde o tempo pasa a toda hostia» a ritmo de guitarras noise, ecos dos 50, combinacións de efectos, teclados e batería interpretadas con intención de saborealas... E saciar a «sede» que tiñamos dun Triángulo de letras crípticas e simbólicas, de noise rock frenético e producións experimentais, de volver sentir nostalxia do resplandor efémero.

 

 

 

 

 

Experiments in Terror, Javier Miranda

O último que escoitabamos del eran catro temas sobre a vida e a morte, recollidos en Departures (2023), nos que Javier Miranda daba renda solta a teclados, sintes e programacións. Agora, o compositor e multinstrumentista lucense está de volta con Experiments in Terror (2023), un novo EP de catros pistas —tres partes e un interludio— desta volta coa guitarra como protagonista. Miranda ofrece cerca de media hora de música experimental lo-fi chea de contrastes capaces de mergullar ao oínte tanto nunha paisaxe sonora relaxante como acurralalo nun de delirante electrónica, con sons que basculan entre o dark ambient e o dungeon synth.

 

 

 

 

Camilo Méndez: Peripheral Spaces, Vertixe Sonora

O segundo traballo de Vertixe Sonora, Peripheral Spaces (NEOS Music, 2023), é un monográfico do compositor colombiano Camilo Méndez (1982). As obras de Méndez son descritas como un abano de influencias dispares que conflúen en monumentais obras harmoniosas e cohesionadas. Inspiradas na literatura e nas artes visuais, na xeografía e a filosofía, nas experiencias vividas en múltiples continentes, o ensemble recompilou media ducia delas, de dous ciclos, que interpreta fusionando os seus instrumentos mediante técnicas pouco convencionais: esfumando os seus límites e combinando sons con efectos sorprendentes. En Peripheral Spaces, a composición de Méndez e a interpretación de Vertixe converten a música de cámara en máquinas que crean paisaxes sonoras doutro mundo.

 

 

 

 

Badder, WickeD, hydn

Hai pouco máis dun mes que servía o derradeiro adianto, ‘BaddeR, WickeD’, un corte experimental, intenso e envolvente que combinaba dark R&B cunha electrónica escura, inspirada en artistas tan dispares como The Weeknd ou Ghostemane. E, desde o pasado xoves, podemos desfrutar do primeiro EP de hydn ao completo; BaddeR, WickeD (2023) recompila os cinco sinxelos que a artistas compartiu ata a data e suma dous novos temas: ‘I’, un R&B sensual, e “I’m Only Happy”, que podería etiquetarse como unha balada de pop alternativo que remata nunha absoluta e triste euforia. O EP preséntase como unha viaxe durante a que hydn descubre quen é e se namora, algo que non sae do todo ben, o que a leva a transformarse nunha personaxe escura para rematar confesando que xa nunca poderá ser feliz; todo iso composto en galenglish sobre unha base de dark pop electrónico con influencias de R&B. Con produción de Chris Indian e David Vázquez, BaddeR, WickeD vén envolto en talento galego con portada de Nuria Rey e un deseño gráfico a seis mans, asinado por Elba Quinteiro, Eloy Hermida e Miguel A. Acosta.

 

 

 

 

Esperando, Todo el Largo Verano

Con Esperando (Ferror Records, 2023), Todo el Largo Verano pecha a triloxía que abría con Entre Anticiclones y Borrascas (2019), ao que seguía Ciencia Ficción (2020). O novo disco presenta 10 cancións compostas por Alberto Amigo ⁠—agás “Tu castillo de cristal” de Óscar Quant e “¡Espera, que quiero hablarte!” de M. Pache, orixinal de Los Sprinters— de pop atemporal unidas por un concepto contrario ao anterior: neste LP o grupo mira cara a dentro, cara a onde están, desde unha situación de normalidade recuperada; fronte ao encerro da pandemia que caracterizaba, conceptualmente, Ciencia Ficción. Entre o pop e a psicodelia, con infinidade de harmonías vocais e melodías pegadizas, o grupo canta á agarda, á esperanza de que ocorra algo, a que venga alguén.

