GRUPOS E ARTISTAS DA SEMANA 2025. VOL II
Hoxe, 29 de decembro e derradeiro luns do ano, despedimos o «noso» 2025 cos Grupos e Artistas da Semana 2025 correspondentes de xullo a decembro. Completamos así o repaso anual, agradecendo aos artistas e grupos que nos dedicaron a súa música, as súas verbas... e a «súa» canción. Preguntámoslle, a todos e cada un deles, que canción escollerían da súa discografía e por que... e aquí descubrimos as súas respostas!
De hoxe nun ano! 🥂

LULA MORA
Entrevista en galiciantunes (7/7/25): «LULA MORA NACEU CO OBXECTIVO CLARO DE CREAR A TRAVÉS DA MÚSICA UNHA FORMA DE HABITAR O MUNDO»
Lula Mora: «“Primavera”, por reflectir ese primeiro encontro coas persoas que conforman o fogar. É a canción na que baseamos a estética visual e que sentimos que reflicte mellor a filosofía deste álbum, que aínda que ten carácter moi intimista e introspectivo, tamén ten ese corte optimista no xeito de ver a vida e os propios procesos persoais».

GERMÁN PRIETO
Entrevista en galiciantunes (21/7/25): «O ‘DESTINO’ DE CADA UN É VARIABLE E IMPREDECIBLE, ASÍ RESULTA O CARACTÉR DESTE DISCO»
Germán Prieto: «Elixiría “Cenizas” porque ten un pouco de todo o que me representa como artista».

DOGO
Entrevista en galiciantunes (4/8/25): «TODOS OS ESTÍMULOS QUE NOS RODEAN ESTÁN TAN MAQUILLADOS QUE SE ESTÁ A PERDER O NATURAL, A CRUEZA E A HONESTIDADE»
DOGO: «“Voltar”, foi a que escollemos como single, condensa moi ben o noso son e ademais é unha canción moi axeitada para os tempos que corren».

CRISTIAN SILVA
Entrevista en galiciantunes (18/8/25): «ˈUN HOME TRANQUILOˈ É CONTENCIÓN, PROFUNDIDADE, REFLEXIÓN, MADUREZ, PERO TAMÉN IRONÍA, FUROR E EQUILIBRIO»
Cristian Silva: «Creo que escoitando só un tema meu sería imposible chegar a coñecer nada do que fago. Unha boa escolla sería “Alma de inverno”, precisamente por esa dualidade que propón a letra, pero voume quedar con algo do disco novo, como “Quásar”, no que está presente esa nova enerxía que quero transmitir».

SCARECRÖW
Entrevista en galiciantunes (1/9/25): «SOAMOS COMO TRAER O HEAVY METAL DOS 80 Á ACTUALIDADE»
Scarecröw: «“Fear Glows in the Dark”. Tema potente, cunha gran letra que aborda a crueza da Guerra Civil; unha entrada de retrouso espectacular despois dun silencio e rompendo todos á vez coa suma de moitas voces que lle dan unha potencia que lembra á brutalidade das bombas ao caer... En fin, é un auténtico temazo de principio a fin».

CONDE VARO
Entrevista en galiciantunes (8/9/25): «AS MIÑAS LETRAS FALAN DE COUSAS QUE TODOS SENTIMOS, PERO NON SEMPRE SABEMOS EXPRESAR»
Conde Varo: «Agora mesmo, tería que dicir “Sinergia (Fuego en las Trincheras)”, que forma parte deste último disco 14:41. Para min representa un momento moi doce, no que estás coñecendo a alguén, comezando a namorarte, e combina a complicidade extrema con certas referencias á atracción sexual e ás actitudes máis xoguetonas da seducción.
Aparte, ten este verso: “sal de mi cabeza o acabarás por tener razón” que, aínda que ao principio o pensei como “vas ter razón que me gustas”, co tempo gústame interpretalo como “eu teño a verdade absoluta, así que, se estás na miña cabeza, ti vas ver a verdade absoluta tamén”. É unha boa forma de representarse a un mesmo coma un ego inflado, pero consciente de que é un ego inflado [risos]».