 

 

 

 

A Fraga de Pasacorrendo, Carmen Penim

A finais do ano pasado, Carmen Penim pasábase ao papel coa publicación de A Fraga de Pasacorrendo (Toxosoutos, 2022), un audiolibro infantil no que conviven un lobiño con frío, un paxariño cagón, un ratiño artista... e máis personaxes aos que a cantante e compositora dá vida en contos e cancións. Ata agora, os temas estaban dispoñibles para a súa escoita a través dun código QR que os pequenos lectores (e oíntes) atopaban no libro, pero desde o 12 de xuño tamén se poden desfrutar nas principais plataformas dixitais. A Fraga de Pasacorrendo (2023) recolle cinco cancións que tratan temas como a autoestima e a autoimaxe, a solidaridade, a empatía ou a natureza. As cancións, como segundo di Carmen sobre os contos, «abren varios planos» para que os nenos e as nenas poidan ir descubrindo conforme vaian medrando.

 

 

 

 

Base SGP-II, Soylent Green Project

Catro anos pasaron desde o seu debut, Music for Brontosaurus (2019), aquel EP de media ducia de cortes rock instrumental-progresivo envolto en sci-fi setenteiro. Soylent Green Project está ahora de regreso co seu segundo traballo, Base SGP-II (2023), gravado ao vivo en Laboratorios Soyuz e masterizado por Iago Pico en Pouland Studios. Nesta nova entrega, a banda segue a construír un son propio sobre os catro piares nos que se fundou, entre os que destaca a extensa bagaxe musical dos seus integrantes, ata acadar cinco pezas de rock progresivo enérxico e creativo.

 

 

 

 

 

Cara aos ceios incrementes, Dioivo

Despedían maio con “Cabeiros”, un tema que eles consideran especial dentro do seu repertorio e con videoclip realizado por Brais Gómez Salvador na Villa Solita de Alcabre (Vigo). Dioivo ultimaba así o lanzamento do seu cuarto traballo de estudio, e segundo álbum, Cara os ceios incrementes (2023). Gravado por Dany Soengas (Atreides) e distribuído por Sleaszy Rider Records, o longo amosa novas facetas do dúo —ese “Cabeiros’ é un grande exemplo diso— nun repertorio que mestura pezas de composición propia con adaptacións de obras da literatura galega asinadas por Darío Xohán Cabana, Florencio Delgado Gurriarán ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Ás oito cancións propias do álbum, hai que sumarlles tres cortes adicionais: “Retorno a Tagen Ata”, coa colaboración de Méndez Ferrín; “Unha de guerra”, versión do grupo punk vigués Desvirgheitors; e unha demo da canción que pecha o álbum, “Ata o final”, de 2017. En Cara os ceios incrementes Dioivo entrega máis dunha hora de metal melódico, cru e orgánico.

 

 

 

 

Solsticios, Ith

Logo de dous anos de agarda, Ith está agora a presentar por todo o alto o seu novo traballo, Solsticios (2023). O EP recolle catro cortes que manteñen ese espírito de facer rock galego en galego e, ao mesmo tempo, destacan por unha composición y produción renovadas, resultado da evolución natural da banda. Desde o tema que abre o álbum, “Efervescencia”, que timidamente alimenta a esperanza; ata o derradeiro deles, “Estar sen estar”, centrado no egoísmo emocional, Ith fai entrega, unha vez máis, dun rock enérxico interpretado desde o máis puro sentimento e emoción. Solsticios leva xa escoitándose ao vivo desde abril, pero agora tamén se pode desfrutar nas principais plataformas dixitais e en formato físico (memoria USB).