REMORA
Entrevista en galiciantunes (15/9/25): «É MÚSICA AVENTUREIRA, QUE SE RETORCE E QUE XOGA CONSIGO MESMA»
Remora: «Vale, creo que a miña escolla para representar a miña discografía, actualmente, sería “Jeu d’esprit”. Teño unha relación bastante complicada coa miña música, especialmente unha vez remata o proceso de creación. Porén, penso que no caso “Jeu d’esprit” existen ideas bastante curiosas que a día de hoxe non se me ocorrerían e que, en parte grazas a ese factor máis aventureiro, representan bastante ben o enfoque creativo que busco para este proxecto».

ALIJOSS
Entrevista en galiciantunes (22/9/25): «A MIÑA MÚSICA SOA A ESPERANZA, PERO CON MOITO DRAMA»
ALIJOSS: «Elixiría “un futuro contigo”. Porque considero que é normal sentir, querer e dalo todo por unha persoa. Pero tamén esta a parte do sufrimento de non ser recíproco o sentimento pero vexo o bonito que é querer a esa persoa, vivir experiencias ou momentos e que ao final se acabe todo polas razóns que sexan e que se vaia o tren… non pasa nada porque te quedas con iso, co bo que viviches».

LUIS ÁLVAREZ
Entrevista en galiciantunes (29/9/25): «O PIANO OFRÉCEME UNHA PROXIMIDADE COMPLETA Á MÚSICA»
Luis: «“imos”. Foi unha canción que escribín nun momento difícil e por unha persoa que significa moito para min».

WINDOW PANE
Entrevista en galiciantunes (6/10/25): «TODO VALE NA ARTE E NA CREATIVIDADE»
Window Pane: «Escollemos "Closer" do disco 4 porque está feita entre os catro, normalmente as cancións as fai unha persoa ou dúas principalmente, aínda que os demás aporten arranxos o cousas así, pero esa está feita entre os catro e non sería igual se non aportase algo algún de nós.
Musicalmente é bastante diferente ao que adoitamos facer, por exemplo case todo o tema vai sen distorsión na guitarra, pero ao mesmo tempo é un tema intenso e emocional como é habitual na nosa música».

LONTRAS
Entrevista en galiciantunes (13/10/25): «LONTRAS SON OS NOSOS PENSAMENTOS MUSICAIS OBSESIVOS POSTOS A FERVER NA MESMA POTA»
Juan: «Imos escoller “O principio de incerteza”. Era un dos potenciais singles e finalmente quedou fóra da selección, así que imos darlle algo de difusión».

PÁLIDA
Entrevista en galiciantunes (20/10/25): «A PISTA DE BAILE É UN LENZO PARA A EXPRESIVIDADE HUMANA, INDIVIDUAL E COLECTIVA»
Pálida: «Hmm.... do último álbum, “Spirit of Wonder”, penso que a melodía é ben linda e hai un xogo de delays por aí que, se lle prestas á orella, pode facer cousas moi guays coa túa cabeza.
Logo, dous temas que non atoparedes en Spoti: “Slaves”, de From the Bottom of a Lake, porque dáme moita ledicia escoitala; é unha canción moi xubilosa, que reflicte moi ben o espíritu do momento no que a fixen e a relación que tiña daquela co feito de facer música electrónica. E “White Field”, do EP Puma Pun/Q; téñolle moito cariño a esa canción, por como soa, pola letra, pola progresión que fai... <3».

MARÍA DOMÍNGUEZ
Entrevista en galiciantunes (27/10/25): «A MÚSICA CONTEMPORÁNEA NON BUSCA TANTO A ADHESIÓN INMEDIATA COMO O DIÁLOGO CRÍTICO»
María Domínguez: «Elixiría “Dart”, pola súa sinxeleza e pola capacidade que ten de transmitir moito con moi pouco».

GHØRXA
Entrevista en galiciantunes (3/11/25): «TEMOS UN XEITO UN TANTO PUNKI DE ENFOCAR A MÚSICA»
Ghørxa: «“We Don’t Care”, é un dos temas que mais desfrutamos tocando en directo, agora cunha intro de sintes que pensamos que quedou moi ben. O tema en si fala da soidade, da vida en parella e de sentimentos persoais. En canto á, música encántanos o contrapunto entre a tranquilidade e como rompe no retrouso».

CÉSAR DE CENTI
Entrevista en galiciantunes (10/11/25): «A MÚSICA É UN XEITO DE ACOUGAR AS MIÑAS LOITAS INTERNAS»
César de Centi: «”Titiritero” é unha intentona de chacarera que fala da fraxilidade do oficio na miña división.
A pesar da incerteza e das continuas preguntas que te fas, a música non te debe nada. En tal caso é ao revés. Adoitamos, eu o primeiro, a esperar moitas cousas dela. É unha canción en homenaxe ao que me dá a música cada día ou en cada viaxe. E que a cante Ismael ten un peso moi importante a nivel persoal, sinto que é un regalo dos astros a certa perseverancia. Non o sei».

LUCIFÉRNAGA
Entrevista en galiciantunes (17/11/25): «TODOS LEVAMOS UNHA MALA BESTA DENTRO QUE CADA VEZ REPRIMIMOS MENOS»
Luciférnaga: «Pois tería que ser “Retroxénese”. Pensamos que nos representa á perfección e transmite moi ben o que somos ou queremos ser como banda. É denso, pesado, hipnótico, algo salvaxe tamén, e tocalo ao vivo é sempre unha gozada absoluta, así que sí, “Retroxénese” é a elixida!».

LISDEXIA
Entrevista en galiciantunes (24/11/25): «CRIÁMONOS EN GALEGO CON SESEO E CON GHEADA E NON IMOS DEIXAR DE FALALO E CANTALO»
Lisdexia: «Sen dúbida “Ay Gayego”. Para nós é a canción que creemos que mellor nos representa. Unha canción enérxica que mestura de estilos e cunha mensaxe irónica, pero crítica, para todo aquel que se dea por aludido. Representa bastante ben a esencia do que é Lisdexia».

ERIS MACKENZIE
Entrevista en galiciantunes (1/12/25): «LIMÍTOME A FACER O QUE FAGO CON RESPECTO POLA MÚSICA, POLA FORMA E POLO FONDO»
Eris Mackenzie: «“Laíño”. Aínda que o meu tema favorito do disco é “O Cordel”, “Laíño” está moi preto del e, neste caso, a rabia e as emocións que saquei cando o fixen, convérteno na canción que me gustaría ensinarlle á xente que me estea a coñecer agora».

GREY CITY FUNK
Entrevista en galiciantunes (8/12/25): «A IMPROVISACIÓN ESTÁ NO NOSO ADN»
Grey City Funk: «“Jet Stream”, que é o último tema do disco e amosa o camiño por onde van ir os temas novos».
ALEJO AMOEDO
Entrevista en galiciantunes (15/12/25): «O PIANO É UNHA EXTENSIÓN DA MIÑA ALMA»
Alejo Amoedo: «Escollería “Lúa descolorida”, do disco (di)Versos Femeninos. Nesta peza converxe unha tripla ponte cultural e persoal: a letra de Rosalía de Castro representa o inicio do Rexurdimento, conectando o pasado literario fundacional co presente; a música do académico e compositor Juan Durán actualiza este legado cunha linguaxe musical contemporánea; e na gravación finaliza a converxencia, sendo a plasmación da relación e compenetración profesional e artística entre o compositor, a mezzosoprano Nuria Lorenzo, e eu ao piano, establecendo así un legado sonoro para a posteridade».