 

 

 

 

Veinte minutos antes del fin del mundo, La Casa de los ingleses

Cando lanzaron a súa versión de “Anduriña”, alá por febreiro, aínda non podiamos imaxinar todo o que lles quedaba na recámara... Porque ao mes seguinte, La Casa de los Ingleses adiantaba o primeiro sinxelo do que sería o seu novo disco; a este, seguíronlle un par deles máis ata a súa publicación ao completo o primeiro xoves de xuño. Envolta en deseño de Rebeca Losada, Veinte minutos antes del fin del mundo (2023) marca a terceira referencia dos pontevedreses, unha colección de seis cancións que levan ao oínte desde o amor e a reconciliación ata o crítica social ou a reflexión existencial. Ademais do seu produtor habitual, Juan Hernández, a banda contou tamén coa produción de Carlos Hernández Nombela (Triángulo de Amor Bizarro, Leiva, Carolina Durante) para un EP que, segundo eles mesmos definen, «combina cancións de pop preciosista con outras máis directas».

 

 

 

 

Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados, Boyanka Kostova

Os seus adiantos —“A feira das mentiras”, “ORDOÑO”, “Magic English” e “Freshks II”— eran só a punta do iceberg. E puidemos comprobalo, por fin, o primeiro de xuño, cando Boyanka Kostova publicaba Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados (Ernie Records, 2023). Recoñecido por ser pioneiro do trap galego, o dúo compostelán presenta un traballo fresco, grazas á variedade de ritmos e sons e o xeito que teñen de vestilos, con letras que abordan todo tipo de temáticas. Gravado por Hevi, o longo recolle unha intro e nove cancións; dez cancións que intentan tocar todos os subxéneros do rap, desde g-funk ata bum bap pasando polo rap de baile, a través de bases á antiga que xorden de sampleos doutras cancións. Entre colaboracións (Grande Amore, J. Odt, DJ Mil), escoitamos a uns Cibrán García e O Chicho do Funk (Ortiga) na súa versión máis clásica, en cada matiz e na morea de detalles; seica aí recae o seu segredo: en manterse fieis a eles mesmos e ao seu xeito de facer as cousas.

 

 

 

 

Estampas Galegas, Berlai

Música chea de retranca, humor, alegría e amor enche o último de Berlai. Logo de superar con éxito a campaña de micromecenado, Xiao Berlai lanza Estampas galegas (2023), unha mestura de música, pequenos relatos e ilustracións que reflexionan sobre a Galicia actual, homenaxeando o Cousas de Castelao. O diálogo entre as tres disciplinas que recolle cada unha das 10 estampas convida a bailar entre elas, a desfrutar da súa conexión sen orde xerárquico. Baseadas en experiencias vitais, as canción e os textos son autoría do propio Xiao, mentres que as ilustracións, inspiradas pola música e polo relato, asínaas Leandro Lamas. Ademais da súa banda habitual —Iago Mourinho (piano), Bruno Couceiro (batería) e Pablo P. Sanmamed (baixo)—, Berlai contou con varias colaboracións especiais, como Belém Tajes, Narci Rodríguez e Pauliña nas voces, ou Amanda Pinos e Pablo Añón nos ventos, entre outros. A orde dos factores non altera o produto, así que, como recomenda o artista: «podes comezar pola música, pola ilustración ou polo texto; segundo o camiño que escollas, terás unha ou otra experiencia». Desfrútaa!

 

 

 

 

Electric Eyes. RTTM, Manuel Seixas

Case un ano despois daquel O estraño karaoke do home bata (Ferror Records, 2022), Seixas lanza un disco «para camaradas de xaqueca». Editado en dobre vinilo e CD, Electric Eyes RTTM (Repetitive Trance Trip Music) (Ferror Records, 2023) é un traballo conceptual sobre a vida con esa negra sombra permanente que é a xaqueca, que non «dor de cabeza». Os seis cortes do longo foron gravados entre agosto de 2018 e xaneiro de 2022 —co máis curto deles de 7:49 e o máis longo de 19:27— e están dedicados non só a aqueles que sofren esta enfermidade crónica, senón tamén a aqueles que, como o propio músico, loitan cada día coa enfermidade mental. Con todo, escoitamos a un Manuel Seixas no seu mellor momento creativo.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2023 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2023 cos discos completos!

  noticias